A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, conforme o Convenio europeo da Paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.
O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe.
O Instituto de Estudos do Territorio (IET) ten asignado o papel de líder no proxecto Interreg Europe GIFT, no que participan outros nove socios e tres autoridades políticas asociadas, con sede en oito países europeos (Suecia, Bélxica, Países Baixos, Alemaña, Italia, Eslovenia, Letonia e Croacia), durante un período de catro anos (1.3.2023-28.2.2027).
O dito proxecto está cofinanciado, no marco do programa Interreg Europe, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), segundo a regulación do Consello e o Parlamento, para o período de programación 2021-2027.
Trátase dun programa de cooperación interrexional que promove a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe de políticas entre beneficiarios de distintos países.
Neste contexto, a política pública identificada en Galicia é a paisaxística (Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento).
Para que a Infraestrutura Verde e a paisaxe alcancen unha calidade óptima, considerouse que en Galicia será necesario abordar problemas tales como a perda de valores paisaxísticos e a diminución da biodiversidade asociada, evidentes nas zonas de recente reestruturación parcelaria, nas incendiadas e nas ocupadas por monocultivos de eucalipto.
Con este fin, e baseándose nas experiencias aprendidas durante o proceso interrexional de intercambios de experiencias, o IET decidiu «aprender facendo», é dicir, implementar unha acción piloto en Galicia, denominada Green InfrasTREEcture in the Landscape, que foi aprobada polo Interreg Europe Monitoring Committee, o día 6 de xuño de 2025. Se os resultados son satisfactorios, as experiencias poderán incorporarse á política de xestión da paisaxe en Galicia.
A acción piloto, que se desenvolverá entre setembro de 2025 e agosto de 2026, constará de catro actividades, dúas das cales se levarán a cabo coa colaboración activa das partes interesadas e a poboación local. A primeira actividade é a seguinte:
– Actividade 1. Restauración, mantemento e seguimento de sebes para crear corredores ecolóxicos que favorezan a conectividade, nos bordos dos camiños agrícolas de nova execución, na zona de reestrutura parcelaria de Fisteus (Curtis).
En relación a esta, o IET pretende implicar directamente os propietarios dos predios de substitución da zona de concentración/reestruturación parcelaria de Fisteus (Curtis) no coidado e na protección da contorna natural e paisaxística, promovendo a súa participación no concurso A Liga das Sebes.
Nesta actividade tamén participa a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural mediante o acordo de colaboración, asinado o 18 de setembro de 2025, para desenvolver esta acción, co fin de mellorar a conectividade ecolóxica destes elementos paisaxísticos tradicionais nos camiños de nova creación.
Deste xeito, foméntanse tanto a gobernanza como a coordinación da política en materia de paisaxe na Comunidade Autónoma de Galicia, cunha cultura de dignificación do territorio galego, no que a participación social resulta estratéxica e os beneficios redundan na integridade e na sustentabilidade dos recursos naturais galegos, en sintonía cos 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable e os obxectivos da Unión Europea para o ano 2050 de redución de emisións.
En consecuencia, no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Primeira. Obxecto
1. O obxecto desta convocatoria é regular a participación das persoas titulares de predios de substitución na Zona de Concentración/Reestruturación Parcelaria (ZCP) de Fisteus (Curtis) que desexen colaborar na restauración ecolóxica dos bordos de camiños mediante a plantación de sebes vexetais con especies autóctonas.
2. Esta actuación está promovida pola Xunta de Galicia, no marco do proxecto europeo GIFT Green Infrastructure for Forest and Trees, e comprende a subministración de planta autóctona, materiais de apoio, asesoramento e sinalización interpretativa.
Segunda. Persoas destinatarias e ámbito da actuación
Poderán participar as persoas físicas ou xurídicas propietarias de predios de substitución de superficie agraria útil na zona de concentración/reestruturación parcelaria de Fisteus e que limiten con camiños.
A comprobación da titularidade dos predios realizaraa de oficio a Administración autonómica.
Terceira. Compromisos
1. A Administración adquire o compromiso de lles entregar aos participantes que o soliciten e resulten seleccionados o seguinte:
a) Planta autóctona (árbores e arbustos).
b) Estacas ou proteccións básicas (se fose preciso).
c) Asesoramento técnico individualizado.
2. As persoas beneficiarias adquiren os compromisos que se indican:
a) Participar nas xornadas de formación e recibir o material vexetal asignado.
b) Plantar e manter as sebes vexetais durante un período mínimo de 5 anos desde a entrega de material vexetal. Empregaranse unicamente as especies subministradas no marco desta actividade.
c) Facilitar o seguimento técnico por parte da organización e/ou unidade administrativa responsable.
d) Compartir imaxes e descricións das súas intervencións que conteñan a seguinte información mínima:
– Localización xeográfica (lonxitude, latitude).
– Data e hora das capturas.
– Información sobre os predios de substitución.
– Identificación das árbores e/ou arbustos.
A participación é voluntaria e gratuíta.
Cuarta. Criterios de selección e límites
Só se admitirán as solicitudes que cumpran con todas as bases desta convocatoria ata esgotar o material dispoñible. En caso de que, pola limitación de material, non poidan atenderse todas as solicitudes, aplicaranse os seguintes criterios de prelación pola orde que a continuación se indica:
1. Lonxitude de lindeiros con camiños abertos nos procedementos de concentración parcelaria (criterio de restauración paisaxística urxente).
2. Contigüidade de predios de substitución para favorecer a conectividade ecolóxica.
3. Predios pertencentes a explotacións inscritas no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia (Reaga).
4. Situación en zonas de alta visibilidade ou valor paisaxístico.
5. Orde de inscrición.
Quinta. Inscrición e prazos
1. A solicitude de inscrición presentarase preferiblemente por vía electrónica mediante o formulario que estará dispoñible en https://apunta.xunta.gal/
Opcionalmente, poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As solicitudes subscribiranas as persoas interesadas ou as persoas que acrediten a súa representación, por calquera dos medios establecidos no artigo 32 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.
2. Os participantes recibirán unha confirmación da presentación na súa conta de correo no momento da inscrición.
3. O prazo de presentación comezará o mesmo día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de decembro de 2025.
Sexta. Instrución
1. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Estudos do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución.
Sétima. Resolución
1. O Instituto de Estudos do Territorio será o responsable da selección dos participantes, con base nos criterios indicados na base cuarta. No proceso de selección poderá contar coa colaboración da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, de conformidade co previsto no Acordo de colaboración do 18 de setembro de 2025.
2. A Dirección do IET ditará e notificará a resolución correspondente no prazo máximo de tres meses desde o remate do prazo de presentación. O sentido do silencio administrativo será desestimatorio.
3. Contra a resolución ditada pola persoa titular da dirección do Instituto de Estudos do Territorio poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da presidencia do dito organismo. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.
Oitava. Execución
A execución das plantacións realizarase mediante un calendario, que será facilitado aos participantes seleccionados. Na execución da plantación teranse en conta os padróns de referencia para a composición das sebes vivas, adaptados a criterios produtivos e ambientais, e que serán facilitados polo equipo técnico.
Novena. Seguimento, mantemento e formación
1. As plantacións serán mantidas e coidadas polos participantes seleccionados durante un prazo de cinco anos. O equipo técnico realizará visitas periódicas para verificar a correcta execución e a evolución das plantacións.
2. Cada participante recibirá material informativo e divulgativo e será invitado a participar nas xornadas formativas que se organicen.
Décima. Recoñecemento final
1. Entre todas as persoas participantes, valoraranse os resultados das boas prácticas na conservación e no coidado das sebes. Antes de finalizar agosto de 2026, as sebes máis destacadas recibirán un recoñecemento, por parte da Administración, de carácter público, como exemplo de boas prácticas ambientais e paisaxísticas. Este recoñecemento consistirá na entrega dun distintivo simbólico e non terá contido económico.
Para concedelo, teranse en conta aspectos como o valor estético, a integración paisaxística, a diversidade das especies, a funcionalidade e a conectividade ecolóxica, o deseño ou a xestión creativa.
2. Os membros do xurado serán seleccionados pola Dirección do IET entre o grupo de axentes territoriais interesados do proxecto GIFT (stakeholders) e outras entidades implicadas na Liga das Sebes.
3. A entrega de distintivos terá lugar nun acto público e os resultados dos proxectos destacados publicaranse no visor da Guía de valados de Galicia:
https://mapas.xunta.gal/visores/valados/
Décimo primeira. Condicionalidade PAC e encaixe normativo
1. Esta iniciativa contribúe ao cumprimento da BCAM 8 de mantemento de elementos paisaxísticos e poderá ser valorada positivamente para a percepción de axudas da PAC no futuro, sempre que se cumpra a normativa e se manteña a estrutura funcional.
2. O mantemento de elementos da paisaxe, como sebes e lindes, é unha boa condición agraria e ambiental da terra recollida no anexo II do Real decreto 1049/2022, polo que se establecen as normas para a aplicación da condicionalidade reforzada e social que deben cumprir as persoas beneficiarias das axudas no marco da política agraria común.
Décimo segunda. Protección de datos
Os datos das persoas solicitantes serán tratados conforme o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa de aplicación na materia, e só para os fins desta convocatoria.
Décimo terceira. Aceptación das bases
A participación na Liga das Sebes implica a aceptación íntegra destas bases.
Décimo cuarta. Normativa reguladora
Ademais do previsto na presente resolución, aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento, así como supletoriamente as disposicións da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
Décimo quinta. Efectos
Esta resolución producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio
