O Pleno do Concello de Covelo, na sesión ordinaria do día 14 de novembro de 2025, acordou, entre outros, a aprobación definitiva do Plan especial de reforma interior do ámbito do solo urbano non consolidado polígono de execución urbanística (PEU) núm. 1.
Constan no certificado do acordo:
Primeiro. Estimar parcialmente a alegación presentada por M.D.F.R. en canto procede acceder ao solicitado pola alegante polo que se refire a considerala interesada no expediente no sucesivo, sen prexuízo de que na documentación do Plan se manteña como titular catastral a persoa que figura como tal no Catastro.
No referido ao prexuízo desproporcionado que a xuízo da alegante ocasiona o Plan á súa propiedade, a alegación desestímase ao carecer de fundamentación, dado que non se argumenta o prexuízo a que se refire, nin a razón da proporcionalidade vulnerada, nin a infracción normativa por parte do Plan aprobado inicialmente. Cómpre indicar que o plan se fomule de conformidade co marco legal vixente en desenvolvemento das previsións do Plan xeral de ordenación municipal, que delimitou este polígono de solo urbano non consolidado (PEU-1) co obxectivo de completar o desenvolvemento do núcleo urbano, mediante a execución integral do planeamento que permita o cumprimento conxunto dos deberes legais de cesión, de urbanización e de xusta distribución de cargas e beneficios na totalidade da superficie.
Segundo. Estimar a alegación presentada por L.C.L.V. e considerar interesado no expediente o alegante en virtude da representación que exerce e rectificar a configuración gráfica da parcela 2 do Plan excluíndo dela a parcela con referencia catastral 36013A07500296.
Terceiro. Estimar a alegación presentada pola Consellería de Facenda e Administración Pública, con indicación de que con posterioridade á súa presentación o Concello de Covelo adquiriu polo Decreto da Alcaldía núm. 2025-0101, do 10 de marzo de 2025 (expediente 293/2025), o inmoble a que fai referencia a devandita alegación.
Cuarto. Aprobar definitivamente o Plan especial de reforma interior do ámbito de solo urbano non consolidado (SUNC) polígono de execución urbanística (PEU) núm. 1, delimitado polo Plan xeral de ordenación municipal de Covelo, redactado polo estudio de arquitectura EAU Arquitectura, S.L.P., datado en maio de 2025 (rexistro de entrada núm. 2025-E-RE-786, do 13 de xuño de 2025), coas modificacións resultantes dos informes emitidos e das alegacións formuladas.
Quinto. Publicar o acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, no prazo dun mes desde a súa adopción, e o documento que contén a normativa e as ordenanzas no Boletín Oficial da provincia nos termos establecidos no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
Igualmente, xunto á publicación deste acordo publicarase a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos da aplicación do plan no ambiente e a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan ao dispor do público.
Sexto. Comunicar o acordo de aprobación definitiva, en virtude do artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, á consellería competente en materia de urbanismo, para a súa inscrición no Rexistro de Plan Urbanístico de Galicia, anexando un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado.
Sétimo. Notificar individualmente a aprobación definitiva do Plan especial de reforma interior a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás que xa se lles notificou a súa aprobación inicial, de conformidade co artigo 186.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
Para os efectos do disposto no punto quinto da parte dispositiva do acordo, publícase o presente anuncio no Diario Oficial de Galicia e poderá consultarse a documentación íntegra na seguinte ligazón: https://covelo.sedelectronica.es/transparency/eb8bb99e-1259-4fb4-ab67-f04263712dbb/.
Contra o acordo de aprobación definitiva do citado plan poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.
Covelo, 2 de febreiro de 2026
Juan Pablo Castillo Amigo
Alcalde
