Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica que se describe a seguir:
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio social: avenida San Luis, 77. 28033 Madrid.
Denominación: cambio de sección CCH802 LAC-30 a LA-56.
Situación: entre as localidades de Martiñán e Pereira, concello de Bande.
Orzamento: 218.474,67 €.
Características principais do proxecto, que foi asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández, colexiado núm. 1534 do ICOIIG, o 8.8.2025:
1. Substitución do transformador existente denominado Pereira–32AW46 por un novo centro transformador do tipo intemperie, sobre apoio de celosía metálica, do tipo C-12/2000, con transformador de 50 kVA e r/t: 20.000/400 V.
2. Substitución de 3.294 metros de condutor LA-30 por 3.292 metros de novo condutor LA-56 entre os apoios núm. 138 e núm. 138-B31-CT da LMTA CCH802. Para iso, substituiranse 31 apoios existentes por 28 novos apoios metálicos coas características indicadas no proxecto presentado a trámite.
3. Nas derivacións da LMTA que se reformará realizaranse as seguintes actuacións:
i. Derivación ao CT 32AG02: substituirase o apoio núm. 138-B8-1, do tipo HV, por un novo apoio de celosía metálica do tipo C-14/2000.
ii. Derivación ao CT 32CGJ4: instalarase un novo apoio núm. 138-B13, do tipo C-16/2000.
iii. Derivación ao CT 32AG61: desmontaranse 12 m de condutor LA-30 entre o apoio núm. 138-B20 e o novo apoio núm. 138-B20-1A, do tipo C-12/2000. Sobre este último retensarase o condutor existente LA-30 da derivación. Entroncarase coa liña principal a través de 13 m de novo condutor do tipo LA-56, entre os apoios mencionados.
iv. Derivación do apoio núm. 138-B26: substituirase o apoio núm. 138-B26 por un novo apoio do tipo C-18/2000.
v. Derivación do apoio núm. 138-B28: instalarase un novo apoio do tipo C-14/2000.
vi. Derivación do apoio núm. 138-B29: instalarase un novo apoio do tipo C-14/3000.
A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo deste Departamento Territorial do 12.9.2025, que foi inserido no DOG do 7.10.2025 e no xornal La Región de Ourense do 25.9.2025. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no Portal de transparencia desta Consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non se presentaron alegacións.
En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública da devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha da instalación que se autoriza será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.
Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto arriba sinalado.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 13 de xaneiro de 2026
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
