DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Venres, 23 de xaneiro de 2026 Páx. 6720

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen, para o período 2026-2029, as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas Galicia Suma Talento: formación de persoas ocupadas, e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o exercicio de 2026-2027 (código de procedemento TR302A).

BDNS (Identif.): 882496.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/882496

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as convocatorias públicas de subvención das accións formativas do Plan de formación para o emprego dirixido a persoas traballadoras ocupadas (código de procedemento TR302A).

2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2026-2029.

Así mesmo, coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o exercicio 2026-2027.

Segundo. Finalidade

1. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde terán como finalidade o financiamento de programas de formación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas que teñan os seus centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, ás necesidades de adaptación aos cambios operados no posto de traballo e ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desenvolvemento cualificado da profesión e lles permita mellorar a súa empregabilidade.

2. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, mediante concesión directa, nos termos establecidos no artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, e de acordo co disposto na Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo.

Terceiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións as entidades de formación que sexan titulares de centros de formación inscritos no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se a formación se imparte na modalidade de teleformación, no Rexistro Estatal de Entidades de Formación, para impartir, no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia, formación profesional no traballo naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención. Para estes efectos considéranse igualmente entidades de formación as persoas autónomas titulares de centros de formación debidamente inscritos.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as empresas públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

3. As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente inscritas que permitan a impartición das actividades presenciais das accións formativas solicitadas.

Cuarto. Accións formativas subvencionables

1. Serán subvencionables aquelas especialidades vixentes do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal que en cada convocatoria se determinen.

2. As convocatorias que se publiquen ao abeiro desta orde de bases reguladoras poderán establecer, para cada entidade e/ou censo de formación, límites relativos ao número máximo de edicións que se poden solicitar e/ou impartir dunha especialidade formativa concreta, así como do número máximo de grupos por acción formativa e de participantes por acción formativa e/ou grupo. Así mesmo, poderán establecerse excepcións aos ditos límites.

3. Se así se dispón na correspondente convocatoria, poderán autorizarse itinerarios formativos en que unha única acción formativa inclúa máis dunha especialidade formativa.

Quinto. Financiamento da primeira convocatoria

1. Destínase a esta primeira convocatoria, correspondente ás anualidades 2026-2027, un crédito por importe total de dez millóns seiscentos vinte e dous mil setenta e oito euros (10.622.078 €), que se imputarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que a seguir se relacionan, ou aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2013 00493. Estas aplicacións están financiadas con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Aplicación
orzamentaria

Entidades que financia

Anualidade 2026

Anualidade 2027

Importe total

14.03.323B.471.0

Empresas

8.467.611,00 €

500.000,00 €

8.967.611,00 €

14.03.323B.481.0

Entidades sen ánimo de lucro

1.504.467,00 €

150.000,00 €

1.654.467,00 €

Total

9.972.078,00 €

650.000,00 €

10.622.078,00 €

Sexto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día da entrada en vigor da orde ás 9.00 horas, de conformidade co establecido na súa disposición derradeira segunda, ata o día 1 de decembro de 2026 ás 20.00 ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.

A orde entrará en vigor aos cinco días hábiles da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria

As solicitudes e a documentación complementaria presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo
https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

Oitavo. Execución da primeira convocatoria

Na solicitude de subvención, as entidades deberán indicar a data prevista de inicio da acción formativa, que non poderá ser inferior a un mes desde a data de presentación da solicitude.

As accións formativas deberán comezar no prazo máximo de tres meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.

A data límite para o remate das accións formativas da primeira convocatoria será o 31 de marzo de 2027.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración