DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Venres, 1 de agosto de 2025 Páx. 42236

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 22 de xullo de 2025, sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.

O artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, establece que os conselleiros exercen a representación do departamento do cal son titulares.

Segundo o Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais correspóndenlle, entre outras funcións, as de dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de apoio, fomento e mantemento do emprego, traballo autónomo, cooperativas e economía social, apoio á integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade e a formación profesional para o emprego en toda a súa extensión.

Pola Orde CIN/676/2023, do 16 de xuño, do Ministerio de Ciencia e Innovación, aprobáronse as bases reguladoras para a concesión de axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación, e pola Orde do 19 de xuño de 2025, do Ministerio de Ciencia e Innovación, aprobouse a súa convocatoria para o ano 2025.

A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ten interese en participar nesta convocatoria de axudas de compra pública de innovación (CPI). A CPI é unha actuación administrativa de fomento da innovación orientada a potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras desde o lado da demanda, a través do instrumento da contratación pública, e estas axudas permiten desenvolvelo.

Entre outros obxectivos, perséguese mellorar os servizos públicos en termos de eficacia e eficiencia e mellorar a innovación. Para iso, búscase a mellora dos servizos e infraestruturas públicas mediante a incorporación de bens ou servizos innovadores que satisfagan necesidades públicas debidamente identificadas e xustificadas. Ademais, ten un impacto directo na cidadanía, está aliñado coa Estratexia de ciencia, tecnoloxía e innovación 2021-2027, e desenvólvese a través do Feder Plurirrexional.

A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais cumpre coa condición de beneficiaria segundo o artigo 19 do capítulo III, sección 1ª, do Decreto 147/2024, do 20 de maio.

Dado o elevado volume de documentación que é necesario preparar para formular a candidatura da consellería a estas axudas e co fin de acadar unha maior eficacia e axilidade, considérase máis axeitado que sexa a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais quen realice os trámites e actuacións derivados do procedemento para a concesión das axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID), para a compra pública de innovación (CPI).

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e as demais disposicións de xeral aplicación,

Por todo o anterior, como titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración,

DISPOÑO:

Primeiro. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais a realización de todos os trámites e actuacións administrativas necesarias para o procedemento de concesión das axudas públicas a esta consellería no ámbito da Orde CIN/676/2023, do 16 de xuño, do Ministerio de Ciencia e Innovación, pola que se aprobaron as bases reguladoras para a concesión de axudas públicas no marco da liña de fomento de innovación desde a demanda (liña FID) para a compra pública de innovación e na súa convocatoria, con excepción da sinatura do anexo III da devandita Orde CIN/676/2023.

En particular, esta delegación comprende a presentación formal da solicitude, a interlocución cos distintos organismos durante todo o proceso administrativo e a realización de cantas actuacións e xestións resulten necesarias para o desenvolvemento, seguimento e execución técnica e administrativa do proxecto, así como a súa posterior xustificación. Así mesmo, poderá achegar cantos datos e documentos se soliciten ou sexan de interese, recibir todo tipo de comunicacións, formular peticións, presentar declaracións responsables ou comunicacións, presentar escritos e alegacións, manifestar a súa decisión de non efectuar alegacións nin achegar novos documentos no correspondente trámite de audiencia e, en xeral, realizar cantas actuacións sexan necesarias no curso do devandito procedemento.

Segundo. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Terceiro. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración