Antecedentes:
Primeiro. Mediante a Orde do 16 de xaneiro de 2025, da Consellería de Economía e Industria, declaráronse francos os terreos e se convocou o concurso público relativo a dereitos mineiros caducados correspondentes á provincia da Lugo (DOG núm. 11, do 17.1.2025, e BOE núm. 56, do 6.3.2025) e a corrección de erros de 31 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 21, do 31.1.2025).
Segundo. Mediante a Orde do 7 de maio de 2025 procedeuse a designar as persoas integrantes da mesa para a apertura e a admisión de solicitudes do dito concurso público, así como os seus suplentes.
Terceiro. O 20.5.2025 tivo lugar o acto de constitución da mesa para a apertura e admisión de solicitudes, en sesión ordinaria celebrada ás 10.00, na sala de xuntas da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria; coa asistencia dos membros previstos no artigo 36 da Lei 3/2008, do 23 de maio, e designados na Orde do 7 de maio de 2025.
Cuarto. Durante a celebración da sesión ordinaria do 20.5.2025 procedeuse á lectura do anuncio da convocatoria de concurso público de dereitos mineiros caducados na provincia de Lugo, así como á comprobación dos arquivos electrónicos denominados solicitude e sobre 1.
No sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (SILEX) non quedou constancia de solicitudes rexistradas dentro do prazo e da hora establecidas para o efecto, segundo certificado emitido o 13.5.2025.
Tendo en conta o anterior, o 27.5.2025 asínase a correspondente acta da sesión ordinaria de apertura e admisión de solicitudes relativas á Orde do 16 de xaneiro de 2025, en que se propón declarar deserto o concurso de dereitos mineiros relativo á provincia de Lugo e rexistrables todos os terreos obxecto do devandito concurso.
Quinto. Con data do 2.6.2025 ten entrada no rexistro electrónico da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, a proposta elevada pola mesa do concurso do 2.6.2025, acompañada da acta da sesión do día 20.5.2025, na que se propón declarar deserto o concurso público de dereitos mineiros caducados correspondentes á provincia de Lugo, convocado mediante a Orde do 16 de xaneiro de 2025, e rexistrables os terreos obxecto do dito concurso, ao non terse presentado ningunha solicitude.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A persoa titular da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este procedemento consonte o establecido nos artigos 16 e 36.4 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia; competencia delegada na persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, de acordo co artigo 11.3 da Orde do 4 de novembro de 2024 sobre delegación de competencias en diversos órganos da dita consellería.
Segundo. O punto 5 do artigo 36 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, sinala que «de non se admitir ningunha das solicitudes presentadas, o concurso declararase deserto e os terreos non adxudicados serán declarados rexistrables», engadindo que «esa declaración deberase publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, coa indicación de que poderán ser solicitados logo de transcorridos oito días desde a publicación no Boletín Oficial del Estado».
Terceiro. A base sétima do concurso público de referencia, na liña do disposto nos puntos 1 e 4 do artigo 36 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, establece que a resolución ditada polo órgano competente declarará rexistrables os terreos obxecto do concurso respecto dos que non se presentase ou non fose admitida ningunha solicitude.
Cuarto. A tramitación do expediente administrativo, reflectida nos antecedentes desta resolución, levouse a cabo a través das actuacións concretas que constan na proposta de resolución da mesa do concurso, na acta da reunión da mesa do 20.5.2025 e na demais documentación incorporada ao expediente; mediante a observación do disposto nas bases do concurso público referido, nos preceptos aplicables previstos na Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minería de Galicia, así como nas demais disposicións legais de pertinente e xeral aplicación.
De acordo co que antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar deserto o concurso público relativo aos dereitos mineiros caducados correspondentes á provincia de Lugo, convocado mediante a Orde do 16 de xaneiro de 2025, ao non terse presentado ningunha solicitude.
Segundo. Declarar rexistrables os terreos que foron declarados francos na Orde do 16 de xaneiro de 2025, que poderán ser solicitados logo de que transcorran oito días desde a publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.
Terceiro. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa última publicación no Diario Oficial de Galicia ou no Boletín Oficial del Estado, consonte ao establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2025
A conselleira de Economía e Industria
P.D. (Orde do 4.11.2024; DOG núm. 217, do 11 de novembro)
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
