O 10 de setembro de 2020, a axencia Instituto Enerxético de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 31 de agosto de 2020 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa Moves II) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R), aprobado polo Real decreto 569/2020, do 16 de xuño.
A devandita resolución sinalaba que o Inega, para financiar esa convocatoria de axudas, dispoñía no seu orzamento de 5.000.000,00 €, procedentes do Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa Moves II), promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e con actuacións potencialmente financiables con fondos Feder.
O 25 de xaneiro de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 36/2023, do 24 de xaneiro, polo que se establece un sistema de certificados de aforro enerxético, que na disposición adicional terceira determina o financiamento do programa Moves II con cargo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR). Para estes efectos, só se computarán aquelas actuacións que cumpran con todos os requisitos derivados do PRTR, en especial o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e as ordes ministeriais HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establecen o procedemento e o formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. As convocatorias deste programa son establecidas polas comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, que son as responsables da súa xestión como entidades executoras dos subproxectos, mentres que o papel do IDAE é o de entidade executora dos proxectos en que se encadran os devanditos programas Moves II, segundo a terminoloxía establecida na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.
O 30 de setembro de 2021 publicáronse no Boletín Oficial del Estado a Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e a Orde HFP 1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establecen o procedemento e o formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 234). O sistema ten como finalidade primordial a busca da uniformidade e a definición das reformas e investimentos, fitos e obxectivos que integran o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, regulando aspectos como a loita contra a fraude, a corrupción e a identificación dos beneficiarios últimos das axudas, así como dos contratistas e subcontratistas.
Neste sentido, a Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, establece no seu artigo 8 a obriga das entidades decisorias e executoras de incluíren nas súas respectivas convocatorias de axudas unha serie de requisitos en relación coa identificación dos beneficiarios destas. O dito artigo dispón que: «coa finalidade de dar axeitado cumprimento ao mandato establecido na letra d) do punto 2 do artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o mecanismo de recuperación e resiliencia, configúrase o seguinte procedemento de incorporación de información específica: (...).
d) Aceptación de cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (modelo anexo IV.B).
e) Declaración responsable relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puideren afectar o ámbito obxectivo de xestión. (Modelo IV.C) (...)».
Ademais, menciónase na orde a obriga de cubriren unha declaración de ausencia de intereses (DACI) os beneficiarios que, dentro dos requisitos de concesión da axuda, leven a cabo actividades que presenten un conflito de intereses potencial que poida afectar os intereses financeiros da UE (anexo III.C.1.b).ii e d).i.B).
O punto 3.b) do artigo 9 da Orde 1030/2021, do 29 de setembro, sinala tamén que: «(...) do mesmo xeito, todas as convocatorias, licitacións, convenios e resto de instrumentos xurídicos que se desenvolvan neste ámbito deberán conter tanto no seu encabezamento como no seu corpo de desenvolvemento a seguinte referencia “Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU”».
Por outra parte, o artigo 10 da Orde 1031/2021, do 29 de setembro, establece para as entidades executoras do PRTR a obriga de achegaren a información sobre a identificación do preceptor dos fondos e, entre outros datos, a data de nacemento, se é o caso.
No que concirne á aplicación da disposición adicional terceira do Real decreto 36/2023, do 24 de xaneiro, polo que se establece un sistema de certificados de aforro enerxético, desde o IDAE avogouse por non lles exixir obrigas adicionais aos destinatarios últimos das axudas. O cumprimento dos principios anteriormente referidos non debe supoñer a obriga xeral de exixir documentación adicional aos destinatarios finais, posto que o momento de presentación de documentación xa finalizara cando entraron en vigor as obrigas impostas polas devanditas ordes, que tivo lugar o 1 de outubro de 2021.
Esta interpretación está en consonancia co principio xeral de non retroactividade das normas –salvo que se dispoña o contrario–, no sentido de considerar que as obrigas só poden ser exixibles mentres non se producise o seu vencemento. Polo tanto, de conformidade co exposto, e tal e como se desprende da Guía de criterios para adaptar ao PRTR os programas Moves II e PREE, que remitiu o IDAE, non cabe exixirlles aos destinatarios últimos a achega da documentación prevista na Orde 1030/2021, do 29 de setembro, como as DACI, declaración de cesión e tratamento de datos e declaración relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR, pois esa norma non estaba vixente no momento de presentación da solicitude.
Desde o IDAE considérase que é beneficioso para o programa e, en definitiva, para os cidadáns, que os ditos proxectos contribúan o máximo posible á consecución dos obxectivos recollidos na medida C1. I2. Neste sentido, da actuación 1 só se computarán, para os efectos do cumprimento dos obxectivos do C1. I2, os vehículos eléctricos (BEV, PHEV, REEV, FCEV), e excluiranse os vehículos de gas natural, N2 e N3, que contan coa súa propia rastrexabilidade. Da actuación 2 computarase, para os efectos do cumprimento dos obxectivos do C1. I2, a totalidade de puntos de recarga subvencionados. As actuacións 3 e 4 non se computarán para o PRTR.
En coherencia co anterior, o IDAE informa que adaptou á nova normativa o Manual de imaxe do programa, a que se fai referencia no artigo 17 do Real decreto 569/2020, do 16 de xuño, e no artigo 14.1.l da Resolución do Inega do 31 de agosto de 2020.
En consecuencia, para dar cumprimento ao establecido nas ditas ordes e de conformidade coas facultades conferidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co sinalado no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar o título da Resolución do 31 de agosto de 2020, da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega), pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa Moves II), no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, anualidade 2020 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).
No mesmo senso, modificar o seu primeiro parágrafo, que pasa a ter a seguinte redacción: «As axudas obxecto desta convocatoria teñen o seu encaixe no Programa de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa Moves II), aprobado polo Real decreto 569/2020, do 16 de xuño, co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas a actuacións de apoio á mobilidade baseadas en criterios de eficiencia enerxética, sustentabilidade e impulso de enerxías alternativas, para contribuír á descarbonización do sector do transporte e a reactivar a actividade económica do país, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU e polo Plan nacional integrado de enerxía e clima 2021-2030».
Segundo. Modificar todas as referencias ao cofinanciamento co Feder incluídas na citada Resolución do 31 de agosto de 2020, que deben entenderse referidas de forma xenérica ao financiamento con fondos europeos e, en particular, ao Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR), regulado polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento e do Consello Europeo, do 12 de febreiro de 2021.
Terceiro. Engadir unha nova letra e) no artigo 19.3 da referida Resolución do 31 de agosto de 2020, coa seguinte redacción:
«e) No caso de actuacións financiadas con fondos MRR, o Inega ten a obriga de subministrar a información que establecen as ordes HFP/1030/2021 e HFP/1031/2021, do 29 de setembro, a través da aplicación CoFFEE. Para o exercicio desta obriga poderalles requirir aos beneficiarios a información recollida nestas ordes que non figure nos expedientes».
Cuarto. Publicar na páxina web do Inega o manual de imaxe para dar cumprimento á obriga de publicidade exixida no artigo 17 do Real decreto 569/2021, así como do punto 2 do artigo 34 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR), e o artigo 9 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, polo que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Quinto. Esta resolución será de aplicación ás solicitudes de axuda presentadas con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 36/2023, do 24 de xaneiro, sempre que cumpran cos requisitos establecidos no PRTR e a demais normativa vixente de aplicación.
Sexto. Esta modificación producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2025
Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia
