En cumprimento do disposto no artigo 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva da modificación non substancial no ámbito das parcelas NE-1 e NE-2 do proxecto sectorial PS-6, área de usos complementarios, do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico Tecnolóxico do Mar nos terreos da Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), no concello de Vigo, mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de outubro de 2025, que literalmente di:
«Aprobar definitivamente a modificación non substancial no ámbito das parcelas NE-1 e NE-2 do proxecto sectorial PS-6, área de usos complementarios, do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico Tecnolóxico do Mar nos terreos da Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), no concello de Vigo».
A normativa da modificación non substancial incorpórase como anexo a esta resolución.
O contido íntegro da modificación non substancial está dispoñible no seguinte enderezo electrónico:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/es/territorio-y-urbanismo/registro-de-ordenacion-del-territorio-y-urbanismo/buscador
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2025
Mª Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Igualdade
ANEXO
Disposicións normativas
Normativa da modificación non substancial
Artigo 1. Ámbito
1. O ámbito da modificación non substancial corresponde ao perímetro das parcelas denominadas no proxecto sectorial PS-6 como NE-1 e NE-2 e a vía peonil proxectada entre ambas.
2. A normativa urbanística de aplicación no ámbito da modificación substancial é a contida no proxecto sectorial PS-6, agás a que se modifica nos seguintes termos, que será de aplicación exclusivamente na parcela resultante NE-1-2 no ámbito obxecto da modificación non substancial.
Artigo 2. Normas xerais en relación coas servidumes aeronáuticas
O ámbito atópase incluído nas zonas de servidumes aeronáuticas correspondentes ao aeroporto de Vigo. No plano que se anexa como anexo I a este documento, represéntanse as liñas de nivel das superficies limitadoras das servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo que afectan o devandito ámbito, as cales determinan as alturas (respecto ao nivel do mar) que non debe exceder ningunha construción ou instalación (incluídos todos os seus elementos como antenas, pararraios, chemineas, equipos de aire acondicionado, caixas de ascensores, carteis, remates decorativos, etc.), plantacións, modificacións do terreo ou obxectos fixos ou móbiles (postes, antenas, aeroxeradores incluídas as súas pas, carteis, etc.), así como o gálibo das infraestruturas viarias.
Artigo 3. Definicións
Para os efectos desta normativa, cantas veces se empreguen os termos que a seguir se indican, terán o significado que se expresa nos puntos seguintes:
a) Altura da edificación: a altura da edificación é a dimensión vertical dun edificio. Pola súa regulación poderase empregar unha ou ambas destas unidades de medida:
1. A distancia vertical en metros desde a rasante da rúa á que dea fronte a edificación, tomada no punto medio da fachada principal, e ata o nivel de cornixa, entendido este último como o da intersección da cara inferior do forxado ou entramado da estrutura da cuberta coa fachada do edificio.
2. Número total de plantas, nas cales se incluirán a planta baixa e as plantas piso.
b) Planta semisoto: enténdese por semisoto aquela planta que ten o solo por debaixo da rasante e a cara superior do forxado do teito por riba da rasante. Considérase planta baixo rasante.
Artigo 4. Normas de uso
• Clase asistencial queda definida nos seguintes termos: aquela que comprende a prestación de asistencia non especificamente sanitaria ás persoas, mediante os servizos sociais:
– Centros de servizos sociais sen residencia colectiva, de titularidade pública ou privada, tales como clubs de anciáns, garderías, etc.
– Centros de servizos sociais con residencia colectiva, de titularidade pública ou privada, tales como residencias de maiores ou persoas dependentes, ou outros que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.
Artigo 5. Normas comúns de edificación
Superficie edificable.
Para os efectos do seu cálculo establécense as seguintes determinacións:
a) Considéranse elementos computables:
– A superficie edificada en todas as plantas do edificio con independencia do uso a que se destinen, incluída a planta baixo cuberta.
– As terrazas, balcóns ou corpos voados que dispoñan de cerramentos.
– As construcións secundarias permitidas sobre espazos libres de parcela sempre que da disposición do seu cerramento e dos materiais e sistemas de construción empregados poida deducirse que se consolida un volume pechado e de carácter permanente.
b) Considéranse elementos excluídos do cómputo:
– Os patios interiores descubertos.
– Os soportais e plantas diáfanas porticadas; que en ningún caso poderán ser obxecto de posterior cerramento que supoña superar a superficie máxima edificable.
– Os elementos de remate de cuberta e os que corresponden a escaleiras, aparatos elevadores ou elementos propios das instalacións técnicas (tanques de almacenamento, acondicionadores, torres de proceso, placas de captacións de enerxía solar, chemineas, etc.).
– Os sotos e semisotos destinados exclusivamente a aparcamentos e instalacións de calefacción, electricidade ou análogas. Teñen a consideración de análogas as dependencias da área de servizos xerais de residencias de maiores definidas no anexo I da Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores.
Artigo 6. Ordenanza 2. Outras áreas edificables
As normas particulares da edificación de aplicación no ámbito da modificación substancial é a contida no PS-6, agás a que se modifica nos seguintes termos, que será de aplicación exclusivamente na parcela resultante NE-1-2 no ámbito obxecto da modificación non substancial:
Condicións de volume:
Edificabilidade: a superficie edificable máxima será de 10.200,00 m² na parcela NE-1-2.
