DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 27 de novembro de 2025 Páx. 61109

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de novembro de 2025 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga de ámbito estatal convocada pola Federación de Atención á Cidadanía da Unión Sindical Obreira (FAC-USO) para o día 28 de novembro de 2025, que afecta o persoal técnico en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) que presta servizo nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.

A Federación de Atención á Cidadanía da Unión Sindical Obreira (FAC-USO) comunicou a convocatoria dunha folga de ámbito nacional, con excepción das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, que afectará, con carácter xeral, todo o persoal técnico en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) do Sistema nacional de saúde, e que se desenvolverá desde as 8.00 horas do día 28 de novembro de 2025 ata as 8.00 horas do día 29 de novembro de 2025.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde, circunscrita ao ámbito da asistencia sanitaria pública.

Os técnicos en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) constitúen un colectivo esencial para a prestación de coidados básicos e imprescindibles aos pacientes hospitalizados e á poboación atendida nos servizos sanitarios.

A ausencia de TCAE durante unha xornada de folga pode derivar en riscos significativos para a saúde de pacientes vulnerables, como hospitalizados, crónicos ou atendidos en urxencias, xa que os coidados que prestan non poden ser aprazados nin substituídos por outros profesionais sen a formación específica necesaria.

Polo exposto, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E, ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

En consecuencia, para a determinación dos servizos esenciais tivéronse en conta os seguintes factores: o risco para os pacientes, a consecuente afectación da folga á actividade asistencial e o volume da poboación atendida en cada centro de traballo.

Por iso, deben manterse os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible ás persoas pacientes hospitalizadas, así como a atención urxente e permanente ás persoas usuarias e aos servizos sanitarios que non poden aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde. Estes criterios xa foron establecidos en folgas anteriores e responden á necesidade de garantir a asistencia sanitaria esencial en días laborables.

Á hora de determinar as presenzas necesarias para cubrir os servizos mínimos, debe terse en conta que a organización da asistencia sanitaria en cada área se basea en criterios poboacionais. O número de habitantes, a súa distribución por idades, o grao de dispersión territorial, así como se se trata dun contorno urbano, semiurbano ou rural, e as isócronas de acceso aos centros asistenciais (centros de saúde, PAC e hospitais) condicionan de maneira directa a planificación e a cobertura das necesidades sanitarias.

Por este motivo, non é posible aplicar un patrón único para establecer os servizos mínimos do persoal sanitario e non sanitario durante unha xornada de folga. Son as xerencias das áreas sanitarias as que, atendendo á súa realidade asistencial, propoñen as presenzas necesarias para garantir tanto o exercicio do dereito de folga coma o dereito da poboación a recibir unha atención adecuada.

En consecuencia, as diferenzas nos servizos mínimos entre centros non responden a criterios distintos, senón ás variacións existentes na organización da actividade, na demanda asistencial e na propia estrutura funcional e física de cada centro de atención especializada.

De acordo coa motivación anterior, establécense os seguintes criterios reitores para o mantemento dos servizos esenciais nos centros de traballo e nas institucións afectadas:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención das persoas usuarias que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

Nos ámbitos sinalados resulta imprescindible garantir o 100 % da actividade urxente, xa que se trata dunha actividade non programable e, polo tanto, imprevisible. Dado que nestas situacións é necesario ofrecer unha resposta asistencial inmediata, debe manterse a dotación de persoal establecida para os supostos de urxencia. Cómpre lembrar, ademais, que a atención urxente require un traballo necesariamente en equipo, que non se pode realizar sen a participación conxunta de todo o persoal implicado, entre o cal se atopa o persoal técnico en coidados auxiliares de enfermaría.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados das persoas pacientes hospitalizadas, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito das consultas estableceranse servizos mínimos nun dobre ámbito:

– Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

– Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables das persoas pacientes oncolóxicas que requiran tratamento citostático, incluídas as desprazadas.

4. No ámbito dos servizos centrais garantirase a realización das probas complementarias urxentes e aquelas que afecten as persoas enfermas hospitalizadas que, ao criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado das persoas pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

Artigo 2

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllese o número de efectivos precisos para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

A relación de persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro ou entidade con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos -que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio- será determinada pola respectiva institución e notificada aos/ás profesionais designados/as.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán sancionados con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Provincia da Coruña

Área Sanitaria da Coruña e Cee.

– Servizos sanitarios de atención hospitalaria.

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

297

159

123

Hospital Virxe da Xunqueira-Cee.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

15

10

6

Área Sanitaria de Ferrol.

– Servizos sanitarios de atención hospitalaria.

Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Novoa Santos.

Servicios mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

90

51

42

Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

– Servizos sanitarios de atención hospitalaria.

Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

212

140

91

Hospital Público da Barbanza.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

20

16

8

Provincia de Lugo

Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

– Servizos sanitarios de atención hospitalaria.

Complexo Hospitalario Lucus Augusti.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

110

76

51

Hospital Público de Monforte.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

15

14

9

Hospital Público da Mariña.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

31

23

14

Provincia de Ourense

Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

– Servizos sanitarios de atención hospitalaria.

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

132

106

77

Hospital de Verín.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

8

7

5

Hospital Público de Valdeorras.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

15

11

6

Provincia de Pontevedra

Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

– Servizos sanitarios de atención hospitalaria

Complexo Hospitalario de Pontevedra

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

99

67

51

Hospital do Salnés

Servizos mínimos

Maña

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

17

15

12

Área Sanitaria de Vigo

– Servizos sanitarios de atención hospitalaria

Complexo Hospitalario de Vigo

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal sanitario FP

Técnico/a coidados auxiliares de enfermaría

208

148

96

Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

Servizos mínimos

Localidade

Servizo

Categoría

Mañá

Tarde

Noite

Vigo

Medicina nuclear-PET

TCAE

1

-

-

Oncoloxía radioterápica

TCAE

2

1

-