O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental o dereito á folga.
Así mesmo, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, establece que, cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizo público ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gobernativa poderá acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.
Ademais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras a STC 183/2006, do 19 de xuño, considera como servizos esenciais aqueles que satisfagan dereitos e intereses da cidadanía vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.
O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.
O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria dunha folga que afectará o persoal da empresa Ferrovial Servicios, S. A. U. (Serveo), que presta os servizos de mantemento no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, e que se desenvolverá os días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de febreiro de 2026.
En virtude do anterior, e tras o acordo co Comité de Folga,
DISPOÑO:
Artigo 1
A folga referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.
A folga convocada afecta a todos/as os/as traballadores/as da empresa Ferrovial Servicios, S.A.U. (Serveo), que prestan servizos de mantemento no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, e desenvolverase desde as 00.00 horas dos días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de febreiro de 2026.
Artigo 2
A actividade sanitaria hospitalaria ten a consideración de servizo esencial da comunidade, por estar directamente vinculada á efectividade do dereito fundamental á protección da saúde e á vida das persoas, recoñecido no artigo 43 da Constitución española.
Para a determinación dos servizos mínimos tivéronse en conta, entre outros, os seguintes criterios de actuación: garantir a seguridade de pacientes, profesionais e usuarios dos centros sanitarios, así como asegurar a continuidade operativa das instalacións hospitalarias críticas necesarias para a prestación da actividade asistencial, respectando a necesaria compatibilización do exercicio do dereito á folga coa atención aos usuarios.
O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) constitúe un centro asistencial de alta complexidade, integrado por múltiples edificios e áreas asistenciais –entre outros, o Edificio Xeral, o Edificio Hospital Santo Cristo de Piñor, o Edificio Santa María Nai, o Edificio de Hospitalización, o Bloque Cirúrxico e a Central Térmica– que suman unha superficie aproximada de 105.000 metros cadrados e que albergan áreas asistenciais críticas como unidades de hospitalización, quirófanos, unidades de coidados intensivos e outras dependencias en que se presta asistencia sanitaria continuada.
O correcto funcionamento destas instalacións depende de maneira directa e permanente da operatividade de sistemas técnicos esenciais, tales como a dispoñibilidade continua de enerxía eléctrica, climatización, fontanaría, gases medicinais, así como dos sistemas de seguridade e protección contra incendios. Considéranse instalacións críticas aquelas en que un fallo supón un risco inmediato para a seguridade das persoas ou para a continuidade asistencial e, entre outras, inclúense as instalacións eléctricas de baixa e media tensión, os grupos electróxenos e sistemas de conmutación automática, os sistemas de alimentación ininterrompida (SAI/UPS), os sistemas de climatización e ventilación de áreas críticas, as redes de gases medicinais e os sistemas de protección contra incendios.
Neste contexto, o mantemento técnico das instalacións hospitalarias constitúe unha actividade instrumental imprescindible para garantir a continuidade asistencial e a seguridade das persoas, polo que a súa interrupción total durante a convocatoria de folga podería xerar riscos graves e inmediatos, tales como a interrupción da subministración eléctrica sen capacidade de resposta inmediata, o fallo dos sistemas de climatización en áreas críticas, a interrupción da subministración de gases medicinais esenciais ou a desprotección fronte a incendios, que poden derivar en situacións de emerxencia sanitaria ou risco grave para as persoas usuarias e profesionais.
Adicionalmente, cómpre ter en conta que o contrato vixente para a xestión dos espazos e o mantemento do complexo hospitalario inclúe, ademais do servizo de mantemento técnico, a denominada subministración enerxética prestacional (SEP), que consiste na subministración de calquera enerxía útil (eléctrica, térmica, etc.) xa transformada, de forma permanente e sen interrupcións, para lograr o confort ambiental e hixiene e a operación ordinaria dos centros, o que implica a subministración de enerxía eléctrica, gas natural, gasóleo, propano, biomasa para fins térmicos e auga potable.
A ausencia de servizos mínimos neste ámbito impediría garantir a continuidade destas subministracións esenciais e a resposta inmediata ante incidencias técnicas, o que resulta incompatible coa natureza esencial do servizo sanitario prestado.
Os servizos mínimos establecidos limítanse estritamente á realización de actuacións técnicas imprescindibles, urxentes e inaprazables, cuxa non execución suporía un risco inmediato para a seguridade das persoas ou para a continuidade asistencial. En particular, inclúense unicamente actuacións de atención a avarías críticas, vixilancia de instalacións esenciais, resposta a alarmas técnicas e apoio a situacións de emerxencia, e quedan expresamente excluídas actuacións de mantemento preventivo non crítico, obras, reformas ou melloras non urxentes.
Na determinación destes servizos mínimos tívose especialmente en conta a necesidade de compatibilizar o exercicio do dereito fundamental á folga coa garantía da prestación dos servizos esenciais da comunidade, atendendo aos criterios de necesidade, idoneidade e proporcionalidade.
De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se establecen considéranse adecuados e proporcionados para garantir a seguridade das persoas e a continuidade da actividade asistencial esencial do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, sen menoscabo innecesario do dereito á folga do persoal afectado.
Con base no exposto, e tras o acordo co Comité de Folga, establécese que o número mínimo de persoal necesario para cubrir as xornadas de folga será o seguinte:
• Quenda de mañá, das 7.00 ás 15.00 horas: tres técnicos
– Un técnico especialista en electricidade e sistemas de emerxencia.
– Un técnico especialista en climatización e sistemas mecánicos.
– Un técnico con formación en fontanaría.
• Quenda de tarde, das 15.00 ás 23.00 horas: tres técnicos
– Un técnico especialista en electricidade e sistemas de emerxencia.
– Un técnico especialista en climatización e sistemas mecánicos.
– Un técnico con formación en fontanaría.
• Quenda central (CT), das 9.00 ás 17.00 horas: tres técnicos
– Un técnico CT polivalente para incidencias xerais/día.
– Un técnico CT polivalente para correctivos/día.
– Un técnico CT para revisións de mantemento preventivo diario de instalacións de fontanaría (Legionella).
• Quenda de noite: das 23.00 ás 7.00 horas:
– Un técnico presencial e un técnico de garda.
Artigo 3
A determinación do persoal necesario con base no criterio anterior faraa a empresa coordinadamente coa Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.
A xustificación deberá constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.
O persoal necesario para cubrir os servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.
A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.
O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.
Artigo 4
Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).
Artigo 5
O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.
Artigo 6
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán sancionados con base nas normas vixentes.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
