Expediente: IN407A 2025/043-4.
Promotora: Charging Together, S.L.
Denominación: LMTS, CS Rúa do Abrente 2.
Concello: Mos.
Feitos:
1. O 18.2.2025, Charging Together, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS, CS Rúa do Abrente 2.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro eléctrico Santiago Taberner Sanchis, colexiado 11863 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais e de Grao de Valencia, e contén un orzamento total de 133.973,79 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade subministrar enerxía eléctrica para puntos de recarga de vehículos eléctricos situados na rúa do Abrente 2, no concello de Mos. Para isto proxéctanse a instalación dun novo centro de seccionamento prefabricado de superficie independente e unha liña de media tensión subterránea que o alimentará.
Estas instalacións eléctricas, unha vez rematadas e antes da súa posta en servizo, serán obxecto de cesión á empresa distribuidora da zona, neste caso UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mos, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Mos e por AESA.
A Deputación Provincial de Pontevedra non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme ao disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.
3. O 1.8.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS, CS Rúa do Abrente 2.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240), de 378 metros de lonxitude, con orixe e final nos empalmes a realizar coa LMTS MOS707, entre o apoio A34YNCKC e o centro de seccionamento 36CX14, facendo entrada e saída no centro de seccionamento proxectado.
• Centro de seccionamento compacto en edificio prefabricado de formigón con tres funcións de liña e unha de servizos auxiliares (3L1A), SF6, 400 A, 24 kV para o telemando vía GPRS/3G.
A instalación está situada na rúa do Abrente 2, en Cerdedelo, no concello de Mos (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar a Charging Together, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CS Rúa do Abrente 2, expediente IN407A 2025/043-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberanse cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparamenta eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa distribuidora da zona será quen tramite a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado dirección final de obra subscrito por unha técnica ou un técnico facultativo competente no que conste que a instalación foi realizada de acordo con as especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica de aplicación á materia, segundo a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. Este certificado debe cumprir co establecido na Resolución do 12 de xuño de 2025 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se aproba o modelo oficial de certificado de instalación eléctrica en alta tensión, publicada no DOG do 24.6.2025 e na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas sobre os criterios a aplicar para exixir visado colexial en materias de industria e enerxía.
• Contrato de cesión entre Charging Together, S.L. (promotora) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (a entidade de transporte e distribución de enerxía eléctrica).
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 8 de agosto de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
