DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 26 de decembro de 2025 Páx. 66151

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Nuva, Nuevos Valores.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Nuva, Nuevos Valores, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 1 de agosto de 2025, Global Díez, S.L. (CIF: B62132147), e na súa representación Rafael Valcarce Baiget, administrador único da dita entidade, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Nuva, Nuevos Valores (CIF provisional: G22822787) constitúea Global Díez, S.L. (CIF: B62132147), na súa representación Rafael Valcarce Baiget, administrador único da dita entidade, mediante escritura pública outorgada o 14 de xullo de 2025, ante o notario de Oleiros, A Coruña, Rafael Benzo Sainz, co número de protocolo 2.369; rectificada mediante escritura do 2 de outubro de 2025, outorgada ante o mesmo notario, co número de protocolo 3.165.

3. A Fundación Nuva, Nuevos Valores, consonte o artigo 7 dos seus estatutos, ten como fins: «fomentar a educación superior de estudantes que, tendo demostrado excelencia académica nos seus estudos universitarios, proveñan de familias con recursos económicos limitados. Para lograr este obxectivo, a Fundación proporcionará bolsas, axudas económicas, programas de intercambio, asesoramento académico e outras actividades que contribúan á formación integral dos beneficiarios, tanto nacionais como estranxeiros».

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á identidade dos fundadores; á súa capacidade para constituíla; á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Rafael Valcarce Baiget, como presidente; Joaquín Garma Castro, como vicepresidente; José Manuel González Casas, como secretario; e María Antonia Delgado Fernández Moure, como vogal.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Nuva, Nuevos Valores, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 4 de decembro de 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. 242, do 16 de decembro) clasificouse de interese educativo a Fundación Nuva, Nuevos Valores, e adscribiuse á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (DOG núm. 101, do 27 de maio), corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Nuva, Nuevos Valores, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Nuva, Nuevos Valores.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non lle pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional