DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 31 de decembro de 2025 Páx. 67373

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, en relación coa solicitude de revisión da tarifa aplicable aos servizos de taxi no aeroporto de Peinador.

Os servizos de transporte público discrecional de viaxeiros por estrada, prestados con vehículos de menos de dez prazas, incluída a do condutor, e realizados ao abeiro de autorizacións de transporte da clase VT, atópanse sometidos ao réxime de tarifas que se regula no artigo 40 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, e no artigo 46 do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento.

Mediante a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, do 26 de abril de 2022 (DOG núm. 88, do 6 de maio, e DOG núm. 100, do 25 de maio), aprobáronse as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

Antecedentes:

1. A última revisión da contía anual da tarifa que, hoxe en día, rexe no aeroporto de Peinador, tivo lugar mediante a Resolución do 20 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Mobilidade, e estableceuse en 25,50 €.

2. Con data do 24 de setembro de 2025 rexistrouse, na Dirección Xeral de Mobilidade, un escrito asinado polo presidente da Asociación Provincial de Autopatronos do Taxi da Provincia de Pontevedra dirixido á Dirección Xeral de Mobilidade, en que solicitan o incremento da tarifa unificada do aeroporto de Peinador, e achegan un estudo económico para xustificar a procedencia da suba da tarifa unificada do aeroporto de Peinador, cifrándose o incremento nun 10 % para o ano 2026, con base no incremento que durante este período experimentaron os diversos factores que conforman os gastos da actividade do taxi e, entre os que destacan a alza dos prezos dos seguros, dos carburantes e os gastos de explotación, o que situaría a tarifa en 28 €.

3. Con data do 18 de novembro de 2025 a Dirección Xeral de Mobilidade deulles traslado aos concellos de Mos, Redondela e Vigo da solicitude presentada. Neste trámite de alegacións previas, ningún dos concellos a que se lle deu a correspondente audiencia presentou alegacións en contra de tal suba.

4. O día 4 de decembro de 2025 mantívose unha reunión da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo, do Consello Galego de Transportes, en que se tratou esta solicitude de actualización da tarifa unificada do aeroporto de Peinador e na cal se acordou unha suba para o período do 1 de xaneiro de 2023 ao 30 de outubro de 2025 dun 8,7 %, correspondente ao incremento experimentado durante este período polo IPC xeral nacional, con informe favorable da maioría dos asistentes.

Consideracións legais e técnicas.

1. Os servizos de transporte público discrecional de viaxeiros por estrada, prestados con vehículos de menos de dez prazas, incluída a do condutor, e realizados ao abeiro de autorizacións de transporte da clase VT, atópanse sometidos ao réxime de tarifas que se regula no artigo 40 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, e, no que se refire á súa revisión, no artigo 46 do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

2. A Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, do 26 de abril de 2022 (DOG núm. 88, do 6 de maio, e DOG núm. 100, do 25 de maio), pola que se aproban as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano, no seu artigo 5, habilita a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para autorizar o establecemento, logo de audiencia aos concellos afectados e á asociación provincial de taxis correspondente, de tarifas específicas ou suplementos de aplicación aos servizos de taxi con orixe ou saída nalgún dos aeroportos da Comunidade Autónoma.

3. Consta no expediente que se realizou o trámite de audiencia aos concellos afectados, sen que estes presentasen alegacións en contra desta suba. Igualmente, a solicitude foi tratada na sesión da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes, mantida o 4 de decembro de 2025, en que foi obxecto de informe favorable unha subida do 8,7 %, o que situaría a tarifa en 27,70 €, redondeando á baixa a petición da asociación solicitante.

En consecuencia, e como medida para o correcto desenvolvemento do réxime específico do aeroporto de Peinador aprobado mediante a Resolución da Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes, do 1 de setembro de 1996, en virtude da habilitación que me confire a disposición adicional da Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, do 26 de abril de 2022, pola que se aproban as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

Resolvo fixar en 27,70 € a nova tarifa unificada do aeroporto de Peinador e que se aplicará aos servizos entre o aeroporto e calquera punto dos termos municipais de Vigo, Mos e Redondela, e viceversa, coa excepción dos servizos con orixe en Vigo e destino no aeroporto, suposto en que rexerá a tarifa que teña establecida o Concello de Vigo.

Esta tarifa será de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2026, de conformidade co disposto no artigo 46.1 do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de acordo co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade