DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Sábado, 30 de agosto de 2025 Páx. 47432

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas a persoas que sufrisen danos persoais como consecuencia dos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025 (código de procedemento FA100A).

Durante o verán de 2025 produciuse unha vaga de incendios forestais, nunha situación que adquiriu unha especial complexidade pola confluencia de condicións meteorolóxicas adversas, marcadas por temperaturas extremas e un período prolongado de seca. Estes factores favoreceron a rápida propagación do lume, ocasionando danos en bens públicos e privados. Para facerlles fronte aprobouse o Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025.

No artigo 6 do citado decreto indícase que se lles concederán ás persoas afectadas, coa finalidade de atender as súas necesidades, axudas por falecemento, por incapacidade permanente absoluta e por lesións que motiven a hospitalización da persoa ferida.

As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social, humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nestas bases reguladoras.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria da concesión das axudas destinadas a atender as necesidades das persoas que sufran danos persoais que teñan a súa causa nos incendios referidos e terán un carácter indemnizador.

Esta orde divídese en dous capítulos, un que establece as bases reguladoras e outro que convoca o procedemento para a súa concesión.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, en relación co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, así como proceder á convocatoria, das axudas polos danos persoais causados polos incendios que se produciron en Galicia no verán de 2025 (código de procedemento administrativo FA100A) e que se relacionan a seguir:

a) Falecemento.

b) Incapacidade permanente absoluta.

c) Lesións que motiven a hospitalización da persoa ferida.

2. O ámbito territorial das axudas será o da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025.

Artigo 2. Réxime xurídico e natureza das axudas

1. As axudas convocadas mediante esta orde regularanse polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e polo Decreto 76/2025, do 29 de agosto.

2. Estas axudas outorgaranse mediante o réxime de concesión directa de acordo co establecido no artigo 19.4.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 3 do Decreto 76/2025, do 29 de agosto.

3. Dada a natureza destas axudas e consonte o establecido no artigo 3.3 do Decreto 76/2025, do 29 de agosto, exceptúanse as persoas beneficiarias das axudas da acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Serán beneficiarias directas destas axudas as persoas afectadas por incapacidade permanente absoluta ou lesións que causasen a hospitalización.

2. Serán beneficiarias destas axudas a título de vítimas indirectas, no caso de falecemento e con referencia sempre á data desta, as persoas que reúnan as condicións que se indican a continuación:

a) A persoa cónxuxe da persoa falecida, se non estivese separada legalmente, ou a persoa que viñese convivindo coa persoa falecida de forma permanente, con análoga relación de afectividade á de cónxuxe, durante, polo menos, os dous anos anteriores ao momento do falecemento, salvo que tivesen descendencia; neste caso abondará a mera convivencia.

b) As fillas ou fillos das persoas falecidas que cumpran os requisitos para poder aplicar o mínimo por descendentes segundo a normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) Na falta das persoas mencionadas nas letras a) e b), as restantes fillas ou fillos das persoas falecidas.

d) Na falta das persoas mencionadas anteriormente, serán beneficiarias as persoas proxenitoras da persoa falecida.

e) Na falta das persoas mencionadas nas letras a), b), c) e d), serán beneficiarios as/os irmás/ns da persoa falecida, que acrediten a convivencia coa persoa falecida durante os dous anos anteriores ao falecemento.

3. De concorreren varias persoas beneficiarias a título de vítimas indirectas, a distribución da cantidade a que ascenda a axuda efectuarase da seguinte forma:

A cantidade dividirase en dúas metades. Corresponderá unha á persoa cónxuxe ou á persoa que viñese convivindo co falecido nos termos da letra a) do punto anterior. Corresponderá a outra metade aos fillos e fillas mencionados na letra b) do numero anterior, e distribuirase entre todos eles por partes iguais.

De resultaren persoas beneficiarias as proxenitoras do falecido, a cantidade a que ascende a axuda repartirase entre elas por partes iguais.

De resultaren persoas beneficiarias as fillas e fillos mencionados na letra c), a cantidade a que ascende a axuda distribuirase entre todos eles por partes iguais.

De resultaren beneficiarios as/os irmás/ns do falecido, a cantidade a que ascende a axuda repartirase entre eles por partes iguais.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación sinalada, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, en relación co artigo 21 da dita lei.

3. Coa solicitude achegaranse as seguintes declaracións, segundo consta no modelo normalizado de solicitude:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido outras axudas, ingresos e/ou recursos procedentes doutro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou ter concedida algunha outra axuda, ingreso e/ou recurso, deberá indicarse cales son e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra axuda, ingresos e/ou recursos procedentes doutro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, que lle sexa concedido para a mesma finalidade e o seu importe.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No suposto de falecemento:

– Todas as persoas beneficiarias indirectas, libro de familia para acreditar o grao de parentesco, ou ben certificado do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia ou Rexistro de Parellas de Feito municipal, de ser o caso.

– As fillas e fillos que cumpran os requisitos requiridos no artigo 3.2.b), copia da declaración presentada polo imposto sobre a renda das persoas físicas da persoa falecida relativa ao último período impositivo pechado no momento de presentar á solicitude.

– As/os irmás/ns, certificado de empadroamento colectivo coa persoa falecida.

b) No caso de incapacidade permanente absoluta, resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social en que se declare esta.

c) No caso de axudas por ingreso hospitalario, certificado do hospital comprensivo dos días de hospitalización.

d) Documentación acreditativa da representación, de ser o caso.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI /NIE da persoa solicitante.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) Certificado de defunción.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Tramitación e resolución das axudas

1. A Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro instruirá os expedientes realizando de oficio, de ser o caso, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales elaborará a proposta de aprobación.

2. A persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública ou persoa en quen delegue, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde.

Artigo 10. Determinación da axuda

1. As axudas concederanse de acordo cos seguintes criterios:

a) 87.700 euros para os casos de falecemento e incapacidade permanente absoluta.

b) Para os casos de lesións que causasen ingreso hospitalario, outorgarase unha axuda de 120 euros por día de hospitalización.

Artigo 11. Pagamento

1. Segundo o disposto no artigo 28.9º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselles ás beneficiarias nun pagamento único polo importe que lles corresponda segundo as contías determinadas no artigo 10, dentro dos quince días hábiles seguintes ao da notificación da resolución de concesión. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta da súa titularidade que as persoas solicitantes fixesen constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos en canto non se teña constancia da finalización do expediente, e a Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo para resolver previsto nesta orde.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Compatibilidades

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

2. Con todo, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta orde concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor das contías establecidas nesta orde, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos termos establecidos no artigo 2.1 do Decreto 76/2025, do 29 de agosto.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Xustificar ante o órgano concedente a concorrencia da circunstancia que fundamentou a súa concesión.

2. Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que resulten de aplicación, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

3. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan axiña como se coñeza.

4. Ceder ao órgano concedente todas as accións de que dispoña a persoa beneficiaria para a reclamación das cantidades achegadas pola Administración ás persoas causantes do sinistro, sen prexuízo do dereito da persoa beneficiaria a reclamar polos danos e perdas sufridos que non sexan obxecto da axuda ou que excedan a indicada axuda.

5. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16. Incumprimento das obrigas

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que resulten de aplicación e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a persoa ou entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Protección de datos persoais

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

CAPÍTULO II

Convocatoria

Artigo 20. Prazos

1. O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia se os danos producidos están determinados. De non ser así, o prazo comezará a contarse desde que se determinen, ben co falecemento, ben coa declaración da incapacidade permanente absoluta, ben coa finalización da hospitalización, tendo como límite o 31 de decembro de 2026.

2. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do primeiro día hábil da publicación ou da determinación dos danos. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será dun mes desde que a solicitude teña entrada no Rexistro da Xunta de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Financiamento

1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación 23.01.712A.480.25 (código de proxecto 2025 00191) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2025 e 2026.

2. De conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, existe a posibilidade de ampliación de crédito; neste caso, o órgano concedente publicaraa nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. A determinación do importe total das axudas efectuarase unha vez que sexan resoltas as solicitudes presentadas atendendo ao carácter extraordinario das mesmas e a súa natureza de concesión directa e non competitiva.

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro para que dite os actos necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file