DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 4 de marzo de 2026 Páx. 16241

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 10 de febreiro de 2026 de apertura do trámite de competencia de proxectos do expediente de solicitude dunha concesión de augas superficiais para a instalación dunha central hidroeléctrica reversible no río Tambre, concellos de Brión, Negreira, Lousame e Rois (clave AC/6/178).

O ente público empresarial Augas de Galicia procede, mediante este anuncio e en cumprimento do acordo de retroacción ditado pola Dirección de Augas de Galicia o 16 de outubro de 2025, a someter a competencia de proxectos a instancia presentada relativa á solicitude dunha concesión de augas superficiais para a instalación dunha central hidroeléctrica reversible no río Tambre, conforme preceptúan o artigo 104 e seguintes do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico (RDPH). A dita competencia de proxectos queda restrinxida, tal como se expuxo, a Green Capital Power, S.L., Espiral Renovables, S.L. e Naturgy Generación, S.L.U.

– Nome e enderezo do peticionario: Green Capital Power, S.L. Avenida de Fernando de Casas Novoa, 35B, 2º B, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

– Destino do aproveitamento: almacenamento hidráulico de enerxía.

– Caudal de auga solicitado: 47.000 l/s.

– Corrente de onde se derivarán as augas: río Tambre.

– Termos municipais onde radican as obras: Brión, Negreira, Lousame e Rois (A Coruña).

A antedita petición tramitarase de conformidade co disposto no artigo 105 do RDPH, e deste modo ábrese o trámite de competencia de proxectos para que no prazo dun (1) mes, contado desde a publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, Green Capital Power, S.L., Espiral Renovables, S.L. e Naturgy Generación, S.L.U., presenten instancia concretando a correspondente petición e demais aspectos previstos no antedito artigo 105 e acheguen a esta o proxecto e demais documentación prescrita no artigo 106 do RDPH. Admítense tamén, durante este prazo, outras peticións que teñan o mesmo obxecto que aquela ou sexan incompatibles con ela, e pódense presentar, xunto con estas, proxectos en competencia. Así mesmo, deberase achegar, de acordo co establecido no número 3 do artigo 106, o estudo ambiental que recolla e avalíe todas as afectacións ambientais do proxecto conforme a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Denegarase a tramitación posterior de toda petición que supoña unha utilización de caudal superior ao dobre do que figura máis enriba como petición base do concurso, de acordo co artigo 105 do RDPH, sen prexuízo de que o peticionario que o pretenda poida, dentro do prazo fixado neste anuncio para a admisión de peticións, acollerse á tramitación indicada no parágrafo 3 do antedito artigo 105 do RDPH, remitindo a súa petición na forma prevista no artigo 104 deste, e solicitando a paralización do trámite da solicitude publicada inicialmente. Neste caso, á petición achegará xustificante acreditativo do ingreso na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública dunha fianza pola cantidade de sesenta mil (60.000) euros por cada m3/s de caudal solicitado, para responder da presentación do documento técnico correspondente á súa petición.

A desprecintaxe dos documentos técnicos realizarase na forma sinalada no artigo 107 do RDPH e terá lugar transcorridos quince días desde a conclusión do prazo de presentación de peticións na Sala Branca das dependencias do Edificio Administrativo de Augas de Galicia, sitas na praza Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

As peticións presentaranse a través de calquera rexistro administrativo ou na sede electrónica da Xunta de Galicia (utilizando o modelo xenérico de presentación de escritos (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A), indicando no destino a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Augas de Galicia, e facendo referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio, de conformidade co establecido no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Ademais, xunto coa petición deberán presentar os documentos técnicos e ambientais, un en formato papel e outro en formato dixital, con acceso restrinxido con clave, que quedarán custodiados e sometidos a confidencialidade. Advírtese que unha das copias debe estar redactada de conformidade co disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, para a súa publicación, en que se deberán censurar os datos de carácter persoal.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2026

Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia