Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Nedgia, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na avenida de América, 38, 28028 Madrid, resultan os seguintes:
Feitos:
Primeiro. Con data do 10 de xaneiro de 2025 a mercantil Nedgia, S.A. solicitou a aprobación do proxecto de execución denominado Modificación da tubaxe Ac. DN-6” en MOP 16 bar da rede RAA-I015.1 que dá subministración á industria Sarval Bio-industries Noroeste no termo municipal de Arteixo (A Coruña), promovido por Nedgia, S.A.
Por mor do derrubamento da marxe dereita dun tramo sito no concello de Arteixo, da estrada CM-00001 que comunica a avenida de Finisterre, polígono da Grela (A Coruña) co parque empresarial de Suevos (Arteixo), e co fin de evitar posibles problemas de seguridade e de continuidade da subministración de gas natural no tramo da rede de gas RAA l015.1 (fóra de servizo actualmente), proxéctase o recuamento do dito tramo pola marxe esquerda da dita estrada e instálase un novo tramo de canalización con presión máxima de operación (MOP) de 16 bar, de diámetro nominal (DN) 6” e unha válvula de liña.
Conforme o anterior e coa finalidade de cumprir as exixencias técnicas de conexión coa rede de distribución necesarias para atender a petición de subministración de gas, a empresa distribuidora Nedgia, S.A. presentou ante este departamento territorial, entre outra, a seguinte documentación:
a) Proxecto técnico das instalacións denominado Modificación da tubaxe Ac. DN-6” en MOP 16 bar da rede RAA-I015.1 que dá subministración á industria Sarval Bio-Industries Noroeste no termo municipal de Arteixo (A Coruña), subscrito por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnico industrial (colexiada nº 25.430 do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos Industriales de Madrid (COITIM).
b) Declaración responsable, asinada o 21.11.2024, pola técnica proxectista, nos termos dispostos na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 229, do 30 de novembro), sobre os criterios que se van aplicar para exixir visado colexial en materia de industria e enerxía.
c) Solicitude de outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución das instalacións recollidas no antedito proxecto.
Para a súa tramitación, á antedita solicitude foille asignado o número de expediente administrativo IN627A 2025/001-1.
Segundo. Mediante o Acordo do 14 de xaneiro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa da infraestrutura gasística de distribución, e foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 29, do 15 de febreiro; no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 16, do 24 de xaneiro, e nos xornais La Voz de Galicia do 12 de febreiro, e La Opinión da Coruña do 12 de febreiro de 2025.
Durante a fase de información pública non se achegaron alegacións; unha vez rematada a tramitación do procedemento e consonte o artigo 82.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, prescíndese do trámite de audiencia.
Terceiro. Toda vez que no proxecto se reflicten afeccións a bens e dereitos do Concello de Arteixo do Servizo do Litoral, de UFD Distribución Electricidad, S.A. e de Augas de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 84 do Real decreto 1434/2002, do decembro, con data do 15 de xaneiro de 2025 e reiterado o 18 de febreiro de 2025, recadouse un condicionado técnico destes organismos, e remitiuse unha separata do proxecto.
Todos os organismos, agás Augas de Galicia, estableceron condicionados técnicos, que foron aceptados pola empresa Nedgia, S.A.
Respecto do condicionado emitido polo Servizo do Litoral, do 27.3.2025, no cal, entre outras cousas, se dicía que «...ao estar a obra afectada pola zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, a empresa Nedgia, S.A. deberá presentar ante esta dirección territorial, ..., unha solicitude de autorización, ao abeiro do disposto no Decreto 97/2019», Nedgia, S.A. indica, entre outras cousas, en escrito recibido o 10.4.2025, que non lle corresponde a Nedgia, S.A. facer a solicitude a que se refire o dito organismo. Non consta a resposta do Servizo do Litoral a este reparo da promotora.
Unha vez reiterado o condicionado técnico a Augas de Galicia, conforme o artigo 84 do Real decreto 1434/2002, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural (BOE núm. 313, do 31 de decembro), e transcorrido o prazo de dez días sen recibir resposta, teranse por aprobadas as especificacións técnicas propostas polo peticionario da instalación no proxecto de execución.
Así mesmo, é necesario indicar que, de acordo co artigo 75 do Real decreto 1434/2002, as autorizacións ás que se refire este título serán outorgadas, sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Consideracións legais e técnicas:
1. O director territorial da Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no artigo 2 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21 de decembro) e o Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
2. A normativa de aplicación a este expediente é:
• Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE núm. 241, do 8 de outubro), modificada pola Lei 12/2007, do 7 de outubro (BOE núm. 158, do 3 de xullo), que ten por obxecto renovar, integrar e homoxeneizar a distinta normativa legal vixente en materia de hidrocarburos, e dispón, entre outras materias, a ordenación da subministración de gases combustibles por canalización.
• Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio (DOG núm. 244, do 21 de decembro), que regula o procedemento sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas e, no seu artigo 2, en particular, as competencias das delegacións provinciais (actualmente, departamentos territoriais), dentro do réxime de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, agás a normativa derrogada a que fai referencia nesta orde.
• Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE núm. 313, do 31 de decembro).
• Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproban o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE núm. 211, do 4 de setembro), e, en particular:
– O disposto na ITC-ICG 01 instalaciones de distribución de combustibles gaseosos por canalización, que ten como obxecto fixar os requisitos técnicos esenciais, as medidas de seguridade que deben observarse referentes ao proxectado, a construción e a explotación das instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización ás que se refire o artigo 2 do citado real decreto, así como determinar as prescricións relativas ás probas que se deben realizar previamente á posta en marcha e aos procedementos de operación, mantemento e control das instalacións.
3. As instalacións atópanse no concello de Arteixo e as súas características técnicas son as seguintes:
– Modificación do tramo de rede RAA l015.1 (gas natural):
• Nova condución de aceiro DN 6”, en MOP 16 bar, de 508 m.
• 1 válvula de liña de aceiro DN 6”.
• Canalización existente para deixar fóra de servizo.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
a) Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución das instalacións de gas canalizado proxectadas e descritas nos antecedentes, para a súa execución no prazo máximo dun ano desde a publicación desta resolución.
b) A autorización das instalacións concederase coas seguintes condicións:
• A aprobación do proxecto de execución solicitada por Nedgia, S.A. outorgarase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao medio ambiente.
• Antes do inicio das obras Nedgia, S.A. poñerá en coñecemento de todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo das respectivas afeccións que se estivesen a xerar coa execución das instalacións e poidan establecer os condicionados pertinentes. Así mesmo, deberán achegar a designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vai realizar as actuacións e o/a director/a de obra responsable delas.
• Comunicar a este departamento territorial a data de inicio das obras, acompañada da documentación que acredite que dispoñen das autorizacións/licenzas/conformidades de todos os organismos ou empresas de servizos afectadas (no caso de que algunha empresa non conteste a súa solicitude, acreditarán o envío da información en tempo e forma), ou declaración responsable de ter realizado as solicitudes e dispor, se é o caso, das citadas autorizacións/licenzas/conformidades.
• A empresa distribuidora vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas en que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc., as conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.
• De conformidade cos criterios e exixencias previstos na regulamentación vixente, deberanse instalar os elementos de seguridade que sexan necesarios, particularmente válvulas, e coidar a súa accesibilidade.
• Se durante a fase de execución das obra se tivesen que adoptar medidas técnicas non recollidas neste proxecto e logo da súa execución, deberase dispoñer do pertinente visto e prace deste departamento territorial.
• Todas as modificación efectuadas na fase de execución deberán ser recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto das instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado; superado este límite, deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.
• Todas as ampliacións da rede de distribución de gas natural estarán suxeitas á presentación da correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.
• Este departamento territorial reservarase o dereito a deixar sen efecto a autorización que se considere procedente emitir, no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes.
• O prazo de execución das instalacións é dun ano desde a publicación oficial desta resolución.
• En cumprimento do artigo 6 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, a empresa distribuidora Nedgia, S.A. deberá comunicar con antelación a este departamento territorial as datas previstas para a realización das probas regulamentarias.
• Para os efectos da posta en marcha provisional das instalacións mediante dilixencia deste departamento territorial, presentarase un certificado da empresa distribuidora e da empresa instaladora de superación das probas regulamentarias realizadas baixo a supervisión do director de obra responsable delas, e o seu certificado de dirección de obra.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do 26 de novembro, do procedemento administrativo común da administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
A Coruña, 30 de xuño de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
