DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 2026 Páx. 8446

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que, consonte o que establece a Orde do 23 de decembro de 2025, se amplía, ao período abranguido entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño de 2026, a aplicación da minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia establecida na Orde do 19 de xuño de 2025, así como as aplicables nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na Área de Transporte Metropolitano de Vigo e nos ferroviarios integrados na Área de Transporte Metropolitano de Ferrol.

O 30 de decembro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 23 de decembro, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá continuidade durante o mes de xaneiro de 2026 á minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia e establecida na Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 19 de xuño de 2025.

A disposición derradeira segunda da referida Orde do 23 de decembro de 2025 establece que no suposto de que a Administración xeral do Estado manteña unha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro, mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transporte público poderá acordarse, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais.

Igualmente, a disposición derradeira primeira desa orde habilita tamén a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a extensión da minoración aos servizos de transporte público regular marítimo integrados na Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Vigo (conexións Cangas-Vigo, Moaña-Vigo, e viceversa), así como aos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

Neste sentido, o 24 de decembro de 2025 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto lei 17/2025, do 23 de decembro, de medidas de promoción do uso do transporte público mediante a bonificación de abonos e títulos multiviaxe.

A Comunidade Autónoma de Galicia vén aplicando desde setembro de 2022 os ditos descontos adicionais nas tarifas aplicables no transporte público interurbano galego tras a adhesión desta ás axudas directas adoptadas pola Administración xeral do Estado. Así, a dita prórroga da liña de axudas estímase análoga á actuación promovida a través da anterior normativa e na Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 23 de decembro de 2025.

Aínda que non estea concluído o procedemento que regula o dito real decreto lei e, por tanto, non estea confirmado o importe exacto que lle corresponderá á Comunidade Autónoma de Galicia respecto desta achega estatal, a súa analoxía coa regulación previa permite considerar que concorren as condicións de continuidade da medida estatal a que fai referencia a disposición derradeira segunda da Orde do 23 de decembro de 2025, continuidade que procede estender ata o 30 de xuño de 2026.

Igualmente, tendo en conta a habilitación que establece a disposición derradeira primeira da Orde do 23 de decembro de 2025, ao se manteren as condicións que xustificaron a súa aprobación, procede manter durante ese mesmo período de 2026 a aplicación desta minoración adicional nos servizos regulares de transporte marítimo da Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Vigo, e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

Á vista do exposto, e seguindo a súa liña de actuación, a Comunidade Autónoma de Galicia ten a vontade de adherirse ao citado sistema de axudas e ampliar o ámbito temporal da minoración das tarifas bonificadas ao período abranguido entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño de 2026.

O financiamento desta minoración adicional realizarase con cargo inicialmente a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da aplicación 2026.05.08.512A.470.1 e, en canto ao transporte ferroviario integrado na ATM de Ferrol, da aplicación 2026.05.08.512A.403.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026.

De conformidade co exposto, considérase conveniente manter durante o período abranguido entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño de 2026 as minoracións acordados pola Orde do 23 de decembro da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Cumpridos os trámites administrativos e contables oportunos,

RESOLVO:

1. Ampliar ao período abranguido entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño de 2026 a aplicación da minoración adicional e temporal das tarifas bonificadas dos servizos públicos de transporte regular de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia acordada pola Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 23 de decembro de 2025.

2. Aplicar durante o mesmo período indicado no punto anterior, nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na ATM de Vigo e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol, as minoracións acordadas pola Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 23 de decembro de 2025.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2026

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade