Expediente: IN407A 2025/008-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Proxecto: LMT, CTC e RBT Faísca.
Concello: Narón.
Feitos:
1. O día 17.1.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de substituír un CT existente por se atopar en avanzado estado de deterioración.
Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto, que inclúe os planos e o orzamento, e que comprende os seguintes documentos:
1º. Proxecto de execución denominado LMT, CTC e RBT Faísca (Narón), asinado por David Núñez Fernández, enxeñeiro industrial, núm. de colexiado 1534 de Galicia, o 13.1.2025.
2º. Contestación ao requirimento, asinado por David Núñez Fernández, enxeñeiro industrial especialidade Electricidade, núm. de colexiado 1534 de Galicia, o 9.7.2025.
3º. Relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada.
2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:
• Portal de transparencia e G+oberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
• DOG: 18.7.2025.
• BOP: 24.7.2025.
• Xornal La Voz de Galicia: 8.7.2025 (Ed. Ferrol).
• Taboleiro de anuncios do Concello: segundo o certificado municipal do 3.9.2025.
3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.
4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Narón e Deputación Provincial da Coruña. No día desta resolución, non consta no expediente resposta ás solicitudes de informes.
5. O día 8.10.2025 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
2. Lexislación de aplicación
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).
• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).
• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).
• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).
3. Características técnicas:
As instalacións obxecto deste expediente están situadas na avenida Souto Vizoso núm. 191D, no concello de Narón, e as súas características técnicas son as seguintes:
• Centro de transformación compacto manobra exterior 2L+1P, cunha potencia de 400 kVA e unha relación de transformación 15.000/400 V, en substitución do actual CT Faísca -15 CP74 da mesma potencia, que se desmantela.
• Liña eléctrica de media tensión aérea de dobre circuíto, a 15 kV, cunha lonxitude de 0,051 km, condutor LA-110 mm2, con orixe no apoio existente núm. D9 da LMTA DC CRN705-CRN709 e final no novo apoio proxectado núm. D10, que se instalará na actual localización do CT Faísca.
• Tramo soterrado de liña da CRN709, a 15 kV, cunha lonxitude de 0,082 km, condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×240 mm², con orixe no PAS que se instalará no apoio proxectado núm. D10 e final nos empalmes que se realizarán na LMTS existente, despois de facer entrada e saída no CT proxectado.
• Tramo soterrado de liña da CRN705, a 15 kV, cunha lonxitude de 0,023 km, condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×240 mm², con orixe no PAS que se instalará no apoio proxectado núm. D10 e final nos empalmes que se realizarán na LMTS existente.
4. Do visto na visita realizada o 3.10.2025 non se atopa ningunha limitación das indicadas no artigo 161.1 do Real decreto 1955/2000 para impor servidumes de paso.
5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
Consonte con todo o sinalado,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
B) As instalacións deberán obter a autorización de explotación antes do 1 de xaneiro de 2026, segundo o indicado no artigo 13.9.a) do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, agás que se xustifique algunha das excepcións indicadas no dito artigo 13.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia da persoa interesada, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.
A Coruña, 13 de outubro de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
ANEXO
Relación de bens e dereitos afectados. Concello de Narón. LMT, CTC e RBT Faísca
|
Núm. parcela |
Lugar e referencia catastral |
Cultivo |
Propietario/a |
Afección de solo en pleno dominio |
Afección de solo por servidume de paso de enerxía eléctrica |
||||
|
Apoio núm. |
m2 |
ml aér. |
ml sot. |
m2 aér. |
m2 sot. |
||||
|
1 |
Avda. Souto Vizoso Ref. catastral: 6167281NJ6166N0000IJ |
Prado |
María Luisa Seselle Girgado Tomás Rodríguez Palomares |
CTC |
17,0 |
||||
Abreviacións:
ml aér.: lonxitude da servidume aérea en metros lineais.
m2 aér.: superficie de servidume aérea en m2.
ml sot.: lonxitude da servidume soterrada en metros lineais.
m2 sot.: superficie de servidume soterrada.
