En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 da delimitación de solo de núcleo rural de Las (San Cibrao), concello de San Amaro, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 24 de agosto de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2492&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2492
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual nº 1 da delimitación
de solo de núcleo rural de Las (San Cibrao) no concello de San Amaro
Con data do 13.8.2025, o Concello de San Amaro remite o expediente de referencia en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).
Analizada a documentación achegada; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes:
I.1. O Concello de San Amaro non conta actualmente con planeamento xeral, polo que son de aplicación as determinacións do Plan básico autonómico aprobado definitivamente o 26.7.2018. Segundo o establecido na disposición transitoria primeira da LSG, ao solo rústico aplicaráselle o réxime do solo rústico desa mesma lei, mentres que as delimitacións de núcleo rural manteñen a súa vixencia.
Conta con sete delimitacións de núcleo rural, entre elas a de Las (San Cibrao) aprobada definitivamente o 9.10.2009.
I.2. A tramitación ata o momento da redelimitación de solo de núcleo rural foi a seguinte:
• Informe técnico municipal, do 20.8.2021.
• O 20.5.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático ditou resolución, publicada no DOG do 14.6.2022, de non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinario a redelimitación de solo de núcleo rural. Acompaña os informes correspondentes ás consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do Instituto de Estudos do Territorio e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
• Informes municipais, técnico e xurídico, do 14.9.2022.
• A modificación puntual da delimitación de solo de núcleo rural foi aprobada inicialmente polo Pleno Municipal, en sesión do 20.9.2022; e sometida a información pública durante dous meses mediante anuncios nos diarios La Región e La Voz de Galicia do 24.9.2022, e no DOG do 17.10.2022. Non se presentaron alegacións.
• Notificacións individuais a titulares catastrais de terreos afectados.
• Informe do 17.2.2023, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no que se sinala que a modificación puntual non afecta estradas do Estado.
• Informe favorable do 23.4.2023, con correccións para incorporar, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
• Informes favorables, con condicións, do 13.3.2023 e do 25.4.2023, da Deputación Provincial de Ourense.
• Informe do 2.4.2024, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que sinala que non procede informar esta redelimitación de solo de núcleo rural.
• Informe favorable, do 3.4.2024, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, no que se sinala que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.
• Informe do 4.4.2024, do Instituto de Estudos do Territorio, que non é preceptivo.
• Informe do 9.4.2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que sinala que non se atopa afectado por ningún dereito mineiro.
• Informe do 11.4.2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que sinala que no concello non existe ningún solo contaminado e que no ámbito non existe ningunha información inventariada sobre afeccións á calidade dos solos.
• Informe favorable, do 15.4.2024, do Servizo de Montes.
• Informe favorable, do 2.5.2024, de Augas de Galicia.
• Informe desfavorable, do 11.4.2024; e favorable, do 6.6.2024, da Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual.
• Requirimento de xustificación da dispoñibilidade de recursos hídricos e relativa ao destino das verteduras, do 13.4.2023, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil; e informe, desfavorable, do 26.6.2023, e favorable condicionado, do 13.3.2024.
• Solicitáronse informes a Unión Fenosa Distribución, S.A., Telefónica Móviles España, S.A. e a Geseco, S.A. de Xestión de Servizos e Conservación, o 21.12.2022 e o 20.4.2023, sen que conste contestación. Tamén se solicitou informe á Delegación do Goberno o 21.12.2022, e constan unicamente informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.
• O Pleno do Concello, en sesión do 23.7.2024, aprobou provisionalmente a modificación puntual da delimitación de solo de núcleo rural de Las.
I.3. O 5 de setembro, o 29 de outubro e o 8 de novembro de 2024, tivo entrada no Rexistro da Xunta de Galicia a documentación relativa ao expediente da MP nº 1 da delimitación de solo de núcleo rural de Las. O 19 de febreiro, o 30 de xullo e o 13 de agosto de 2025, tivo entrada no Rexistro da Xunta de Galicia nova documentación.
II. Análise e consideracións:
II.1. O ámbito de actuación acada 44.376 m2, situados desde a igrexa parroquial de Las (San Cibrao) cara ao sur, atravesado polas estradas OU-0410 e OU-0411, e categorízase toda a superficie como solo de núcleo rural común.
II.2. O obxectivo e a xustificación do expediente é a modificación da delimitación do núcleo rural de Las (San Cibrao), adaptándoa á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e a incorporación de varias parcelas edificadas á delimitación, entre elas, as da igrexa e o cemiterio, situadas ao norte da delimitación proposta inicialmente.
II.3. Na estrada OU-0410 en dirección a Ourantes mantense o tramo de viario incluído na delimitación vixente. Tamén se incorpora á delimitación o tramo de viario ao sur da zona que se amplía ao norte como solo de núcleo rural.
II.4. Nos planos de ordenación do núcleo incorpórase a categorización do solo, sinalando as parcelas dotacionais e os contornos de protección do ben catalogado, así como as aliñacións.
II.5. No documento aprobado provisionalmente corríxense diversos erros da parte I. Información; e da parte II. Xustificación da memoria xustificativa. Tamén se recolle correctamente a actual delimitación de solo de núcleo rural, que reflicte os viarios públicos.
II.6. Así, e analizada a documentación achegada, púidose comprobar que se corrixiron as eivas observadas anteriormente: no punto 1.1 da normativa –Condicións xerais para o núcleo delimitado– substitúese a referencia á LOUG pola de LSG; suprímese o antigo punto 1.2 –Condicións xerais para as vivendas unifamiliares illadas–, incorporando os puntos no novo punto 1.2 –Condicións particulares para o núcleo rural común–; dado que a tipoloxía de edificación prevista é a de edificación exenta ou illada, suprímese a condición de fondo máximo prevista; suprímese a condición de que a altura máxima non superará en máis de 40 cm a altura das edificacións lindeiras de B+1; nas condicións de uso incorpóranse os usos socio-cultural e deportivo.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais do planeamento xeral que teñan por obxecto a regulación de solo de núcleo rural corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 78.2.c) da LSG e nos artigos 146.1, 191.1.d) e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
III. Resolución.
En consecuencia, e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 1 da delimitación de solo de núcleo rural de Las (San Cibrao) no concello de San Amaro.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da MP aprobada definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
