DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 31 de decembro de 2025 Páx. 67376

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, en relación coa solicitude de revisión das tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

Os servizos de transporte público discrecional de viaxeiros por estrada prestados con vehículos de menos de dez prazas, incluída a do condutor, e realizados ao abeiro de autorizacións de transporte da clase vehículo de turismo (VT), encóntranse sometidos ao réxime de tarifas que se regula no artigo 40 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, e no artigo 46 do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento.

Mediante a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 26 de abril de 2022 (DOG número 88, do 6 de maio) e a Orde do 20 de maio de 2022 pola que se corrixen erros detectados na citada Orde do 26 de abril (DOG número 100, do 25 de maio), aprobáronse as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

Consonte o que establece o artigo 40 da Lei 4/2013, do 28 de setembro, a prestación do servizo de taxi está suxeito a tarifas obrigatorias aprobadas pola Administración, no caso dos servizos interurbanos pola consellería competente en materia de transporte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de dar audiencia ao Consello Galego de Transportes.

O mesmo precepto indicado prevé a posibilidade de que as tarifas aprobadas pola Administración sexan obxecto de revisión periódica ou, de xeito excepcional, cando se produza unha variación nos custos que altere significativamente o equilibrio económico da actividade.

A disposición adicional da Orde do 26 de abril de 2022 habilita a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público en vehículos de turismo para realizar as actualizacións periódicas do réxime tarifario aplicable aos servizos de taxi de carácter interurbano, a que se refire o artigo 40.3 da Lei 4/2013 e o artigo 46.1 do Decreto 103/2018, do 13 de setembro.

Antecedentes:

1. As tarifas vixentes aprobáronse mediante a Orde do 26 de abril de 2022 pola que se aproban as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

2. O 10 de decembro de 2025 rexistrouse, na Dirección Xeral de Mobilidade, un escrito asinado polo presidente da Federación de Autónomos del Taxi de Galicia (en diante, Fegataxi), dirixido á Dirección Xeral de Mobilidade, no cal solicitan a revisión das tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano para o ano 2026. Achegan un estudo económico para xustificar a procedencia da suba na tarifa A do 4,17 % por quilómetro percorrido e un incremento do 3,75 % na hora de espera; e para a tarifa B, dun 20 % sobre a tarifa A.

Xustifican o incremento con base no encarecemento que durante este período experimentaron os diversos factores que conforman os gastos da actividade do taxi, entre os cales destacan o aumento dos prezos dos seguros, o aumento do prezos dos carburantes e os gastos de explotación.

3. Tras se realizar unha reunión da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo, do Consello Galego de Transportes, na cal se tratou esta solicitude de actualización das tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano, acordouse unha suba para o período do 1 de maio de 2022 ao 30 de outubro de 2025 na tarifa A do 4,17 % por quilómetro percorrido, así como un incremento do 3,75 % na hora de espera, correspondentes ao incremento solicitado, sobre o cal se emitiu informe favorable a maioría das persoas asistentes.

Consideracións legais e técnicas:

1. Os servizos de transporte público discrecional de viaxeiros por estrada, prestados con vehículos de menos de dez prazas, incluída a do condutor, e realizados ao abeiro de autorizacións de transporte da clase VT, están sometidos ao réxime de tarifas que se regula no artigo 40 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, e no que se refire á súa revisión no artigo 46 do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

2. A disposición adicional da Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 26 de abril de 2022 (DOG número 88, do 6 de maio), que foi obxecto de corrección de erros materiais mediante a Orde do 20 de maio de 2022 (DOG número 100, do 25 de maio), habilita a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para realizar as actualizacións periódicas do réxime tarifario aplicable aos servizos de taxi de carácter interurbano.

3. Consta no expediente que a solicitude foi tratada na Comisión especial de transporte público en vehículos de turismo do Consello Galego de Transportes, e emitiuse informe favorable sobre un incremento do 4,17 % por quilómetro percorrido e un incremento do 3,75 % na hora de espera.

En consecuencia, en virtude da habilitación que me confire a disposición adicional da Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 26 de abril de 2022, pola que se aproban as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano:

Na tarifa A (servizos prestados de luns a sábado laborables, entre as 6.00 e as 22.00 horas), o mínimo de percepción era de 3,60 € e coa suba do 4,17 % pasa a ser de 3,75 € (incremento de 15 céntimos).

Na tarifa B (servizos prestados os domingos, festivos ou en horario comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas, así como o 24 e 31 de decembro), o mínimo de percepción era de 4,32 € e coa suba do 4,17 % pasa a ser de 4,50 € (incremento de 18 céntimos).

A hora de espera era de 16,00 € na tarifa A, polo que coa suba do 3,75 % pasa a ser de 16,60 € na tarifa A e 19,92 na tarifa B.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Aprobar unha actualización do réxime tarifario aplicable aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano, tal e como se establece no anexo desta resolución.

Esta tarifa será de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2026, de conformidade co disposto no artigo 46.1 do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de acordo co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade

ANEXO

Tarifas aplicables aos servizos interurbanos de taxi

Vehículo con taxímetro (3)

Tarifa A (1)

Tarifa B (2)

Valor do paso

0,05 €

0,05

Metros por salto

40

33,33

Segundos por salto

10,84

9,04

Metros do primeiro salto

3.000

3.000

Tempo do primeiro salto

813,25

813,25

Mínimo de percepción (4)

3,75 €

4,50 €

Vehículo sen taxímetro (3)

Tarifa A (1)

Tarifa B (2)

Prezo por km percorrido

1,25 €

1,50 €

Prezo por hora de espera

16,60 €

19,92 €

Mínimo de percepción

3,75 €

4,50 €

Tempos de espera (por fracción de 15 minutos) (5)

4,15 €

4,98 €

Observacións

(1) Tarifa A

Servizos prestados de luns a sábado laborables, entre as 6.00 e as 22.00 horas.

(2) Tarifa B

Servizos prestados os domingos, festivos ou en horario comprendido entre as 6.00 e as 22.00 horas, así como o 24 e o 31 de decembro.

(3) Taxímetro

A disposición do taxímetro non é obrigatoria nos concellos de menos de 10.000 habitantes, agás que o concello establecese a súa obrigatoriedade.

(4) Mínimo de percepción

A percepción mínima cubrirá os primeiros 3 km de percorrido en servizos sen taxímetro e subsumirá os saltos correspondentes de distancia e tempo, de forma que tan só a partir da distancia ou do tempo correspondente ao primeiro salto comezarán a computarse os pasos sucesivos, en vehículos provistos de taxímetro.

(5) Tempo de espera

Motivado polo abandono temporal do coche pola persoa usuaria. A persoa usuaria terá dereito a dispor gratuitamente dos primeiros 15 minutos da primeira hora de espera.