DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 28 de xullo de 2025 Páx. 41675

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2025 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas empresas galegas para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300F).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa reunión do día 30 de xuño de 2025, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas empresas galegas para o ano 2025, e facultou a persoa titular da Dirección Xeral do Igape para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas empresas galegas, e convocalas para o ano 2025 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300F).

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes, de resolución, de execución e de xustificación dos proxectos.

Prazo de presentación de solicitudes: comezará a computarse transcorridos cinco (5) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas, e rematará o 30 de setembro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito. En ningún caso o prazo de presentación de solicitudes poderá ser inferior a un mes.

Prazo de resolución: o prazo máximo para resolver e notificar cada expediente presentado será de tres meses contados desde a data de presentación da solicitude, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Prazo de execución dos proxectos: comezará o día 1 de xaneiro de 2025 e será, con carácter xeral, de nove (9) meses desde a data de resolución, sen que, en ningún caso, se poida superar o 30 de setembro de 2026. Para os proxectos cuxo prazo de execución remate antes do 30 de outubro de 2025, o prazo de xustificación será o 30 de outubro de 2025, e, como máximo, o 30 de setembro de 2026 para o resto dos proxectos; as accións realizadas entre o 31 de outubro de 2025 e o 31 de decembro de 2025 poderán ser imputadas ao ano 2026. Non obstante, de acordo co artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), as subvencións que abranguen gasto subvencionable executado en 2025 deberán presentar a xustificación nese exercicio con independencia de que o remate das accións subvencionables sexa en 2026.

Prazo de xustificación: coincide co prazo de execución; as persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento ata a data límite de execución concedida para iso.

As persoas beneficiarias da axuda, xunto coa resolución de concesión, recibirán a concesión dun anticipo do 80 % da subvención, sen que supere o importe da anualidade.

Terceiro. Créditos.

Os créditos dispoñibles para concesións aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2025

Ano 2026

Total

09.A1-741A-7700

500.000 €

500.000 €

1.000.000 €

Total

500.000 €

500.000 €

1.000.000 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito no caso de que o crédito actual sexa insuficiente para atender todas as solicitudes presentadas, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2025

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) nas empresas galegas para o ano 2025

Neste momento, o Igape, como instituto de impulso ao desenvolvemento empresarial, está a priorizar nos dous piares fundamentais no presente e futuro das estratexias económicas: a sustentabilidade e a dixitalización, en liña coas prescricións da UE nesta materia, que se poden observar en diferentes documentos e publicacións, como o Circular Economy Action Plan ou tamén os postulados do programa Next Generation EU por unha Europa ecolóxica, dixital e resiliente.

Son moi salientables as recomendacións establecidas no Circular Economy Action Plan en materia de produtos sustentables e redución de residuos, polo que afectan a industria e as empresas, apostando polo ecodeseño, a circularidade dos procesos e o apoderamento dos consumidores (dereito á reparación, recambios e pezas) no caso dos produtos sustentables; e, pola banda dos refugallos, evitar que se produzan, transformalos en materias secundarias de calidade e seguras para o mercado de reciclados e tamén reducir a exportación, tendendo á reutilización in situ.

Pola súa banda, a Estratexia galega de economía circular (EGEC) establece como principios básicos para a transición cara á economía circular os 3 R (redución, reutilización e reciclaxe) e as estratexias de deseño sustentable (EDS).

Os 3 R son principios claramente transversais que se deben aplicar ao longo de todo o ciclo de produción, consumo e xestión dos materiais ao remate da súa vida útil (devolución de recursos ao sistema produtivo). Os 3 R orientan a forma de implementar a economía circular na práctica. Se as taxas de reciclaxe (o último dos R) son menores que o fluxo de materiais na produción, a economía circular non será factible.

As EDS inclúen a análise de ciclo de vida, as estratexias de deseño inspiradas na natureza, a bioquímica e os principios de «berce a berce». Son os catalizadores imprescindibles na fase de deseño de produtos e servizos ecoinnovadores. A medio e longo prazo, as EDS permitirán reducir o consumo de materias primas e enerxía e mellorar a reintrodución dos materiais usados de novo ao sistema, aumentando a eficiencia/eficacia dos dous primeiros R (redución, reutilización) e evitando a xeración de residuos non reciclables.

A EGEC establece oito eixes de actuación (Ecodeseño, Actividades e modelos de servizo, Educación e sensibilización, Industria, Produción de alimentos, Urbanismo, edificación e obra pública, Xestión do ciclo da auga e Xestión de residuos). Particularmente, no eixe 4, Industrial, formula a proposta 4.1.3. Promover un plan de axudas públicas para a creación de novos modelos de negocio circulares nas empresas industriais de Galicia e o fomento das novas empresas.

O Igape, como entidade pública responsable da promoción económica de xeito transversal, recolle os retos establecidos na EGEC de cara a potenciar a implantación de solución cara á economía circular nas empresas galegas.

Ademais da énfase decidida no impacto ambiental e nomeadamente na implantación da economía circular, non se deben esquecer outros principios reitores das boas prácticas empresariais no referente aos investimentos socialmente responsables, que son as relativas á conciencia e impacto social da actividade empresarial e as medidas máis favorecedoras dunha boa práctica de gobernanza nas organizacións.

Por outra banda, respectando a horizontalidade, as axudas inclúen todos os sectores de actividade, agás os que non poden ser apoiados segundo o Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L do 15.12.2023).

Segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaránselles a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados, o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover proxectos de carácter ambiental, social e de gobernanza nas empresas e a necesidade de incrementar estas prácticas de modo extensivo no empresariado galego, de xeito que se poidan aprobar todos os proxectos que, cumprindo os requisitos especificados nestas bases, se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables e, se é o caso, financiables, poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito estendido.

En aplicación do disposto na Lei 18/2022, de creación e crecemento de empresas, que modifica os artigos 13 e 31 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, nestas bases incorpórase a obriga para as empresas de cumprir os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Artigo 1. Obxecto e requisitos dos proxectos

1. Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos individuais nos cales unha empresa aborda medidas de impacto nos factores ASG (ambientais, sociais e de gobernanza), especificamente deseñadas ou desenvolvidas para o seu ámbito de actividade, cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e a implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, para acadar reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía, e diminucións na xeración de subprodutos ou refugallos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso noutros procesos produtivos, e tamén aquelas actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.

2. Os proxectos propostos deben dirixirse a un ou varios dos dezaoito (18) obxectivos que se agrupan en catro (4) tipoloxías: globais, ambientais, sociais ou gobernanza:

Globais:

1. Auditoría e avaliación de riscos ASG: proxectos de identificación, diagnose e propostas de xestión dos riscos relacionados cos factores ASG.

2. Consultoría e certificación de empresa B-CORP (con diferentes alcances segundo a situación):

a) Informe de EIB (avaliación de impacto B) completado ao 100 %, incluíndo plan de melloras.

b) Custos de verificación final máis certificación (cota do primeiro ano).

c) Recertificación: verificación final máis cota do primeiro ano.

As consultorías contratadas polas empresas para o proceso B-CORP deberán acreditar que cumpren algunha das seguintes condicións:

• Contan con persoal con formación como aceleradores B-CORP.

• Contan con persoal con formación como multiplicadores B-CORP.

• Presentan experiencia previa en procesos de certificación B-CORP.

Ambientais:

Redución do consumo de recursos no proceso produtivo:

3. Redución do consumo de recursos naturais, materias primas e semielaborados.

4. Mellora da eficiencia enerxética (sistemas de control e optimización intelixente de consumos, excluído todo o relacionado con fontes, xeradores ou produción enerxética).

5. Monitorización e control de procesos.

6. Medición, monitorización e redución de pegada de carbono e pegada hídrica.

Redución da xeración de residuos no proceso produtivo, a súa perigosidade e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe:

7. Redución e/ou reutilización de residuos e subprodutos.

8. Clasificación e/ou valorización de residuos e subprodutos.

9. Deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes.

10. Consultoría e certificación de ecodeseño: ISO 14006.

Análise do ciclo de vida do produto:

11. Incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras.

12. Análise de ciclo de vida e implantación de estratexias de deseño sustentable baseadas no principio «berce a berce».

Sociais:

13. Diversidade e inclusión: elaboración de plans de fomento dun contorno de traballo inclusivo e diverso, promoción da igualdade de oportunidades e da diversidade en todos os niveis da empresa.

14. Ética laboral: propostas de prácticas laborais xustas e éticas, de cara a asegurar condicións de traballo seguras e respectuosas.

15. Elaboración de programas de investimento na comunidade: participación en actividades que beneficien as comunidades locais, programas de educación, saúde ou desenvolvemento comunitario.

Gobernanza:

16. Estruturas das xuntas directivas: análises e propostas de establecemento de Xunta Directiva diversa e independente que supervise e guíe as decisións estratéxicas da empresa.

17. Transparencia financeira: propostas de mellorar a información financeira e a súa divulgación para garantir a transparencia.

18. Ética empresarial: desenvolvemento de códigos de conduta empresarial que promovan a ética e a integridade en todas as operacións.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario, coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e a hora de presentación da solicitude completa. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, teranse en conta a data e a hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teñan a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación sexa anterior segundo conste no Rexistro electrónico xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. Ás axudas previstas nestas bases aplícaselles o réxime de minimis segundo o Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L do 15.12.2023).

4. As subvencións previstas nestas bases estarán financiadas con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos ao da concesión da axuda.

A obtención doutras axudas ou subvencións concorrentes deberá comunicárselle ao Igape tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, requirirase da persoa solicitante unha declaración sobre calquera outra axuda, pública ou privada, recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os cales solicita esta subvención e sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada nos tres anos previos á concesión da axuda. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipos para os que solicitan a axuda.

b) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos) que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

d) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

e) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non encontrarse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme este artigo.

Artigo 5. Actividades non subvencionables

De acordo coa norma que lles dá cobertura a estas bases, o Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, exclúense de axuda as seguintes actividades:

a) A produción agrícola primaria e a produción primaria de produtos da pesca e da acuicultura.

b) As actividades na explotación ou a bordo, necesarias para a preparación dun produto agrícola, pesqueiro ou acuícola para a primeira venda ou a primeira venda a revendedores ou transformadores.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de conceptos:

a) Activos materiais e inmateriais (que, para seren subvencionables, se deben contabilizar nunha conta contable do grupo 2):

i. Sensores, equipos e sistemas para a medición, monitorización, seguimento e control de parámetros produtivos e ambientais.

ii. Hardware e software intelixente para proceso da información cando sirva ao aforro, monitorización ou control de insumos e de consumo de recursos hídricos ou enerxéticos, ou ben para a redución da produción de refugallos, así como os gastos de desenvolvemento do dito software. En ningún caso serán subvencionables os gastos de mantemento ou o canon dixital.

iii. Nova maquinaria e bens de equipo, unicamente no caso de que se trate de equipos destinados á reutilización ou reciclaxe in situ de refugallos producidos nos procesos da empresa ou equipos destinados especificamente á redución de emisións ou recuperación de recursos hídricos.

b) Servizos de consultoría externa, de deseño de procesos ou de produtos máis eficientes, ou organizativa (que, para seren subvencionables, se debe contabilizar nunha conta contable do grupo 6): asistencia técnica, ecodeseño, reenxeñaría de procesos, programas de responsabilidade social ou propostas dirixidas a mellorar a gobernanza, a xestión de riscos ASG ou de cara á certificación B CORP. As colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e, polo tanto, non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa, como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, servizos de mantemento nin calquera outro non vencellado directamente ao obxecto do proxecto ASG proposto. Tamén serán subvencionables os custos das certificacións previstas citadas no número 2 do artigo 1.

Os conceptos subvencionables poderán reclasificarse de oficio atendendo á súa descrición.

Non serán subvencionables aquelas colaboracións externas en que non se indique con claridade o resultado que se vai obter, os entregables previstos e como se integrará ese traballo no resultado final global do proxecto.

2. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá, en ningún caso, superar a data para a execución dos proxectos establecida na resolución de convocatoria.

3. De ser o caso, os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, e neste momento deberán constar o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e que están efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

4. Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros.

5. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención ou que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren; neste último caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares, e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; así mesmo, tomarase en consideración a definición de única empresa definida no artigo 2.2. do Regulamento UE 2023/2831.

c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.

d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida logo da xustificación da súa elección mediante a presentación dunha memoria que motive que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

6. Os investimentos terán que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os tres (3) anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

7. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto 11/2009 do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; así mesmo, tomarase en consideración a definición de única empresa definida no artigo 2.2. do Regulamento UE 2023/2831.

8. Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.

9. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Artigo 7. Contía da axuda

A subvención será do 80 % dos investimentos materiais e inmateriais e gastos de colaboracións externas subvencionables, cos seguintes límites inferiores e subvención máxima:

Importe mínimo por empresa €

Subvención máxima por empresa €

Subvención máxima en proxectos só de consultoría, por empresa €

3.000

60.000

30.000

• Cando un proxecto só de consultoría se refira a un traballo específico para un só dos 18 obxectivos previstos, o importe máximo subvencionable por empresa será de 15.000 €.

• Nos supostos en que se prevé a certificación, os custos de certificación non se consideran incluídos nos límites anteriores establecidos para custos de consultoría.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes de axuda

1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios.

2. As empresas poderán presentar un único proxecto en cada convocatoria; no caso de que unha única entidade presente máis dun proxecto, só se tería en conta o primeiro que teña entrada no Rexistro electrónico.

3. No caso de que o proxecto conteña unha mestura de varias tipoloxías (global, ambiental, social, gobernanza) en que se agrupan os obxectivos descritos no artigo 1, os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que consideren principal ou máis salientable.

4. No dito formulario electrónico, a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

d) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un prazo de catro anos desde a súa presentación.

f) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá os investimentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de tres (3) anos, segundo o establecido no artigo 6.8 destas bases reguladoras.

g) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas cando se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; así mesmo, tomarase en consideración a definición de única empresa definida no artigo 2.2 do Regulamento UE 2023/2831.

h) Declaración das axudas concorrentes para os mesmos gastos subvencionables, solicitadas ou concedidas.

i) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada nos tres anos previos á concesión da axuda.

5. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal .

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

6. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

b) Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación, o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Documentación descritiva do proxecto e dos seus custos:

a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter mención explícita aos obxectivos a que se dirixe o proxecto (artigo 1).

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 6.5 destas bases reguladoras, salvo as excepcións previstas nestas bases reguladoras.

Documentación do expediente administrativo:

c) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de non estaren inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).

d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen que acadan o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se acada o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor a que se refire o número anterior «Informe de procedementos acordados», elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou, no caso de que se detecten, estas non impidan acadar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados, polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante.

f) Consulta de información do imposto de actividades económicas ampliado da persoa ou entidade solicitante.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante. 

h) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante. 

i) Certificado de estar ao día no pagamento á Consellería de Facenda e Administración Pública da persoa ou entidade solicitante. 

j) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante. 

k) Consulta de concesións polo réxime de minimis da persoa ou entidade solicitante. 

l) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante. 

m) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 9.1 das bases, da persoa ou entidade solicitante. 

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es .

Artigo 12. Órganos competentes

A competencia para a instrución do procedemento de concesión da subvención correspóndelle á Área de Competitividade do Igape.

A competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes avaliaranse por orde de entrada de solicitudes completas ata a total utilización do orzamento da convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva. Cando se produza o esgotamento do crédito, as solicitudes pendentes de avaliación resolveranse denegando a solicitude.

2. A solicitude de axuda someterase ao informe dos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos á persoa solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, de concorrencia da actuación subvencionable e do cumprimento do resto de requisitos exixidos, en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fai:

a) Se a documentación non achegada corresponde á exixida para o expediente administrativo, terase por desistida da súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.

b) Se a documentación non achegada corresponde á relativa á descrición do proxecto e dos seus custos, detraerase ou axustarase, segundo corresponda, o importe dos gastos e investimentos afectados para os efectos da determinación do importe subvencionable.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, xustificadamente, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 14. Resolución e notificacións

1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión ou denegación das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención, indicando as obrigas que lle corresponden á persoa beneficiaria, o plan financeiro e o calendario de execución.

3. Informarase a persoa beneficiaria sobre o carácter de minimis da axuda, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

4. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a data de solicitude, transcorrido este poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

6. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O prazo para interpor o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións. Admitirase unha única solicitude de modificación dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non alteren significativamente ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución concedido ao proxecto nin aquelas que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

2. A persoa beneficiaria deberá comunicarlle ao Igape a modificación das condicións establecidas na resolución. A solicitude de modificación (unha, como máximo, por proxecto) deberán presentala cunha antelación mínima dun mes respecto da data de finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia, de ser preciso, ás persoas interesadas.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e manter, de ser o caso, o investimento no centro de traballo en Galicia durante os tres (3) anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario.

d) Comunicarlle ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto pola Xunta de Galicia segundo o establecido no anexo III a estas bases, durante o período de execución e de mantemento do investimento.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non poder realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Para a xustificación do proxecto subvencionable e o cobramento da subvención concedida, a persoa beneficiaria, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://spiga-sede.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financen a actividade subvencionada.

2. A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación e solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II), que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática https://spiga-sede.igape.es, tamén accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal .

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a persoa beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de dez (10) días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da dita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, a persoa beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos, consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberá conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. Non se admitirán en ningún caso os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que se deberá manifestar sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supor unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

c) Memoria técnica de execución do proxecto, na cal se poña de manifesto a finalización do proxecto subvencionado segundo o establecido no artigo 1.3. Esta memoria deberá ter, polo menos, os seguintes contidos:

• Cronograma de desenvolvemento do proxecto.

• Descrición do proxecto realizado e resultados obtidos.

• Entregables ou informes elaborados.

• Modificacións e desviacións sobre o proxecto orixinal (incluíndo eventuais cambios de provedor).

• Documentación gráfica dos investimentos realizados, de ser o caso (fotografías de equipos, capturas de pantalla de aplicacións...).

• Licenzas adquiridas ou contratos de licenzas, de ser o caso.

d) Declaración sobre calquera outra axuda recibida e/ou solicitada durante os tres anos anteriores ao da concesión da axuda, que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación.

e) As tres ofertas que deba solicitar o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 6 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

f) Calquera soporte dos establecidos no anexo III das bases, onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público.

6. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade, nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 17.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

7. O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

8. En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que se tiveron en conta para resolver a concesión.

Artigo 19. Aboamento das axudas

1. As persoas beneficiarias disporán de anticipos do 80% do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente, no momento da resolución de concesión de axuda, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 63.3 do Decreto 11/2009.

2. Exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009. A resolución de concesión da axuda comportará tamén a concesión do anticipo.

3. O pagamento final da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto, e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento, reintegro e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

d) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, os gastos e investimentos subvencionables sexan inferiores ao 50% dos aprobados na concesión.

g) En relación con outras subvencións e axudas, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, do 100 % da subvención concedida:

– A non comunicación ao Igape da súa obtención, cando estas financien as actividades subvencionadas.

– A percepción doutras subvencións públicas incompatibles coa subvención prevista nestas bases reguladoras.

h) Non lle comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

i) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo III destas bases.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tiña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de efectuar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e deberán, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

b) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 6.6 destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos ou os arrendamentos obxecto da subvención durante o período establecido, e que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

6. Devolución voluntaria da subvención.

De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

7. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 21. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de catro anos desde a súa presentación.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto en:

a) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

h) Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

i) O resto da normativa que resulte de aplicación.

Artigo 24. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección da Área de Competitividade para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento destas bases reguladoras.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Responsabilidade da persoa beneficiaria.

Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos propios da Comunidade Autónoma, recoñecerá a axuda da Xunta de Galicia, e para iso:

a) Na súa páxina web oficial, cando exista a dita web, e nas súas contas de redes sociais fará unha breve descrición da operación, de forma proporcionada en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda económica da Xunta de Galicia.

Para cumprir con este requisito, pode utilizarse a seguinte imaxe:

https://www.igape.gal/images/01-pymes-autonomos/01-02-consolidacion/Cartel_publicidad_web_ASG_ga.pdf

missing image file

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación achegará unha declaración que destaque de forma visible as axudas da Xunta de Galicia.

Formato que se debe utilizar:

missing image file

c) Exporá nun lugar ben visible para o público, polo menos, un cartel de tamaño A3 como mínimo ou unha pantalla electrónica equivalente con información da actuación onde se destaque a axuda da Xunta de Galicia a través do Igape.

Formato que se debe utilizar:

https://www.igape.gal/images/01-pymes-autonomos/01-02-consolidacion/Cartel_fisico_ASG_ga.pdf

missing image file

Durante o período de obriga de conservar a documentación deberá conservar, perfectamente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación.