BDNS (Identif.): 854063.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/854063
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Serán beneficiarias directas destas axudas as persoas afectadas por incapacidade permanente absoluta ou lesións que causasen a hospitalización.
2. Serán beneficiarias destas axudas a título de vítimas indirectas, no caso de falecemento e con referencia sempre á data desta, as persoas que reúnan as condicións que se indican a continuación:
a) A persoa cónxuxe da persoa falecida, se non estivese separada legalmente, ou a persoa que viñese convivindo coa persoa falecida de forma permanente, con análoga relación de afectividade á de cónxuxe, durante, polo menos, os dous anos anteriores ao momento do falecemento, salvo que tivesen descendencia; neste caso abondará a mera convivencia.
b) As fillas ou fillos das persoas falecidas que cumpran os requisitos para poder aplicar o mínimo por descendentes segundo a normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.
c) Na falta das persoas mencionadas nas letras a) e b), as restantes fillas ou fillos das persoas falecidas.
d) Na falta das persoas mencionadas anteriormente, serán beneficiarias as persoas proxenitoras da persoa falecida.
e) Na falta das persoas mencionadas nas letras a), b), c) e d), serán beneficiarios as/os irmás/ns da persoa falecida, que acrediten a convivencia coa persoa falecida durante os dous anos anteriores ao falecemento.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, así como proceder á convocatoria, das axudas polos danos persoais causados polos incendios que se produciron en Galicia no verán de 2025 (código de procedemento administrativo FA100A) e que se relacionan a seguir:
a) Falecemento.
b) Incapacidade permanente absoluta.
c) Lesións que motiven a hospitalización da persoa ferida.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 29 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas a persoas que sufrisen danos persoais como consecuencia dos incendios forestais que afectan a Galicia durante o verán de 2025 (código de procedemento FA100A).
Cuarto. Contía
O importe asignado é de douscentos oitenta e tres mil catrocentos euros (283.400 €).
Establécense as seguintes contías:
a) 87.700 euros para os casos de falecemento e incapacidade permanente absoluta.
b) Para os casos de lesións que causasen ingreso hospitalario, outorgarase unha axuda de 120 euros por día de hospitalización.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia se os danos producidos están determinados. De non ser así, o prazo comezará a contarse desde que se determinen, ben co falecemento, ben coa declaración da incapacidade permanente absoluta, ben coa finalización da hospitalización, tendo como límite o 31 de decembro de 2026.
2. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do primeiro día hábil da publicación ou da determinación dos danos. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
