Mediante a Orde do 22 de xullo de 2024 establecéronse os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, previsto na letra i) do artigo 59.catro da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 142, do 23 de xullo, co código de procedemento PR486E.
Co fin de posibilitar a execución dos proxectos e o procedemento de xestión administrativa e orzamentaria que resulte de aplicación, en virtude da Orde do 21 de outubro de 2025 (DOG núm. 209, do 29 de outubro) modificouse a orde reguladora para ampliar ata o 1 de decembro de 2025 a data para a realización dos investimentos, do acto de recepción definitiva da obra e para a presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos.
As obras que se están levando a cabo son de gran magnitude e implican un elevado nivel de complexidade técnica e organizativa. Por esta razón, requiren máis tempo do inicialmente previsto para garantir que os proxectos se executen na súa totalidade, de forma adecuada, e se completen dentro dos prazos establecidos. Deste xeito, asegúrase a boa xestión dos recursos públicos e o cumprimento estrito das normativas de contratación pública.
A ampliación, que non superaría a metade do prazo inicialmente concedido, é perfectamente compatible coa normativa vixente, que establece que o prazo poderá ser prorrogado en función das circunstancias obxectivas que xustifiquen a súa necesidade, e ampárase no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O devandito precepto legal establece que a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por petición dos interesados unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos de terceiros.
Neste caso, a magnitude e a complexidade dos proxectos dificultan a xustificación dentro do prazo inicialmente establecido, polo que cómpre a súa ampliación co fin de garantir o cumprimento das obrigas establecidas para as entidades beneficiarias destas achegas.
Con base en todo o anteriormente exposto, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, co Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e co disposto na Orde do 22 de xullo de 2024 pola que se establecen os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, previsto na letra i) do artigo 59.catro da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024,
DISPOÑO:
Artigo único
Modifícase o artigo 14.3 da Orde do 22 de xullo de 2024, conforme a redacción dada polo artigo único da Orde do 21 de outubro de 2025 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), que queda establecido nos seguintes termos:
«3. O prazo para a realización dos investimentos, do acto de recepción definitiva da obra e da presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos remata o 12 de decembro de 2025».
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
