DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Venres, 23 de xaneiro de 2026 Páx. 6631

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen, para o período 2026-2029, as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas, e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o exercicio 2026-2027 (código de procedemento TR302A).

Esta orde, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR302A para o período 2026-2029, ten por obxecto concretar os criterios que rexerán a concesión de axudas para impartir accións formativas do Plan de formación para o emprego dirixido prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas.

Ao abeiro das bases reguladoras establecidas nesta orde aprobaranse, de ser o caso, as sucesivas convocatorias para o período de vixencia delas.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, regula a planificación e o financiamento do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.

A Lei 30/2015 estableceu un marco normativo que trata de consolidar no sistema produtivo unha cultura de formación profesional favorecedora da formación de emprego estable e de calidade, garantindo o exercicio do dereito á formación das persoas traballadoras.

As bases reguladoras e a primeira convocatoria que se regulan nesta norma adaptan os seus contidos ao actual marco regulador da formación para o emprego establecido pola Lei 30/2015; ao Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e á Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 29 atribúelle á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral e de fondos de ámbito nacional e de emprego.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do Decreto 69/1993, do 10 de marzo, asume as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional.

O Decreto 147/2024, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, atribúe á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego as competencias relativas á formación profesional para o emprego.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, regula entre outros aspectos, os procedementos de concesión de subvencións e, no seu artigo 19.2, dispón que as bases reguladoras poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

O artigo 2.2 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, establece que as administracións públicas competentes poderán optar por aplicar o réxime de concesión de subvencións mediante concorrencia competitiva, ou por calquera outro procedemento de concesión de subvencións previsto na normativa das administracións competentes que permita a concorrencia entre entidades beneficiarias.

Con base na análise de resultados e na experiencia acumulada na xestión de anteriores convocatorias, e para os efectos de dotar dunha maior axilidade o procedemento, púxose de manifesto a oportunidade de aprobar unhas novas bases reguladoras para a execución de accións formativas do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) aplicando o réxime de concorrencia non competitiva.

Vista a viabilidade legal da aplicación deste réxime, este procedemento de concorrencia non competitiva ten como obxectivo o financiamento de actividades formativas que non requiren dunha valoración comparativa con outras propostas, polo que as resolucións de concesión ditaranse en orde de presentación das solicitudes, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos exixidos e até o esgotamento do orzamento dispoñible en cada convocatoria.

Esta disposición axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que, no seu artigo 5.2, relativo aos seus principios xerais, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición. Tamén será de aplicación o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A concesión e xustificación da subvención realizarase empregando o réxime de módulos previsto nos artigos 2 e 3, e no anexo I da Orde TMS/368/2019. Os módulos económicos determinaranse aplicando criterios obxectivos en atención aos valores medios de mercado dos distintos compoñentes dos custos directos e indirectos da actividade formativa e en función da familia ou área profesional, e/ou a especialidade formativa.

O orzamento destinado ás distintas convocatorias que poidan publicarse ao abeiro destas bases reguladoras está financiado por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, dependente do Ministerio de Traballo e Economía Social.

A primeira convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada do expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Consecuentemente con todo o anterior, logo de consultar ao Consello Galego de Formación Profesional, o Consello Galego de Relacións Laborais e a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as convocatorias públicas de subvención das accións formativas Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas (código de procedemento TR302A).

Poderán participar nas referidas accións formativas reguladas por esta orde aqueles colectivos que para tales efectos se determinan no artigo 28.

2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2026-2029.

Así mesmo, coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o ano 2026-2027.

Artigo 2. Finalidade e principios que rexen a concesión das subvencións

1. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde terán como finalidade o financiamento de programas de formación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas que teñan os seus centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, ás necesidades de adaptación aos cambios operados no posto de traballo e ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desenvolvemento cualificado da profesión e lles permita mellorar a súa empregabilidade.

2. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, mediante concesión directa, nos termos establecidos no artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, e de acordo co disposto na Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo.

Artigo 3. Financiamento

1. Cada convocatoria determinará o importe total do crédito que se destinará á subvención das accións formativas, con indicación das anualidades en que se distribuirá, as aplicacións orzamentarias a que se imputará, así como o financiamento e as reservas de crédito que, se for o caso, se establezan para determinadas familias, áreas profesionais ou especialidades formativas.

2. Así mesmo, cada convocatoria poderá establecer reservas de crédito dirixidas a desenvolver aquelas liñas formativas que, en función da caracterización dos contidos da especialidade formativa ou do perfil do alumnado, requiran de especial apoio.

Artigo 4. Accións formativas subvencionables

1. Serán subvencionables aquelas especialidades vixentes do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal que en cada convocatoria se determinen.

2. As convocatorias que se publiquen ao abeiro desta orde de bases reguladoras poderán establecer, para cada entidade e/ou censo de formación, límites relativos ao número máximo de edicións que se poden solicitar e/ou impartir dunha especialidade formativa concreta, así como do número máximo de grupos por acción formativa e de participantes por acción formativa e/ou grupo. Así mesmo, poderán establecerse excepcións aos ditos límites.

3. Se así se dispón na correspondente convocatoria, poderán autorizarse itinerarios formativos en que unha única acción formativa inclúa máis dunha especialidade formativa.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións as entidades de formación que sexan titulares de centros de formación inscritos no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se a formación se imparte na modalidade de teleformación, no Rexistro Estatal de Entidades de Formación, para impartir, no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia, formación profesional no traballo naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención. Para estes efectos considéranse igualmente entidades de formación as persoas autónomas titulares de centros de formación debidamente inscritos.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as empresas públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

3. As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente inscritas que permitan a impartición das actividades presenciais das acciones formativas solicitadas.

4. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, aquelas entidades nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

Tampouco poderán ser beneficiarias, en aplicación do disposto no artigo 82 da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, aquelas entidades que cometan, inciten ou promocionen LGTBIfobia, incluíndo a promoción ou realización de terapias de conversión.

5. De establecerse na convocatoria, para poder solicitar a subvención, as entidades deberán ter implementado no centro de formación un sistema de xestión de calidade, vixente e certificado por entidades certificadoras acreditadas, Norma ISO 9001 ou certificado de calidade e excelencia EFQM, relativo á súa actividade de formación.

A documentación acreditativa da implantación e vixencia das certificacións relacionadas neste punto deberá estar incorporada pola entidade ao sistema informático con anterioridade á data de presentación da solicitude. Esta achega deberá efectuarse a través da páxina web https://emprego.xunta.es/forman

6. Se así o determina a correspondente convocatoria, será requisito para ser beneficiaria da subvención que, para o censo concreto e con relación á ultima convocatoria regulada por estas bases sempre que teña transcorrido un mínimo de tres meses desde a data de resolución da concesión da subvención:

• Non se incorrese nun incumprimento total do expediente.

• A entidade teña comunicado e iniciado máis do 60 % das prazas financiadas con respecto ao total das accións formativas financiadas e sempre que o número de accións formativas concedidas fose superior a tres. Para os efectos do cálculo do tanto por cento, non serán computables as renuncias xustificadas a que se refire o artigo 17.5 desta orde.

CAPÍTULO II
Inicio do procedemento
Presentación e tramitación das solicitudes de subvención

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou a documentación presencialmente, requiriráselle para que a emende mediante a súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados nas bases reguladoras e/ou a correspondente convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, considerarase desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Caso de que o requirimento afecte só algunha das accións formativas da solicitude, entenderanse como desistidas unicamente estas, continuando coa tramitación do resto do expediente.

Non se admitirán a trámite, e por conseguinte non existirá a posibilidade de emenda, as solicitudes presentadas fóra de prazo.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

As empresas ou entidades de formación poderán formular unha única solicitude de subvención para cada unha das liñas formativas que, de ser o caso, se establezan en cada convocatoria, e incluirán nela todas as accións formativas incluídas nesa liña para as que solicita subvención.

Cada convocatoria poderá establecer límites respecto á porcentaxe de subvención da que poderán ser beneficiarias as entidades en relación co crédito orzamentario dispoñible da convocatoria. De ser o caso e para os posibles efectos de superación do límite máximo do importe de subvención a conceder a cada entidade, ou do esgotamento do orzamento dispoñible, as accións formativas para as que se solicita subvención deberán ir ordenadas en función da prioridade de impartición que lles outorgue a entidade solicitante, de xeito que estas figuren ordenadas segundo criterio de maior a menor preferencia.

Non poderán formularse solicitudes de subvencións para impartir accións formativas que teñan previsto comezar nunha data anterior ao prazo ou data que para cada convocatoria se estableza.

4. A solicitude, que incluirá a ficha das accións formativas que se pretende impartir (anexo II), deberá presentarse xunto coa documentación complementaria relacionada no artigo 8 desta orde.

Artigo 7. Declaración responsable que forma parte da solicitude

1. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:

a) Que, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

• Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.

• De se solicitar e/ou conceder outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención, deberán relacionarse estas.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) Que coñece as estipulacións desta orde, que cumpre cos requisitos sinalados nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.

d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

f) Que está ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Que as dotacións, equipamentos, medios materiais e instalacións en que se desenvolverán as accións formativas serán as adecuadas para tal fin nos termos do artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, e do artigo 6 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, e que son aptos para impartir a formación e cumpren e manterán durante todo o período de impartición das accións formativas, as condicións e requisitos que exixe a normativa aplicable á correspondente especialidade formativa.

h) Que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como, de ser o caso, de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas que solicita.

i) Que dispón da documentación que acredita o cumprimento dos anteriores aspectos e que a porá a disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito.

2. A presentación dunha declaración responsable que falsee ou oculte circunstancias que impidan ou limiten a concesión da subvención ou o seu pagamento, terá a consideración dunha infracción moi grave nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Ficha da acción formativa (anexo II).

b) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

c) De ser o caso e cos límites establecidos no artigo 26 desta orde, naquelas accións formativas en que estea previsto o uso de aula virtual como medio complementario e adicional para desenvolver o proceso formativo, memoria explicativa detallada que acredite a viabilidade de impartir mediante aula virtual aqueles contidos formativos que estea previsto realizar utilizando este medio.

A memoria deberá indicar expresamente que contidos se impartirán mediante aula virtual, a súa duración e datas de realización, así como o calendario de sesións presenciais e de exames a realizar.

d) No caso de entidades que soliciten impartir especialidades formativas de fabricantes TIC, documentación que acredite que a entidade dispón da autorización do fabricante para a impartición de ditas especialidades e, de ser o caso, para a acreditación oficial dos participantes da acción formativa.

e) Naquelas especialidades formativas dirixidas a impartir competencias transversais de idiomas en que o programa formativo así o estableza, acordo do centro de formación cunha entidade certificadora recoñecida a nivel nacional ou internacional que permita realizar unha proba de avaliación e certificación do alumno con respecto ao nivel de idioma impartido en relación co Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. De existir discrepancia entre a información contida na solicitude (anexo I) e/ou na ficha da acción formativa (anexo II), en relación coa información achegada no resto de documentación a presentar, será considerada como correcta, para os efectos de tramitar e revisar a solicitude, a alegada nos citados anexos I e II, con independencia, de ser o caso, de que para ter validez esta deba acreditarse documentalmente.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

g) Concesión de subvencións e axudas.

h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os correspondentes documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes, a contar desde a data de entrada en vigor que se estableza na disposición final segunda da convocatoria, estará aberto ata a data límite que nela se determine, ou, de ser o caso, até que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.

O inicio do prazo non será, en ningún caso, anterior ás 9.00 da mañá.

Artigo 11. Trámites posteriores á presentación da solicitude e documentación complementaria

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar trala presentación da solicitude deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática SIFO, debendo adecuarse a presentación de documentación derivada das notificacións practicadas pola Administración ao disposto no artigo 12.6 desta orde.

Artigo 12. Réxime das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónicas de Galicia-Notifica.gal

Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A presentación de documentación derivada das notificacións efectuadas será realizada exclusivamente mediante o programa informático SIFO ou, de ser o caso, a través do programa de notificación xenérico da aplicación Forman https://emprego.xunta.es/forman, que disporá dun punto único para efectuar todos os envíos de documentación á Administración.

Unicamente no caso de que non fose posible, por problemas técnicos acreditados que imposibilitasen a presentación de documentación polos medios establecidos no parágrafo anterior, as persoas interesadas podería realizar a súa presentación por medio dos trámites comúns da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), a través do procedemento PR004A.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación coas accións formativas financiadas no marco desta orde de bases poderá, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na ligazón
https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias, pór os ditos feitos en coñecemento desta Administración.

Artigo 14. Protección de datos persoais

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ostentará a condición de responsable do tratamento dos datos persoais recadados para a xestión e tramitación da subvención obxecto desta convocatoria, así como daqueles datos persoais achegados pola entidade beneficiaria para a xustificación da devandita subvención. A base lexitimadora para o tratamento destes datos será o cumprimento dunha misión realizada en interese público e o cumprimento dunha obriga legal (Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia). Os datos poderán ser comunicados a outras administracións públicas cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias. As persoas interesadas poderán solicitar, ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en
https://www.xunta.gal/es/exercicio-de-dereitos. No caso de precisar poñerse en contacto coa persoa delegada de protección de datos e demais información adicional poderá consultarse en https://www.xunta.gal/es/informacion-xeral-proteccion-datos

As entidades que resulten beneficiarias da subvención deberán informar as persoas afectadas dos aspectos establecidos nos parágrafos anteriores conforme o exixido no artigo 13 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas en que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se deroga a Directiva 95/46/CE, Regulamento xeral de protección de datos (en diante, RXPD).

Así mesmo, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración considerarase responsable do tratamento dos datos persoais que se poida derivar das accións formativas realizadas ao abeiro desta convocatoria.

Pola súa banda, as entidades beneficiarias ostentarán a condición de encargado do tratamento dos datos persoais aos que teñan acceso, ou directamente recaden, para a xestión e execución das devanditas accións formativas, polo que, para os efectos do disposto nos artigos 28 e 29 do RXPD e no artigo 33 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (en diante, LOPDGDD), deberán dar cumprimento ás obrigas que se inclúen a seguir, e exixindo idéntico compromiso do persoal, propio ou externo, ao seu servizo:

a) Dar cumprimento ás obrigas establecidas polo RXPD, LOPDGDD e demais disposicións vixentes en materia de protección de datos, en cada momento, adoptando as medidas que resulten necesarias para cumprir as súas previsións e, en particular, para garantir a seguridade e integridade dos datos e a súa protección fronte a alteracións, perdas, tratamentos ou accesos non autorizados, así como a tratar os datos persoais de acordo coas instrucións do responsable do tratamento e só para os fins deste encargo.

b) Non comunicar os datos a terceiros, salvo que se conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, ou nos supostos legalmente admisibles. O encargado poderá comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste.

O encargado do tratamento non poderá subcontratar ningún dos servizos que formen parte do obxecto da subvención e que impliquen o tratamento de datos persoais, salvo os traballos auxiliares necesarios para o normal funcionamento dos seus servizos e o persoal docente.

Nestes supostos, o encargado do tratamento deberá respectar as condicións indicadas nos apartados 2 e 4 do artigo 28 do RXPD para recorrer a outro encargado do tratamento.

c) Manter o deber de segredo sobre os datos persoais aos que teña acceso en virtude desta convocatoria, aínda despois de concluída a execución das actividades subvencionables.

d) Garantir que as persoas autorizadas para o tratamento dos datos persoais se comprometan, de forma expresa e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, das que o encargado lles informará oportunamente.

e) Asistir ao responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos persoais, mediante as medidas técnicas e organizativas apropiadas, para que poida cumprir coa súa obrigación de responder ás referidas solicitudes das persoas interesadas no prazo previsto pola lexislación vixente. Para iso, o encargado facilitaralle ao responsable, ao primeiro requirimento deste, e coa maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que as persoas afectadas solicitasen o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, este informaraos, a través de calquera medio fidedigno, do procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/es/exercicio-de-dereitos, e dará traslado, asemade, ao responsable, do contido das devanditas solicitudes.

f) Axudar o responsable do tratamento a garantir o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 32 a 36 do RXPD, tendo en conta a natureza do tratamento e a información á disposición do encargado. En particular, o encargado do tratamento notificaralle ao responsable de forma inmediata e implementando as medidas de seguridade necesarias as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo das que teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación, e comunicación da incidencia, de ser o caso, á Axencia Española de Protección de Datos, conforme o previsto no artigo 33 do RXPD.

g) Implantar, nos casos que sexa de aplicación, as disposicións contidas no Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade (ENS). En todo caso, implantará as medidas de seguridade necesarias para:

• Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanente dos sistemas e servizos de tratamento.

• Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais rapidamente, en caso de incidencia física ou técnica.

• Verificar, avaliar e valorar, de forma periódica, a eficacia das medidas técnicas e organizativas postas en marcha para garantir a seguridade do tratamento.

• Pseudonimizar e cifrar os datos persoais, se é necesario.

h) Designar, segundo o establecido no artigo 13.5 do devandito Real decreto 311/2022, un punto ou persoa de contacto (POC). O POC de seguridade será o propio responsable de seguridade da organización, unha persoa que forme parte da área de Seguridade ou unha persoa que teña comunicación directa con esta ou un departamento ou unidade da organización. O POC contará co apoio dos órganos de dirección, e será quen canalice e supervise, tanto o cumprimento dos requisitos de seguridade do servizo que presta ou solución que provea, como as comunicacións relativas á seguridade da información e a xestión dos incidentes para o ámbito do dito servizo. Indicarase, en todo caso, o nome e apelidos ou denominación do POC, o posto ou cargo en caso que sexa unha persoa física, así como o correo electrónico e teléfono de contacto.

i) Poñer á disposición do responsable toda a información necesaria para acreditar o cumprimento das súas obrigas, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos polas entidades acreditadas ou, de non existir, facilitando a realización das auditorías ou inspeccións que faga o responsable ou outro auditor autorizado.

j) Designar un delegado de protección de datos, se correspondese segundo o previsto no artigo 37 do RXPD e no artigo 34 da LOPDGDD, e comunicarlle a súa identidade e datos de contacto ao responsable, sen prexuízo da preceptiva inscrición na AEPD.

k) Devolver ao responsable do tratamento, unha vez finalice a execución das accións formativas, os datos persoais e, se é o caso, os soportes onde figuren. A devolución suporá o borrado total dos datos existentes nos equipos informáticos utilizados polo encargado e subencargados. Non obstante, de conformidade coa normativa en materia de protección de datos, o encargado poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres se poidan derivar responsabilidades da execución das devanditas accións formativas.

Co fin de dar cumprimento ao deber de información exixido no artigo 13 do RXPD, as entidades beneficiarias informarán as persoas participantes nas accións formativas obxecto da subvención, e sen prexuízo de calquera outra información en materia de protección de datos persoais que sexa necesario proporcionar relativa a actividades ou tratamentos de datos específicos que poidan levarse a cabo no marco da súa xestión, dos seguintes aspectos:

A Secretaría Xeneral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na súa condición de responsable, tratará os datos persoais recadados para a xestión das accións formativas do Sistema de formación para o traballo, para as persoas participantes nelas. A base lexitimadora para o tratamento dos devanditos datos persoais, incluíndo no seu caso os datos de categoría especial coma os relativos á saúde, será o cumprimento dunha misión realizada en interese público (Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral) fundamentada nun interese público esencial. Os datos poderán ser comunicados a outras administracións públicas de ámbito autonómico e estatal cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias, así como ás entidades e profesionais colaboradores na impartición e xestión das devanditas accións formativas. As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos pola normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto co delegado/a de protección de datos e información adicional ao respecto na seguinte ligazón: https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

CAPÍTULO III
Instrución e resolución do procedemento

Artigo 15. Procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento é a Subdirección Xeral de Formación para o Emprego.

O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas concrecións que se establecen nesta orde.

2. Para a concesión das subvencións reguladas nesta orde seguirase o procedemento de concesión directa, nos termos establecidos nos artigos 19 e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Presentada unha solicitude de subvención, procederase ao seu estudo e revisión. Serán obxecto de desestimación todas aquelas solicitudes que non reúnan os requisitos exixidos para a súa concesión.

4. As solicitudes de subvención tramitaranse e resolveranse de acordo coa súa orde de presentación. En caso de que fose necesaria a emenda da solicitude, entenderase como data de presentación, para efectos de determinar a orde de prelación, a da súa emenda.

5. As axudas concederanse ás persoas solicitantes que reúnan todos os requisitos establecidos nesta orde, seguindo a orde de prelación temporal da presentación electrónica das solicitudes e até o esgotamento do orzamento dispoñible ou, de ser o caso, o remate do prazo límite de presentación de solicitudes.

O esgotamento do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e procederá a inadmisión de todas as solicitudes presentadas que non fosen tramitadas ata ese momento sen necesidade de ningunha actuación previa.

6. No suposto de opoñerse á consulta ou, no seu caso, de non prestar o consentimento expreso ao que se refire o artigo 9 desta orde, as entidades deberán acreditar, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das entidades recollidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta obriga poderá ser substituída pola declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

7. A proposta de resolución xerarase en función dos criterios establecidos neste artigo. En vista da proposta de resolución, o órgano competente, de acordo co disposto no artigo 17 desta orde, ditará a resolución correspondente.

8. De se produciren dispoñibilidades de crédito como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento das accións formativas, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia, ou como consecuencia de posibles minoracións, renuncias ou modificacións nas subvencións concedidas, o órgano instrutor poderá realizar novas propostas de concesión de proxectos continuando coa orde de prelación temporal da presentación electrónica das solicitudes ata esgotar o novo crédito.

9. De incluír a convocatoria diferentes liñas de formación e caso de que se esgotase o crédito reservado para algunha delas, poderá utilizarse o crédito dispoñible nas outras liñas para atender as solicitudes de subvención que correspondan á liña para a que se consumiron os fondos previstos.

10. De ser o caso, cada convocatoria poderá establecer un prazo máximo para iniciar, unha vez notificada a resolución de concesión de subvención á beneficiaria, a impartición das accións formativas incluídas no expediente resolto favorablemente. O incumprimento do dito prazo poderá dar lugar, logo resolución da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, á revogación da resolución de concesión coa conseguinte dispoñibilidade do importe do crédito concedido.

Artigo 16. Determinación da subvención

1. O anexo III de cada convocatoria incluirá os módulos económicos establecidos para cada familia, área profesional, e/ou especialidade formativa, segundo se determine na correspondente convocatoria, de acordo co disposto no artigo 3 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

Para os efectos do previsto nesta orde enténdese por módulo económico o custo por participante e hora de formación que poderá ser obxecto de financiamento público.

2. A contía da subvención a conceder por cada acción formativa calcularase en función do número de participantes para os que a entidade solicita subvención, do número de horas da acción formativa, e dos módulos económicos a aplicar, en función da modalidade de impartición, por participante e hora de formación.

O importe do módulo económico a aplicar na impartición dos módulos transversais será o mesmo que o correspondente á especialidade formativa que se imparta pero adaptado á modalidade de impartición en que o módulo transversal se realice.

3. Realizada a acción formativa, a liquidación da subvención efectuarase en función das persoas participantes que finalizaran a formación, nos termos contemplados no capítulo VI desta orde.

A subvención concedida terá o carácter de importe máximo e destinarase á realización das accións formativas autorizadas.

Artigo 17. Resolución

1. Instruído o expediente, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de resolución.

A resolución dos expedientes de axudas corresponderalle, unha vez fiscalizada a proposta pola Intervención competente, á persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, por delegación da persoa titular da consellería.

2. O prazo para resolver e notificar será dun mes a contar desde a data de presentación da solicitude de subvención.

O dito prazo suspenderase, cando deba requirirse á entidade interesada a emenda de deficiencias ou a achega de documentos e elementos de xuízo necesarios, polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento pola entidade interesada.

Transcorrido o prazo de 1 mes para resolver sen que se notifique resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. A resolución da concesión de subvención fixará expresamente a contía total concedida, con indicación das accións formativas subvencionadas e o importe do orzamento aprobado para cada unha delas. Así mesmo incorporará, de ser o caso, as obrigas e determinacións accesorias a que deba estar suxeita a empresa beneficiaria.

4. Notificada a resolución, a beneficiaria disporá dun prazo de 10 días hábiles para a súa aceptación, a través da aplicación informática SIFO; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase, de acordo co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tacitamente aceptada.

A aceptación da concesión da subvención implica que a beneficiaria recoñece que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas concedidas, así como que se compromete a dispor deles ao longo de todo o período de execución da actividade subvencionable.

5. No suposto de que as empresas beneficiarias decidan renunciar, parcial ou totalmente, de xeito sobrevido con posterioridade á súa aceptación a través do aplicativo SIFO, só se considerará motivo xustificado o relativo a causas de gravidade e excepcionalidade debidamente acreditadas. Non será considerada causa xustificada a imposibilidade de atopar alumnado suficiente ou de contratar persoal docente para realizar a formación.

De ser o caso, a entidade estará obrigada a comunicar a súa renuncia motivada no prazo de 5 días hábiles desde que se produza a circunstancia causante. Dita renuncia deberá presentarse a través da aplicación informática de notificación xenérica Forman,
https://emprego.xunta.es/forman, accedendo ao menú de documentación→Remitir documentación, para, logo de indicar o expediente e acción formativa correspondente, seleccionar no campo do tipo de anexo a epígrafe «Solicitude de renuncia a curso».

A Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego deberá ditar resolución expresa sobre a renuncia, nos termos preceptuados pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de non producirse unha renuncia expresa e unha vez transcorridos 5 días hábiles desde a data en que a acción formativa debería terse iniciado, entenderase feita unha renuncia tácita non xustificada e poderá dará lugar ao inicio polo órgano xestor da súa tramitación nos termos expostos nos anteriores parágrafos e coas consecuencias previstas nesta orde.

A penalización consecuencia de renuncias non xustificadas determinarase na correspondente convocatoria.

A renuncia, independentemente de que esta sexa por causa xustificada ou non, dará lugar, unha vez realizados os axustes contables correspondentes, á dispoñibilidade do crédito concedido.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

7. En aplicación da Orde TES/26/2022, do 20 de xaneiro, pola que se modifica a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, unha vez ditada a resolución de concesión, a persoa beneficiaria poderá solicitar a súa modificación ou modificacións. Calquera modificación, incluída a ampliación do prazo de execución do programa formativo, poderá solicitarse cando concorran circunstancias de toda índole, excepcionais e alleas á beneficiaria, especialmente por razóns sanitarias, catástrofes naturais ou calquera outra de natureza análoga que se poidan incluír na resolución da convocatoria, que imposibiliten a realización da formación nas condicións establecidas na resolución de concesión.

A petición deberá fundamentarse, mediante memoria xustificativa, en circunstancias sobrevidas tras a resolución e durante o prazo de execución da actividade subvencionada para cada empresa ou entidade beneficiaria e haberá de formalizarse con carácter inmediato ao seu acaecemento e, en todo caso, antes do remate do citado prazo de execución.

Ás modificacións que afecten exclusivamente o número de participantes nas accións formativas non lles será de aplicación o disposto neste apartado.

As solicitudes de modificación serán resoltas polo órgano concedente da subvención e só poderán autorizarse se non danan dereitos de terceiras persoas.

O órgano competente ditará resolución motivada no prazo dun mes desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen notificarse resolución expresa, a solicitude entenderase como desestimada. As resolucións poderán retrotraer os seus efectos, como máximo, ao momento de presentación da solicitude de modificación.

Artigo 18. Recursos

As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, se o acto fose expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se o acto non fose expreso, de conformidade co que preceptúan os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Publicidade das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as empresas e entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

3. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial da Consellería de Emprego Comercio e Emigración nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

CAPÍTULO IV
Medios de execución, documentación, dereitos e obrigas

Artigo 20. Medios de execución das accións formativas

1. As beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios e non poderán subcontratar con terceiros a execución da actividade formativa.

2. A contratación de persoal docente para a impartición da formación subvencionada por parte da beneficiaria non se considerará subcontratación, e entenderase para estes efectos por contratación de persoal docente a contratación de persoas físicas.

Artigo 21. Información e documentación para a xestión da execución das accións formativas

1. Os datos correspondentes á xestión das accións formativas deberán introducirse en liña a través da aplicación informática SIFO que a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego pon á disposición das beneficiarias.

2. O tratamento de datos persoais estará suxeito ao disposto na normativa vixente e as instrucións que sobre esta materia dite a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

3. Como mínimo tres días hábiles antes do inicio de cada acción formativa deberá incorporarse ao sistema informático SIFO a seguinte información:

a) A relación nominal do alumnado seleccionado con indicación do seu DNI/NIE.

Nunha acción formativa non se poderán compaxinar os perfís de persoa alumna e persoal docente, nin o de persoa alumna co de persoal de apoio.

b) Os instrumentos de avaliación a aplicar cun sistema de puntuación e corrección obxectivo.

c) A relación de persoal docente, con especificación dos seus DNI/NIE, que vai impartir a acción formativa coa relación dos contidos que impartirá cada un deles, facendo constar a súa formación metodolóxica e a documentación acreditativa da súa formación e experiencia cando esta non estea en poder da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

d) A identificación, con especificación do DNI/NIE, do persoal de preparación de clases e titorías para o reforzo formativo e a impartición da docencia.

e) A identificación do persoal, con especificación dos seus DNI/NIE, que asuma as tarefas de administración e dirección estritamente necesarias para a preparación, xestión e execución da acción formativa.

f) As datas de inicio e remate da acción formativa, así como, de ser o caso, o horario de impartición.

g) A planificación temporal da acción formativa, incluídos os módulos transversais, indicando, de ser o caso, a previsión de visitas didácticas a realizar ao longo do curso.

h) O compromiso verificable de calidade na xestión, transparencia e eficiencia na utilización de recursos públicos. Este compromiso estará referido ao seguimento continuo da impartición da formación e asistencia de todas as persoas participantes, á súa satisfacción co desenvolvemento da acción formativa, e aos seus contidos, resultados e calidade do profesorado.

i) O seguro de accidentes das persoas participantes para as sesións presenciais.

j) Indicación expresa e coincidente co manifestado na solicitude e ficha da acción formativa, sobre que contidos se van impartir na modalidade presencial, de teleformación ou, de ser o caso, a través de aula virtual, con información da súa duración, datas de realización e, de ser o caso, calendario de sesións presenciais.

k) Na modalidade de teleformación, para os efectos de seguimento e control do desenvolvemento da acción formativa, as chaves de acceso á correspondente plataforma de aprendizaxe.

As chaves de acceso á plataforma de aprendizaxe deberán permitir a conexión cos perfís de persoa administradora, titora-formadora e/ou persoa alumna.

4. O día de inicio de cada acción formativa introducirase no sistema informático SIFO a certificación xustificativa do seu comezo e, de ser o caso, das modificacións producidas respecto dos datos relacionados no punto 3 deste artigo.

De ser o caso, na modalidade de teleformación e sen prexuízo do establecido en cada convocatoria en relación coa acreditación da existencia dun número mínimo de persoas alumnas, relación do alumnado que se conecta á plataforma de aprendizaxe o día de comezo da acción formativa.

5. No momento da incorporación do alumnado á acción formativa requiriráselle a este a seguinte información que se incorporará ao expediente electrónico localizado no aplicativo informático SIFO.

a) Ficha electrónica individual que, para os efectos de posibles notificacións, envío de diplomas ou remisión de certificados emitidos á solicitude da persoa interesada, deberá incluír o enderezo de correo electrónico.

Unha vez xestionada a documentación necesaria para a cobertura da ficha a través da aplicación SIFO, deberán eliminarse as copias da documentación proporcionada polas persoas seleccionadas e polas persoas candidatas non seleccionadas, en particular, as copias dos seus documentos identificativos e calquera outro que conteña datos de carácter persoal.

Para aquelas accións formativas que impartan parte dos seus contidos mediante aula virtual, o usuario de acceso do alumnado ao campus realizarase utilizando a conta de correo electrónico que se deu de alta no sistema informático SIFO.

Se posteriormente a persoa alumna modifica dita conta de correo, a entidade deberá comunicar dito cambio, no prazo de tres días hábiles desde que este teña lugar, ao equipo de soporte do campus virtual, soporte-campusvirtual.emprego@xunta.gal, para facilitarlle ditos datos de conexión. Se a conta de correo que emprega a persoa alumna non estivese actualizada, será preciso que a entidade faga o cambio correspondente no sistema informático SIFO e ademais verifique que dito cambio conste na matriculación de campus virtual.

b) Asociada a cada participante deberá incorporarse ao expediente electrónico de SIFO a seguinte documentación:

– No marco da normativa vixente en materia de protección de datos persoais, documento asinado polo alumnado participante de que foi informado, conforme ao exixido nos artigos 13 e 14 do Regulamento (UE) 2016/679, xeral de protección de datos, do tratamento dos seus datos persoais para a xestión, control e seguimento das accións formativas.

Na aplicación informática SIFO estará dispoñible para a súa descarga o modelo normalizado que deberán facilitar as entidades ao alumnado.

– Para o seguimento da acción formativa, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración consultará automaticamente os datos do DNI/NIE do alumnado en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta. Caso de opoñerse á consulta, que deberá manifestarse por escrito, as persoas alumnas deberán facilitar unha copia do seu DNI/NIE á entidade de formación para a súa incorporación ao expediente.

– Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de acceso para realizar a formación.

De ser o caso, documentación acreditativa de ter iniciado e pendente de resolución un proceso de homologación de títulos e estudos estranxeiros ou de expedición dun certificado profesional que se corresponda cos requisitos exixidos para poder asistir á actividade de formación.

– Documentación acreditativa necesaria para a exención do módulo transversal incluído na acción formativa, de ser o caso.

– Documento informativo sobre dereitos e obrigas a entregar pola entidade ao alumnado debidamente asinado polas persoas participantes.

Na aplicación informática SIFO estará dispoñible para a súa descarga o modelo normalizado que deberán facilitar os centros de formación ao alumnado.

6. Mensualmente achegarase a seguinte información:

a) Nas actividades de carácter presencial, e de terse producido incidencias no sistema de control de asistencia debidamente acreditadas perante o equipo de soporte informático, partes diarios de asistencia no modelo xerado pola aplicación informática SIFO asinados, ao inicio e ao final de cada sesión, polo alumnado participante e polo persoal formador afectado pola incidencia, así como da persoa responsable da beneficiaria.

Os ditos partes deberán identificar ás persoas participantes e expresar as horas realizadas en cada sesión por cada unha delas, reflectindo expresamente o número de horas de ausencia e deberán ser subidos a SIFO.

b) Comunicación das incidencias producidas, de ser o caso.

7. No prazo dun mes desde o remate da acción formativa deberase completar calquera información relativa ao remate da acción formativa na aplicación informática SIFO e, unha vez completada a introdución dos datos, asinar, a persoa representante da entidade, a certificación de que a acción formativa está rematada.

Este certificado, xerado polo sistema informático en base aos datos que constan no aplicativo, deberá estar firmado con carácter previo á presentación da xustificación da subvención.

8. A non comunicación da información ou achega da documentación requirida nos prazos establecidos poderá dar lugar á aplicación, de ser o caso, das minoracións recollidas no artigo 38 desta orde.

Artigo 22. Requisitos para cumprir en relación co persoal formador

1. Toda persoa que fose validada como formadora por unha unidade administrativa dunha administración pública competente en materia de formación no traballo para impartir unha determinada especialidade formativa ou módulo formativo transversal, entenderase que cumpre cos requisitos para impartila, na modalidade para a que foi validada, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As persoas que impartan formación na modalidade de teleformación deberán acreditar o cumprimento dos requisitos específicos requiridos para cada especialidade e contar con formación ou experiencia verificable nesta modalidade en virtude do disposto no artigo 4.2 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo.

Para acreditar a formación e/ou a experiencia requirida na modalidade de teleformación e na utilización das tecnoloxías da información e comunicación, exixirase, cando menos, unha formación de cando menos 30 horas ou unha experiencia de 60 horas na impartición de accións formativas nesta modalidade, sen prexuízo do establecido na disposición adicional quinta da Orde TMS/369/2019.

3. As persoas docentes encargadas da impartición do módulo de formación sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e corresponsabilidade familiar e doméstica establecido no artigo 31 da orde, deberán acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou de experiencia profesional ou docente en materia de xénero.

Así mesmo, poderá impartir este módulo o persoal inscrito no Rexistro de Persoal Docente acreditado para impartir a formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero (código de procedemento SI500B). A resolución de inscrición no rexistro será condición suficiente para xustificar o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Realizar a execución das accións formativas subvencionadas de acordo coas condicións e requisitos formais e materiais que se establezan na orde de bases e na correspondente convocatoria.

2. Comunicar á Subdirección Xeral de Formación para o Emprego a solicitude e/ou a obtención de subvencións ou axudas para esta mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou ente público.

3. Expor no taboleiro de anuncios do centro en que se imparta a acción formativa, e, de ser o caso de que a formación se imparta na modalidade de teleformación, na plataforma de formación, o programa completo da acción formativa, os dereitos e obrigas do alumnado, así como a relación do persoal docente, as datas e modalidade de impartición e, de ser o caso, o horario da acción formativa.

No anuncio deberá facerse constar necesariamente o carácter público do financiamento da acción subvencionada, incluíndose nel o emblema da Xunta de Galicia e o do organismo que a financia.

Esta información deberá estar redactada en lingua galega, sen prexuízo de que así mesmo se publique noutros idiomas.

4. Informar o alumnado do alcance e obxectivos da formación e dos requisitos necesarios para poder participar na acción formativa e, naqueles casos en que a realización da formación teña lugar na modalidade de teleformación, ou a través de aula virtual, dos medios técnicos necesarios para poder asistir con aproveitamento.

5. Respectar o carácter gratuíto da formación para o alumnado.

6. Informar as persoas participantes en situación de desemprego das axudas e bolsas que poden solicitar e facilitarlles apoio para a cobertura telemática da solicitude normalizada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Este compromiso concrétase nos seguintes puntos:

a) Informar adecuadamente o alumnado, no tempo e na forma, dos dereitos que posúen en canto á percepción de bolsas e axudas por asistir á acción formativa, así como dos prazos para presentar a solicitude e a documentación necesaria.

b) Formular a solicitude de subvención en concepto de bolsa e axuda en representación da persoa interesada e, de ser o caso, remitir a documentación complementaria necesaria por medios electrónicos.

c) Elixir a opción de notificación por vía electrónica, así como colaborar coa Administración na contestación aos requirimentos de corrección das solicitudes e actualizar, dilixentemente e antes dos límites establecidos, a información para a tramitación e xestión das bolsas e axudas na aplicación informática SIFO.

d) Calquera outra que para estes efectos se estableza na orde de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas (procedemento TR301V).

Para os efectos do pagamento das bolsas e axudas ás persoas alumnas desempregadas que asistan a accións formativas na modalidade de teleformación, os resultados dos controis de aprendizaxe citados no seguinte parágrafo deberán estar dados de alta no aplicativo informático SIFO no prazo de tres días hábiles desde a data límite que se determine para que o alumnado realice a correspondente proba.

Na modalidade de teleformación programarase un control de aprendizaxe cada 20 horas de formación ou fracción, entendendo como fracción cada unidade inferior ou igual a 20 horas. O prazo máximo para a súa realización por parte do alumnado será de cinco días hábiles desde a súa activación na plataforma de aprendizaxe e con anterioridade á data de remate da acción formativa.

7. Aboar mensualmente a remuneración do persoal formador a través de transferencia bancaria. Non exime desta obriga o feito de que a empresa beneficiaria non percibise os anticipos previstos nesta orde.

8. Someterse ás actuacións de supervisión, seguimento e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa, e facilitar toda a documentación que para tales efectos se lles requira.

9. Aplicar aqueles sistemas de control de asistencia para o seguimento e control de asistencia do alumnado e do persoal docente establecidos nesta orde.

En función da modalidade en que teña lugar a realización da acción formativa serán de aplicación os seguintes criterios:

a) Na modalidade presencial e na parte presencial da modalidade de teleformación, o control de asistencia realizarase mediante o uso dun sistema de identificación seguro e unívoco baseado en código QR e/ou DNI-e, que identifique ás persoas participantes e, subsidiariamente, por fallo do sistema ou imposibilidade acreditada de utilizar os medios de control citados reportada ao equipo de soporte de Cobipe no momento en que esta se produza, mediante o uso de partes de asistencia individuais asinados. Estes partes deberán ser mecanizados pola entidade beneficiaria en Cobipe no mesmo día en que aconteza a incidencia.

O control deberá realizarse diariamente ao inicio e ao remate de cada sesión, de ser a acción formativa en horario de mañá ou de tarde, e 4 veces ao día, de impartirse a acción formativa en xornada partida, ao inicio e á fin da sesión de mañá e ao inicio e ao remate da sesión de tarde.

Tanto o conxunto do alumnado como o persoal docente estarán obrigados a efectuar o referido control de presenza.

A utilización dun código QR ou dun DNI-e por unha persoa distinta á titular do código ou do documento identificativo, ou a existencia de irregularidades na sinatura dos partes de firma, dará lugar, de acordo co procedemento establecido no artigo 23.6 desta orde, á expulsión da acción formativa da persoa ou persoas infractoras. Sen prexuízo de que as citadas incidencias podan ser detectadas a través das actuacións de seguimento e control a realizar pola Administración, as ditas anomalías deberán ser comunicadas pola entidade ao órgano administrativo competente no momento da súa detección.

De ser o caso, a participación da beneficiaria nalgún tipo de fraude no rexistro do control de presenza poderá dar lugar, logo da resolución do órgano competente, á suspensión da acción formativa e a perda do dereito a percibir a subvención concedida sen prexuízo das actuacións sancionadoras que procedan.

b) Nas accións formativas a impartir na modalidade de teleformación, as entidades deberán dispor da tecnoloxía necesaria para verificar e acreditar a participación e asistencia do alumnado e do persoal docente, segundo o caso, mediante o uso de DNI-e, sinatura dixital ou calquera outro método que garanta a identificación correcta e inequívoca das persoas participantes.

Para estes efectos será admisible unha declaración responsable, a presentar a través da aplicación SIFO, en que se determine a correspondencia entre o código de usuario e a persoa alumna e permita o adecuado seguimento e control da participación do alumnado e persoas titoras-formadoras na acción formativa, así como o número de horas de conexión, a realización de exercicios prácticos e a superación dos correspondentes controis de aprendizaxe.

A presentación dunha declaración responsable que falsee as condicións requiridas para a concesión da subvención ou oculte as circunstancias que a impedisen ou limitasen terá os efectos recollidos no artigo 7.2 desta orde.

Nas sesións de titoría incluídas na modalidade de teleformación, a persoa titora asume o compromiso de dispoñibilidade e presenza durante todo o seu tempo de duración.

c) Na formación presencial desenvolvida mediante aula virtual, esta deberá impartirse obrigatoriamente a través do campus virtual que, para estes efectos, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración porá a disposición das entidades de formación.

Os datos de asistencia do alumnado e persoal docente na formación presencial desenvolvida mediante aula virtual deberán ser mecanizados pola entidade beneficiaria na aplicación informática Cobipe, no prazo de tres días hábiles desde a impartición da sesión a que se refiran. O incumprimento da obriga de mecanización no prazo suporá a perda do dereito a percibir a liquidación correspondente á sesión non mecanizada e para as persoas participantes para as que non se rexistraron os datos.

Non se computarán como asistidas aquelas sesións das persoas alumnas que non teñan acesa durante todo o tempo de duración da sesión formativa a cámara web e/ou a persoa non sexa identificable.

A consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá en calquera momento dentro do período de vixencia desta orde de bases reguladoras, e mediante a oportuna instrución que será comunicada ás entidades beneficiarias, substituír a obriga de mecanización establecida no parágrafo anterior, por unha carga automática en Cobipe do tempo de conexión que para cada sesión, persoa alumna e acción formativa consten no campus virtual.

10. Contratar un seguro de accidentes para o alumnado, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento da acción formativa, como o risco in itinere en concepto de desprazamento ao lugar de impartición das clases teóricas, prácticas, visitas didácticas, titorías e probas presenciais.

A súa duración abranguerá o período da acción formativa, incluíndo expresamente, de ser o caso, as prácticas ou visitas a empresas, sen que poida admitirse restrición nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado. Non se admitirán pólizas con franquías.

O seguro deberá ter a seguinte cobertura mínima:

a) No caso de morte: 60.000 €.

b) No caso de invalidez permanente: 60.000 €.

c) Asistencia médico farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.

11. Contratar unha póliza de responsabilidade civil dun mínimo de 300.000 € para facer fronte aos riscos que podan derivarse para os bens e as persoas cando se realicen prácticas en empresas ou outras actividades relacionadas coa acción formativa.

Non se admitirán pólizas con franquías.

12. Pór a disposición do alumnado os materiais didácticos que se precisen para a axeitada realización da formación, así como os equipos necesarios tanto para a realización das prácticas como para a súa protección e seguridade, do que deberá quedar constancia documental, asinada por cada un dos alumnos e alumnas, que se incorporará ao expediente electrónico de SIFO.

Os materiais didácticos, sexan en soporte de papel ou electrónico, deberán estar redactados en idioma galego salvo que pola súa especificidade non exista a posibilidade de adquirilos neste idioma no mercado. Para estes efectos non se entenderá como material de contidos didácticos os folletos informativos ou manuais de instrucións redactados polas persoas fabricantes ou subministradoras de equipamento dos cales non exista versión en galego.

13. Comunicar á Subdirección Xeral de Formación para o Emprego calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución das accións formativas programadas. Esta comunicación deberá realizarse no prazo de dous días hábiles desde que se teña coñecemento de que se vai producir ou, caso de non ter coñecemento previo, dun día hábil desde que se produza.

14. Comunicar á Subdirección Xeral de Formación para o Emprego, con tres días hábiles de antelación ao día en que vaian ter lugar, a realización de viaxes ou visitas de carácter didáctico relacionadas coa acción formativa.

Estas actividades só poderán denegarse mediante resolución motivada cando o seu contido non supoña unha achega formativa para o alumnado ou reitere actividades xa realizadas.

15. Facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano competente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como someterse a todas as actuacións de comprobación e control previstas no artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

16. Dispor de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas, coa referencia común en todos eles á formación para o emprego, de maneira que exista pista de auditoría adecuada.

17. Para o caso do persoal interno vencellado á impartición da docencia, a entidade deberá crear, documentar e custodiar un sistema con valor probatorio suficiente, para acreditar as horas diarias adicadas por cada persoa a estes labores de preparación e titoría, e as tarefas realizadas con indicación do seu custo.

18. Dispor de follas de reclamación a disposición de todos os usuarios e usuarias, en aplicación do disposto na Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

19. Realizar dous cuestionarios de valoración do curso a cubrir por parte do alumnado durante o primeiro cuarto da acción formativa, para a detección de posibles desviacións ou incidencias no desenvolvemento do curso, e ao remate desta.

Para os efectos da realización do cuestionario final, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración remitirá unha enquisa electrónica de avaliación de calidade que cubrirá o alumnado participante.

A Administración poderá facilitar ao alumnado no momento que considere oportuno, e especialmente se se detectasen incidencias na impartición da formación, formularios dirixidos a coñecer a súa opinión en relación co desenvolvemento da acción formativa.

20. Verificar que no momento do comezo da acción formativa a especialidade segue en alta no Catálogo de especialidades formativas do SEPE e que o programa de alta non difire do programa autorizado.

Non serán subvencionables aquelas accións formativas que no momento do seu inicio non estivesen de alta no citado catálogo.

21. Verificar o cumprimento dos requisitos de acceso a cumprir polo alumnado.

No proceso de liquidación da subvención, non serán obxecto de cómputo na determinación do importe a liquidar aqueles alumnos ou alumnas que non cumpran os requisitos exixidos para o acceso á acción formativa.

Tampouco se expedirán diplomas nin certificados de ningún tipo ás persoas alumnas que accedan á formación sen reunir os requisitos exixidos, nin se asumirá ningún tipo de responsabilidade económica por parte da Administración derivada da súa participación, o que inclúe que non terán dereito a percibir ningún tipo de bolsas e axudas.

Como excepción ao disposto nos anteriores parágrafos, poderán participar nunha acción formativa as persoas candidatas que teñan iniciado e pendente de resolución un proceso de homologación de títulos e estudos estranxeiros ou de expedición dun certificado profesional e sempre e cando estes se correspondan cos requisitos exixidos para poder asistir á actividade de formación.

O recoñecemento oficial da formación estará condicionado a que se produza a validación ou homologación dos ditos estudos ou á obtención do certificado profesional. Caso de que finalmente esta non teña lugar, a acción formativa considerarase, para os efectos da expedición do diploma ou certificado oficial, como non efectuada, xerando non obstante para a entidade dereitos liquidatorios.

Mediante unha instrución da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego e para os efectos de dar cumprimento ás disposicións legais que regulen o acceso a esta formación, poderán admitirse outros colectivos que non cumpran os requisitos de acceso.

22. As entidades beneficiarias da subvención non poderán tratar os datos persoais que lles poidan ser facilitados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para fins propios fóra do ámbito de xestión das actividades formativas subvencionadas, en particular, con fins publicitarios ou de mercadotecnia, nin poderán comunicalos a ningún terceiro fora dos supostos legalmente previstos.

23. Respecto das persoas participantes en cada unha das accións formativas, as entidades beneficiarias están obrigadas a informalas conforme ao exixido nos artigos 13 e 14 do Regulamento (UE) 2016/679, xeral de protección de datos, e en particular que os datos persoais tratados para a participación na correspondente actividade formativa, incluídos no seu caso, os de categoría especial definidos no artigo 9.1 do Regulamento xeral de protección de datos, así como aqueles cuxo tratamento poida derivarse do sistema de identificación baseado en código QR e/ou DNI-e, serán tratados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a xestión, control e seguimento das accións formativas reguladas nesta orde.

Da comunicación desta información ao alumnado deberá quedar a constancia escrita á que se refire o artigo 21.5 desta orde.

Artigo 24. Dereitos e deberes do alumnado

1. A formación será de balde para todo o alumnado participante nas accións formativas realizadas ao abeiro desta orde.

2. O alumnado desempregado que cumpra os requisitos establecidos pola correspondente normativa reguladora, terá dereito a percibir as axudas ou bolsas que se establezan pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego (procedemento TR301V).

Para estes efectos, no suposto de seren persoas desempregadas, terá dereito á percepción de bolsas e axudas o alumnado que teña iniciado e pendente de resolución un proceso de homologación de títulos e estudos estranxeiros ou de expedición dun certificado profesional.

3. O alumnado seleccionado para unha acción formativa regulada por esta orde poderá asistir simultaneamente ata un máximo de dúas accións formativas deste procedemento, ou, de ser o caso, a unha acción formativa desta convocatoria e outra de formación formal ou non formal subvencionada con fondos públicos e sempre que estas últimas permitan a simultaneidade.

En calquera dos supostos descritos no parágrafo anterior na formación impartida na modalidade presencial ou, de ser o caso, na parte presencial de modalidade de teleformación, deberá existir compatibilidade horaria entre ambas actividades e o total de horas de formación non poderá superar o límite máximo de 8 diarias e 40 semanais.

As persoas alumnas non poderán causar baixa nun curso financiado dentro desta programación para acceder a outra acción formativa financiada con fondos públicos, salvo autorización expresa previa da Subdirección Xeral de Formación para o Emprego e por causas excepcionais debidamente xustificadas.

4. O alumnado participante terá a obriga de:

• Asistir e seguir con aproveitamento a acción formativa.

• Rexistrar a súa asistencia e seguimento da acción formativa mediante o uso daqueles sistemas de control de presenza establecidos nesta orde para as distintas modalidades de impartición e que, para tales efectos, aplique a entidade formadora.

• Facilitar, segundo o disposto no artigo 21 desta orde, e nos prazos que nel se establecen, a documentación que lle ten que ser requirida pola entidade de formación.

• Responder ao formulario da enquisa de avaliación da calidade da acción formativa que se lle remitirá por vía telemática ao remate da acción formativa, ou, de ser o caso, se lle entregará en soporte de papel para a súa cobertura.

• De ser o caso, salvagardar o carácter persoal e intransferible das chaves de acceso á plataforma de teleformación ou á aula virtual.

5. As alumnas e alumnos deberán ser dados de baixa nunha acción formativa cando se dea algunha das seguintes causas:

a) Incumprimento dos requisitos exixidos para poder realizar a acción formativa. Será excepción a este criterio o establecido no artigo 23.21 desta orde.

b) Por incumprimentos horarios ou de asistencia na modalidade presencial ou na parte presencial da modalidade de teleformación:

I. Incorrer nun número de faltas de asistencia superior ao 25 % das horas lectivas, sexan estas xustificadas ou non. Para estes efectos computaranse como faltas de asistencia tanto as ausencias a unha xornada como os tempos de incumprimento horarios.

Entenderase por incumprimento horario cando, sen causa xustificada, a suma dos minutos de atraso na hora de entrada e dos de antelación na saída en relación co horario oficial establecido, así como das ausencias durante parte das horas lectivas, sexa superior a 15.00 minutos por cada día lectivo.

Terá a consideración de falta de asistencia a ausencia por un período de tempo superior ao 50 % da duración da sesión formativa, entendida esta como o período de tempo continuado que se corresponde cunha hora de entrada e a súa correspondente hora de saída.

II. Incorrer en máis de tres faltas de asistencia non xustificadas ao mes.

III. Incorrer en sete incumprimentos horarios nun mes, sen xustificación.

Terán a consideración de faltas xustificadas as que a seguir se relacionan:

• Enfermidade ou accidente acreditados.

• Consulta médica propia ou de familiares ata o primeiro grao ou persoas ao seu cargo.

• Nacemento de fillo ou filla e supostos de acollemento ou adopción.

• Falecemento, accidente ou enfermidade grave dun/dunha familiar ata o segundo grao.

• Contratación laboral que permita compatibilizar a asistencia á acción formativa ata completar o 75 % de horas lectivas.

• Asistencia a exames finais e outras probas de aptitude, de carácter oficial.

• Citación administrativa ou xudicial.

• Permiso por violencia de xénero.

• As actividades vinculadas coa conciliación familiar por coidado de fillas/os e/ou persoas acollidas menores de 12 anos ou de familiares dependentes até o segundo grao ao cargo da persoa alumna, sempre que resulte acreditada debidamente tanto a causa como o vínculo familiar nos termos da normativa aplicable.

• Entrevista de traballo, polo tempo indispensable para a súa realización.

A xustificación dos incumprimentos horarios ou das faltas de asistencia deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo. As persoas alumnas disporán dun prazo de cinco días lectivos para presentar os xustificantes; unha vez transcorrido este prazo sen que os presentasen, o incumprimento horario ou a falta de asistencia será considerada como sen xustificar.

c) Por incumprimentos de seguimento na modalidade de teleformación:

Non realizar os controis de aprendizaxe da acción formativa, ou incorrer en incumprimento reiterado na súa realización efectuándoos fóra do prazo establecido para o efecto, sempre e cando o dito incumprimento supere o 25 % do número de controis programados.

A entidade de formación deberá facer efectiva a baixa da persoa participante o día lectivo seguinte a aquel en que o incumprimento dun alumno ou alumna se corresponda con algún dos supostos referidos nas alíneas a), b) ou c).

6. Serán motivos de expulsión da acción formativa por causas disciplinarias os seguintes:

I. Atentar contra os dereitos das persoas alumnas, do persoal docente ou da entidade formadora.

II. A falta de aproveitamento da acción formativa ou mostrar un comportamento indebido que dificulte ou obstaculice o seu normal desenvolvemento e/ou prexudique ao resto das persoas participantes.

III. Negarse a efectuar os controis de asistencia que procedan.

IV. A utilización dun código QR ou dun DNI-e por unha persoa distinta á titular do código ou do documento identificativo, ou a existencia de irregularidades na sinatura dos partes de firma. Este criterio será de aplicación á persoa ou persoas infractoras.

V. Non entregar a documentación necesaria requirida pola entidade de formación ou a unidade administrativa correspondente para dar cumprimento á normativa aplicable.

VI. Non cumprir nin respectar as medidas de seguridade e saúde establecidas polas autoridades competentes para facer fronte, de ser o caso, a emerxencias sanitarias, así como as debidas normas de hixiene e salubridade.

VII. Simultanear, coas excepcións establecidas nesta orde, accións formativas de formación profesional para o emprego. Neste caso, a exclusión aplicarase ás accións formativas ás que se houbese incorporado máis recentemente a persoa alumna.

O procedemento a seguir para resolver se procede a exclusión será o seguinte:

• O proceso iniciarase mediante solicitude debidamente motivada presentada pola entidade de formación.

• No prazo de cinco días hábiles desde a presentación da solicitude, a persoa proposta para exclusión será obxecto de audiencia polo órgano instrutor, a Subdirección Xeral de Formación para o Emprego, logo da cal esta unidade formulará a súa proposta de resolución.

• A resolución corresponderá á persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

• Durante a tramitación do procedemento a persoa alumna que o motiva poderá, mediante resolución motivada emitida polo órgano competente, ser suspendida de asistencia á acción formativa até a notificación da resolución definitiva, contra a cal, que non pon fin á vía administrativa, poderán interpoñer recurso de alzada as persoas interesadas.

As persoas alumnas que resulten expulsadas por causas disciplinarias dunha acción formativa non poderán ser seleccionadas para ningunha outra acción formativa que se imparta ao abeiro da convocatoria do procedemento TR302A en que resultaron excluídas.

CAPÍTULO V
Execución das accións formativas

Artigo 25. Accións formativas

1. Para os efectos desta norma enténdese por acción formativa a dirixida á adquisición e mellora das competencias e capacidades profesionais do alumnado participante.

A acción formativa está constituída polo contido específico das especialidades formativas incluídas no Catálogo de especialidades formativas do SEPE e polos módulos transversais aos que se refire esta orde.

De autorizar a convocatoria itinerarios formativos, unha única acción formativa poderá incluír máis dunha especialidade formativa.

Unha acción formativa poderá impartirse nun ou varios grupos e de acordo cos límites que en cada convocatoria se establezan para cada modalidade de impartición.

De ser o caso, e independentemente do número de grupos en que se desagregue unha acción formativa, as sesións de formación e avaliación presencial da acción formativa deberán efectuarse nun único centro presencial.

2. Todas as especialidades formativas que se impartan deberán estar dadas de alta e vixentes no Catálogo de especialidades formativas do SEPE, e a súa duración, contidos e requisitos serán os establecidos no seu programa formativo.

As especialidades formativas programaranse completas.

3. As accións formativas poderán impartirse nas modalidades establecidas no artigo 26 desta orde.

4. As accións formativas concedidas deberán iniciar a súa impartición no prazo que se determine na correspondente convocatoria. O incumprimento deste prazo dará lugar ás penalizacións que se establezan na correspondente convocatoria.

A acción formativa entenderase iniciada o día do comezo da execución do primeiro grupo formativo e de acordo co calendario aprobado para tal efecto.

5. As accións formativas poderán impartirse en xornadas de mañá, tarde ou mañá e tarde, non estando permitida a súa realización en horario nocturno, nin en domingo ou día festivo.

Enténdese como horario nocturno o período de tempo comprendido entre as 22.00 e as 8.00 horas. Con carácter excepcional e logo de solicitude da beneficiaria debidamente xustificada mediante memoria explicativa, a Subdirección Xeral de Formación para o Emprego poderá autorizar a realización de accións formativas que total ou parcialmente se impartan dentro do horario nocturno.

As sesións de formación non poderán superar as 8 horas por día e as 40 horas semanais, e deberá cumprirse o descanso mínimo de 12 horas contadas desde o remate dunha sesión formativa e o comezo da seguinte.

Salvo autorización da Subdirección Xeral de Formación para o Emprego outorgada a través do aplicativo informático SIFO e logo da solicitude da empresa beneficiaria, presentada cunha antelación mínima de 3 días hábiles en relación coa data en que serán de aplicación os cambios solicitados, as datas e horarios das accións formativas non poderán ser obxecto de modificación respecto do indicado no anexo II ou, de ser o caso, do autorizado posteriormente como consecuencia doutras solicitudes de cambio presentadas.

6. Para facilitar o acceso e desaloxo do alumnado das aulas físicas, así como os procesos de limpeza a realizar nas instalacións, o tempo mínimo que debe transcorrer entre o remate dunha acción formativa e o comezo da seguinte que teña lugar na mesma aula, será de 20 minutos.

7. Logo da petición da entidade beneficiaria motivada por causas de forza maior debidamente acreditadas e presentada cunha antelación mínima de 5 días hábiles en relación coa data de inicio da acción formativa, a Subdirección Xeral de Formación para o Emprego poderá autorizar o cambio do lugar de impartición.

A solicitude deberá fundamentar as causas que motivan a petición e incluirá unha declaración responsable asinada pola persoa representante da entidade manifestando que se mantén o compromiso de participación do número mínimo de persoas traballadoras ocupadas que para cada convocatoria se determine e que deu lugar á resolución de concesión.

O novo censo en que se imparta a formación non poderá, de ser o caso, superar o límite máximo de accións formativas subvencionadas por censo que se estableza na convocatoria.

Non será considerada motivo xustificado para o cambio do lugar de impartición a imposibilidade de atopar alumnado suficiente ou de contratar persoal docente para realizar a formación.

8. Na modalidade de teleformación, o límite máximo de horas de formación a programar por mes natural será de 120. Este número de horas reducirase proporcionalmente caso de que a formación non se imparta a mes completo, considerándose, para efectos de realizar este axuste, meses de 30 días.

9. Todas as accións formativas deberán incluír as evidencias necesarias que permitan avaliar os resultados da aprendizaxe. A avaliación terá un carácter teórico-práctico e realizarase, sen prexuízo dun maior número de controis que pode establecer o programa formativo de cada especialidade ou esta orde, de forma sistemática e continua durante o desenvolvemento de cada módulo e ao final do curso.

10. Non poderá comezar ningunha acción formativa que non conte coa validación previa do persoal técnico da unidade administrativa competente, a través da aplicación informática SIFO.

11. As convocatorias que se realicen ao abeiro destas bases reguladoras establecerán o intervalo de datas autorizado para o comezo e remate das accións formativas.

Artigo 26. Modalidades de impartición

1. A formación obxecto de financiamento por esta orde poderá realizarse, de acordo co que para tal efecto estableza e autorice o correspondente programa formativo da especialidade a impartir, nas modalidades presencial ou de teleformación.

A modalidade de impartición, definida pola modalidade en que se imparta o contido específico da especialidade formativa, especificarase na solicitude de subvención.

2. De ser o caso, na modalidade de teleformación as sesións de formación e/ou avaliación presencial deberán realizarse en centros presenciais localizados na Comunidade Autónoma de Galicia e homologados pola administración pública competente para impartir a correspondente especialidade formativa.

Os contidos e/ou as probas presenciais dunha acción formativa impartiranse e terán lugar nun único centro presencial que, para os efectos de cumprir os requisitos de capacidade, poderá desagregarse en varios grupos.

3. As entidades beneficiarias poderán facer uso da aula virtual como medio complementario e adicional para desenvolver o proceso formativo utilizando o campus virtual que, para estes efectos, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración porá a disposición das entidades de formación, sen que a impartición da totalidade dunha especialidade formativa poida realizarse a través de aula virtual.

A impartición da formación mediante aula virtual terá a consideración de formación na modalidade presencial.

Entenderase como aula virtual á contorna de aprendizaxe onde a persoa titora-formadora e o alumnado interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que garanta en todo o momento a existencia de conectividade entre as persoas formadoras e o alumnado participante, así como bidireccionalidade nas comunicacións.

Non sen poderá impartir mediante aula virtual un número de horas superior ás correspondentes ao 50 % da duración da formación correspondente aos contidos específicos que estea previsto impartir na acción formativa.

O persoal docente deberá estar presente na aula física homologada do centro de formación para impartir a especialidade formativa durante a totalidade do horario de impartición de cada sesión. A ausencia do persoal formador da aula física dará lugar á consideración da sesión como non realizada.

As persoas alumnas poderán asistir ás sesións de formación na aula física desde a que se imparte a acción formativa.

Para seren seleccionadas, as persoas candidatas deberán dispor dos medios técnicos necesarios para poder seguir con aproveitamento á formación: micrófono, cámara web, que deberá estar acesa e en uso durante todo o tempo de duración da sesión formativa, e conexión adecuada. Será responsabilidade do centro de formación verificar o cumprimento dos citados requisitos.

O alumnado deberá estar localizado nunha contorna que permita seguir coa debida atención e aproveitamento o desenvolvemento da acción formativa. Para o seguimento do curso poderá utilizarse ordenador de sobremesa, portátil ou tableta, non estando autorizado para estes efectos o uso de teléfonos móbiles tipo Smart.

A entidade non poderá computar como asistidas para a persoa alumna que incumpre, aquelas sesións en que quebrante os requisitos establecidos.

A Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego poderá establecer mediante unha instrución a obriga de que as entidades de formación graven na nube, utilizando para tales efectos as ferramentas que proporciona o campus, as sesións que se desenvolvan mediante aula virtual. Teranse como non realizadas aquelas sesións que incumpran a obriga da súa gravación na nube caso de que unha instrución estableza dito deber.

Non poderá utilizarse un aula virtual para realizar exames finais e probas de aptitude de carácter oficial, nin aquelas sesións que precisen presenza física do alumnado e/ou requiran a utilización de espazos, instalacións ou equipamentos para a adquisición de destrezas prácticas.

Para a autorización do uso da aula virtual serán de aplicación, no non disposto nesta orde, as instrucións publicadas pola Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, que estarán dispoñibles para a súa descarga ou consulta no sistema informático SIFO.

Artigo 27. Difusión das accións formativas

As entidades beneficiarias poderán realizar actividades de difusión e promoción das accións formativas previas á selección do alumnado naqueles medios e canles que consideren convenientes. A difusión garantirá a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, e do uso dunha linguaxe non sexista.

Nestes anuncios farase constar o carácter público do financiamento da actividade subvencionada, e incluirase neles o emblema da Xunta de Galicia e o dos organismos que financian a formación.

No anuncio, que deberá estar redactado en lingua galega, sen prexuízo de que, así mesmo, se acompañe a publicación noutros idiomas, deberá especificarse como mínimo:

• A entidade ou centro ofertante, con indicación do teléfono e/ou correo-e de contacto.

• As prazas existentes e o carácter gratuíto da formación.

• A acción formativa de que se trata, con indicación do código e denominación da especialidade formativa, o número de horas e as data previstas de inicio e fin.

• O perfil requirido ao alumnado.

• A modalidade de impartición.

Artigo 28. Persoas destinatarias da formación

1. As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas. Para tal efecto, a consideración de persoa traballadora ocupada virá determinada pola súa situación laboral como ocupada referida á data de validación da acta de selección polas oficinas de emprego.

Terán a consideración de persoas traballadoras ocupadas tanto as persoas traballadoras ou socias de empresas de economía social que acheguen actividade económica como as persoas traballadoras autónomas ou as persoas socias traballadoras, ou de traballo, dunha sociedade cooperativa ou dunha sociedade laboral.

2. Así mesmo e para efectos desta orde, consideraranse persoas traballadoras ocupadas as que resulten afectadas por medidas temporais de suspensión de contrato como consecuencia da aplicación dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), ou dun expediente de regulación de emprego (ERE), motivadas por causas económicas, técnicas, organizativas, de produción ou de forza maior.

Neste senso, será de aplicación o disposto na Orde TES/1109/2020, do 25 de novembro, pola que se modifica a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, que inclúe unha nova disposición adicional sétima relativa á participación das persoas afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego en accións de formación profesional para o emprego e na cal, de acordo co establecido na disposición adicional terceira do Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego, así como no artigo 47.4 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, as persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego, suspensións dos contratos de traballo ou as reducións de xornada, por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción ou derivadas de forza maior, poderán participar na oferta formativa para persoas traballadoras ocupadas en calquera programa de formación, con independencia do tipo e ámbito sectorial deste.

As persoas traballadoras a que se fai referencia neste apartado non terán a consideración de desempregadas para os efectos do límite de participación destas.

3. Poderán participar nas accións formativas subvencionadas as persoas pertencentes aos colectivos que a seguir se relacionan:

a) As persoas traballadoras asalariadas que prestan os seus servizos en empresas ou en entidades públicas non incluídas no ámbito de aplicación dos acordos de formación nas administracións públicas e cotizan á Seguridade Social en concepto de formación profesional.

b) As persoas traballadoras fixas descontinuas nos períodos de non ocupación.

c) As persoas traballadoras ou socias das cooperativas, sociedades laborais e entidades de economía social e outras persoas socias das devanditas entidades, sempre que acheguen actividade económica.

d) As persoas traballadoras ocupadas adscritas ao sistema especial para traballadores/as por conta allea agrarios/as incluídos/as no réxime xeral da Seguridade Social durante os períodos de inactividade, ao réxime especial de traballadores/as autónomos/as, ao do mar e a outros da Seguridade Social que non coticen por formación profesional.

Inclúense neste punto as persoas traballadoras dos colectivos cuxo réxime de cotización aínda non prevexa o pagamento da cota polo concepto de formación profesional.

e) O persoal ao servizo das administracións públicas, ata o límite dun 10 % do total de participantes na acción formativa.

f) As persoas traballadoras da entidade beneficiaria ata o límite dun 10 % do total de participantes na acción formativa.

g) Persoas autónomas.

4. Será requisito necesario para a participación dos colectivos de traballadores ocupados relacionados neste artigo que o seu centro de traballo, ou o domicilio fiscal no caso dos autónomos, se localice na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Se así o autoriza a correspondente convocatoria e dentro dos límites que esta estableza, as persoas traballadoras desempregadas poderán participar nas accións formativas convocadas ao abeiro destas bases reguladoras.

A consideración de persoa traballadora desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa situación laboral como non ocupada referida á data de validación da acta de selección polas oficinas de emprego.

Non será precisa a inscrición como demandante no caso de estar inscrita no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Poderán participar nas accións formativas as persoas demandantes de servizos previos ao emprego, nos termos que establezan os instrumentos de coordinación do Sistema nacional de emprego, concretamente, a Comisión de Coordinación e Seguimento (CCS) e o Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego (SISPE).

Se durante o desenvolvemento da acción formativa algunha persoa alumna desempregada pasa á situación laboral de ocupada, poderá continuar asistindo ao curso sempre que para o seguimento das actividades presenciais haxa compatibilidade entre o horario formativo e o laboral, de maneira que lle permita cumprir os requisitos de asistencia e, independentemente da modalidade de impartición, rematar con aproveitamento o curso.

Artigo 29. Selección do alumnado

1. A selección do alumnado participante nas accións formativas será realizada pola entidade beneficiaria.

2. As entidades que presenten unha solicitude de subvención para impartir accións formativas ao abeiro do disposto nesta orde deberán contar, no momento da súa presentación, co número mínimo de persoas traballadoras ocupadas comprometidas a participar que para cada convocatoria se determine.

O procedemento de selección do alumnado estará definido por 2 fases:

• Primeira fase: obtención do número mínimo de persoas alumnas ocupadas comprometidas a participar requiridas na convocatoria. Esta fase é previa á de presentación da solicitude de subvención.

• Segunda fase: unha vez presentada a solicitude de subvención as entidades poderán, de ser o caso, incrementar o número de participantes ata acadar o máximo de persoas alumnas para as que solicita subvención por acción formativa ou grupo da acción formativa.

3. As entidades publicarán no buscador Diplos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, https://emprego.xunta.es/diplos, as ofertas formativas que teñan previsto impartir. A solicitude para publicar as ofertas en Diplos realizarase a través do sistema informático SIFO mediante formulario normalizado habilitado ao respecto.

Cada convocatoria determinará por censo o número máximo de accións formativas e de accións formativas dunha mesma especialidade que se poderán publicitar simultaneamente en Diplos.

Publicada en Diplos a oferta de accións formativas, as persoas traballadoras poderán preinscribirse naquelas accións formativas que sexan do seu interese.

4. Acadado o número mínimo de persoas traballadoras ocupadas establecido por acción formativa para poder presentar a solicitude de subvención, as entidades deberán remitir á oficina de emprego competente, para a súa validación no prazo máximo de 5 días naturais desde a recepción do documento, a acta de selección das persoas comprometidas a participar na acción formativa.

A selección das persoas destinatarias da formación deberá axustarse aos requisitos de participación establecidos nesta orde. Non se validará ningún acta que non cumpra co requisito do compromiso de participación do número mínimo de persoas traballadoras ocupadas establecido na convocatoria.

De ser o caso, a acta de selección reflectirá as persoas seleccionadas que non cumpren cos requisitos de acceso.

A validación da acta de selección coa relación de persoas comprometidas a participar na acción formativa supón un requisito previo e imprescindible para presentar a solicitude de subvención.

5. Para efectos de verificar a súa situación laboral e validar as actas, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración consultará automaticamente os datos de vida laboral en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, das persoas preseleccionadas para asistir á formación. As persoas non inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, caso de opoñerse á consulta, que deberá manifestarse por escrito ante a entidade de formación, deberán achegar a documentación acreditativa da súa situación laboral, que será remitida á oficina de emprego correspondente xunto coa acta de selección.

6. Validada a acta de selección e unha vez presentada a solicitude de subvención, a entidade poderá na segunda fase incrementar o número de persoas alumnas ata acadar o número de participantes solicitado para asistir á acción formativa ou grupo da acción formativa.

7. Finalizado, de ser o caso, o proceso de captación de novas persoas candidatas e unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, as entidades deberán remitir á oficina de emprego competente para a súa validación, a acta de selección das persoas incorporadas na segunda fase. Para estes efectos o procedemento a seguir será o establecido nos apartados 4 e 5 deste artigo.

A validación da acta de selección será requisito previo para poder iniciar a acción formativa.

8. O alumnado que realizase unha acción formativa e teña dereito a diploma non poderá volver a realizar outra acción formativa da mesma especialidade. No caso de detectarse esta circunstancia, as persoas nesta situación deberán ser dadas de baixa e, de ser o caso, non terán dereito a percibir ningunha das bolsas e axudas que se financian no marco do procedemento TR301V. Serán excepción a este criterio aqueles supostos en que exista normativa específica que obrigue á reciclaxe formativa dun determinado colectivo e así o acredite a entidade ou centro de formación.

Artigo 30. Capacidade, incorporacións e suspensións

1. Cada convocatoria establecerá o número máximo de participantes que poderá participar nunha acción formativa, así como, de ser o caso, o número mínimo de persoas alumnas necesarias para poder iniciar a acción formativa.

2. En ningún caso o número de alumnas e alumnos que participen simultaneamente nunha acción formativa ou nun grupo dunha acción formativa poderá ser superior ao do alumnado orzado.

3. Para a regulación da capacidade nas actividades presenciais das accións formativas impartidas na modalidade de teleformación, serán de aplicación os límites establecidos para a modalidade presencial.

4. No suposto de que unha acción formativa ou un grupo dunha acción formativa inicie cun número de persoas alumnas inferior ao autorizado na resolución de concesión de subvención, ou no caso de que non se incorpore o alumnado seleccionado ou se produzan abandonos, poderán incorporarse outras persoas á formación en lugar daquelas sempre que non se superase o 25 % da duración da especialidade formativa ou, no caso da modalidade de teleformación, o 25 % das actividades de aprendizaxe a realizar, e sempre que, a xuízo das persoas responsables da entidade de formación, as persoas que se incorporen poidan, unha vez superadas as probas de nivel correspondentes, seguir as clases con aproveitamento e non dificulten a aprendizaxe do grupo inicial.

5. Sen prexuízo do disposto no apartado anterior, as convocatorias poderán establecer un número mínimo de participantes para poder iniciar unha acción formativa.

6. Cada nova alta ou baixa de alumnado que se produza na acción formativa deberá ser actualizada no sistema informático SIFO e, de corresponder cunha persoa desempregada, comunicada á oficina de emprego correspondente no prazo de 3 días hábiles desde que esta teña lugar.

Artigo 31. Módulos formativos transversais

1. O capítulo IV, do título III da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, establece a obriga de integrar a perspectiva de xénero nos programas de formación da Consellería competente en materia de emprego.

En todas as accións formativas subvencionadas ao abeiro desta orde impartirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de 5 horas nas especialidades formativas de duración menor ou igual a 50 horas (FCOXXX21), e de 10 horas naquelas outras cunha duración superior a 50 horas (FCOXXX22).

A cualificación do alumnado será de «apto» ou «non apto» e requirirá a superación dunha proba final de aptitude.

2. As alumnas e alumnos que acrediten documentalmente ter realizado formación en materia de igualdade de xénero e igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e corresponsabilidade familiar e doméstica quedarán exentas/os de realizar o módulo transversal sempre e cando a formación recibida fose impartida ou homologada por un organismo oficial, que os contidos impartidos se axusten aos contidos do módulo transversal e que o número de horas da formación recibida sexa igual ou superior ás horas de formación do módulo que se vai eximir.

No suposto de que non exista constancia na aplicación informática SIFO da súa realización, as persoas interesadas deberán acreditala para os efectos de non volver a cursala.

3. O módulo formativo transversal poderá impartirse nas modalidades presencial ou de teleformación.

A modalidade de impartición do módulo formativo transversal non poderá ser obxecto de modificación con respecto á establecida na resolución de concesión da subvención.

4. A impartición dos módulos formativos transversais en materia de igualdade poderá realizarse en calquera momento dentro do intervalo de datas da acción formativa, agás ao seu inicio. A formación en materia de prevención de riscos laborais deberá impartirse, de ser o caso, con carácter previo á realización de prácticas en empresa.

Non poderá simultanearse a impartición dos contidos específicos dos módulos transversais cos contidos propios do programa formativo da especialidade.

Artigo 32. Seguimento das accións formativas

1. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego aplicará un sistema de seguimento e control, que poderá incluír, entre outras actuacións, visitas presenciais.

Durante as visitas poderán solicitarse ás entidades as evidencias físicas relativas ao desenvolvemento da actividade formativa que se consideren oportunas, recoller testemuños do alumnado sobre o desenvolvemento da acción formativa e tomar imaxes fotográficas do material, equipamento e instalacións necesarias para impartir a formación.

De ser o caso, as citadas actuacións de seguimento e control poderán ser realizadas por unha entidade, pública ou privada, se así se lle encomenda a través do instrumento xurídico correspondente.

2. Nas accións formativas a impartir na modalidade de teleformación, o seguimento poderá implicar o acceso á correspondente plataforma informática para verificar a evolución do desenvolvemento da actividade formativa a través do uso de chaves de acceso con perfil de administrador/a, titor/a-formador/a ou alumno/a, que, para tales efectos, deberá facilitar a entidade beneficiaria.

Este seguimento poderá complementarse con chamadas telefónicas mediante mostraxe, a realizar ás persoas participantes na actividade, e, de ser o caso, visitas de seguimento ás sesións presenciais.

Sen prexuízo do disposto no artigo 36.8 desta orde e para os efectos de realizar as consultas e comprobacións que se estimen pertinentes, a plataforma de aprendizaxe deberá estar operativa e accesible para a administración até o remate da fase de liquidación do expediente.

3. Cando a acción formativa se desenvolva a través de aula virtual, poderán efectuarse conexións durante o tempo de impartición da formación por parte dos órganos de control para os efectos de realizar aquelas actuacións de seguimento que procedan. O persoal de seguimento poderá solicitar a desconexión do persoal docente e do persoal da entidade beneficiaria para os efectos de efectuar consultas co alumnado.

De acordo e cos efectos establecidos nesta orde, todas as persoas participantes deberán dispor de micrófono e cámara web; cámara que deberá estar acesa e en uso durante todo o tempo de duración das sesións formativas e que permita que o alumnado sexa identificable.

Durante o tempo de conexión, o persoal de seguimento deberá ter contacto visual e sonoro cas persoas participantes e poderá interactuar co persoal formador e o alumnado mediante chat ou facendo uso de calquera outra ferramenta que proporcione o campus.

Nas sesións formativas impartidas mediante aula virtual poderán realizarse visionados e cruces de datos que permitan comprobar a exactitude e correspondencia entre os datos do rexistro de actividade que para cada persoa alumna consten no campus virtual e a información mecanizada polas entidades beneficiarias na aplicación informática Cobipe. De existir discrepancias entre ambas fontes de datos, consideraranse correctos, para efectos do cómputo de horas de presenza do alumnado, os que teñan a súa orixe na información proporcionada polo campus virtual.

4. As entidades impartidoras deberán pór a disposición da dirección xeral ou, de ser o caso, da unidade administrativa ou da entidade pública ou privada que corresponda, xunto co resto da documentación exixida nesta orde e utilizando para tales efectos o aplicativo informático SIFO, a folla de control de asistencia debidamente asinada polas persoas técnicas de seguimento que visiten a acción formativa.

No caso de que non coincida a folla de control de asistencia que conste en poder das persoas técnicas coa remitida posteriormente polas entidades, presumirase a veracidade da primeira.

As entidades beneficiarias deberán colaborar de xeito dilixente na realización das actuacións de seguimento e control achegando, para tal efecto, canta documentación lles fora requirida.

5. Cando nunha acción formativa se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puideran ser emendadas no prazo concedido para o efecto e que impidan o normal desenvolvemento da actividade ou incidan negativamente na súa calidade docente, poderá procederse á súa cancelación logo da resolución motivada do órgano competente para a súa concesión.

Artigo 33. Diplomas

1. Unha vez rematada a acción formativa, dados de alta en SIFO os resultados individuais obtidos polo alumnado nos diferentes controis e probas de avaliación da acción formativa, e con solicitude previa da beneficiaria, a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego procederá a emitir os correspondentes diplomas de acordo cos criterios establecidos nesta orde.

A solicitude dos diplomas, que se realizará no prazo máximo dun mes desde o remate da acción formativa a través do sistema informático SIFO, incluirá unha declaración responsable da entidade de formación manifestando que cada persoa alumna para a que solicita o diploma cumpre cos requisitos exixidos pola normativa vixente para a súa obtención.

2. Para ter dereito ao diploma, o alumnado deberá cumprir os requisitos de acceso exixidos para asistir á acción formativa e finalizala con aproveitamento de acordo cos seguintes criterios:

a) Modalidade presencial: asistencia a un 75 % das horas de duración da especialidade formativa e a superación dunha proba final de aptitude coa cualificación de apta/o.

b) Modalidade de teleformación: ter realizados en prazo o 75 % dos controis de aprendizaxe da especialidade formativa, a asistencia, de ser o caso, ao 75 % das actividades de carácter presencial, e a superación dunha proba final de aptitude coa cualificación de apta/o.

Para os efectos do dereito a diploma, as porcentaxes do aproveitamento non precisarán computar, para o seu cálculo, as horas correspondentes aos módulos transversais.

3. A Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego determinará o modelo do diploma a entregar en que en todo caso deberá constar:

a) Nome, apelidos e DNI ou NIE da alumna ou alumno.

b) Código e denominación da especialidade formativa.

c) Datos do centro en que se impartiu a formación e, de ser o caso, lugar de impartición.

d) Datas de realización da acción formativa e número de horas de impartición.

e) Modalidade de impartición.

f) Os módulos que, de ser o caso, inclúe a especialidade formativa.

g) O emblema da consellería competente da Xunta de Galicia e dos organismos que financien as accións formativas.

h) Os módulos de formación transversal impartidos, con indicación da súa duración en horas ou, de ser o caso, da exención da obriga de realizalo.

4. O alumnado que non teña dereito a diploma recibirá unha certificación polas horas asistidas.

5. Tanto a emisión dos diplomas como, de ser o caso, a expedición de certificados efectuarase en soporte electrónico.

Artigo 34. Avaliación da calidade das accións formativas

1. Deberase efectuar un seguimento continuo da formación que permita a identificación de áreas de mellora e a elaboración de plans de mellora, detectando debilidades que poidan ser emendadas dentro do período de realización da acción formativa.

Estas actuacións, das que deberá quedar constancia da mostra representativa sobre ás que se realizaron, deberán estar recollidas no informe final ao que se refire o anterior parágrafo.

2. As entidades beneficiarias realizarán e presentarán coa xustificación da subvención, e a través do aplicativo SIFO, un informe final de avaliación da acción formativa desagregado, de ser o caso, por grupos. O informe incluirá cando menos os seguintes indicadores:

• Número total de cuestionarios de avaliación de satisfacción de calidade cumprimentados polo alumnado e porcentaxe respecto do total de persoas formadas en cada acción formativa e/ou grupo.

• Resultados da avaliación da aprendizaxe do alumnado de cada acción formativa e/ou grupo que incluirá o número e porcentaxe de aptos e non aptos sobre o total de persoas formadas.

• Resultados doutras actuacións de avaliación desenvolvidas no programa de formación.

3. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración velará pola calidade da formación profesional para o emprego e as entidades e centros de formación colaborarán na avaliación da formación que executen, seguindo as instrucións que para tal fin poderá ditar a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, en que concretarán os criterios e posibles indicadores da avaliación e o tamaño da mostra representativa para avaliar os grupos de formación.

CAPÍTULO VI
Pagamento, xustificación e reintegros

Artigo 35. Pagamento da subvención

1. Ditada e notificada a resolución de concesión, as entidades, unha vez conste a aceptación tácita ou expresa da subvención e resulte acreditado o inicio da actividade formativa, poderán solicitar o pagamento dun anticipo de ata o 60 % calculado sobre o importe global da subvención concedida.

De ser o caso, os anticipos non poderán superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e, polo tanto, no caso de tratarse dunha convocatoria plurianual, o pagamento poderá ser dividido en dúas anualidades para respectar este límite, para o cal se adoptarán as correspondentes medidas de xestión orzamentaria que permitan a percepción do importe total do anticipo ou suma de anticipos a que se teña dereito.

Entenderase por inicio da actividade formativa o comezo da execución da primeira acción formativa subvencionada.

2. Os anticipos deberán solicitarse a través do aplicativo informático SIFO.

3. A concesión do anticipo deberá axustarse ao gasto a realizar na anualidade orzamentaria á que se refira e a presentación da xustificación do importe do anticipo deberá realizarse non máis tarde do 31 de xaneiro da segunda anualidade.

Os pagamentos dos anticipos faranse efectivos, en atención ao disposto no artigo 12.2 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, no prazo máximo de 3 meses a contar desde a presentación pola empresa beneficiaria da documentación requirida para formular a solicitude de anticipo.

O resto do importe concedido farase efectivo, unha vez finalizada e xustificada a realización da totalidade das accións formativas do expediente subvencionado. Para o cálculo do importe a aboar terase en consideración a xustificación presentada.

4. Non poderán realizarse pagamentos anticipados ás persoas beneficiarias nos supostos previstos no parágrafo terceiro, do artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Conforme o previsto no artigo 65.4, sobre réxime xeral de garantías, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as institucións sen ánimo de lucro están exoneradas de constituír garantía para a percepción dos anticipos.

Así mesmo, en aplicación do artigo 67.4 do citado Decreto 11/2009, sobre a obriga de constituír garantías en pagamentos anticipados e a conta, as entidades con ánimo de lucro quedan eximidas da obriga de constituír garantías para a realización e cobramento dos anticipos.

6. No caso de tratarse dunha convocatoria plurianual, poderán imputarse con cargo á segunda anualidade os gastos realizados durante os últimos 2 meses da primeira anualidade.

Artigo 36. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias quedarán obrigadas a xustificar a realización da actividade formativa subvencionada, o destino dos fondos recibidos e o cumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión da subvención.

2. A xustificación da subvención deberá realizarse no prazo dun mes desde o remate da acción formativa a través da aplicación informática SIFO.

3. O órgano competente para a tramitación da documentación xustificativa das subvencións e a súa comprobación técnico-económica será o Servizo de Xestión Administrativa da Formación para o Emprego.

4. Para os efectos de realizar a comprobación, a beneficiaria da subvención deberá presentar a seguinte documentación:

I. Memoria de actuación xustificativa, asinada pola persoa responsable ou persoa representante autorizada da beneficiaria, do cumprimento das condicións e obrigas establecidas na concesión da subvención, nas bases reguladoras e na convocatoria, con indicación das actividades realizadas, os resultados obtidos e as competencias adquiridas polo alumnado ao remate da formación.

A memoria incluirá a certificación de execución e finalización de cada acción formativa, e, de ser o caso, dos diferentes grupos en que se desagrega.

De acordo co disposto no artigo 34 desta orde, informe de avaliación da calidade da acción formativa con identificación, de ser o caso, das áreas de mellora. O informe deberá incluír a documentación relativa ás actuacións realizadas, as debilidades detectadas e as accións levadas a cabo para a súa resolución.

II. Memoria económica xustificativa do custo da acción formativa asinada pola persoa responsable ou representante autorizado da beneficiaria, que incluirá os seguintes apartados:

a) Cadro resumo de cada acción formativa e, de ser o caso, grupo, que inclúa, de ser o caso, o número de horas lectivas efectivamente realizadas, o número de horas relativas ás faltas de asistencia debidamente xustificadas e o número de horas relativas ás faltas de asistencia sen xustificar.

Na información deberá identificarse ao alumnado segundo a categoría de participante, formado e aprobado, definida de acordo co seguinte criterio:

– Alumnado participante: persoas alumnas que inician a acción formativa. Incluiranse neste epígrafe aquelas persoas que se incorporen á acción formativa con posterioridade ao seu inicio e de conformidade co disposto no artigo 30 desta orde.

– Alumnado formado: persoas participantes que, na modalidade presencial, cumpriron co requisito de asistencia ao 75 % da duración da especialidade formativa ou que, na modalidade de teleformación, realizaron cando menos o 75 % das actividades de aprendizaxe e, de ser o caso, asistiron ao 75 % das actividades presenciais.

– Alumnado aprobado: persoas participantes que, cumprindo os requisitos establecidos para o alumnado formado, superaron o curso coa consideración de aptas.

Cada persoa alumna identificarase cun único perfil dos citados. Neste senso sobreenténdese que o alumnado aprobado cumpre cos requisitos descritos para o alumnado participante e formado; e que o alumnado formado é pola súa vez participante.

De ser o caso, documentación acreditativa dos abandonos producidos. Para os supostos particulares de abandono por colocación ou de baixa por enfermidade ou accidente acreditado, e sempre que as persoas tivesen realizado un mínimo do 10 % da acción formativa, deberá achegarse a documentación acreditativa de tales circunstancias.

b) Cálculo da contía global da subvención xustificada que corresponda en aplicación dos módulos económicos establecidos e os criterios previstos nesta orde.

No caso de que fose concedida unha subvención complementaria para custos derivados da adaptación da acción formativa para a participación de persoas con discapacidade, deberá engadirse o cálculo correspondente ao financiamento adicional recoñecido, debendo achegarse xustificación de que se destinou dito importe adicional, segundo o caso, á contratación de persoal de apoio, á adaptación curricular, á compra de material didáctico, á adecuación das condicións físicas e/ou tecnolóxicas, e/ou á dotación de recursos materiais para adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade.

De ser o caso, as entidades deberán solicitar expresamente, xunto coa presentación da xustificación de realización da actividade subvencionada, a aplicación da garantía de percepción do mínimo do 75 % do importe inicialmente concedido á que fai referencia o artigo 37.10 desta orde. Esta solicitude deberá acompañarse dunha certificación asinada co importe dos gastos reais efectuados pola entidade.

III. Outra documentación acreditativa e declaracións responsables:

a) No caso de opoñerse á consulta por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ou no suposto de non prestar o consentimento ao que se refire o artigo 9 desta orde, deberán presentar certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa seguridade social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e de que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

A obriga de achegar un certificado de cumprimento das obrigas sinaladas no parágrafo anterior poderá substituírse, para os casos que se recollen no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por unha declaración responsable da entidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Declaración responsable de que todos os gastos realizados con cargo á subvención atópanse debidamente contabilizados e foron efectivamente pagados con anterioridade á presentación da xustificación, incluíndo a totalidade dos salarios e/ou facturas do persoal vencellado á docencia, con indicación expresa de que os importes aboados cumpren coa normativa vixente así como, de ser o caso, cos convenios colectivos que sexan de aplicación.

c) Caso de terse producido incidencias no sistema de control de asistencia debidamente acreditadas perante o equipo informático de soporte, partes diarios de asistencia no modelo xerado pola aplicación SIFO asinados polo alumnado participante e o persoal formador ao inicio e ao final de cada sesión, así como da persoa responsable da beneficiaria, e de acordo cos criterios establecidos no artigo 23.9 desta orde. Nos ditos partes deberanse identificar de maneira veraz as persoas participantes e expresar as horas realizadas diariamente por cada unha delas, reflectindo expresamente o número de horas e minutos de ausencia.

d) Nos cursos que se impartan na modalidade de teleformación, e naqueles casos en que a formación se desenvolva mediante aula virtual, documentación acreditativa da participación do alumnado e do persoal docente de acordo co disposto no artigo 23.9 desta orde.

e) Relación nominal, con nóminas ou facturas xustificantes do pagamento, do cadro de persoal vinculado á docencia que participou nas accións formativas, con indicación expresa de se se trata de persoal asalariado mediante contrato mercantil, persoa socia da beneficiaria, persoa autónoma ou persoal interno da entidade formadora contratado para a formación.

Incluiranse nesta relación as persoas formadoras, persoas titoras-formadoras internas e externas, así como o persoal que, non tendo o carácter de persoa formadora ou titora-formadora da acción formativa, realizou tarefas relacionadas directamente co seguimento do proceso de aprendizaxe, asesoramento e orientación ao alumnado.

f) Inventario do material entregado ao alumnado que inclúa a sinatura de recepción individualizada.

5. Se como resultado da comprobación técnico-económica da documentación a unidade administrativa competente comproba que o importe liquidable da acción formativa foi inferior á subvención concedida, aboarase unicamente o importe efectivamente xustificado.

6. Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen que esta se presentase, requirirase á beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de 10 días hábiles. A falla de presentación da xustificación, transcorrido este novo prazo, dará lugar á perda do dereito ao cobro da subvención e/ou ao inicio do procedemento de reintegro, de ser o caso.

A Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, logo da solicitude da entidade beneficiaria, poderá autorizar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non poderá exceder da metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiras persoas.

Se a documentación presentada fose insuficiente para considerar correctamente xustificada a subvención concedida, poranse en coñecemento da persoa beneficiaria as insuficiencias observadas para que no prazo de 10 días hábiles sexan emendadas.

7. Unha vez examinada e comprobada a documentación presentada ditarase a resolución de liquidación que será notificada ás entidades beneficiarias.

Así mesmo, para a determinación da liquidación teranse en conta, de ser o caso, os anticipos concedidos e as minoracións que correspondan consecuencia do incumprimento de compromisos asumidos.

Caso de que a liquidación practicada fose inferior á cantidade anticipada, tramitarase o correspondente expediente de reintegro.

8. As beneficiarias estarán obrigadas a conservar, durante un mínimo de 4 anos, considerando, no seu caso, a interrupción do prazo de prescrición do dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro da subvención concedida, a contar desde a liquidación final da subvención, os xustificantes da realización da actividade que fundamenta a súa concesión e a aplicación dos fondos recibidos, para os efectos das actuacións de comprobación e control así como de calquera outra obriga legal que así o exixa.

O dito prazo computarase a partir do momento en que remate o período establecido para presentar a citada xustificación por parte da beneficiaria.

As entidades que, sen ter transcorrido o citado período, decidan suspender a súa actividade ou disolverse, deberán remitir copia da citada documentación ao órgano competente, sen prexuízo da obriga de presentar a documentación xustificativa da subvención.

As probas e cuestionarios realizados polo alumnado durante o desenvolvemento da acción formativa terán a consideración de documentación a custodiar.

Inclúese neste apartado a obriga de manter a adecuada pista de auditoría á que se refire o artigo 23.16 desta orde.

9. A aplicación da xustificación a través dos módulos económicos non exime ás entidades beneficiarias do deber de cumprir a lexislación vixente en materia financeira, fiscal, contable e laboral, especialmente no referente á contabilidade dos gastos, aboamento de salarios ao persoal, ingresos das cotizacións á seguridade social, facturación e subcontratación.

Artigo 37. Liquidación da subvención

1. A liquidación das axudas realizarase en función das persoas participantes nas accións formativas, atendendo ás horas lectivas realizadas, e de acordo cos módulos económicos establecidos para cada modalidade de impartición.

En ningún caso a liquidación resultante poderá superar a contía da subvención inicialmente concedida.

Para determinar o número de horas computables, teranse en conta as efectivamente realizadas polo alumnado e que consten debidamente acreditadas a través dos diferentes medios de control de asistencia admitidos establecidos nesta orde. No caso de existir discrepancia entre as acreditacións achegadas, utilizarase para a determinación do custo o número de horas que resulte inferior.

Na modalidade presencial ou na parte presencial da modalidade teleformación á suma das horas computables indicadas no parágrafo anterior, sumaranse as faltas de asistencia xustificadas até un máximo do 25 % do total de horas da acción formativa.

A xustificación das ausencias deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia. Para estes efectos consideraranse xustificadas as ausencias relacionadas no artigo 24 desta orde.

Para os efectos do cómputo do referido 25 % do total de horas da acción formativa teranse en conta para o cálculo da subvención as faltas de asistencia sen xustificar que se produzan dentro dos límites establecidos no artigo 24 desta orde.

2. Nas accións formativas impartidas na modalidade presencial, para os efectos de determinar a subvención a liquidar unha vez executada a formación, considerarase que unha persoa rematou a formación cando asistira, ao menos, ao 75 % das horas de impartición da acción formativa.

Nas accións formativas impartidas na modalidade de teleformación considerarase, para efectos de determinación da subvención a liquidar, que remataron a acción formativa aquelas persoas que realizaran en prazo e con independencia das horas de conexión, o 75 % dos controis de aprendizaxe e, de ser o caso, asistiron ao 75 % das horas das actividades presenciais.

Para acadar ditas porcentaxes non se terán en conta as horas relativas aos módulos transversais, se ben serán computables para o cálculo do importe a liquidar.

Considerarase que remataron a acción formativa as persoas participantes que causaran baixa por enfermidade ou accidente acreditado e as persoas desempregadas que tivesen que abandonala por haber atopado emprego, sempre que en calquera dos supostos relacionados tivesen realizado, de acordo cos criterios establecidos para cada modalidade, un mínimo do 10 % da acción formativa.

Para efectos do cálculo da liquidación, sempre que un alumno ou alumna teña dereito a diploma será subvencionable.

3. Para os efectos da determinación do módulo económico a aplicar, a impartición da formación que se realice mediante aula virtual, caso de que esta se autorice na correspondente convocatoria, terá a consideración de presencial.

A contía do módulo económico a aplicar na modalidade de teleformación determinarase na correspondente convocatoria.

4. No caso de accións formativas que teñan un mínimo dunha persoa alumna con certificación de discapacidade e logo de solicitude expresa da entidade beneficiaria, poderase incrementar o importe da subvención inicialmente aprobado, sempre que se xustifique axeitadamente e que se destine exclusivamente á contratación do apoio necesario para a axeitada participación na acción formativa das persoas con discapacidade.

A solicitude e a memoria xustificativa das necesidades a cubrir deberán presentarse unha vez realizada a selección do alumnado e no prazo máximo de 15 días naturais desde a incorporación á acción formativa da persoa con discapacidade.

Para o financiamento do custo adicional ditarase unha resolución complementaria con indicación da data de efectos e o importe total dos gastos autorizados polos conceptos de persoal de apoio e adaptación curricular ou do material didáctico. O importe adicional calcularase en función do custo unitario por cada hora lectiva da acción formativa en que deba participar a persoa ou persoas con discapacidade, independentemente do número de persoas alumnas con discapacidade.

Para a determinación do custo adicional de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade, cada convocatoria establecerá un custo unitario por hora lectiva.

5. Serán subvencionables aqueles gastos destinados a promover a adecuación das condicións físicas e/ou tecnolóxicas, e a dotación de recursos materiais e medios didácticos apropiados ás persoas con discapacidade. Non serán subvencionables aqueles gastos en recursos e equipamento a que está obrigada a entidade en base ao disposto na normativa vixente.

A solicitude e a memoria xustificativa das necesidades a cubrir deberá presentarse unha vez realizada a selección do alumnado e en calquera momento desde a incorporación á acción formativa da persoa para a que se solicita a adaptación dos medios físicos e/ou tecnolóxicos. A memoria deberá xustificar, para cada persoa alumna, as causas que motivan a petición, a relación pormenorizada dos recursos necesarios e a inexistencia dos medios solicitados no centro de formación.

A adquisición, cesión ou alugueiro dos recursos efectuarase de acordo coas condicións normais do mercado, e a súa xustificación realizarase mediante a achega, xunto coa solicitude e con carácter previo á dispoñibilidade dos medios, de tres ofertas diferentes.

Para o financiamento deste custo adicional ditarase unha resolución complementaria con indicación da data de efectos e co importe total do gasto autorizado, que estará suxeito á contía máxima que por persoa alumna se determine en cada convocatoria.

6. De se produciren abandonos que dean lugar a baixas non computables nin xustificadas, con posterioridade á impartición do 25 % das horas de formación, poderase admitir unha desviación do 15 % con respecto ao número de participantes que tivesen comezado as accións formativas, excluídos aqueles que incumprisen os requisitos e condicións da convocatoria, nos termos sinalados polo artigo 10.3 da Orde TMS/368/2019, de 28 de marzo, de maneira que eses abandonos se teñan en conta para o cálculo do custo subvencionable co límite desa desviación e co mesmo criterio que se se tratase dun abandono por colocación.

O antedito 15 % calcularase computando o total de horas efectivamente asistidas á especialidade formativa.

7. Para os efectos do cálculo da liquidación non se terán en conta aquelas persoas participantes que tivesen que abandonar a formación por incumprimento das condicións da convocatoria ou por non cumprir os requisitos exixidos para poder participar na acción formativa.

8. O cálculo da liquidación realizarase multiplicando o módulo económico da especialidade, área ou familia profesional, segundo determine a convocatoria, e en base á modalidade en que se imparta, presencial ou teleformación, polo número de persoas alumnas que remataron a formación e polas horas de formación computables de cada persoa alumna.

9. Consonte o previsto no artigo 17 da Lei de subvencións de Galicia, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Segundo o previsto no artigo 29 da devandita Lei e no artigo 42 do seu regulamento, na xestión da subvención deberase ter en conta que se consideran gastos subvencionables os realizados no prazo establecido polas convocatorias e considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

As subvencións previstas nesta orde son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma acción formativa procedentes de calquera persoa, Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

10. Sen prexuízo do disposto no artigo 38 desta orde, sobre incumprimento de obrigas e reintegro, no momento da liquidación garantirase, logo da solicitude da beneficiaria, a percepción dun mínimo do 75 % do importe inicialmente concedido por cada acción formativa impartida, se esta remata cun número de persoas alumnas equivalente, cando menos, ao 50 % do número alumnado subvencionado.

A aplicación destas garantías está condicionada ao disposto no apartado 9 deste artigo.

Artigo 38. Incumprimento de obrigas e reintegro

1. O incumprimento das obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se establecesen na correspondente resolución de concesión dará lugar á perda total ou parcial do dereito ao cobramento da subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida e os xuros de demora correspondentes.

2. O importe da perda do dereito ao cobramento da subvención ou do reintegro determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

I. Supostos de incumprimento total:

Procederá a perda e/ou reintegro do 100 % da subvención concedida máis, de ser o caso, os correspondentes xuros de demora, nos seguintes supostos:

a) Pola obtención da subvención falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a houbesen impedido.

b) Polo feito de non realizar a actividade obxecto de subvención ou polo incumprimento total dos fins para os que se concedeu a subvención.

c) Polo incumprimento da obriga de xustificación da subvención ou pola súa xustificación insuficiente, de feito que non permita acreditar que se impartiu a formación.

d) Pola concorrencia doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, e sen prexuízo da incoación dun expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a beneficiaria.

e) Cando a realización da actividade subvencionada non acada o 25 % dos seus obxectivos, medidos co indicador do número de horas de formación multiplicado polo número de alumnas e alumnos finalizados.

Para estes efectos incluiranse as horas de ausencia que resulten computables por falta xustificada ou, de ser o caso, por colocación.

f) Pola ausencia dunha pista de auditoría.

II. Supostos de incumprimento parcial:

a) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano que concede a subvención a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade dará lugar á perda ou reintegro do 2 % da subvención xustificada aceptada do expediente.

b) O mantemento dunha pista de auditoría insuficiente dará lugar á perda ou reintegro do 2 % da subvención xustificada aceptada do expediente.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade, información e comunicación establecidas nesta orde dará lugar á perda ou reintegro do 2 % sobre a subvención xustificada aceptada para a acción ou accións formativas en que se incumpriu a obriga.

d) O incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de conta separada ou dunha codificación contable adecuada establecida, dará lugar á perda ou reintegro do 2 % da subvención xustificada aceptada do expediente.

e) No caso de impartir formación a alumnos ou alumnas que non cumpren os requisitos necesarios para o acceso á formación, coas excepcións establecidas nesta orde, minorarase a subvención na parte correspondente ás persoas que incumpren.

f) O incumprimento da obriga de aboar mensualmente e mediante transferencia bancaria o importe das retribucións das persoas docentes ou formadoras dará lugar, o primeiro mes, á perda ou reintegro do 5 % da subvención xustificada aceptada correspondente a esa mensualidade e acción formativa afectada.

De repetirse esta situación noutras mensualidades, esta porcentaxe incrementarase nun 2 % por cada mes.

g) No suposto de incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 21 e 23 desta orde aplicarase, naqueles supostos de incumprimento non regulados expresamente nos anteriores apartados, unha minoración gradual en virtude do grao de incumprimento que non poderá superar o 5 % sobre a subvención xustificada e aceptada da acción formativa en que se incumpre.

Para os efectos de determinar o grao de incumprimento teranse en consideración as accións formativas en que se produciron os incumprimentos, se dá lugar a que se produza falta de información ao alumnado en relación co tratamento dos seus datos persoais e dos seus dereitos e obrigas e, de ser o caso, o tempo de demora para a resolución da incidencia.

Artigo 39. Infraccións e sancións

1. Conforme ao previsto no artigo 19 da Lei 30/2015, de 9 de setembro, polo que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, o réxime de infraccións e sancións aplicables no ámbito da formación profesional para o emprego será o regulado polo texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

No non previsto no réxime de infraccións e sancións establecido no parágrafo anterior, observarase o contido da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a normativa que a desenvolve.

2. As infraccións poderán ser cualificadas como leves, graves ou moi graves e levarán aparelladas as sancións que en cada caso corresponda de acordo coa normativa vixente.

3. As sancións impostas polas infraccións graves e moi graves en materia de formación profesional para o emprego que dean lugar a que a subvención sexa declarada indebida polo órgano concedente, unha vez firmes, incluiranse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

4. A obriga de reintegro establecida no artigo 38 desta orde entenderase sen prexuízo do previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se concorresen as accións e omisións tipificadas na antedita lei.

Artigo 40. Devolución voluntaria das subvencións

1. A acreditación de ter ingresado o importe correspondente á diferenza entre a cantidade xustificada e a recibida en concepto de anticipo, de ser o caso, terá a consideración de devolución voluntaria, de acordo co establecido no artigo 90 do Regulamento da Lei xeral de subvencións.

2. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta IBAN ES82 2080 0300 8731 1006 3172 en concepto de devolución voluntaria da subvención.

O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, até o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da beneficiaria.

O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

CAPÍTULO VII
Primeira convocatoria

Artigo 41. Financiamento

1. Destínase a esta primeira convocatoria, correspondente ás anualidades 2026/2027 un crédito por importe total de dez millóns seiscentos vinte e dous mil setenta e oito euros (10.622.078 €), que se imputarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que a seguir se relacionan, ou aquelas que a substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2013 00493. Estas aplicacións están financiadas con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Aplicación
orzamentaria

Entidades que financia

Anualidade 2026

Anualidade 2027

Importe total

14.03.323B.471.0

Empresas

8.467.611,00 €

500.000,00 €

8.967.611,00 €

14.03.323B.481.0

Entidades sen ánimo de lucro

1.504.467,00 €

150.000,00 €

1.654.467,00 €

Total

9.972.078,00 €

650.000,00 €

10.622.078,00 €

Este crédito orzamentario está recollido no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro.

A convocatoria, dado o seu carácter de tramitación anticipada, queda sometida á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

2. Os créditos orzamentarios a que se refire este artigo poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Calquera modificación ou ampliación dos créditos dispoñibles estará condicionada ao cumprimento dos supostos e as condicións previstas no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A concesión das solicitudes de subvención presentadas estará condicionada á existencia de crédito suficiente na anualidade que corresponda.

4. Poderán ser obxecto de financiamento as especialidades formativas das áreas profesionais que se determinen no anexo III desta convocatoria, e coa contía que nel se estableza, así como os módulos formativos transversais que se impartan asociados a estas.

Nas especialidades formativas e módulos formativos transversais impartidos na modalidade de teleformación será de aplicación o 70 % do importe do módulo económico presencial €/hora por persoa alumna, cunha contía máxima de 7,5 €.

5. Para os custos adicionais de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade establécese un custo unitario de 16 € por hora lectiva.

Para os gastos destinados a promover a adecuación das condicións físicas e/ou tecnolóxicas, e a dotación de recursos materiais e medios didácticos apropiados ás persoas con discapacidade, establécese unha contía máxima por persoa alumna de 500 €.

Artigo 42. Solicitudes e prazos de presentación da primeira convocatoria

1. A presentación das solicitudes deberá axustarse ao disposto no capítulo II desta orde.

2. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día da entrada en vigor da orde ás 9.00 horas, de conformidade co establecido na disposición final segunda, ata o día 1 de decembro de 2026 ás 20.00 horas ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.

No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte.

Artigo 43. Máximo e mínimo de participantes nas accións formativas

1. O número mínimo de persoas traballadoras ocupadas por acción formativa solicitada para as que as entidades deberán contar cun compromiso de participación previo á presentación da solicitude de subvención será do 30 % das persoas participantes programadas arredondado ao enteiro superior se a primeira cifra decimal é igual ou superior a 5. A entidade, con respecto a dito compromiso de participación, deberá cumprir coa normativa recollida na LOPD e o RGPD e para elo conservará a documentación acreditativa correspondente no modelo normalizado, que estará á súa disposición en SIFO.

Unha mesma entidade nunha ou varias solicitudes de subvención non poderá incluír á mesma persoa candidata como comprometida a participar en varias delas, salvo que se trate de accións formativas con datas de impartición non coincidentes.

2. O número máximo de participantes en accións formativas que se impartan na modalidade presencial será de 15 persoas.

Non poderá iniciarse ningunha acción formativa que non reúna o primeiro día do curso un mínimo de 8 persoas alumnas.

Entre as persoas participantes que inician deberán figurar como asistentes cando menos o 50 %, arredondado ao enteiro superior se a primeira cifra decimal é igual ou superior a 5, das persoas ocupadas que asumiron o compromiso de participar. Da cifra resultante descontaranse as persoas traballadoras comprometidas que causaran baixa por enfermidade ou accidente acreditado, ou como consecuencia de estaren seleccionadas noutra acción formativa financiada con fondos públicos do ámbito da formación para o emprego, e sempre e cando estes supostos se produciran con posterioridade á presentación da solicitude de subvención. En ningún caso se descontará da obriga de participar en base a estar seleccionadas noutra acción formativa a aquelas persoas que fosen comprometidas pola mesma entidade en distintas accións formativas por ter inicialmente datas de impartición non coincidentes.

As accións formativas a impartir na modalidade presencial non poderán desagregarse en grupos.

3. Na formación que se imparta na modalidade de teleformación o número máximo de participantes será de 30 persoas por acción formativa.

No suposto de que a acción formativa inclúa actividades presenciais e para os efectos de cumprir os requisitos de capacidade establecidos no artigo 30 desta orde, a acción formativa poderá desagregarse en grupos. Non poderá iniciarse ningún grupo que non cumpra os requisitos de capacidade e conte co mínimo de participantes por grupo establecidos no número 2 deste artigo.

No caso de que a acción formativa non inclúa actividades presenciais e non sexa necesario desagregala en grupos, esta non poderá iniciarse se non conta cun mínimo de participantes igual ou superior ao 50 % do alumnado total subvencionado.

En calquera dos casos citados, a acreditación da existencia do número mínimo de persoas alumnas por acción formativa ou grupo realizarase polo acceso á plataforma de teleformación das persoas participantes durante os 5 primeiros días lectivos, que se corresponden cos 5 primeiros días naturais, a contar desde a data de inicio da acción formativa.

4. Se o día de inicio da acción formativa impartida na modalidade presencial, ou, de ser o caso, se transcorrido o prazo establecido na convocatoria para que na modalidade de teleformación o alumnado acceda á plataforma, o número de persoas alumnas que comeza o curso ou que se conectou á plataforma é inferior ao número mínimo de participantes exixido, a entidade de formación deberá comunicar tal circunstancia ao órgano competente e a acción formativa entenderase como non iniciada e non poderá continuar a súa impartición, non xerando dereitos económicos para a entidade.

A suspensión da acción formativa ou do grupo terá a consideración de renuncia non xustificada, logo da resolución motivada emitida polo órgano competente.

5. De se produciren altas ou baixas no alumnado participante unha vez iniciada a acción formativa, será de aplicación o disposto no artigo 30 desta orde.

Artigo 44. Límites e criterios particulares de aplicación na primeira convocatoria

1. Para poder solicitar a subvención, as entidades deberán ter implementado no centro de formación un sistema de xestión da calidade, vixente e certificado por entidades certificadoras acreditadas, Norma ISO 9001 ou certificado de calidade e excelencia EFQM, relativo á súa actividade de formación.

2. Ademais das persoas traballadoras ocupadas, poderán participar nas accións formativas reguladas nesta orde as persoas traballadoras desempregadas, ata un límite do 30 % arrendondado ao enteiro inferior do número de persoas programadas na acción formativa. Este límite aplicarase sobre as persoas participantes programadas no momento de validación da acta pola Oficina de Emprego e será revisado por SIFO sobre as persoas participantes iniciadas o día de inicio do curso.

3. As entidades poderán publicar simultaneamente no buscador de formación Diplos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o número máximo de accións formativas por censo que teñan permitido solicitar en aplicación do disposto no punto 4 deste artigo. A publicación en Diplos estará visible durante dous meses ou ata a notificación da resolución de concesión.

Notificada a resolución de concesión de accións formativas para un determinado censo, as entidades poderán solicitar publicar no buscador Diplos novas ofertas formativas a impartir no citado censo sen que se supere o número máximo de accións formativas establecidas no parágrafo anterior.

4. As entidades poderán incluír nas súas solicitudes ata un máximo de 6 accións formativas por censo das cales só tres delas poderán ser dunha mesma especialidade. Este número poderá incrementarse ata acadar, cun límite máximo de 10, o número de accións formativas do procedemento TR302A iniciadas polo censo solicitante na última convocatoria finalizada no momento da entrada en vigor desta orde.

Unha vez iniciadas o 40 % das accións formativas concedidas a un censo arredondado ao enteiro superior se a primeira cifra decimal é igual ou superior a 5, a beneficiaria poderá presentar novas solicitudes de subvención para o dito censo.

Por cada censo poderán presentarse unha ou varias solicitudes respectando o número máximo de accións formativas.

A solicitude de subvención non poderá incluír ningunha acción formativa que teña previsto o seu inicio con anterioridade ao prazo dun mes establecido para ditar a resolución de concesión.

5. O incumprimento do prazo establecido para o inicio das accións formativas e as renuncias a impartir unha acción formativa subvencionada que teñan a consideración de non xustificadas darán lugar á perda, durante un período de tres meses contado respectivamente desde o día seguinte ao da data límite para o inicio da acción formativa ou desde a data de notificación da resolución de consideración da renuncia como non xustificada, do dereito da entidade beneficiaria a solicitar unha nova subvención para o financiamento de accións formativas a impartir no censo que renunciou, sempre que as accións formativas non executadas superen o 20 % das concedidas.

Artigo 45. Prazos de execución das accións formativas da primeira convocatoria

Na solicitude de subvención, as entidades deberán indicar a data prevista de inicio da acción formativa, que non poderá ser inferior a un mes desde a data de presentación da solicitude.

As accións formativas deberán comezar no prazo máximo de tres meses a contar desde a data de notificación da resolución de concesión.

A data límite para o remate das accións formativas da primeira convocatoria será o 31 de marzo de 2027.

Artigo 46. Prazos de xustificación das accións formativas da primeira convocatoria

A xustificación das accións formativas do expediente deberá realizarse a través da aplicación informática SIFO, no prazo establecido no artigo 36.2 desta orde e coa data límite para a presentación da xustificación final do 30 de abril de 2027.

Artigo 47. Anexos

Son anexos desta orde os seguintes:

• Anexo I: modelo de solicitude.

• Anexo II: ficha da acción formativa.

• Anexo III: importe dos módulos económicos por área profesional, hora e persoa alumna.

Disposición adicional primeira. Resolucións adicionais

Poderán ditarse resolucións adicionais cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, da asignación ou redistribución de fondos ou de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma pola Administración do Estado.

Disposición adicional segunda. Modificación da resolución en caso de alteración das condicións

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea, ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión e o reintegro da subvención percibida.

Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, para tramitar e resolver os expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde, para resolver a concesión, denegación, modificación e reintegro das subvencións, así como para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Disposición adicional cuarta. Normativa de aplicación supletoria

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en que sexa de aplicación, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve.

Será igualmente de aplicación o establecido na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e no Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, que a desenvolve. Ademais, resultará de aplicación a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento así como o resto da normativa regulamentaria que desenvolve as ditas normas.

Disposición adicional quinta. Información sobre a xestión de subvencións

1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto de cada convocatoria pública efectuada no marco destas bases e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), nos termos do Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da correspondente convocatoria para a súa publicación.

2. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición final primeira. Autorización para ditar resolucións e instrucións

Autorízase á persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para a interpretación, desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición final segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos 5 días hábiles da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Importe dos módulos económicos por área profesional, hora e persoa alumna

Familia profesional: Administración e xestión.

Área profesional

Módulo (€)

Administración/xestión (ADGA)

9,83

Administración e auditoría (ADGD)

9,53

Finanzas (ADGF)

8,41

Xestión da información e comunicación (ADGG)

10,28

Información/comunicación (ADGI)

9,91

Finanzas e seguros (ADGN)

9,73

Especialidades sen área definida-administración e oficinas (ADGX)

8,90

Familia profesional: Actividades físicas e deportivas.

Área profesional

Módulo (€)

Actividades físico deportivas recreativas (AFDA)

6,89

Prevención e recuperación (AFDP)

6,80

Familia profesional: Agraria.

Área profesional

Módulo (€)

Cultivos extensivos (AGAC)

7,34

Horticultura (AGAH)

8,02

Xardinería (AGAJ)

9,07

Gandería (AGAN)

7,74

Ornamentais e xardinería (AGAO)

7,67

Forestal (AGAR)

8,13

Agricultura (AGAU)

9,07

Familia profesional: Artes gráficas.

Área profesional

Módulo (€)

Actividades e técnicas gráficas artísticas (ARGA)

8,19

Deseño gráfico e multimedia (ARGG)

12,27

Deseño (ARGD)

7,55

Edición (ARGN)

9,78

Encadernación industrial (ARGC)

8,20

Impresión (ARGI)

13,00

Pre-impresión (ARGP)

13,00

Transformación e conversión en industrias gráficas (ARGT)

8,61

Familia profesional: Artes e artesanía.

Área profesional

Módulo (€)

Artesanía tradicional (ARTA)

8,39

Artes escénicas (ARTU)

10,26

Fabricación e mantemento de instrumentos musicais (ARTG)

7,29

Recuperación, reparación e mantemento artístico (ARTR)

10,26

Vidro e cerámica artesanal (ARTN)

7,31

Xoiería e ourivaría (ARTB)

7,94

Familia profesional: Comercio e márketing.

Área profesional

Módulo (€)

Almacenaxe (COMA)

13,00

Compravenda (COMT)

13,00

Loxística comercial e xestión do transporte (COML).

13,00

Marketing e relacións públicas (COMM)

10,06

Publicidade/imaxe (COMP)

10,41

Venda (COMV )

10,06

Familia profesional: Edificación e obra civil.

Área profesional

Módulo (€)

Albanelería e acabados (EOCB)

10,26

Colocación e montaxe (EOCJ)

9,40

Estruturas (EOCE)

9,01

Maquinaria (EOCM)

12,82

Maquinaria de construción (EOCQ)

12,86

Proxectos e seguimento de obras (EOCO)

9,76

Familia profesional: Electricidade e electrónica.

Área profesional

Módulo (€)

Elel_electricidade (ELEL)

13,00

Eler_electricidade (ELER)

8,67

Equipos electrónicos (ELEQ)

11,51

Instalacións de telecomunicación (ELES)

11,60

Instalacións eléctricas (ELEE)

9,35

Máquinas electromecánicas (ELEM)

13,00

Familia profesional: Enerxía e auga.

Área profesional

Módulo (€)

Agua (ENAA)

8,41

Eficiencia enerxética (ENAC)

10,26

Enerxía eléctrica (ENAL)

8,08

Enerxías renovables (ENAE)

8,22

Gas (ENAS)

8,60

Familia profesional: Fabricación mecánica.

Área profesional

Módulo (€)

Construcións aeronáuticas (FMEA)

8,76

Construcións metálicas (FMEC)

10,85

Fabricación electromecánica (FMEE)

9,85

Fmel_construcións metálicas (FMEL)

13,00

Fundición (FMEF)

7,99

Operacións mecánicas (FMEH)

10,08

Produción mecánica (FMEM)

9,47

Familia profesional: Hostalaría e turismo.

Área profesional

Módulo (€)

Agroturismo (HOTU)

7,98

Aloxamento (HOTA)

10,68

Axencias de viaxe (HOTG)

10,68

Información, promoción e desenvolvemento turístico (HOTI).

10,68

Restauración (HOTR)

10,68

Turismo (HOTT)

10,68

Xogos de azar (HOTJ)

7,86

Familia profesional: Industrias extractivas.

Área profesional

Módulo (€)

Pedra natural (IEXD)

9,13

Minería (IEXM)

8,12

Familia profesional: Informática e comunicacións.

Área profesional

Módulo (€)

Comunicacións (IFCM)

9,85

Desenvolvemento (IFCD)

9,85

Informática (IFCI)

7,59

Sistemas e telemática (IFCT)

9,44

Familia profesional: Instalacións e mantemento.

Área profesional

Módulo (€)

IMAF_frio e climatización (IMAF)

10,99

Frío e climatización (IMAR)

8,42

Maquinaria e equipo industrial (IMAQ)

10,57

Mecánica (IMAM)

10,99

Montaxe e mantemento de instalacións (IMAI)

10,99

Familia profesional: Imaxe persoal.

Área profesional

Módulo (€)

Estética (IMPE)

9,46

Salón de peiteado (IMPQ)

9,46

Salón de peiteado e tratamentos de beleza (IMPP)

8,75

Familia profesional: Imaxe e son.

Área profesional

Módulo (€)

Dirección, realización (IMSD)

7,62

Espectáculos en vivo (IMSE)

7,33

Produción audiovisual (IMSV)

11,23

Producións fotográficas (IMST)

5,20

Familia profesional: Industrias alimentarias.

Área profesional

Módulo (€)

Aceites e graxas (INAK)

8,27

Alimentos diversos (INAD)

7,76

Bebidas (INAH)

8,55

Cárnicas (INAI)

8,53

Conservas vexetais (INAV)

8,21

Lácteos (INAE)

8,35

Panadería, pastelería, confeitería e muiñeiría (INAF)

11,17

Produtos da pesca (INAJ)

8,42

Familia profesional: Madeira, moble e cortiza.

Área profesional

Módulo (€)

Transformación madeira e cortiza (MAMA)

8,95

Instalación e amoblamento (MAMB)

11,54

Produción carpintería e moble (MAMD)

8,95

Carpintería e moble (MAMR)

7,68

Fabricación semiindustrializada de carpintería e moble (MAMS)

13,00

Familia profesional: Marítimo pesqueira.

Área profesional

Módulo (€)

Acuicultura (MAPU)

7,13

Pesca e navegación (MAPN)

10,26

Familia profesional: Química.

Área profesional

Módulo (€)

Análise e control (QUIA)

10,26

Farmaquímica (QUIM)

10,26

Laboratorio químico (QUIL)

11,79

Pasta, papel e cartón (QUIO)

8,68

Proceso químico (QUIE)

10,26

Transformación de polímeros (QUIT)

10,26

Familia profesional: Sanidade.

Área profesional

Módulo (€)

Atención sanitaria (SANT)

9,55

Servizos e produtos sanitarios (SANP)

10,08

Soporte e axuda ao diagnóstico (SANS)

6,48

Familia profesional: Seguridade e medio ambiente.

Área profesional

Módulo (€)

Seguridade e prevención (SEAD)

9,05

Xestión ambiental (SEAG)

8,40

Limpeza, tratamento e eliminación de residuos urbanos (SEAU)

9,05

Familia profesional: Servizos socioculturais e á comunidade.

Área profesional

Módulo (€)

Actividades culturais e recreativas (SSCB)

11,01

Limpeza (SSCL)

5,92

Asistencia social (SSCS)

7,70

Asistencia social e servizos ao consumidor (SSCM)

12,43

Atención social (SSCG)

9,75

Formación e educación (SSCE)

8,20

Servizos ao consumidor (SSCI)

7,43

Familia profesional: Téxtil, confección e pel.

Área profesional

Módulo (€)

Calzado (TCPC)

9,35

Confección en téxtil e pel (TCPF)

8,73

Ennobrecemento de materias téxtiles e peles (TCPN)

6,75

Produción de fíos e tecidos (TCPP)

7,62

Familia profesional: Transporte e mantemento de vehículos.

Área profesional

Módulo (€)

Aeronáutica (TMVO)

6,12

Carrocería de vehículos (TMVL)

13,00

Condución de vehículos por estrada (TMVI)

10,31

Electromecánica de vehículos (TMVG)

13,00

Ferrocarril e cable (TMVB)

8,22

Náutica (TMVU)

7,98

Transporte por estrada (TMVC)

10,82

Familia profesional: Vidro e cerámica.

Área profesional

Módulo (€)

Fabricación cerámica (VICF)

10,26

Vidro industrial (VICI)

8,05