Camilo José García Puertas Magariños, letrado da Administración de Xustiza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra, por este edicto,
Anuncio:
Que no procedemento ordinario 156/2024, seguido ante este xulgado por instancia de Eugenio Costas Martínez contra o Acordo ditado o 1 de abril de 2024 pola Xunta de Goberno Local do Concello de Cangas, desestimatorio do recurso de reposición interposto fronte á Resolución ditada o 2 de outubro de 2023 polo mesmo órgano no expediente 6035/2021, expúxose cuestión de ilegalidade fronte ao acto de aprobación definitiva do estudo de detalle en Cimadevila Darbo, aprobado definitivamente polo Pleno da Corporación do Concello de Cangas en sesión do 2 de decembro de 2005, publicado no DOG do 17 de xaneiro de 2006, ditándose resolución do seguinte teor literal:
«AUTO
Pontevedra, 10 de outubro de 2025
Antecedentes de feito:
Único. Con data do 31 de xullo de 2025 recaeu sentenza en cuxa parte dispositiva disponse: “Estimo integramente o recurso contencioso-administrativo interposto polo procurador Luis Valdés Albillo, en nome e representación de Eugenio Costas Martínez, fronte ao Acordo ditado o día 1 de abril de 2024 pola Xunta de Goberno Local do Concello de Cangas do Morrazo, que desestima o recurso de reposición interposto fronte á Resolución, ditada polo mesmo órgano, do 2 de outubro de 2023, que aproba definitivamente o proxecto de urbanización do predio Escote, sita en Cima da Vila e, indirectamente, o acto de aprobación definitiva do estudo de detalle en Cimadevila Darbo, aprobado definitivamente polo Pleno desa corporación en sesión do 2 de decembro de 2005, publicado no DOG do 17 de xaneiro de 2006 e no BOP de Pontevedra do 20 de xaneiro de 2006.
Anulo e revogo o acto administrativo directamente impugnado por resultar contrario a dereito, deixándoo sen efecto, sen prexuízo da formulación da cuestión de ilegalidade unha vez que a presente resolución sexa firme.
Sen imposición das custas procesuais”.
A sentenza foi declarada firme en virtude de dilixencia de ordenación do 1 de outubro de 2025.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. Dispón o artigo 27.1 LXCA que “Cando un xuíz ou tribunal do contencioso-administrativo ditase sentenza firme estimatoria por considerar ilegal o contido da disposición xeral aplicada, deberá expor a cuestión de ilegalidade ante o tribunal competente para coñecer do recurso directo contra a disposición”.
Engade o artigo 123 da mesma lei que “1. O xuíz ou tribunal exporá, mediante auto, a cuestión de ilegalidade prevista no artigo 27.1 dentro dos cinco días seguintes a que conste nas actuacións a firmeza da sentenza. A cuestión terá que cinguirse exclusivamente a aquel ou aqueles preceptos regulamentarios cuxa declaración de ilegalidade servise de base para a estimación da demanda. Contra o auto de formulación non se dará recurso ningún. 2. Neste auto acordarase emprazar as partes para que, no prazo de quince días, poidan comparecer e formular alegacións ante o tribunal competente para ditaminar a cuestión. Transcorrido este prazo, non se admitirá a comparecencia”.
E preceptúa o artigo 124 LXCA que “1. Exposta a cuestión, o secretario xudicial remitirá urxentemente, xunto coa certificación do auto de formulación, copia testemuñada dos autos principais e do expediente administrativo. 2. Acordará igualmente a publicación do auto de formulación da cuestión no mesmo xornal oficial en que o fose a disposición cuestionada”.
Por último, o artigo 126.5 LXCA precisa que “A sentenza que resolva a cuestión de ilegalidade non afectará a situación xurídica concreta derivada da sentenza ditada polo xuíz ou tribunal que expuxo aquela”.
Segundo. Expónselle a cuestión de ilegalidade á Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao recaer nela a competencia para coñecer do recurso directo fronte á disposición xeral municipal cuestionada (artigo 10.1.b LXCA).
Cuestiónase a legalidade do acto de aprobación definitiva do estudo de detalle en Cimadevila Darbo, aprobado definitivamente polo Pleno desa corporación en sesión do 2 de decembro de 2005, publicado no DOG do 17 de xaneiro de 2006 e no BOP de Pontevedra do 20 de xaneiro de 2006.
Tal e como se dispuxo na Resolución do 31 de xullo de 2025, “Os estudos de detalle considéranse instrumentos complementarios ao planeamento, que teñen como obxecto completar a ordenación, alí onde sexa necesario, para definir aliñacións e rasantes ou axustar ou adaptar os xa definidos polos plans, ou para a ordenación dos volumes. A xurisprudencia xa vén afirmando a natureza dos estudos de detalle como auténticas disposicións xerais.
Desta forma, a Sentenza do Tribunal Supremo (rec. 1612/1992) afirma que “Os estudos de detalle constitúen un dos instrumentos do planeamento urbanístico, aínda que ocupan o último lugar dese escalafón, polo que en virtude do principio de xerarquía normativa non poden infrinxir ou contradicir as determinacións dos demais plans de rango superior e, polo tanto, as normas subsidiarias de planeamento, sendo en función, a teor do disposto nese artigo 14 da Lei do solo e no 65 do Regulamento de planeamento urbanístico, como reiterou a nosa doutrina xurisprudencial completar ou, se é o caso, adaptar as determinacións establecidas no planeamento xerarquicamente superior coa estrita e única finalidade precisada nas letras a) e b) do citado artigo 14.2 da Lei do solo, pero sen alterar as determinacións do plan ou norma subsidiarias nin desbordar o seu contido e todos os elementos integrantes da regulamentación do uso dos terreos han de ser respectados polo estudo de detalle, que repetimos, sempre é mero complemento ou adaptación do instrumento urbanístico de planeamento superior.
No suposto de litis, impúgnase un proxecto de urbanización, o cal ten como orzamento o estudo de detalle que, á súa vez, é impugnado indirectamente, de xeito que a impugnación indirecta só é posible cando existe unha disposición xeral previa, como é o caso, de xeito que non pode estimarse a inadmisibilidade que se alega por parte do Concello de Cangas do Morrazo, debendo analizar os distintos motivos de impugnación sobre os que a parte demandante fundamenta o seu escrito de demanda”.
En atención ao exposto,
DISPOÑO:
Expor cuestión de ilegalidade ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fronte ao acto de aprobación definitiva do estudo de detalle en Cimadevila Darbo, aprobado definitivamente polo Pleno desa corporación en sesión do 2 de decembro de 2005, publicado no DOG do 17 de xaneiro de 2006 e no BOP de Pontevedra do 20 de xaneiro de 2006.
Emprácese as partes para que, no prazo de quince días, poidan comparecer e formular alegacións ante a referida sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Remítanse as actuacións ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nos termos establecidos no artigo 124 da Lei xurisdicional 29/1998.
Levar testemuño desta resolución aos autos principais, e notifíquese ás partes, facéndolles saber que contra esta non cabe recurso ningún.
Por esta a miña resolución, pronúnciao, mándao e asínao Inés Nicolás Herrero, maxistrada titular do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra».
E como consecuencia do acordado, expídese este edicto para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Pontevedra, 10 de outubro de 2025
Camilo José García Puertas Magariños
Letrado da Administración de xustiza do Xulgado do
Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra
