DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 29 de setembro de 2025 Páx. 51298

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 24 de setembro de 2025 pola que se acorda a ampliación dos prazos para a presentación de solicitudes e dos períodos de embarque obxecto de subvención da Orde do 1 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas para fomentar a remuda xeracional no sector pesqueiro, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) (código de procedemento PE610C).

O día 14 de agosto de 2025 publicouse no DOG núm. 155 a Orde do 1 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas para fomentar a remuda xeracional no sector pesqueiro, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) (código de procedemento PE610C).

Segundo o establecido no artigo 6.2, os períodos de embarque debían estar comprendidos entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de agosto de 2025, e segundo o establecido no artigo 8, o prazo de presentación de solicitudes finalizaría cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgotase o crédito orzamentario, o que sería obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería do Mar, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

b) O 30 de setembro de 2025.

O artigo 4 da convocatoria establece que poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas, armadoras de buques pesqueiros inscritos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta a data de remate do prazo de presentación de solicitudes e que algunhas das persoas destinatarias están na actualidade a realizar campañas de pesca fóra de España, resulta aconsellable, para promover e facilitar a súa participación neste procedemento, ampliar o prazo de presentación de solicitudes e o período de embarque subvencionable establecidos na convocatoria.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de prazos

1. Ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 8 ata o día 17 de outubro de 2025.

2. Ampliar os períodos de embarque obxecto de subvención que deberán estar comprendidos entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 17 de outubro de 2025.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025

Marta Villaverde Acuña
Consellería do Mar