DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 12 de decembro de 2025 Páx. 63771

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2025 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 18 de febreiro de 2025, pola que se procede á convocatoria do programa Bono alugueiro mocidade para o ano 2025, con financiamento plurianual (código de procedemento VI482E).

1. O 20 de febreiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 18 de febreiro de 2025, pola que se procede á convocatoria do programa Bono alugueiro mocidade para o ano 2025, con financiamento plurianual (código de procedemento VI482E).

En virtude do ordinal primeiro da citada resolución, o dito programa ten por obxecto facilitar o gozo dunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso á mocidade con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias ou cesionarias.

2. O punto primeiro do ordinal terceiro da dita resolución, baixo a rúbrica de crédito orzamentario, establece que as axudas previstas nesta convocatoria se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451B.480.2, proxecto 2022 00013, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe total de 12.954.936 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– 6.477.468 euros para a anualidade de 2025.

– 6.477.468 euros para a anualidade de 2026.

3. O 29 de setembro de 2025 publicouse no DOG a Resolución do 18 de setembro, pola que se reaxusta a dotación orzamentaria da citada Resolución do 18 de febreiro de 2025, na cal a dotación queda distribuída nas seguintes anualidades:

– 6.377.468 euros para a anualidade de 2025.

– 6.577.468 euros para a anualidade de 2026.

4. O 2 de outubro de 2025, a Conferencia Sectorial de Vivenda e Axenda Urbana acordou unha nova distribución entre as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla dos fondos do Bono alugueiro mocidade inicialmente aprobados. A dita distribución foi aprobada polo Consello de Ministros na súa reunión do 14 de outubro de 2025 e pola Conferencia Sectorial de Vivenda e Axenda Urbana o día 30 de outubro de 2025, nela, á Comunidade Autónoma de Galicia correspóndelle un importe de 11.400.000 euros.

5. O punto segundo do ordinal terceiro da Resolución do 18 de febreiro de 2025 prevé que a contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. De conformidade co ordinal terceiro da Resolución do 18 de febreiro de 2025, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Polo exposto,

RESOLVO:

Ampliar para a convocatoria de 2025 a dotación orzamentaria do programa Bono alugueiro mocidade, por importe de 11.400.000 euros, coa seguinte distribución por anualidades:

– 5.750.000 euros para a anualidade de 2025.

– 5.650.000 euros para a anualidade de 2026.

Esta ampliación non implica a apertura dun novo prazo para presentar solicitudes.

Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no DOG.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de acordo co previsto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo