O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.
De conformidade co Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, esta asume as competencias de promoción e difusión da cultura, a potenciación da imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura de toda a cidadanía a través da lectura.
Segundo o establecido no artigo 7.2 da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, correspóndelle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Cultura, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, xestionar o procedemento de integración de bibliotecas públicas ou privadas na rede, segundo o establecido nesta lei e no seu desenvolvemento regulamentario.
Pola súa banda, o artigo 28 do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas, dispón que o conselleiro competente en materia de cultura, por proposta do titular do centro directivo competente, resolverá a inclusión ou non do centro bibliotecario na Rede de bibliotecas de Galicia. Esta resolución, de ser favorable, estará condicionada ao asinamento dun convenio, que será efectivo a partir da súa sinatura.
O Concello da Pontenova solicitou o 9 de febreiro de 2025 a integración na Rede de bibliotecas de Galicia do servizo bibliotecario municipal. Os servizos técnicos desta consellería analizaron a documentación achegada e, logo de examinar o local e as instalacións destinadas ao servizo bibliotecario, emitiron informe.
Á vista do informe técnico, compróbase que o equipamento cumpre cos requisitos exixidos polo Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas para ser integrado na Rede de bibliotecas de Galicia como axencia municipal de lectura.
Por proposta do director xeral de Cultura e no exercicio das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar a integración na Rede de bibliotecas de Galicia da Axencia Municipal de Lectura Os Fornos da Pontenova.
Segundo. A resolución favorable de integración estará condicionada á sinatura dun convenio en que se recolla a obriga do titular do centro bibliotecario de prestar un servizo público axustado ao estipulado no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, e que poderá responder nos restantes termos ás especiais características de cada tipo de centro.
Terceiro. O prazo de sinatura deste convenio non deberá ser superior aos tres meses. De non cumprirse este prazo deixarase sen efecto a posible resolución favorable e suporá o arquivamento definitivo da solicitude.
Cuarto. O posterior incumprimento do devandito convenio poderá ser motivo de exclusión temporal ou definitiva do centro bibliotecario de que se trate da Rede de bibliotecas de Galicia.
Esta resolución é definitiva e ponlle fin á vía administrativa. Contra ela o interesado pode interpoñer, con carácter previo e potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o prefire, pode interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses con igual día de inicio do cómputo. Os ditos recursos regúlanse no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, respectivamente.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025
José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
