O 12 de setembro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 27 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto da obtención e/ou o mantemento da marca Q de Calidade Turística e/ou a marca S de Sustentabilidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade (ICTES), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TU970A).
O artigo 22.2 das bases reguladoras establece que a entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 28 de novembro de 2025.
Tendo en conta o complexo proceso de avaliación das solicitudes recibidas, co fin de permitir acceder á axuda a todas as persoas/entidades que cumpran cos requisitos da norma, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o prazo establecido no artigo 22.2 das bases reguladoras para ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.
O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros, en consonancia co disposto, con carácter xeral, no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Polo exposto,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación do prazo de xustificación
Modifícase o artigo 22.2 das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto da obtención e/ou o mantemento da marca Q de Calidade Turística e/ou a marca S de Sustentabilidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade (ICTES), aprobadas pola Resolución do 27 de agosto de 2025, no referente ao prazo de xustificación da subvención, que se amplía ata o día 16 de decembro de 2025, incluído.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
