DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 12 de marzo de 2026 Páx. 17677

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 18/2026, do 2 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Viveiro de varios treitos de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia, xunto co seu dominio público viario (DPV).

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forma parte, sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.

O Concello de Viveiro solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas o cambio de titularidade de dous treitos sobrantes da estrada LU-862, resultantes da modificación do seu trazado, un á altura do lugar de Escourido e o outro á altura do lugar de Sacido, ambos os dous na parroquia de San Xoán de Covas, así como o treito inicial da estrada LU-540, coñecido como «Travesía da Mariña».

O treito inicial da LU-540, entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+580, con categoría funcional de rede local, discorre integramente polo termo municipal de Viveiro e atravesa solo clasificado como urbano, segundo o instrumento de planeamento vixente.

A estrada LU-540, coa excepción do seu treito inicial (p.q. 0+000 a p.q. 0+600), ten categoría funcional de rede estruturante, ao conectar o núcleo urbano de Viveiro cos de Vilalba e As Pontes. A transferencia do treito inicial da estrada non interrompe o itinerario, xa que no p.q. 0+580 xa se alcanza a periferia do núcleo urbano de Viveiro.

A estrada convencional LU-862, entre os puntos quilométricos 69+510 e 90+080, posúe categoría funcional de rede estruturante. Os treitos antigos cuxo cambio de titularidade solicita o concello (con inicio no p.q. 81+300 e final no p.q. 81+670 da LU-862 e con inicio no p.q. 83+000 e final no p.q. 83+140 da LU-862), discorren integramente polo termo municipal do concello de Viveiro.

O primeiro treito antigo atópase á altura do lugar de Escourido, na marxe esquerda da LU-862, entre o p.q. 81+300 e o p.q. 81+670. Este treito xorde dunha modificación do trazado da estrada LU-862, carece de funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG) e ten un marcado carácter local e de acceso a predios e vivendas.

O segundo treito antigo sitúase á altura do lugar de Sacido, tamén na marxe esquerda da LU-862, entre o p.q. 83+000 e o p.q. 83+140. Este treito tamén xorde dunha modificación do trazado da estrada, presenta un marcado carácter local e urbano e carece de funcionalidade dentro da RAEG.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de marzo de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Viveiro dos seguintes treitos de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia, xunto co seu dominio público viario:

Transferencia

Inicio

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Final

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Lonx. (m)

Superf. DPV (m2)

Treito inicial da LU-540

p.q. 0+000 da LU-540

x= 613.174

y= 4.835.329

p.q. 0+580 da LU-540

x= 613.006

y= 4.834.805

585

-

Treito antigo da LU-862 (Escourido)

Conexión no p.q 81+300 ME da LU-862

x= 611.087

y= 4.838.166

Conexión no p.q. 81+670 ME da LU-862

x= 611.294

y= 4.837.977

295

3.151

Treito antigo da LU-862 (Sacido)

Conexión no p.q. 83+000 ME da LU-862

x= 611.668

y= 4.836.952

Conexión no p.q. 83+140 ME da LU-862

x= 611.641

y= 4.836.789

269

3.010

Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, modificando os datos da LU-540, que quedarán do seguinte xeito:

Clave

Denominación

Treito

p.q.i

p.q.f

Lonxitude treito (km)

Lonxitude total (km)

Categoría funcional

Clase de estrada

Provincia

LU-540

Viveiro (LU-539)-Cabreiros (LU-861)

Viveiro-Viveiro (LU-539)

0+580

0+600

0,02

38,94

Local

Estrada convencional

Lugo

LU-540

Viveiro (LU-539)-Cabreiros (LU-861)

Viveiro (LU-539)-Cabreiros (LU-861)

0+600

39+520

38,92

38,94

Estruturante

Estrada convencional

Lugo

O documento do Catálogo e as súas modificacións poden consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da LEG, o Concello de Viveiro deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír os cambios de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esa acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Viveiro, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das vías.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de marzo de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas