En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Maside no núcleo rural de Negrelle, mediante a Orde da Conselleria de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 2 de xullo de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2228&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2228
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual das normas
subsidiarias de planeamento municipal do concello de Maside
no núcleo rural de Negrelle
O Concello de Maside, conforme o disposto no artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.
Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes:
1. O Concello de Maside dispón de normas subsidiarias de planeamento municipal (NSP), aprobadas definitivamente o 29.10.1985, con catorce modificacións puntuais.
2. A tramitación desta modificación puntual foi a seguinte:
• O 14.11.2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ditou unha resolución, publicada no DOG núm. 226, do 27.11.2019, en que resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a modificación puntual, e achega os informes correspondentes ás consultas previas de Augas de Galicia, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio e Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
• Constan informes municipais: técnico, do 26.12.2023, e xurídico, do 27.12.2023.
• O Pleno do Concello, na sesión do 22.1.2024, aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios publicados nos diarios La Voz de Galicia e La Región de 2.2.2024, e no DOG núm. 33, do 15.2.2024. Asemade, o acordo de aprobación inicial foi notificado individualmente aos titulares catastrais do ámbito, ademais de publicación do edicto no BOE núm. 113, do 9.5.2024. Presentouse unha alegación.
• Constan no expediente os seguintes informes:
– Informe favorable do 12.2.2024, do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural.
– Informe favorable do 15.2.2024, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, de innecesariedade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.
– Informe favorable do 19.2.2024, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
– Informe favorable de Augas de Galicia do 26.2.2024.
– Informe favorable do 5.3.2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.
– Informe favorable do 11.3.2024, do Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Industria e Innovación.
– Informe favorable do 3.4.2024, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
– Informe favorable do 5.4.2024, da Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia.
– Informe favorable do 23.5.2024, da Deputación Provincial de Ourense.
– Informe favorable da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do 1.7.2024, logo do requirimento de documentación do 5.4.2024.
– Informes favorables do 8.4.2024 e do 19.9.2024, do Instituto de Estudos do Territorio (IET), coa condición de incluír un estudo de paisaxe.
– Informe desfavorable, do 3.4.2024, da Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual; e favorable, do 6.2.2025.
– Informes municipais: técnico, do 23.2.2025; e xurídico, do 25.2.2025.
– A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) indica o 4.3.2024 que non procede informar.
• O Pleno Municipal, en sesión do 3.3.2025, adoptou os seguintes acordos:
– Estimar parcialmente a alegación presentada.
– Aprobar provisionalmente a modificación puntual coas modificacións resultantes dos informes sectoriais emitidos e da alegación formulada.
• O 7.7.2025, conforme o disposto no artigo 78.2.c) da LSG, tivo entrada no Rexistro da Xunta de Galicia un oficio do Concello de Maside, acompañado do expediente administrativo e do documento dilixenciado aprobado provisionalmente. O 11.4.2025, o Concello de Maside completou a documentación presentada.
• O 6.5.2025, o Servizo de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ditou requirimento ao Concello de Maside solicitando que achegase o documento aprobado inicialmente debidamente dilixenciado.
3. O 8.5.2025, conforme o disposto no artigo 78.2.c) da LSG, tivo entrada no Rexistro da Xunta de Galicia un oficio do Concello de Maside, acompañado dese documento.
I. Análise e consideracións:
1. O ámbito da modificación puntual é o núcleo rural de Negrelle e o seu contorno inmediato, situado ao sur da capitalidade municipal e moi próximo a esta, con acceso desde a estrada provincial OU-0303, que conecta directamente co enlace da AG-54. Afecta, segundo as NSP vixentes, solo de núcleo rural –12.539 m2– e solo non urbanizable (actualmente rústico) –34.160 m2–. A superficie total é de 46.699 m2.
2. O obxecto da modificación puntual é a redelimitación e ordenación normativa do núcleo rural de Negrelle, adaptando as súas determinacións ao contido da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).
O proxecto amplía a delimitación do núcleo distinguindo unha parte como NRT, onde se conservan as aliñacións consolidadas, e outra parte como NRC.
Asemade, regúlanse as condicións de uso e edificación, identificando dous espazos libres de uso público, sen incorporar ningún elemento catalogado.
3. Cómpre harmonizar o contido dos cadros que figuran no punto 7.2 da memoria xustificativa e no plano AMAPDNR_02PINF_I-6, xa que non concordan as superficies que cambian de clase e/ou categoría de solo nin a superficie total do ámbito.
Tendo en conta que estes cambios poden afectar as superficies de solo de núcleo rural tradicional e do común, cómpre revisar, de ser o caso, os cadros dos puntos 1 e 7.3 da memoria xustificativa e do punto 2 da análise do modelo de asentamento poboacional.
Asemade, no cadro do punto 1 da memoria xustificativa debe engadirse a superficie de solo de núcleo rural que pasa a ser solo non urbanizable, actualmente rústico.
4. A transcrición en cursiva do artigo 24 da LSG incorporada no punto 1.1 da normativa urbanística axustarase á redacción actual do devandito artigo. As disposicións que figuran despois do contido dos artigos 25 e 26 da LSG recolleranse con letra «normal» (non cursiva) para diferencialas do texto dos artigos da LSG. O texto do artigo 90 –Edificios fóra de ordenación– adaptarase á redacción vixente do artigo 90 da LSG.
5. Nas ordenanzas de solo de núcleo rural tradicional e de solo de núcleo rural común suprimiuse a pendente máxima de cuberta permitida en cada caso; debe recollerse tal como figuraba no documento sometido a avaliación ambiental.
6. A delimitación proposta cualifica dous ámbitos como espazos libres públicos. O situado ao oeste da estrada que atravesa o núcleo semella existente e de titularidade municipal. Porén, no caso do situado ao sueste, debe preverse a forma de obtención, delimitando no seu caso unha actuación illada, segundo o establecido no artigo 103 da LSG.
7. Con respecto aos condicionantes establecidos no informe da Deputación Provincial de Ourense, do 3.5.2024, cómpre incorporar:
– No punto 1.1.1 da normativa –Condicións particulares en materia de estradas– recollerase unha táboa como a que se achega na epígrafe III.3.1, subepígrafe TERCEIRO.1 dese informe, onde se especifique a delimitación exacta dos treitos urbanos en ambas as marxes das estradas provinciais, referenciada aos puntos quilométricos e coas coordenadas UTM 29 ETRS 89 do seu inicio e do seu fin.
– No plano O-2 deben acoutar as aliñacións de viario.
– Ademais, no plano O-2 deben grafarse as aliñacións do espazo público situado ao oeste da estrada OU-0303, do espazo público situado ao sur da estrada Negrelle-Cima de Vila, e do camiño situado ao leste do ámbito de actuación; e acoutarse as aliñacións de todas as vías nos tramos non consolidados pola edificación.
8. A modificación puntual debe adaptarse ás normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, aprobadas pola Orde do 10 de outubro de 2019, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG do 25 de novembro).
Nomeadamente, a parte de información da memoria xustificativa debe titularse Memoria xustificativa. Parte I: Información, no canto de anexo IV: Memoria xustificativa. Información. Asemade, tamén deben adaptarse os parámetros de simboloxía gráfica aos definidos no anexo 2 das NNTTPP.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais do planeamento xeral que teñan por obxecto a delimitación de solo de núcleo rural corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 78.2.c) da LSG e nos artigos 146.1, 191.1.d) e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
III. Resolución.
En consecuencia, e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Maside no núcleo rural de Negrelle, coa condición do cumprimento do sinalado nas epígrafes II.3 a II.8 anteriores.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da MP das NSPM aprobada definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
