DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 2026 Páx. 5589

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN421S).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en axencia mediante o Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre as súas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

O Inega establece este sistema de subvencións co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables. Máis concretamente, pretende fomentar a utilización da enerxía fotovoltaica, o que implica toda unha serie de vantaxes tanto sociais coma ambientais, económicas e enerxéticas. Non se debe esquecer que a fotovoltaica é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece, dentro do campo enerxético, a redución de emisións de CO2, o autoabastecemento e a seguridade da subministración a prezos competitivos. Especificamente nun esquema de autoconsumo considérase que contribuirá á descarbonización do sistema eléctrico. As actuacións que se desenvolverán enmárcanse dentro da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e é coherente coa RIS3 Galicia, coa Axenda Enerxética de Galicia 2030 e co Plan nacional integrado de enerxía e clima 2021-2030 (PNIEC).

Esta convocatoria será cofinanciada con cargo ao programa Galicia Feder 2021-2027, ten unha taxa de cofinanciamento do Feder de ata o 60 %, computándose como investimento elixible dos beneficiarios, público ou privado, segundo corresponda, o resto do financiamento.

A convocatoria encaixa nas seguintes epígrafes do programa Galicia Feder 2021-2027 e do Documento de criterios e procedementos para a selección de operacións (CPSO):

– Obxectivo político: 2. Unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.

– Obxectivo específico: RSO2.2. Fomento das enerxías renovables de conformidade coa Directiva (UE) 2018/2021, en particular cos criterios de sustentabilidade que se detallan nela.

– Tipo de acción (CPSO): 2.2.1. Incentivos ás enerxías renovables térmicas e eléctricas.

– Subtipo de acción (CPSO): 2.2.1.1. Incentivos ás enerxías renovables térmicas e eléctricas de potencia igual ou superior a 100 kW.

– Ámbito de intervención: 048. Enerxía renovable solar.

Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de realización:

• RCO22. Capacidade de produción adicional de enerxía renovable (para electricidade) (MW).

– Indicador de resultado:

• RCR29. Emisións de gases de efecto invernadoiro estimadas (toneladas de CO2 eq./ano).

• RCR32. Capacidade operativa adicional instalada para enerxía renovable (MW).

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de enerxías renovables fotovoltaicas (código de procedemento IN421S) cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Así mesmo, por medio de esta resolución procédese á súa convocatoria para as anualidades 2026.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. O obxecto de estas bases e apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos en réxime de autoconsumo (código de procedemento IN421S).

2. Convocar para o ano 2026 as subvencións destinadas a proxectos de enerxía solar fotovoltaica. Este procedemento axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As axudas recollidas nestas bases reguladoras, a excepción daquelas en que os beneficiarios sexan administracións públicas locais ou entidades xurídicas sen ánimo de lucro que non poidan emprender actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

As entidades xurídicas sen ánimo de lucro cando realicen actividades económicas de forma regular estarán suxeitas ás condicións que se establecen no citado capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014.

Esta convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 41, Axudas ao investimento para a promoción de enerxía procedente de fontes renovables, de hidróxeno renovable e da coxeración de alta eficiencia, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 14 de xuño de 2014, concretamente no seu número 7.a), que recolle a intensidade máxima de axuda para esta tipoloxía de investimentos.

No caso particular de empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, debido a que están expresamente excluídas do Regulamento (UE) núm. 651/2014, estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L), en virtude do cal as subvencións que se concedan quedan exentas da obriga de notificación previa e de comunicación á Comisión Europea.

A axuda total de minimis concedida a unha única empresa, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.

Para o cómputo do límite deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) 2023/2831.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

A entidade outorgante das axudas deberá consignar a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831 na Base de datos nacional de subvencións no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. De conformidade co disposto no artigo 6.1 destas bases reguladoras, os traballos non poderán iniciarse con anterioridade á data de presentación da solicitude. Enténdese por inicio dos traballos, a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

Así, ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable.

De acordo co anterior, entenderase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos ou gastos comprendidos na solicitude de axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso de existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou existencia dun pedido para calquera dos elementos subvencionables.

2. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE 30.6.2021 L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm). En atención ao considerando 10 do citado RDC, o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que fixa os obxectivos ambientais que hai que protexer:

1. Mitigación do cambio climático

2. Adaptación ao cambio climático

3. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños

4. Transición cara a unha economía circular

5. Prevención e control da contaminación

6. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega coa repartición por anos por beneficiario recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 6.500.000 €.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de solicitante será o seguinte:

Beneficiarios das axudas

Anualidade 2026 (€)

Anualidade 2027 (€)

Importe total asignado (€)

Empresas

2.450.000 €

2.100.000 €

4.550.000 €

Administración local

840.000 €

720.000 €

1.560.000 €

Entidades sen ánimo de lucro

210.000 €

180.000 €

390.000 €

Total

3.500.000 €

3.000.000 €

6.500.000 €

Do total orzado reservaranse para as axudas sometidas ao réxime de minimis 227.500,00 euros e para as axudas sometidas ao Regulamento (UE) 651/2014, do 7 de xuño, 4.361.500,00 euros.

O orzamento por partida redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.760.8, 09.A3.733A.770.7 e 09.A3.733A.781.7.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

4. Esta convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias destas subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.

b) As entidades sen ánimo de lucro.

c) Empresas legalmente constituídas e autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

Para os efectos destas bases, terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014, segundo a cal se considerará empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública ou privada, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

En canto ás empresas de servizos enerxéticos, os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, ás actividades recollidas nesta epígrafe e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das incluídas no ámbito de actuación destas bases e deberán contar, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídas na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

Para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no parágrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grao de risco económico ao facelo. Todo isto, sempre que o pagamento dos servizos prestados se basee, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións, incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible o estimable.

As entidades que resulten beneficiarias da subvención e, con posterioridade, contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser entidade beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, podendo dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

2. As empresas deben contar cun centro de traballo en Galicia ou realizar algunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

– As persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

– As persoas particulares e comunidades de propietarios sen actividade económica.

– As empresas que non cumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 18 de novembro, xeral de subvencións. As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento UE 651/2014, do 17 de xuño.

– As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– As empresas do sector da pesca e acuicultura, por aplicación do artigo 1.3.a) do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, sen prexuízo de que as empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura si estarán incluídas nestas axudas por estaren sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023.

– As empresas que operan no sector de produción agrícola primaria coas actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases desde a 1.11 á 02.40 do CNAE-2025, ambas incluídas na exclusión.

– Os sectores a que se refire o número 3 do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño.

– A industria extractiva enerxética, a de refino de petróleo e biocombustibles, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

– Investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas das actividades enumeradas no anexo I da Directiva 2003/87/CE.

– Empresas dedicadas á fabricación, transformación e comercialización de tabaco e produtos do tabaco.

2. Os/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarias conforme este artigo.

Artigo 6. Investimentos subvencionables

1. Considéranse custos subvencionables todas aquelas actuacións descritas no número 2 deste artigo que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma.

O prazo de execución dos investimentos subvencionables (téñase en conta a definición de inicio dos traballos recollida no artigo 2.1) iniciarase unha vez que se efectuase a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 28.

2. Actuacións subvencionables:

a) Os paneis solares fotovoltaicos.

b) O acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cablaxe, equipamentos de medida e outros equivalentes), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota e outros equivalentes) e sistema de acumulación con baterías que non sexan de chumbo ácido.

c) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

d) O custe de montaxe e conexionado.

3. Cando os beneficiarios das axudas sexan entidades locais, entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica) ou empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura indicadas no último parágrafo do artigo 1.3, en aplicación da opción de custos simplificados prevista no artigo 54.1.a) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, establécese un tipo fixo do 3 % en concepto de custos indirectos subvencionables, no importe resultante de aplicar a porcentaxe indicada sobre os custos directos subvencionables do proxecto sinalados no número 2 deste artigo.

Artigo 7. Requisitos técnicos dos proxectos que se subvencionan

1. Co obxectivo de garantir o correcto funcionamento das instalacións, con carácter xeral, cando sexa de aplicación, cumprirase o Regulamento electrotécnico de baixa tensión (REBT) ou o de alta tensión, se for o caso.

2. A potencia mínima dos paneis fotovoltaicos do proxecto será de 100 kWp e a potencia máxima de 1.000 kWp.

3. Para as instalacións fotovoltaicas, o investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado a 750 €/kWh.

Adicionalmente, se o proxecto leva un sistema de acumulación con baterías, considerarase un custo adicional sen IVE de 750 €/kWh de capacidade de acumulación. As baterías de chumboácido non serán elixibles. De non incorporar ao proxecto baterías, este sumando sería cero.

4. As axudas reguladas por esta orde atenderán ao principio de «Non prexudicar significativamente» (principio DNSH) ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

Así mesmo, as actuacións que poidan afectar espazos ou bens protexidos deberán observar os seguintes criterios:

– As actuacións que poidan afectar espazos naturais protexidos terán en conta as determinacións que establece o Plan director da Rede Natura 2000 para o seu ámbito territorial de aplicación, así como as contidas nos instrumentos de planificación e xestión que resulten de aplicación nos demais espazos protexidos declarados ao abeiro da Lei 5/2019, de patrimonio natural e a biodiversidade de Galicia.

– As actuacións que poidan afectar os bens culturais ou a súa contorna deberán ser autorizadas polo órgano administrativo competente en materia de patrimonio cultural.

Artigo 8. Investimentos non subvencionables

1. Non se consideran custos subvencionables:

a. O IVE (imposto sobre o valor engadido), excepto cando non sexa recuperable. As administracións locais non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1, da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes considerarase subvencionable.

En todo caso, aquelas persoas xurídicas que gocen da exención de IVE, ou dun réxime de pro rata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.

b. Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c. As obras de mantemento.

d. A obra civil non asociada á instalación dos equipamentos nin os gastos de legalización.

e. Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f. Demais actividades recollidas no artigo 7 do Regulamento (UE) 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión.

2. Non serán subvencionados os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos nos artigos 6 e 7 destas bases reguladoras.

3. Non se admitirán no orzamento partidas alzadas, todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

4. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa foron obxecto de subvención anteriormente; tampouco serán subvencionables as ampliacións de instalacións fotovoltaicas que xa foron obxecto de axuda do Inega en anos anteriores.

5. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 9. Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo o tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarios

Porcentaxe máxima de axuda

Entidades locais

60 %

Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica)

60 %

Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e no caso de medianas empresas, en 10 puntos porcentuais

30 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto será de 150.000 €.

3. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 10. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Para facilitar a acreditación da representación achégase un modelo no anexo II destas bases. Unha vez presentada a solicitude non se poderá modificar o proxecto ata que se dite resolución de concesión.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o sexto (6º) día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Cando o último día do prazo sexa inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.

4. Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de encher o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I de solicitude), deberase achegar a través da aplicación a seguinte documentación mínima:

– Nomeamento de representante (anexo II), cando sexa necesario.

– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

5. As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:

a. Nomeamento de representante (anexo II) cando proceda.

b. Para acreditar a titularidade ou dispoñibilidade dos terreos, admitiranse os seguintes documentos:

1. No caso de dispoñibilidade dos terreos: contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

2. No caso de titularidade: unicamente no caso de oposición á consulta dos datos catastrais deberá achegarse o título de propiedade. Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI complementado, en ambos os dous casos, da declaración responsable (incluída no anexo I) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

c. As tres ofertas que debe ter solicitado o solicitante da axuda, salvo cando se trate dunha entidade local, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

Cando o investimento sen IVE da actuación sexa inferior a 15.000 euros, a persoa beneficiaria deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, salvo cando a actuación sexa inferior a 15.000 euros, deberán solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño.

2º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe; no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, o modelo, así como as características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes. A oferta deberá conter unha data de emisión.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

4º. No caso de licitacións públicas, poderase presentar un certificado do interventor ou persoa responsable do control do cumprimento da normativa de contratación neste sentido e trasladar a presentación das ofertas á fase de xustificación da actuación.

d. Memoria técnica da actuación, asinada por un técnico competente, que incluirá como mínimo:

1º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) e unha memoria técnica en que se describirán, de forma detallada, os sistemas do equipamento xerador e do resto dos compoñentes principais da instalación, especificando o sistema de conexión. Tamén incluirá unha xustificación da enerxía xerada, autoconsumida e excedentes e tamén das emisións evitadas de gases de efecto invernadoiro.

2º. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro). Esbozo ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación, especificando o sistema de integración dos paneis.

3º. Folla de características dos equipamentos xeradores.

4º. Orzamento desagregado.

5º. Facturas de consumo eléctrico.

6º. Solicitude de punto de conexión se é necesaria pola normativa vixente, no caso de non obtelo por causa non imputable ao beneficiario permitirase a modificación da modalidade de vertedura xuntando documento xustificativo.

e. As administracións locais, ademais da documentación sinalada nos puntos anteriores, deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

3º. Certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

f. As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista nas alíneas a, b e c deste artigo e, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

g. Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

1º. Copia do borrador do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. O contrato asinado deberá achegarse no prazo de 10 días hábiles posteriores á data de presentación da solicitude de axuda desta convocatoria, co obxecto de respectar o seu carácter incentivador.

2º. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

h. Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa ou grande empresa, deberase achegar, ademais:

– Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas e vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.

– Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

i. Documentación adicional obrigatoria para entidades sen ánimo de lucro: xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nas alíneas a, b e c deste artigo e, ademais, deberán achegar a documentación que acredite a representación correspondente.

j. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. DNI/NIE da persoa solicitante.

2. NIF da entidade solicitante

3. DNI/NIE da persoa representante.

4. NIF da entidade representante

5. Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

6. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

7. Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

8. Datos catastrais.

9. Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, cando se trate de profesionais autónomos.

10. Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

11. Consulta de concesións ampliado.

12. Consulta de axudas de Estado.

13. Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esa consulta deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, o organismo ou a entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopan vencelladas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia, expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas cofinanciadas con fondos Feder e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 16. Compatibilidade das subvencións

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas ou subvencións destinadas á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 17. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde á persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 18. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e se arquivará o expediente. Isto, cando se trate da documentación que ten carácter de mínimos e que aparece recollida con tal carácter no artigo 10.4 destas bases reguladoras, caso en que, se non se achega, a solicitude inadmitirase sen máis a trámite.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de facenda e administración pública e da verificación do DNI/NIE.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 19. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) A persoa que desempeña a Xefatura do Departamento de Enerxía do Inega.

b) A persoa que desempeña a Xefatura da Área de Enerxías Renovables do Inega.

c) Un técnico do Inega.

2. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención e especificarase a puntuación que lles corresponde, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

3. De ser o caso, este documento contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de agarda. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Artigo 20. Criterios de valoración

1. Características técnicas: paneis fotovoltaicos (ata 50 puntos).

Nesta epígrafe avaliaranse as características técnicas do principal compoñente da instalación, en función da tecnoloxía do panel fotovoltaico, segundo os seguintes criterios de puntuación:

Tipo de módulo fotovoltaico

Puntuación

Paneis fotovoltaicos con rendementos de panel superior ao 24 %

50

Silicio monocristalino

35

Silicio policristalino

25

Silicio amorfo e resto de paneis

5

Resto de paneis

0

2. Grao de autoconsumo da instalación: (ata 30 puntos).

2.1. Autoconsumo da instalación: (ata 25 puntos).

Valoraranse aquelas instalacións cun maior grao de autoconsumo e aproveitamento da enerxía renovable xerada en función do cumprimento dos seguintes 4 items:

i. Relación entre a potencia contratada e a potencia da instalación fotovoltaica

Potencia contratada (*) ≥ Potencia pico da instalación

(*) valor máximo contratado nos períodos tarifarios

ii. Relación entre a enerxía anual xerada fronte á enerxía consumida

Consumo eléctrico ≥ 1500 * Potencia pico (kWp)

iii. Modalidade de autoconsumo con excedentes

iv. A instalación incorpora baterías para almacenamento

A partir do cumprimento dos 4 ítems citados establécense tres rangos de autoconsumo con distinta puntuación:

Rango de autoconsumo alto (cumprimento de 3 ou 4 ítems): 25 puntos.

Rango de autoconsumo medio (cumprimento de 2 ítems): 10 puntos.

Rango de autoconsumo baixo (cumprimento de 1 ou ningún ítem): 0 puntos.

2.2. O proxecto forma parte dunha Comunidade Enerxética Local: 5 puntos.

3. Repercusión enerxética da axuda concedida: (ata 20 puntos).

Avaliarase en relación cos ratios de investimento máximo elixible por potencia do proxecto segundo as bases. Outórganse 0 puntos aos proxectos cuxa ratio investimento/potencia supere un 120 % do custo máximo elixible por potencia que lle corresponda polas súas características (segundo se indica no artigo 7.3) e a puntuación máxima para aqueles cuxa ratio sexa inferior ao 80 % dese custo máximo elixible por potencia. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente. Para esta epígrafe terase en conta unicamente o investimento correspondente á instalación fotovoltaica, excluíndo o que corresponda á instalación de almacenamento mediante baterías.

Os empates que, se é o caso, se produzan dirimiranse aplicando os criterios na orde que a continuación se expón:

1. Maior puntuación obtida na epígrafe Características técnicas.

2. Maior puntuación obtida na epígrafe Grao de autoconsumo da instalación.

3. Maior puntuación obtida na epígrafe Eepercusión enerxética da axuda concedida.

4. Data e hora de presentación da solicitude

Artigo 21. Resolución de concesión

1. Elaborada a proposta de resolución prevista no artigo 19.2 destas bases, esta será elevada ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince (15) días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención, as obrigas dos beneficiarios, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, o prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de prelación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de tres (3) meses, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Se transcorre o prazo sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Para o caso de que o beneficiario sexa unha empresa con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, na resolución informarase sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L).

Artigo 22. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá, A miña sede, o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 23. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a persoa titular da Presidencia da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a persoa titular da Dirección da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Alternativamente, recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 24. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. A persoa beneficiaria deberá achegar toda a documentación que se vexa modificada en relación coa validada ao ditar a resolución de concesión, de forma que a nova documentación achegada será validada polo órgano instrutor co obxecto de verificar o cumprimento do establecido nestas bases reguladoras.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, debendo cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.

Cando a modificación do proxecto afecte o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), o Inega deberá emitir unha resolución de modificación (anexo DECA) que recolla as ditas modificacións e, se é o caso, os valores estimados dos indicadores de realización.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento, sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 25. Aceptación e renuncia

A aceptación da resolución de concesión da axuda (DECA) deberá facerse de maneira expresa a través da sinatura do documento que para tal fin o Inega porá á disposición da persoa beneficiaria na sala de sinaturas da Xunta (https://saladesinaturas.xunta.gal). O dito documento deberá ser asinado nun prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da recepción do DECA. A falta desa aceptación expresa terá como consecuencia a perda do dereito á obtención da axuda.

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará o interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 22.2 destas bases reguladoras.

Artigo 26. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se concede a axuda e garantir a súa sustentabilidade financeira. O Inega verificará o cumprimento desta obriga a través do plan financeiro que deberán presentar os beneficiarios coa solicitude de axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou, en xeral, ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC que realicen o organismo intermedio, a autoridade de xestión e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita Contra a Fraude ou a Fiscalía Europea, tamén auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 RDC).

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de 5 anos, excepto no caso das empresas beneficiarias que teñan a condición de peme, en que o período de durabilidade poderá reducirse ata os tres (3) anos; o cómputo deses prazos comezará  a contar desde o último día de pagamento á persoa beneficiaria (artigo 65 do RDC).

No caso de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inscritibles nun rexistro público, a entidade beneficiaria deberá manter os investimentos, durante ó período dos 5 anos seguintes ao pagamento final. Ademais, deberá facer constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida. Estes aspectos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a cinco (5) anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda.

8. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de non causar prexuízo significativo (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC. P tal efecto, a persoa beneficiaria asinará unha declaración responsable segundo o modelo dispoñible na web do Inega https://www.inega.gal/

9. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia, do Feder e do Inega.

10. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE 30.6.2021 L 231), a persoa beneficiaria deberá:

a) No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, e nas súas contas nas redes sociais fará unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación, proporcionará unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

c) Exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos; nos casos en que a persoa beneficiaria sexa unha persoa física, asegurará, na medida do posible, a dispoñibilidade de información axeitada onde se destaque a axuda dos fondos europeos, nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, a persoa beneficiaria deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así llo solicitan.

A persoa beneficiaria deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

O Inega facilitará modelos ás persoas beneficiarias a través da súa páxina web.

11. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

12. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública co contido previsto no número 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

13. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

14. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

15. O Inega realizará consultas sobre datos de titularidade real das empresas beneficiarias no rexistro habilitado para tal efecto a nivel estatal. O beneficiario estará obrigado a facilitar os datos do titular real dos perceptores de financiamento da Unión, no caso de que, requirida a dita información, as autoridades competentes non poidan dispoñer dela.

16. No caso de que algunha das entidades beneficiarias estea suxeita ao ámbito subxectivo de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, deberá respectar, no que proceda, a normativa de contratación pública na adquisición dos bens e servizos obxecto da axuda.

17. Aceptar de maneira expresa a resolución de concesión, segundo o indicado no artigo 25 destas bases reguladoras.

Artigo 27. Subcontratación

Permitirase que a persoa beneficiaria subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; para tal fin, deberanse ter en conta os requisitos recollidos no parágrafo terceiro deste artigo no caso de que a actividade subcontratada con terceiros supere o 20 por cento do dito importe e sexa superior aos 60.000 €.

Artigo 28. Prazo para a execución da instalación

O prazo de execución iniciarase unha vez presentada a solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de outubro de 2026, para solicitudes con proxectos que se realicen ata esta data, e o 30 de setembro de 2027, para solicitudes con proxectos que se realicen ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento do investimento obxecto da axuda. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de pagamento. As accións realizadas entre o 16 de outubro de 2026 e o 31 de decembro de 2026 poderán ser imputadas ao 2027.

Artigo 29. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarse de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 22 destas bases reguladoras.

Igual requirimento efectuará o Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física), CIF ou NIF do solicitante (persoa xurídica) e NIF do representante da persoa xurídica.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 30. Documentación xustificativa da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, a persoa beneficiaria deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. O destinatario último da axuda deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo III, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá encherse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase anexar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No caso das administracións públicas presentaranse facturas orixinais ou facturas electrónicas rexistradas no Punto Xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario do ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a cal se realiza a operación ou a persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número de factura obxecto do pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque, e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de nota promisoria, para os efectos de data de pagamento, considerarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

3º. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 28 das bases reguladoras.

Os gastos subvencionables en que incorrese a empresa nas súas operacións comerciais deberán ser abonados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos que establece o artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

4º. No caso da Administración local, certificación expedida pola intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Farase constar como mínimo:

i. O cumprimento da finalidade da subvención.

ii. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na alínea c) deste mesmo artigo, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) No caso da Administración local, certificación expedida por la secretaría ou persoa responsable do control de legalidade da entidade en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga referencia á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención.

c) Os concellos, para as obras públicas que promovan, deberán achegar o acordo municipal de aprobación do proxecto.

d) Fotografías, preferiblemente xeorreferenciadas, dos principais equipamentos instalados.

e) Memoria técnica de xustificación da publicidade de fondos Feder, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

f) O beneficiario achegará un certificado asinado polo técnico instalador, en que se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Naqueles proxectos con potencia superior a 10 kW deberá achegarse o certificado de dirección de obra asinado polo técnico. Naquelas instalacións que requiran a súa inscrición no rexistro de instalacións eléctricas de baixa ou alta tensión, segundo corresponda, da consellería competente en materia de industria, o beneficiario deberá achegar o xustificante de solicitude de inscrición da instalación nese rexistro. Nese xustificante deberán figurar as características técnicas e o correspondente código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación no caso de que sexa necesario.

g) No caso de que sexa exixible pola normativa vixente presentarase a concesión do punto de conexión pola compañía distribuidora e a autorización administrativa de construción da instalación.

h) Declaración responsable de que se respectará a normativa ambiental aplicable vixente e, en particular, os procedementos de avaliación ambiental, cando sexan de aplicación, conforme a lexislación vixente.

i) Declaración responsable do cumprimento polo proxecto do principio de non causar prexuízo significativo (DNSH) a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852.

4. Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir os indicadores de resultados asociados a estas bases reguladoras, que son RCR29, Emisións de gases de efecto invernadoiro estimadas (toneladas de CO2 eq./ano), e RCR32, Capacidade operativa adicional instalada para enerxía renovable (MW).

Artigo 31. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se, debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 32. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se a persoa beneficiaria xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable (no caso das entidades locais esta porcentaxe será do 50 %), entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderá apreciarse un incumprimento parcial e débese resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

i. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables e deberase, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 60 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

ii. Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 26 destas bases, suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

iii. Non manter un sistema de contabilidade separado ou código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder suporá o reintegro dun máximo do 2 % da subvención concedida.

iv. No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

4. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 RDC).

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Non comunicar ao Inega a obtención de outras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

f) Non comunicar ao Inega a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

g) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto nos termos exixidos no artigo 26.10 destas bases reguladoras.

h) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 33. Réxime de sancións

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 34. Fiscalización e control

1. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 RDC).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade, en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto neste enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 35. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Para todo o non previsto no punto anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, e no artigo 57 e seguintes do seu regulamento.

3.O Inega realizará comprobacións sobre aqueles aspectos declarados polas persoas beneficiarias no relativo ao tamaño da empresa e á consideración como empresa en crise, así como sobre vinculacións entre empresas e/ou provedores.

4. Para evitar o dobre financiamento, o Inega realizará a comprobación, na Base de datos nacional de subvencións, da non concorrencia doutras axudas concedidas e/ou solicitadas polas empresas beneficiarias para a mesma finalidade.

Artigo 36. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño de 2014).

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesa e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados ( DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

c) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

d) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

e) Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, relativa ao fomento de uso de enerxía procedente de fontes renovables.

f) Regulamento delegado (UE) 2023/1184 da Comisión, do 10 de febreiro, polo que se completa a Directiva 2018/2001 establecendo unha metodoloxía común da Unión en que se definan normas detalladas para a produción de carburantes líquidos e gasosos renovables de orixe non biolóxica.

g) Regulamento delegado (UE) 2023/1185 da Comisión, do 10 de febreiro, que completa a Directiva 2018/2001 establecendo un limiar mínimo para a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro aplicando os combustibles de carbono reciclado e especificando unha metodoloxía para avaliar a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro derivada dos carburantes líquidos e gasosos renovables de orixe non biolóxica e dos combustibles de carbono reciclado.

h) Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.

i) Ademais, será de aplicación o cumprimento da normativa ambiental europea, particularmente o establecido no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que regula o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH), así como a súa normativa de desenvolvemento e execución.

j) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, serie L), no suposto de empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file