DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 25 de febreiro de 2026 Páx. 15054

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello das Pontes de García Rodríguez (expediente IN407A 2025/326-1).

Expediente: IN407A 2025/326-1.

Promotora: E-Distribución Redes Digitales, S.L.

Denominación do proxecto: recuamento da LMTS Bucle CT Magdalena I - CT Molino e LMTS acometida CT Residencia.

Concello: As Pontes de García Rodríguez.

Feitos:

1. O día 26.11.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de recuar liñas existentes a petición de terceiros. Obra financiada por terceiros.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Recuamento da LMTS Bucle CT Magdalena I - CT Molino e LMTS acometida CT Residencia, asinado o día 27.10.2025 por Ramón Gómez Morandeira, enxeñeiro industrial con número de colexiado 1.304 e con número de visado 20252776, do 29.10.2025.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Augas de Galicia (Zona Hidrográfica de Galicia Norte) e Concello das Pontes de García Rodríguez. Os ditos organismos non contestaron as solicitudes de informe.

4. O día 14.1.2026 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no Poboado Magdalena, no concello das Pontes de García Rodríguez, e as súas características técnicas son as seguintes:

Recuamento dun tramo soterrado das liñas de media tensión denominadas, LMT 20 kV Bucle CT Magdalena I - CT Molino (expediente IN407A 2016/1399-1) e LMT 20 kV acometida CT Residencia (expediente 29065/1974).

Para a realización do recuamento está previsto un novo tramo de canalización soterrada de 45,2 m de gabia entre as arquetas existentes, identificadas no proxecto como A0 e A5.

Para a LMTS Bucle Magdalena I - Molino, proxéctase recuperar o cable existente (3×1×95) mm² Al RHV 15/25 kV para o seu tendido polo novo tramo de canalización proxectado. O novo tramo terá unha lonxitude de 226,70 m, inferior aos 252,60 m existentes.

Para a LMTS acometida CT Residencia, proxéctase o tendido dun novo condutor de tipo RH5Z1 12/20 kV 150 mm² Al, de 46,20 m de lonxitude, polo novo tramo de canalización proxectado, e a execución dun empalme mixto coa LMTS existente (3×1×95) mm² Al RHV 15/25 kV na arqueta existente, identificado no proxecto co número A5. A lonxitude total pasará dos 138,60 actuais a 106,25 m.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) nº 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) núm. 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro de 2024), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

C) Deberá executar o desmantelamento da canalización que se vai recuar. Retirada do condutor existente da LMTS acometida CT Residencia no tramo entre o CT Magdalena 1 e a arqueta 5, así como o desmantelamento das canalizacións existentes entre as arquetas A3 e A5.

D) Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

E) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 14 de xaneiro de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña