DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 8 de agosto de 2025 Páx. 43311

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2025, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso na agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (AP), escala de persoal subalterno, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 22 de xaneiro de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 20, do 29 de xaneiro), pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o día 24 de xullo de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 21 de maio de 2025 (DOG núm. 102, do 30 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso na agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (AP), escala de persoal subalterno, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 22 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro),

ACORDOU:

Primeiro. Desestimar na súa totalidade as reclamacións presentadas ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria.

Segundo. De conformidade coa base II.1.1.1 da convocatoria e o Acordo deste tribunal, do 20 de xuño de 2025, polo que se establecen os criterios de corrección, valoración e superación do exercicio da fase de oposición, superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden un mínimo de vinte e tres (23) respostas correctas.

Subsidiariamente, de se dar o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio conforme o criterio previsto no parágrafo anterior sexa inferior a dezanove (19), que é o número de prazas convocadas, rebaixarase ao mínimo de dezaoito (18) o número de respostas correctas necesarias para superar este exercicio.

Asignaráselles unha valoración de 45 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 45 e os 90 puntos, proporcional ao número de respostas acertadas. Do mesmo xeito, asignaráselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela que marque a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores se considerarán igualmente aprobadas.

Terceiro. Realizada a corrección nas sesións que tiveron lugar entre o 14 de xullo e o 23 de xullo de 2025, e de acordo coas normas e criterios anteriores, asígnaselles a valoración de 45 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada en 23 respostas correctas.

O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 45 e os 90 puntos, proporcional ao número de respostas correctas; do mesmo xeito, as persoas aspirantes declaradas non aptas terán unha cualificación distribuída entre os 0 e os 44 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

Acadou a puntuación mínima de 45 puntos un total de 261 persoas aspirantes.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 28 de xuño de 2025, correspondente ao primeiro exercicio da oposición do proceso selectivo para o ingreso na agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (AP), escala de persoal subalterno, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De conformidade coa base II.1.1.2, respecto ao segundo exercicio, estarán exentas da súa realización as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución, que posuían antes do día de finalización do prazo disposto na base I.3 da convocatoria o Celga 2 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

No que se refire á exención da proba da lingua galega, xunto con esta resolución, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración do Persoal publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe das persoas aspirantes que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido no proceso selectivo convocado pola Orde do 25 de febreiro de 2016 para o ingreso na categoría 003 (ordenanza e outras) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, no proceso selectivo convocado pola Orde do 4 de abril de 2018 para o ingreso na agrupación profesional do persoal funcionario subalterno da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, e no proceso selectivo convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022 para o ingreso na agrupación profesional do persoal funcionario subalterno da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

Sétimo. De conformidade co disposto na base III.13 da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2025

José Luis Soto Campos
Presidente do tribunal