DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 2026 Páx. 5640

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN421S).

BDNS (Identif.): 881960.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/881960

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/881807

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/881947

Os códigos asignados pola BDNS corresponden a un mesmo texto de convocatoria.

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias destas subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.

b) As entidades sen ánimo de lucro.

c) Empresas legalmente constituídas e autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

En canto ás empresas de servizos enerxéticos, os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación destas bases e, en concreto, ás actividades recollidas nesta epígrafe e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

2. As empresas deben contar cun centro de traballo en Galicia ou realizar algunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos en réxime de autoconsumo (procedemento IN421S).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN421S).

Cuarto. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega coa repartición por ano e beneficiario recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 6.500.000 €.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de solicitante será o seguinte:

Beneficiarios das axudas

Anualidade 2026 (€)

Anualidade 2027 (€)

Importe total asignado (€)

Empresas

2.450.000 €

2.100.000 €

4.550.000 €

Administración local

840.000 €

720.000 €

1.560.000 €

Entidades sen ánimo de lucro

210.000 €

180.000 €

390.000 €

Total

3.500.000 €

3.000.000 €

6.500.000 €

Do total orzado reservarase para as axudas sometidas ao réxime de minimis 227.500,00 euros e para as axudas sometidas ao Regulamento (UE) 651/2014, do 7 de xuño, 4.361.500,00 euros.

O orzamento por partida redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.760.8, 09.A3.733A.770.7 e 09.A3.733A.781.7.

Quinto. Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo o tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarios

Porcentaxe máxima de axuda

Entidades locais

60 %

Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica)

60 %

Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e, no caso de medianas empresas, en 10 puntos porcentuais.

30 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto será de 150.000 €.

3. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Sexto. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o sexto (6º) día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Cando o último día do prazo sexa inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Sétimo. Prazo para a execución da instalación

O prazo de execución iniciarase unha vez presentada a solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de outubro de 2026, para solicitudes con proxectos que se realicen ata esta data, e o 30 de setembro de 2027, para solicitudes con proxectos que se realicen ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento do investimento obxecto da axuda. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de pagamento. As accións realizadas entre o 16 de outubro de 2026 e o 31 de decembro de 2026 poderán ser imputadas ao 2027.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia