O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra resolveu, na súa reunión do 23.7.2025 aprobar o deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) de Roca e Rebordelo (Ponte Caldelas), con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.
Antecedentes e consideracións técnicas:
Primeiro O 26.9.2022 o presidente da CMVMC de Roca presenta unha solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Roca e a CMVMC de Rebordelo, ambas no concello de Ponte Caldelas.
Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:
– MVMC de Roca (ID: 3053) da CMVMC de Roca.
– MVMC de Rebordelo (ID: 3051) da CMVMC de Rebordelo.
Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (LMG):
– Acta do apeo do deslindamento do 19.9.2022.
– Acta de conciliación número 56/2022 entre as comunidades no Xulgado de Paz de Ponte Caldelas do 6.10.2022.
– Certificado do 21.3.2024, da secretaria da CMVMC de Roca, coa conformidade do presidente da aprobación en Asemblea Xeral do 5.2.2022.
– Certificado do 21.3.2024 da secretaria da CMVMC de Rebordelo coa conformidade do presidente da aprobación en Asemblea Xeral do 20.8.2022.
– Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829. Asinado o 26.9.2022 pola enxeñeira de montes colexiada núm. 2275.
– Informes de validación gráfica catastral con CSV: BN3951HNBV8CJPEN.
Segundo. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 649 metros e está composta polos seguintes puntos:
|
Punto |
X |
Y |
|
Punto 1. Lomba do Couto Vello |
540.979,91 |
4.690.352,90 |
|
Punto 2. Torreta LAT |
540.889,78 |
4.690.682,94 |
|
Punto 3. Costa |
540.909,01 |
4.690.845,22 |
|
Punto 4. Encontro da pista |
540.895,84 |
4.690.988,22 |
O deslindamento entre os ambos montes veciñais forma un tramo único.
Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos MVMC detéctase que existe colindancia entre ambos e considérase que non afecta terceiros propietarios.
A CMVMC de Roca ten o expediente de deslindamento DC22139 coa CMVMC de Barbudo e o expediente de deslindamento DC20003 coa CMVMC de Insua. O deslindamento actual compleméntase de xeito perfecto cos anteditos deslindamentos.
A liña do deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación das seguintes comunidades:
– CMVMC de Roca: ten o expediente de revisión de esbozo RE22029 que xa recolle o deslindamento actual.
– CMVMC de Rebordelo: presenta un axuste para enlazar o tramo deslindado co resto do esbozo.
O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da LMG, polo que propón a aprobación polo Xurado do deslindamento segundo a liña presentada.
Terceiro. O artigo 53 da LMG establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
Á vista do exposto, este xurado
RESOLVE:
Aprobar o deslindamento parcial entre as CMVMC de Roca e Rebordelo, ambas no concello de Ponte Caldelas, nos termos antes indicados.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da LPAC; ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses de acordo cos artigos 8 e 46 da LXCA.
Pontevedra, 3 de setembro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
