DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 17 de outubro de 2025 Páx. 54337

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2025 pola que se modifican determinados prazos incluídos na Resolución do 26 de xuño de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde no contorno laboral da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

Mediante a Resolución do 26 de xuño de 2025 apróbanse as bases reguladoras e convócanse para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde no contorno laboral da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

A dita resolución recolle, entre outros, os seguintes prazos:

O número 4 do artigo 20 dispón:

«O prazo para solicitar a modificación do proxecto será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para a xustificación da primeira anualidade».

O número 1 do artigo 32 establece:

«O prazo de xustificación será, para a anualidade de 2025, ata o 15 de outubro de 2025 inclusive e, para a anualidade de 2026, ata o 15 de abril de 2026».

O número 2 do artigo 32 inclúe un novo prazo:

«Esta ampliación deberá solicitarse, como máximo, un (1) mes antes de que acabe o prazo de xustificación. Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación».

Debe terse en conta o elevado número de solicitudes presentadas ao abeiro deste procedemento e o obxecto das actuacións subvencionadas que requiren dun tempo de execución maior.

Así mesmo, hai que ter en conta as múltiples comunicacións dos participantes desta convocatoria de ter un maior prazo de xustificación.

Polo tanto, resulta necesaria a ampliación do prazo previsto no número 1 do artigo 32, polo que se estende o prazo de xustificación para a anualidade de 2025 do 15 de outubro de 2025 ao 15 de novembro de 2025, e queda o mesmo prazo para a anualidade 2026.

A anterior ampliación de prazo determina a necesidade de adaptar os prazos incluídos no número 4 do artigo 20 e o incluído no número 2 do artigo 32, dado que un mes antes do remate do prazo de xustificación dos investimentos daría lugar a que na maior parte dos casos excederían a anualidade orzamentaria 2025, o que determinaría a imposibilidade material de executar o orzamento.

Na súa consecuencia, o prazo dun mes indicado nos referidos artigos quedará adaptado a 15 días naturais.

Polo que respecta á ampliación de prazo prevista, o artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación se poderá acordar, de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

As bases reguladoras non conteñen precepto en contra da ampliación do prazo de xustificación.

A ampliación do prazo non causa prexuízo a terceiros.

En canto á adaptación de prazos prevista, xustifícana razóns de interese público, xa que permitirá a correcta execución orzamentaria dentro da anualidade 2025.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada e tendo en conta todo o exposto,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 26 de xuño de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde no contorno laboral da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B)

Modifícase o número 4 do artigo 20, que queda redactado como segue:

«O prazo para solicitar a modificación do proxecto será ata 15 días naturais anteriores á finalización do prazo para a xustificación da primeira anualidade».

Modifícase o número 1 do artigo 32, que queda redactado como segue:

«O prazo de xustificación será, para a anualidade de 2025, ata o 15 de novembro de 2025 inclusive e, para a anualidade de 2026, ata o 15 de abril de 2026».

Modifícase o número 2 do artigo 32, que queda redactado como segue:

«Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder unha ampliación do prazo de xustificación e de execución establecido que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como máximo, en quince (15) días naturais antes de que acabe o prazo de xustificación correspondente á anualidade 2025. Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2025

Alfredo Fernández Ríos
Director da Axencia Galega da Industria Forestal