O sector da seguridade e defensa representa unha oportunidade estratéxica para a diversificación, especialización e consolidación do tecido empresarial galego, nun contexto global marcado pola transformación tecnolóxica, a transición dixital e os crecentes desafíos xeoestratéxicos. A participación de empresas galegas nas cadeas de subministración do ámbito da seguridade e defensa pode supoñer un importante motor de innovación, internacionalización e xeración de emprego cualificado, en sectores como a enxeñaría, os sistemas electrónicos, os materiais avanzados, a intelixencia artificial ou a ciberseguridade.
Con todo, o acceso a este sector presenta requisitos específicos de homologación, certificación ou adecuación tecnolóxica que requiren unha aposta decidida por parte das empresas para adaptar as súas capacidades, procesos e estándares ás exixencias do mercado e das administracións públicas, tanto nacionais como internacionais.
Co fin de favorecer o posicionamento estratéxico das empresas galegas como subministradoras de bens, servizos e solucións en materia de seguridade e defensa, a Consellería de Economía e Industria considera necesario apoiar aquelas actuacións orientadas á mellora da súa competitividade, á obtención de certificacións específicas, ao acceso a proxectos de I+D+i colaborativos, á adecuación de infraestruturas e procesos produtivos, así como á participación en redes ou plataformas de contratación do sector. Trátase, por tanto, dun programa básico para que as empresas poidan iniciar os pasos obrigatorios para aproveitar a diversificación en defensa e seguridade coas certificacións, homologacións e/o cualificacións necesarias para iso.
Esta convocatoria enmárcase na estratexia industrial da Xunta de Galicia para impulsar sectores emerxentes, apoiar a transformación do modelo produtivo e facilitar o acceso das empresas galegas a mercados de alto valor engadido, promovendo un tecido empresarial máis innovador, resiliente e preparado para os retos de futuro.
En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria, dirixidas ás empresas privadas con personalidade xurídica da Comunidade Autónoma de Galicia tendentes a apoiar o seu posicionamento como subministradores en materia de seguridade e defensa, que se inclúen como anexo I a esta orde.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións conforme as bases reguladoras aprobadas nesta orde para os anos 2026 e 2027.
3. Este procedemento administrativo ten asignado o código IN519G.
Artigo 2. Crédito orzamentario
1. As subvencións outorgaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.561A.770.0, proxecto contable 2025-00064, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2026 e 2027, de acordo coa seguinte distribución:
|
Aplicación |
Denominación |
2026 |
2027 |
Total (€) |
|
09.03.561A.770.0 |
Axudas ao posicionamento das empresas galegas como subministradoras en materia de seguridade e defensa da Comunidade Autónoma de Galicia |
500.000,00 € |
1.000.000,00 € |
1.500.000,00 € |
2. As solicitudes de axuda presentadas en prazo tramitaranse por orde de entrada da solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia e ata o esgotamento do crédito.
Artigo 3. Solicitudes
1. Para poder ser entidade beneficiaria das subvencións, deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.
A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.
2. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indique na convocatoria.
3. Admitirase a trámite, como máximo, unha solicitude por solicitante. A solicitude presentada poderá ter como obxecto unha ou varias das tipoloxías de actuación descritas no artigo 3.1 destas bases.
Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a enmende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
O prazo finalizará ás 14.00 horas do día en que se cumpran os tres meses desde a data de inicio do prazo, excepto cando se produza o esgotamento do crédito.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión
As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses.
Artigo 6. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ós solicitantes os avisos de posta á disposición das notificacións á conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital, os solicitantes deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán, de oficio, crear a dirección indicada, para os efectos de asegurar o cumprimento polos solicitantes da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 7. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).
Artigo 8. Información ás persoas interesadas
1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN519G, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da consellería (https://economia.xunta.gal).
b) No teléfono 981 54 68 36.
c) Presencialmente.
2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 981 90 06 43).
3. Guía de procedemento e servizos da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos) onde se recolle a información sobre este procedemento (código de procedemento IN519G).
Disposición derradeira primeira. Habilitación
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial para que dite as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2026
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas ao posicionamento das empresas galegas como subministradoras en materia de seguridade e defensa
Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións
1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto apoiar a implementación de accións de posicionamento das empresas galegas nos ámbitos da defensa e a seguridade mediante accións de obtención de certificacións específicas, inscrición no Rexistro de Empresas da Dirección Xeral de Armamento e Material (DXAM), homologación de sistemas e produtos, obtención de autorizacións de seguridade e elaboración de propostas de proxectos para participar en convocatorias nacionais ou europeas co obxectivo de preparar as empresas galegas no seu avance ou diversificación cara a converterse en entidades capaces de fornecer bens ou servizos nos ámbitos da defensa e a seguridade.
2. Os proxectos que se van subvencionar ao abeiro desta convocatoria deberán executarse e xustificarse do seguinte modo:
– Gastos de 2026: ata o 15 de novembro de 2026.
– Gastos de 2027: ata o 15 de outubro de 2027.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE núm. 2831, do 15 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a entidade beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros durante o período dos tres anos previos. Para o cómputo do límite deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.
5. As axudas convócanse como expediente de anticipado de gasto, e atendendo ao artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Artigo 2. Entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias das axudas serán as empresas privadas (persoas xurídicas) con personalidade xurídica que realicen actividade económica e conten con centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, e que inicien os pasos obrigatorios para aproveitar a diversificación en materia de defensa e seguridade coas certificacións, homologacións e/ou habilitacións necesarias para iso.
2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas ou entidades en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables
1. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes tipoloxías de actuacións:
a) Primeira inscrición no Rexistro da Dirección Xeral de Armamento e Materiais (DXAM). Preparación da documentación e os trámites necesarios para obter o certificado outorgado polo devandito rexistro.
b) Implantación dun sistema de xestión da calidade segundo as normas PECAL/AQAP. Consultoría para a implantación e certificación, se se logra dentro do prazo do proxecto.
c) Homologación do sistema ou produto. Preparación da documentación técnica dos sistemas ou produtos suxeitos a homologación e, de ser o caso, dos ensaios necesarios realizados por laboratorios acreditados segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17025.
d) Obtención de autorizacións de seguridade. Preparación da documentación e realización dos trámites necesarios ante o CNI para obter as autorizacións de seguridade da empresa (HSEM) e as autorizacións de seguridade do establecemento (HSES), solicitadas en contratos que requiren o uso de información clasificada.
e) Elaboración de propostas de proxectos para participar en convocatorias nacionais ou europeas no ámbito da defensa e a seguridade. Consultoría e asistencia técnica especializada para a elaboración de propostas.
2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2026 e que foron efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación (15 de outubro de 2027).
3. Serán subvencionables os seguintes custos:
a) Gastos de asesoramento, consultoría e asistencia técnica adaptados para alcanzar os obxectivos dos marcos regulatorios citados no punto 1.
b) Gastos de ensaios e outras probas de laboratorio, vinculados á obtención das certificacións ou aprobacións correspondentes.
c) Gastos de auditorías e certificación en normas específicas necesarias para operar nos sectores de defensa e seguridade, contratados con entidades certificadoras.
d) Gastos de inscrición en cursos de formación obrigatorios, vinculados á obtención das certificacións ou aprobacións correspondentes.
e) Taxas que, de ser o caso, deba aboar a entidade beneficiaria para solicitar ou obter unha certificación ou servizo dunha entidade pública, e que, en todo caso, estarán vinculadas ao obxecto da subvención.
4. Non se consideran custos subvencionables:
a) Os gastos de legalización.
b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).
c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Custos permanentes ou periódicos, nin que formen parte dos gastos de explotación ordinarios da empresa.
5. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable. Do mesmo xeito, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.
Artigo 4. Financiamento
1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.
2. A intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 75.000,00 euros por entidade beneficiaria.
3. O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única entidade beneficiaria non excederá os 300.000,00 euros durante o período dos tres anos previos.
4. O orzamento mínimo exixido por actuación é de 3.000,00 euros.
Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvenciones públicas
1. As axudas concedidas en virtude da presente orde serán compatibles con outras axudas para o mesmo fin, a condición de que o importe das axudas e subvencións en ningún caso sexan de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras, supere o custo da actividade subvencionable.
2. A persoa solicitante deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao iniciarse o expediente administrativo como en calquera momento do procedemento en que isto se produza.
3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:
1.1. Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación co que se actúa, no caso de entidades non rexistradas no Rexistro Mercantil.
1.2. Para subvencións de importe superior a 30.000,00 euros, as entidades beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:
1º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.
2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor a que se refire o número anterior, un «Informe de procedementos acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no punto segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
1.3. Memoria técnico-económica descritiva da actuación datada e asinada por técnico competente. A memoria adecuarase ao modelo que se inclúe como anexo III, e incluirá os puntos do seguinte índice:
1. Tipo de actuación subvencionable.
2. Diagnóstico da situación actual e identificación e xustificación da tipoloxía de actuación elixida.
3. Descrición técnica das medidas propostas por cada unha das actuacións subvencionables solicitadas.
4. Orzamento detallado por cada tipo de actuación.
5. Calendario de execución da axuda.
6. Cálculo da axuda solicitada segundo os gastos subvencionables.
1.4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 118 da Lei 9/2017, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do servizo, salvo que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o gasto se realizara con anterioridade á solicitude da subvención.
O solicitante da axuda deberá achegar as ofertas, así como unha memoria co NIF, o nome e o enderezo da empresa ofertante, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos. Así mesmo, cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o solicitante se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
g) Imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante.
h) Concesión de subvencións e axudas.
i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
j) Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.
k) Consulta de axudas do Estado.
2. No caso de que os solicitantes se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e presentar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso do solicitante para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderase solicitar a presentación dos documentos correspondentes ás persoas solicitantes, sen que isto supoña unha alteración do prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 9. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento as obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 10. Órgano competente
A Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, correspondendo á persoa titular da Consellería de Economía e Industria ditar a resolución da concesión, aplicándose en todo caso a habilitación establecida na disposición derradeira primeira.
Artigo 11. Instrución dos procedementos
1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde é de concorrencia non competitiva e, por tanto, axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, polo obxecto e a finalidade da subvención, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento dada a homoxeneidade destas.
Así, tratándose dun sector emerxente en Galicia, no cal o número de operadores é reducido e que, polo seu valor estratéxico, pretende fomentarse na súa totalidade, o que resulta relevante para os efectos do outorgamento das axudas é que as entidades beneficiarias cumpran cos requisitos establecidos, sen que proceda entrar en análises comparativas. A esta circunstancia, e á xa apuntada sobre a natureza homoxénea de proxectos e entidades beneficiarias, debe engadirse a considerable dificultade de establecer criterios de priorización verdadeiramente obxectivos e aquilatados á finalidade da subvención.
2. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e na utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinado pola data en que se presentou a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.
3. A Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial comprobará os requisitos establecidos na orde para a admisión da solicitude, tanto o relativo á entidade beneficiaria como á actuación e gastos subvencionables, así como a documentación complementaria achegada xunto con esta e, de ser o caso, requirirá a persoa interesada para que emende a falta ou deficiencia na información facilitada ou achegue os documentos preceptivos no prazo de dez (10) días desde a recepción da notificación, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante que achegue cuantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
5. A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa solicitante, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.
6. Realizados os trámites anteriores, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial emitirá informe sobre as solicitudes presentadas en que se concrete o resultado da comprobación e da avaliación efectuadas.
7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.
Artigo 12. Audiencia
1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.
2. Con todo, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.
3. Transcorrido o prazo de alegacións e unha vez examinadas estas, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial formulará a correspondente proposta de resolución definitiva.
Artigo 13. Resolución e notificación
1. Unha vez formulada a proposta de resolución definitiva, a conselleira de Economía e Industria ditará a correspondente resolución do procedemento, que deberá estar debidamente motivada e expresará, como mínimo o solicitante ou relación de solicitantes aos cales se lles concede a subvención, a actuación que se subvenciona e o importe do investimento subvencionable e a contía da axuda concedida, e, de ser o caso, a causa de denegación ou inadmisión. Así mesmo, indicarase o carácter de minimis da subvención, facendo referencia ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada será de tres meses, que se contará a partir do seguinte ao do final do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Artigo 14. Modificación da resolución
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. Poderase acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, debendo cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.
4. Cando a modificación da resolución proposta afecte un cambio de tipoloxía no proxecto considerarase que se alteran as condicións tidas en conta para a concesión da axuda. Neste caso, a modificación non será autorizada.
Artigo 15. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou, se non for expresa, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.
2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 16. Renuncia
A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015.
Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias
A entidade beneficiaria da subvención queda obrigada a:
1. Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención, cumprindo así o obxectivo do proxecto.
2. Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinan a concesión e o goce da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Manter as actuacións subvencionadas e conservar a documentación relacionada coa axuda outorgada nos termos previstos no artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións e o artigo 29.4.a) de a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do interese de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 22 das bases reguladoras.
4. Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que presentará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
6. Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.
7. Someterse o cumprimento da normativa de axudas do Estado.
8. Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.
9. Adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e consistirán na inclusión de marca Consellería de Economía e Industria en folletos, materiais impresos, medios electrónicos (incluída páxinas web, de ser o caso), convocatorias e difusións de eventos, así como en calquera outro medio físico ou dixital que teñan relación directa coas actuacións obxecto da axuda.
10. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás entidades beneficiarias en cada caso.
11. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de dous anos.
12. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
13. Calquera outra obrigación imposta de maneira expresa ás entidades beneficiarias na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.
Artigo 18. Subcontratación polas entidades beneficiarias das actividades subvencionadas
Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100 % das actuacións, estando suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ó disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 19. Xustificación da subvención
1. Para cobrar a subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar electronicamente, no prazo máximo do 15 de novembro de 2026 os gastos correspondentes á anualidade 2026, e ata o 15 de outubro de 2027 os gastos relativos ao ano 2027, a través da documentación xustificativa da subvención, que deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá do solicitante, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, e será a seguinte:
I. Unha solicitude de pagamento mediante o modelo normalizado do anexo IV asinada polo responsable legal da entidade ou por persoa con poderes suficientes para iso que inclúa unha declaración responsable relativa:
a) Ao gasto realizado e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.
b) A que o investimento foi executado conforme o indicado na solicitude, que o proxecto ou actuación cumpre a normativa vixente, que se obtiveron todas as autorizacións e licenzas preceptivas, e que se cumpriu co especificado no artigo 17.9 das bases da convocatoria en relación coa publicidade do financiamento.
c) A outras axudas concedidas ou solicitadas para este mesmo proxecto/actuación ou conceptos para os cales se solicita esta subvención.
d) As axudas de minimis concedidas ou solicitadas.
II. Facturas orixinais das actuacións realizadas. Cando a entidade beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas, deberá presentar unha copia auténtica electrónica da factura orixinal en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa reguladora do procedemento administrativo común.
III. Xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.
IV. Informe técnico en que se describa a realización total da actuación ou actuacións e os datos e incidentes máis significativos na súa execución.
V. Copia dos folletos, materiais impresos, acreditación das convocatorias e difusións de eventos realizados, ou de calquera outro medio físico ou dixital que teñan relación directa coas actuacións obxecto da axuda, que acrediten a actuación realizada e onde figure a marca da Consellería de Economía e Industria, segundo o anexo V.
VI. As tres ofertas que deba solicitar a entidade beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 6.1.4 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.
2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen presentar esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito á cobranza total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.
3. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.
Artigo 20. Pagamento e anticipos
1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.
2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.
3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei.
Os pagamentos anticipados supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados pola entidade beneficiaria, de ser o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:
a) Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida, sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
b) As persoas solicitantes deberán constituír unha garantía segundo o establecido na letra b) do artigo 65.1 e no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de acordo coa Orde do 23 de maio de 2008 pola que se regulan os procedementos para a presentación de avais ante a Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, e para a súa devolución, empregando medios electrónicos. No caso de que o solicitante estea exonerado da constitución da garantía, segundo o establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, deberase presentar un certificado acreditando devandito punto.
c) A entidade beneficiaria deberá presentar coa solicitude de anticipo:
• O resgardo da constitución da garantía establecido na Orde do 23 de maio de 2008 pola que se regulan os procedementos para a presentación de avais ante a Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, e para a súa devolución, empregando medios electrónicos. No caso de estar exonerado, certificado onde se recolla esta situación.
• A declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía; así como as axudas de minimis concedidas ou solicitadas (anexo IV).
Artigo 21. Comprobación de subvencións
1. O órgano concedente comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.
2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000,00 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da administración como pola entidade beneficiaria.
Artigo 22. Incumprimentos, reintegros e sancións
1. Producirase a perda do dereito á cobranza total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os intereses de demora correspondentes.
2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá propoñer a resolución sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:
a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na devandita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que devandito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus intereses de demora.
b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo con a seguinte gradación:
1º. Non comunicar á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, supoñerá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.
2º. Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto de acordo co establecido no artigo 17.9 destas bases, supoñerá a perda dun 5 % da subvención concedida.
3. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:
– Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
– Cando non se xustifique ante a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.
– Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, presentando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 23. Control
1. A Consellería de Economía e Industria poderá realizar as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvenciones.
2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, segundo o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 24. Remisión normativa
As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:
a) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 2831, do 15 de decembro de 2023).
b) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).
Para todo o non disposto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
