En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 15 do Plan xeral de ordenación municipal no contorno do Vinquiño, no concello de Sanxenxo, mediante Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 16 de setembro de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2622&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2622
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 15 do Plan xeral de ordenación municipal no contorno do Vinquiño, no concello de Sanxenxo, Pontevedra (PTU-PO-23/072)
O Concello de Sanxenxo remite a modificación puntual (MP) de referencia, de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).
Analizada a documentación achegada o 4.7.2025, redactada por Monteoliva Arquitectura, S.L.P. en maio de 2025, e con dilixencia de ter sido aprobado provisionalmente polo Pleno en data 2.7.2025; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O Concello de Sanxenxo conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente polo Pleno do Concello o 27.2.2003 (DOG núm. 55, do 19 de marzo de 2003 e BOP núm. 55, do 20 de marzo). Consta unha rectificación do PXOM en execución de Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por Acordo do Pleno municipal do 27.5.2013 (DOG núm. 123, do 1 de xullo de 2013 e BOP núm. 117, do 19 de xuño).
2. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou mediante Resolución do 11.10.2023 o informe ambiental estratéxico (IAE) desta modificación puntual (expediente 2023AAE2821) no cal se resolve non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinario (DOG do 6.11.2023). Na fase de consultas de avaliación ambiental recibíronse os seguintes informes:
1º. Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 18.9.2023.
2º. Instituto de Estudos do Territorio, do 25.9.2023.
3º. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 23.8.2023.
4º. Axencia Galega de Infraestruturas, do 24.8.2023.
3. Constan informes sobre a suficiencia das infraestruturas e servizos existentes e previstos: do enxeñeiro técnico municipal (14.1.2023); Telefónica de España, S.A.U. (12.7.2023); Espina y Delfín, S.L. (14.7.2023); Orange Espagna, S.A.U (14.7.2023); Vodafone Ono, S.A.U. (26.7.2023); Nedgia Galicia, S.A. (28.8.2023) e UFD Distribución Electricidad, S.A (14.9.2023).
4. Constan informes municipais: técnico, xurídicos e de intervención, do día 24.4.2024.
5. A MP foi aprobada inicialmente por Acordo do Pleno do día 3.5.2024, someténdoa a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio publicado no DOG núm. 118, do 19.6.2024 e no xornal Faro de Vigo do 19.6.2024.
6. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, a Dirección Xeral de Urbanismo solicitou os informes sectoriais autonómicos. Constan recibidos os informes de: Axencia Galega de Infraestruturas, do 5.9.2024 e do 7.4.2025 (favorable condicionado); Instituto de Estudos do Territorio, do 19.9.2024; Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 18.9.2024 e do 15.4.2025 (favorable condicionado); e Augas de Galicia, do 22.10.2024 (requirimento).
7. Déuselle audiencia aos concellos limítrofes do Grove, Meaño e Poio, sen recibir resposta.
8. O concello solicitou os informes non autonómicos preceptivos. Constan os informes de: Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia, do 13.6.2024 (sen alegacións) e Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, do 27.6.2024 (favorable).
9. Constan informes municipais técnico e xurídico de secretaría e de intervención, do 26.6.2025.
10. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a MP en sesión do día 2.7.2025.
11. O día 4.7.2025 o Concello remite a documentación da MP para a súa aprobación definitiva, consonte os artigos 60.13 e 60.16 da LSG e aos artigos 144.13 e 144.16 do RLSG.
12. Consta informe da Dirección Xeral de Urbanismo en materia do Plan de ordenación do litoral do 11.9.2025.
II. Obxecto e descrición da modificación.
1. A modificación puntual ten por obxecto establecer a ordenación detallada de terreos cuxa ordenación no PXOM do 2003 foi anulada mediante sentenza xudicial; fomentar a conexión dos novos tecidos cos existentes, engadindo transversalidade; completar a delimitación do solo urbano, adaptada ás edificacións e infraestruturas existentes; ampliar as dotacións de espazos libres e aparcadoiro públicos; dispoñer de espazos aptos para a implantación de servizos hoteleiros e asistenciais; mellorar a integración paisaxística do desenvolvemento evitando localizacións de alta exposición visual, establecendo zonas verdes de transición e definindo pautas estéticas e compositivas.
2. A MP presenta un ámbito descontinuo, cunha superficie total de 102.116,30 m2, supoñendo:
– Nova delimitación do solo urbano no contorno do Vinquiño, atendendo á realidade construída e xustificando a consolidación dos tecidos.
– Adaptación da ordenanza 9 «edificación hoteleira ou comercial en edificio illado» do PXOM, incluíndo como uso permitido o de garaxe aparcadoiro da categoría 4ª Estación de servizo.
– Delimitación dun sector de solo urbanizable de uso global asistencial-hoteleiro con ordenación detallada para usos asistenciais dirixidos ás persoas maiores e dependentes, con maior superficie de reservas de aparcadoiro público e zona verde que as exixidas pola LSG.
III. Análise e consideracións.
1. As razóns de interese público en que se xustifica a modificación puntual, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG, fundaméntase na necesidade de achegar seguridade xurídica no relativo ás condicións urbanísticas dos terreos cuxa ordenación foi anulada por sentenza xudicial, dando resposta tamén á demanda de espazos terciarios, asistenciais, de espazos libres e aparcadoiro público.
2. Os informes sectoriais emitidos durante a tramitación son favorables ou púidose comprobar que se lles deu cumprimento.
3. Porén, corrixiranse as incongruencias na superficie do ámbito total da MP (99.590 m2 segundo figura na páxina 3 da memoria xustificativa e 102.116,30 m2 na páxina 2 da síntese); e a errata da páxina 13 da memoria xustificativa da carpeta 11.ORDET, substituíndo o equipamento «terciario asistencial» polo de «asistencial hoteleiro».
4. Compatibilidade co Plan de ordenación do litoral:
– Canto ás modificacións relativas a solo urbano consolidado e de núcleo rural, non se formulan observacións posto que, en virtude do artigo 3 da súa normativa, os terreos situados nestes tipos de solo resultan fóra do ámbito de aplicación do POL.
– No que atinxe á delimitación do solo urbanizable, trátase dun sector en continuidade co tecido urbano existente, situado na área continua de ordenación do POL, que é a considerada como apta para acoller os desenvolvementos urbanísticos como o formulado, sen afección a outras áreas descontinuas como corredores ecolóxicos ou espazos de interese, e sen incidencia na fronte litoral. Tampouco se observa na cartografía de usos e elementos para a valoración do POL afeccións que poidan condicionar o desenvolvemento, polo que non cabe obxección ningunha.
5. Adaptación ás normas técnicas de planeamento (NNTTPP) obsérvase:
– Os arquivos que non proceda incorporar deberanse nomear co código «_NP» ao seu remate no canto de «_NON PROCEDENCIA» (artigo 13.4 das NNTTPP). As carpetas non deben ter a nomenclatura «_NP», son os arquivos os que se nomean desa maneira, que deben ser específicos da non procedencia de cada un deles.
– Na carpeta 01.MX:
• O documento MX INDEX non recolle o anexo 03.6 do estudo de tráfico.
• A memoria xustificativa de adaptación ao ambiente e protección da paisaxe nomearase como anexo 1 rematado en 03.1ANX_PSX.
• O anexo do cumprimento da normativa sectorial debe rematar en SEC e non SECTORIAL.
• O anexo de síntese nomearase como anexo 3 rematado en 03.3_ANX_SINTESE.
• A ficha da vixencia de planeamento nomearase como anexo 4 rematado en 03.4ANX_VIXENCIA.
• O anexo «sentenza anulatoria», a falla de estrutura no anexo 4 das NNTTPP, nomearase seguindo a numeración (03.5).
– Na carpeta 05.PINF os arquivos incluídos deben codificarse segundo se establece no anexo 4 da NNTTPP coas terminacións 01USOS; 02RISCOS; 03TOPO; 04IOT_AFEC; 05.CAR; 06.AREAS_CONT; 07EVO_URB; 08SERV; 09IC e 10EL_EQ. No caso de incluír novas terminacións por necesidade do documento deberá continuarse coa numeración (por exemplo: 11SIT). No caso de non existiren algúns dos documentos, aparecerá un arquivo de texto coa terminación «_NP» no que se deixe constancia do motivo da falla.
– Na carpeta 06.PORD, o documento de ordenación e xestión do solo nomearase coa terminación «ORD» no lugar de «XES».
– Na carpeta 10.AAE:
• Segundo o establecido no artigo 11.1.c) das NNTTPP, aínda que algúns dos documentos (01DAE, 02ALT0, 02ALT1 e 02ALT2) veñan directamente da fase «Borrador do plan», os arquivos nomearanse segundo a codificación básica empregada para o documento na fase que corresponde co documento achegado (aprobación provisional).
• O informe ambiental estratéxico nomearase como «_03IAE» no lugar de «_05IAE».
– Na carpeta 11.ORDET:
• Xa a modificación puntual do PXOM inclúe ámbitos coa ordenación detallada, deben incorporarse as mesmas subcarpetas que os PP, ordenadas segundo o anexo 4 das NNTTPP e non incorporar todo como subcarpeta «SUAH01».
• Os arquivos que se incorporen dentro das subcarpetas que se establecen para o PP (que se descolgan da 11.ORDET) deben nomearse segundo o establecido para os PP, non debendo levar «SUAH01» na súa codificación.
• Os documentos das carpetas 02.PINF e 03.PORD deben nomearse segundo o anexo 4 das NNTTPP para os PP. No caso de incluír novas terminacións por necesidade do documento deberá continuarse coa numeración. No caso de non existiren algúns dos documentos aparecerá un arquivo de texto coa terminación «_NP» no que se deixe constancia do motivo da súa falla.
• Os documentos contidos na carpeta 07.AAE non varían con respecto aos incluídos na carpeta 10.AAE da MP, polo que, para evitar erros, recoméndase non volver incluílos e incorporar un arquivo no seu lugar onde se especifique en que lugar do documento se atopan.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución.
En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,
RESOLVO:
1. Aprobar definitivamente a Modificación puntual núm. 15 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo no contorno do Vinquiño, debendo corrixirse as eivas sinaladas no punto III.3. O documento que se xunte para a súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico deberá adaptarse ás Normas técnicas de planeamento emendando as deficiencias sinaladas no punto III.5.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
