O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental o dereito á folga.
Así mesmo, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, establece que, cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.
Ademais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras a STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfagan dereitos e intereses da cidadanía vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG número 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.
O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.
O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación.
A Federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas, Centros de Chamadas e TIC da Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria dunha folga que afectará todo o persoal da empresa Indra Gestión de Usuarios, adscrito aos centros de traballo que a mercantil posúe en Galicia.
A folga desenvolverase os días 28 de novembro e 1 e 2 de decembro, no horario comprendido entre as 00.00 e as 23.59 horas de cada unha das xornadas convocadas.
A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde teñen formalizados co grupo empresarial Indra varios contratos de servizos que dan soporte aos servizos de saúde, e que poden verse afectados pola convocatoria da folga. Por tal motivo, resulta procedente o establecemento dos correspondentes servizos mínimos que garantan a continuidade da prestación sanitaria.
En particular, a empresa Indra Gestión de Usuarios presta o servizo de atención telefónica a todos os centros de saúde e unidades administrativas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, constituíndo un servizo esencial para o funcionamento ordinario e urxente da atención sanitaria.
No devandito contrato están asignadas 25 persoas, traballando en quendas de mañá, tarde e noite todos os días do ano, atendendo máis de 20.000 chamadas mensuais e resolvendo un número semellante de incidencias.
Do seu traballo depende a habilitación do acceso de usuarios, atención a incidencias de todo tipo, revisión do estado e correcto funcionamento dos sistemas, aplicacións e plataformas utilizadas nestes ámbitos, así como as aplicacións móbiles postas ao dispor da cidadanía, entre outras moitas tarefas esenciais para a correcta actividade sanitaria e prestación de servizos en liña á cidadanía.
A través das infraestruturas citadas xestiónanse 30 millóns de citas anuais, e a maior parte da prestación sanitaria (sistema Ianus) e prescrición en farmacia comunitaria (eReceita).
De acordo co anterior, debe garantirse a atención ás persoas usuarias que non se poida aprazar sen consecuencias negativas para a saúde.
Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,
DISPOÑO:
Artigo 1
A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.
Tendo en conta o obxecto do contrato afectado e a relevancia que este ten na xestión dos recursos do sistema sanitario, os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para garantir a adecuada cobertura dun servizo esencial como é a asistencia sanitaria, evitando así prexuízos graves á cidadanía.
Do mesmo xeito, estes servizos mínimos responden á necesidade de compatibilizar o exercicio lexítimo do dereito á folga coa obrigación de asegurar a atención á poboación, que non pode quedar desatendida dadas as características do servizo prestado ao abeiro deste contrato.
En consecuencia, e considerando o impacto e a importancia deste contrato no funcionamento da asistencia sanitaria na Comunidade Autónoma, establécense os seguintes servizos mínimos:
Dado o elevado número de incidencias que se producen e a necesidade de manter o servizo operativo as 24 horas dos 7 días da semana, considérase preciso garantir, cando menos, o 50 % dos recursos asignados nunha xornada ordinaria. Cómpre salientar que esta porcentaxe xa constitúe unha redución significativa para os días convocados á folga, ao atoparse o sistema sanitario en plena campaña de vacinación da gripe e da COVID.
Aplicando este mínimo do 50 % ás distintas quendas, o número de efectivos queda como segue:
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
|
|
Laborais |
5 |
2 |
1 |
Artigo 2
A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado, e debe publicarse nos medios que se consideren oportunos e coa suficiente antelación.
O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que, voluntariamente, acepte o cambio de xeito expreso.
A empresa elaborará un expediente de determinación de efectivos de servizos mínimos, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal interesado e no cal deberá quedar constancia da xustificación e dos criterios ponderados para determinar os devanditos efectivos.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
