DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 13 de marzo de 2026 Páx. 17914

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 19/2026, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do parque empresarial de Coristanco (A Coruña).

No marco do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia recóllense as áreas empresariais de interese autonómico. O Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia vixente (en diante, PSOAEG), que foi aprobado definitivamente polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 30 de abril de 2014 (DOG núm. 101, do 28 de maio), delimita o parque empresarial de Coristanco, con código de área 15029011.

Para o desenvolvemento deste ámbito acordouse a redacción dun Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (en diante, PEOSE). O PEOSE é o instrumento de ordenación do territorio para planificar e ordenar as actuacións de creación de solo empresarial e ten por obxecto o desenvolvemento das actuacións de promoción pública previstas no PSOAEG.

O PEOSE do parque empresarial de Coristanco ten como finalidade a transformación urbanística do solo con destino á creación do solo empresarial.

O ámbito ordenado conta cunha superficie total de 173.153,36 m2. Prevese unha ordenación do ámbito en dúas fases. A fase I inclúe a conexión exterior viaria coa estrada AC-552 e a execución da metade norte do ámbito, así como da EDAR. A fase II desenvolve a zona sur. A superficie lucrativa proposta é de 109.875,85 m2.

A primeira fase ordénase mediante unha vía central estruturante en dirección norte-sur, desde a conexión coa estrada AC-552, a través dunha rotonda, con outra situada na zona central do ámbito. Esta vía dá servizo a parcelas a ambos os lados, o que dá lugar na parte norte a parcelas de menor tamaño e na parte sur a parcelas de maior tamaño. A segunda fase está prevista para ordenación diferida, en consecuencia, a súa ordenación poderá estar formada por unha única plataforma que conecta coa rotonda central ou contar con vías non estruturantes internas que busquen adaptar a ordenación das parcelas en función das necesidades en parcelas de maior ou menor tamaño.

O PEOSE inclúe o contido e a documentación exixidos para este tipo de instrumentos de ordenación do territorio, tanto na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, nomeadamente no artigo 35 da citada lei, coma no PSOAEG.

Así mesmo, e de conformidade co artigo 20.4 e coa disposición adicional quinta da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o PEOSE incorpora tamén a documentación de carácter técnico necesario para a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Carballo.

A formulación e a aprobación do PEOSE axustouse ao procedemento establecido na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, nomeadamente aos artigos 37 e 38 da citada lei.

Así, o 17 de marzo de 2023 a Xunta de Galicia iniciou a tramitación do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do parque empresarial de Coristanco, solicitando á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático iniciar o procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada.

O procedemento de aprobación deste PEOSE é o previsto no artigo 38 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, relativo aos plans que deban someterse a avaliación ambiental estratéxica simplificada, tal e como se desprende da Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, do 29 de xuño de 2023, pola que se formulou o informe ambiental estratéxico do proxecto, no cal se acordou non someter o PEOSE ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

De acordo co procedemento establecido na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, mediante a Resolución do 1 de decembro de 2023, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) procedeu á aprobación inicial do PEOSE e á apertura do período de información pública, mediante un anuncio no Diario Oficial de Galicia núm. 237, do 15 de decembro de 2023, e no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 234, do 11 de decembro de 2023, con indicación expresa da ligazón para acceder ao documento na web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Así mesmo, notificóuselles individualmente ás persoas titulares catastrais dos terreos afectados sobre as cales incide o instrumento, e o dito trámite tamén se publicou no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado núm. 152, do 24 de xuño de 2024, para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; deuse audiencia á Deputación da Coruña e ao Concello de Coristanco, e solicitáronse os informes sectoriais preceptivos segundo a lexislación sectorial aplicable.

Unha vez cumpridos os preceptivos trámites de audiencia, notificacións e recadación de informes sectoriais e de suficiencia de subministracións de servizos e incorporadas as pertinentes modificacións, o 2 de xullo de 2025, a directora xeral de Urbanismo emitiu o informe preceptivo previo á aprobación provisional do PEOSE.

En cumprimento do previsto na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, o 18 de febreiro de 2026 foi aprobado provisionalmente o PEOSE pola persoa titular da Consellería de Economía e Industria.

Visto canto antecede, de acordo co disposto no artigo 20 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Economía e Industria, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e tres de febreiro de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial

1. Apróbase definitivamente o Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do parque empresarial de Coristanco (A Coruña), integrado polos seguintes documentos:

a) Memoria informativa.

b) Memoria xustificativa.

c) Documentación anexa á memoria.

d) Documentación gráfica con planos de información e ordenación a escala axeitada.

e) Normativa urbanística.

f) Catálogo de elementos con protección patrimonial.

g) Estudo económico e memoria de viabilidade económica.

h) Documentación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

i) Modificación da ordenación do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Coristanco.

j) Determinacións non estruturantes de eficacia diferida.

2. De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, apróbase a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Coristanco, aprobado definitivamente o 3 de decembro de 2015 (DOG núm. 245, do 24 de decembro de 2015).

3. A normativa do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do parque empresarial de Coristanco incorpóranse como anexo a este decreto.

4. O contido íntegro do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do parque empresarial de Coristanco está dispoñible no seguinte enderezo electrónico:
https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

5. De conformidade co previsto nos artigos 37 e 38 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, e no artigo 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, indícase que, mediante o Anuncio do 30 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 134, do 14 de xuño), fíxose público o informe ambiental estratéxico do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do parque empresarial de Coristanco, que pode consultarse, xunto coa restante documentación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada no seguinte enderezo da internet: https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave, introducindo o código 2587/2023.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O plan que este decreto aproba, así como a modificación do planeamento urbanístico do concello de Coristanco, entrarán en vigor de conformidade co previsto no artigo 40 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de febreiro de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria

ANEXO
Normativa do plan

Xeneralidades e terminoloxía

Disposicións xerais

Artigo 1. Xeneralidades

Estas normativas aplícanse ao ámbito grafado no plano «ámbito PEOSE».

A superficie total do ámbito sobre o cal se aplican estas ordenanzas é de 173.129,60 m².

A normativa do PEOSE será a propia para o desenvolvemento das actividades de uso industrial-terciario e das infraestruturas que lles sexan complementarias.

A ordenación do ámbito do PEOSE defínese pola ordenación gráfica, contida no plano «zonificación proposta», que se complementa coas ordenanzas establecidas neste documento.

Terminoloxía

Artigo 2. Ámbito

Comprende o conxunto de terreos obxecto deste PEOSE e interiores á delimitación gráfica denominada «ámbito PEOSE» representada nos planos de ordenación.

Artigo 3. Parque

Ámbitos territoriais que comportan a execución integral do PEOSE e que foron delimitados de forma que permiten o cumprimento do conxunto dos deberes de cesión, de urbanización e de xusta distribución de cargas e beneficios na totalidade da súa superficie.

No PEOSE delimítase un parque único de actuación, que hai que desenvolver en varias fases de urbanización.

Artigo 4. Fase ou etapa

É a unidade mínima de realización das obras de urbanización coordinada coas restantes determinacións do PEOSE, en especial co desenvolvemento no tempo da edificación. Este PEOSE prevé a execución das obras en dúas fases.

Artigo 5. Plano parcelario

No PEOSE inclúese un plano parcelario que permite identificar cada unha das parcelas resultantes e xustificar a ordenación establecida.

O citado plano parcelario non é vinculante e debe entenderse como a proposta base do PEOSE que se concretará na execución do correspondente proxecto de parcelamento.

Artigo 6. Parcela

Parcela ou predio: unidade de solo, tanto na rasante como no voo ou no subsolo, que teña atribuída edificabilidade e uso, ou só uso, urbanístico independente.

Artigo 7. Parcela mínima edificable

Parcela mínima: a menor dimensión en superficie que debe ter unha parcela para que se poidan autorizar sobre ela a edificabilidade e os usos permitidos polo planeamento urbanístico.

Artigo 8. Quinteiro

É o conxunto de parcelas que, sen solución de continuidade, quedan comprendidas entre vías e/ou límites do PEOSE.

Artigo 9. Fronte de parcela á vía pública ou espazo libre público

É a lonxitude ao lado da parcela en contacto coa vía ou espazo libre público para o cal este PEOSE sinala a aliñación oficial. A fronte mínima de parcela constitúe un requisito para que esta parcela poida ser considerada edificable. Este parámetro entenderase aplicable á superficie neta de parcela.

Artigo 10. Aliñación

Enténdese por aliñación a liña sinalada polos instrumentos de planeamento urbanístico que establece a separación das parcelas edificables con respecto á rede viaria ou ao sistema de espazos libres e zonas verdes públicos.

Artigo 11. Lindeiros

Lindeiros ou lindes: liñas perimetrais que establecen os límites dunha parcela; distínguese entre lindeiro frontal, laterais e traseiro. En parcelas con máis dun lindeiro frontal, serán laterais os restantes.

Lindeiro frontal ou fronte de parcela: o lindeiro que delimita a parcela no seu contacto coas vías públicas.

Artigo 12. Superficie de parcela

Superficie bruta: superficie completa dunha parcela que resulte da súa medición real mediante levantamento topográfico.

Superficie neta: superficie da parcela resultante de deducir da superficie bruta a correspondente aos solos destinados a uso e dominio públicos (cesións).

Artigo 13. Espazo libre de parcela

É a parte da parcela neta que queda excluída da superficie ocupada pola edificación. O proxecto de edificación da parcela definirá a urbanización completa destes espazos.

Artigo 14. Rasante

Enténdese por rasante a cota que determina a elevación dunha aliñación ou liña de edificación en cada punto do territorio. Distínguese entre rasante natural do terreo, rasante de vía (eixe da calzada) ou de beirarrúa, que poden ser existentes ou proxectadas.

A cota de referencia ou de orixe é a rasante do punto que o planeamento define para unha aliñación ou liña de edificación como orixe da medición dos diversos criterios de medir as alturas da edificación.

Artigo 15. Recuamentos

É a separación mínima das liñas da edificación aos lindeiros da parcela, medida perpendicularmente a eles. Distínguense recuamento frontal, lateral e traseiro, segundo o lindeiro de que se trate.

Artigo 16. Plano de fachada

Refírese ao plano vertical tanxente aos elementos máis exteriores do cerramento das edificacións, exceptuando balcóns, balconadas, miradoiros, galerías, terrazas, voos e corpos voados autorizados. Para os efectos de delimitación da edificación, considéranse os correspondentes tanto ás fachadas principais como ás medianeiras.

Artigo 17. Liñas de edificación

Liña de edificación: liña de intersección do plano de fachada da edificación co terreo.

Artigo 18. Ocupación de parcela

Porcentaxe máxima da parcela que pode ser ocupada pola edificación, en calquera das súas plantas sobre ou baixo rasante, incluídos os seus corpos voados, pechados ou abertos, referida á superficie neta desta.

Artigo 19. Edificabilidade

Superficie edificable: superficie construíble máxima nunha parcela, ámbito ou sector, referida aos diferentes usos, expresada en metros cadrados, resultante de aplicar á súa superficie os índices de edificabilidade correspondentes.

Edificabilidade ou índice de edificabilidade bruta: límite máximo de edificabilidade para cada uso, expresado en metros cadrados de teito por cada metro cadrado de solo, aplicable nunha parcela, ámbito ou sector.

Edificabilidade ou índice de edificabilidade neta: límite máximo de edificabilidade para cada uso, expresado en metros cadrados de teito por cada metro cadrado de solo, aplicable sobre a superficie neta edificable.

Aproveitamento tipo: edificabilidade unitaria ponderada en función dos distintos valores de repercusión do solo dos usos característicos da correspondente área de repartición.

Aproveitamento xeral: aproveitamento da área de repartición resultado do cociente entre o aproveitamento lucrativo total desta e a superficie total da área, incluídos os terreos dos sistemas xerais adscritos a ela e excluídos os terreos afectos a dotacións públicas que non fosen obtidos por expropiación anticipada en execución do plan, xa existentes no momento de aprobación daquel, e cuxa superficie se manteña.

Enténdese por «edificabilidade» a relación entre a superficie construída (suma das superficies construídas de todas as plantas que integran a edificación) e a superficie neta da parcela.

O cómputo da edificabilidade seguirá o establecido na lexislación urbanística en vigor no momento da solicitude da licenza.

En caso de non existir regulación respecto diso, non computarán no cálculo da edificabilidade:

a) Os espazos con altura libre inferior a 1,50 metros.

b) Os equipamentos de procesos de fabricación exteriores ás naves, tales como bombas, tanques, torres de refrixeración, chemineas, etc.

c) Os elementos ornamentais de final da cuberta e os que corresponden a escaleiras, aparellos elevadores ou elementos propios das instalacións do edificio (tanques de almacenamento, acondicionadores, torres de procesos, paneis de captación de enerxía solar, chemineas, etc.).

Artigo 20. Alturas da edificación

A altura da edificación é a dimensión vertical dun edificio. Esta dimensión poderá expresarse nas seguintes unidades de medida.

a) Pola distancia vertical en metros, medida desde a rasante a que dá fronte a edificación ata a aresta de intersección entre a cara inferior do forxado de cuberta e a cara interior do muro de peche. A medición realizarase no punto medio da fachada.

b) Polo número total de plantas que inclúe todas as plantas a partir da rasante do terreo.

Artigo 21. Altura máxima da edificación

É a que non pode superarse coa edificación. Virá expresada en metros e/ou en número de plantas, e respectaranse ambas.

Artigo 22. Construcións por encima da altura máxima

Sobre a altura máxima permitida, poderán autorizarse outras construcións como as chemineas, antenas e instalacións especiais (silos de almacenaxe ou calquera outra instalación especial que para o seu funcionamento requira alturas superiores á altura máxima permitida), sempre que estean debidamente xustificadas.

Sobre a cuberta da edificación permitirase a instalación de colectores solares e/ou paneis solares e as súas instalacións auxiliares.

Artigo 23. Tipoloxías edificatorias

Para os efectos deste PEOSE, establécense as seguintes tipoloxías:

Edificación exenta ou illada: é a edificación cuxos paramentos non lindan con ningunha outra edificación.

Edificación acaroada: é a edificación cuxos paramentos lindan con algunha outra edificación.

Edificación aparellada: é un caso particular da edificación acaroada, formada pola agrupación unicamente de dous edificios.

Artigo 24. Posibilidade de entresollado de oficinas ou almacéns e disposición de plantas anexas

Serán admisibles entresollados interiores, de oficinas ou almacéns, nun 25 % da planta da edificación, computables para os efectos de edificabilidade.

Altura de entreplanta: 3 metros de altura desde o piso ata o teito. Non obstante, en locais comerciais, de servizos, oficinas e despachos, a altura poderá reducirse a 2,5 metros.

Artigo 25. Plantas da edificación

Considérase planta toda superficie acondicionada para desenvolver nela unha actividade.

Planta soto: planta da edificación, situada por baixo doutra planta, en que a cara inferior do forxado que forma o seu teito queda por baixo do nivel da rasante en calquera punto das súas fachadas, excluíndo o punto en que se sitúe o acceso cando o seu uso sexa para aparcadoiro, e sempre que a súa fronte non ocupe máis do 50 % da fachada, nin máis de 6 metros, admitíndose esta excepción unicamente nunha das fachadas do edificio.

Planta semisoto: planta da edificación situada por baixo da planta baixa, na cal a distancia vertical desde a cara superior do forxado que forma o seu teito ata o nivel de rasante é igual ou inferior a 1 metro en calquera punto das súas fachadas, excluíndo o punto en que se sitúe o acceso cando o uso deste sexa como aparcadoiro, e sempre que a súa fronte non ocupe máis do 50 % da fachada nin máis de 6 metros, admitíndose esta excepción unicamente nunha das fachadas do edificio. Cando esta distancia sexa de máis 1 metro, considerarase planta baixa.

Planta baixa: planta da edificación onde a distancia vertical entre a cara superior do seu forxado de solo e o nivel da rasante situada por baixo daquel non supera 1 metro, sen prexuízo do disposto no punto anterior. Cando esta distancia exceda 1 metro, considerarase planta piso ou alta.

Planta piso ou alta: cada unha das plantas situadas por encima da planta baixa.

Artigo 26. Voos e peiraos de carga e descarga

As marquesiñas poderán ter un voo de 3 m e poden sobresaír da liña de recuamento mínimo fixada en planos de ordenación.

Os peiraos de carga e descarga non poderán sobresaír da liña de recuamento mínimo fixada en planos de ordenación.

Ordenanzas xerais

Ordenación

Artigo 27. Ordenación do solo

A estrutura funcional e a ordenación do solo no ámbito do parque queda definida no plano «zonificación proposta».

Artigo 28. Segregacións

Permítese a segregación de parcelas nos casos establecidos no artigo 29 e seguintes. Se con motivo da segregación fose preciso realizar obras complementarias de urbanización, estas faranse con cargo a quen inste a segregación.

Artigo 29. Agrupación de parcelas

Permítese a agrupación de parcelas coas seguintes finalidades:

a) Para formar outra parcela de maiores dimensións. A nova parcela cumprirá as condicións establecidas para a tipoloxía definida nos planos de ordenación e nas ordenanzas particulares.

b) Para cambiar a tipoloxía por agrupación de parcelas.

Artigo 30. Normas comúns ás agregacións e segregacións de parcelas. Parcela mínima

Toda agrupación ou segregación de parcelas deberá cumprir as seguintes condicións:

a) As parcelas resultantes non serán menores de 500 m2 e a parcela debe ter unha fronte mínima de 10,00 m. Non se aplica ás parcelas de infraestruturas, que poderán ter a fronte e dimensión de parcela segundo os requisitos da infraestrutura.

b) Resolverá os accesos viarios ás subparcelas resultantes.

c) Os lindeiros laterais resultantes de agrupacións e segregacións serán ortogonais á aliñación á vía.

d) Respectará a estrutura urbanística establecida no PEOSE.

e) Admitirá as acometidas aos servizos urbanísticos.

f) Conformará parcelas edificables, consonte as condicións establecidas nas ordenanzas particulares deste PEOSE.

g) Os parcelamentos estarán suxeitos a licenza municipal.

Artigo 31. Estudos de detalle

En desenvolvemento deste PEOSE, poderán redactarse estudos de detalle para parcelas, quinteiros ou unidades urbanas equivalentes definidos cos seguintes obxectivos:

a) Completar ou reaxustar as aliñacións e as rasantes establecidas neste PEOSE.

b) Ordenar os volumes edificables consonte as especificacións que se establecen neste PEOSE.

c) Concretar as condicións estéticas e de composición da edificación, complementarias das establecidas no PEOSE.

Artigo 32. Cesións de solo

Este PEOSE determina, no ámbito de actuación, os seguintes elementos destinados ao uso e dominio públicos, que poderán ser, pola súa vez, obxecto de cesión:

– Sistema viario.

– Espazos libres públicos.

– Equipamento público.

Ordenanzas de uso

Artigo 33. Ámbito de aplicación

As definicións e determinacións contidas neste punto aplícanse a todo o ámbito.

En todo caso, é de aplicación o título IV, Definición e clasificación dos usos, das normas reguladoras do Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco, cando non contradigan o determinado por estas normas.

Artigo 34. Zonificación

No plano «zonificación proposta» indícanse os diferentes usos dentro do ámbito.

Artigo 35. Definición e clasificación

Os usos poderán clasificarse en:

a) Uso característico: considérase o uso maioritario dos integrados nunha mesma área de repartición, nun ámbito ou nun sector. Será o considerado de referencia para o establecemento dos coeficientes de homoxeneización, para os efectos de determinar o aproveitamento tipo cando corresponda.

b) Uso maioritario ou principal: uso permitido que dispón de maior superficie edificable computada en metros cadrados de teito.

c) Uso alternativo: uso que pode substituír na súa totalidade o uso principal.

d) Para os efectos destas ordenanzas, considérase que o uso alternativo pode substituír na súa totalidade o uso principal a nivel de parcela.

e) Usos complementarios: usos permitidos cuxa implantación vén determinada, como demanda do uso principal e nunha proporcionada relación con este, por exixencia da normativa urbanística, sectorial ou do propio planeamento.

f) Usos prohibidos: usos que sexan contrarios á ordenación urbanística proposta.

Artigo 36. Uso industrial: definición e clasificación

Defínese como industrial o uso que comprende as actividades destinadas ao almacenamento, distribución, obtención, elaboración, transformación e reparación de produtos. Distínguense, entre outros, os seguintes usos industriais pormenorizados:

a) Produtivo: o uso que comprende as actividades de produción de bens propiamente ditas.

b) Almacenaxe: o uso que comprende o depósito, garda e distribución por xunto tanto dos bens producidos como das materias primas necesarias para realizar o proceso produtivo.

c) Loxístico: o uso que comprende as operacións de distribución a grande escala de bens producidos, situadas en áreas especializadas para este fin, asociadas a infraestruturas de transporte de longo percorrido.

Artigo 37. Réxime do uso industrial

a) Usos alternativos: o uso terciario. En caso de ser necesario dotar o parque empresarial de parcelas de uso terciario, este poderá substituír o uso principal dunha determinada parcela.

b) Usos complementarios: cando o uso industrial sexa o principal da parcela, poderán admitirse os usos complementarios seguintes:

– Terciario-oficinas: vinculadas ao uso industrial e cunha ocupación inferior ao 50 % da superficie construída.

– Terciario-comercial: como exposición e venda en relación directa co uso industrial, e cunha ocupación inferior ao 40 % da superficie construída.

– Garaxe-aparcadoiro.

– Vivenda, en parcelas de máis de 5.000 m² de superficie, e cunha superficie máxima de 150 m², para uso do persoal de garda e vixilancia, en caso de ser necesario.

– Uso dotacional.

– Permítese no interior da parcela o conxunto de redes, instalacións e espazos asociados, destinados á prestación de servizos urbanísticos, como son os de captación, almacenamento, tratamento e distribución de auga, saneamento, depuración e reutilización de augas residuais, recollida, depósito e tratamento de residuos, subministración de gas, enerxía eléctrica, telecomunicacións e demais servizos necesarios para a parcela ou o parque. As parcelas que se definan para albergar estas instalacións non cumprirán as condicións de parcela mínima, recuamento…, ocupando o espazo necesario para tal fin.

c) Usos prohibidos: todos os demais.

As instalacións industriais de almacenamento, tratamento, reciclaxe e/ou valorización de residuos industriais que incorporen o almacenamento de pneumáticos fóra de uso ou de calquera das súas fraccións deberán estar situadas a unha distancia mínima de 250 m de calquera outra parcela destinada polo planeamento aos seguintes usos: residencial, terciario, industrial de distinta natureza ou dotacional.

Artigo 38. Uso terciario: definición e clasificación

Defínese como terciario o uso que comprende as actividades destinadas ao comercio, o turismo, o lecer ou a prestación de servizos. Distínguense, entre outros, os seguintes usos terciarios pormenorizados:

a) Comercial: comprende as actividades destinadas á subministración de mercadorías ao público mediante a venda polo miúdo ou á prestación de servizos a particulares. Distínguense as grandes superficies comerciais das convencionais, en virtude da súa normativa específica.

b) Oficinas: comprende os usos de locais destinados á prestación de servizos profesionais, financeiros, de información e outros, sobre a base da utilización e transmisión de información, ben ás empresas ou ben aos particulares.

c) Hoteleiro: comprende as actividades destinadas a satisfacer o aloxamento temporal.

d) Recreativo: comprende as actividades vinculadas ao lecer e ao ocio en xeral.

Artigo 39. Réxime do uso terciario

a) Usos complementarios: cando o uso terciario é o principal da parcela, permítense, ademais, os usos seguintes:

– Industrial: en planta baixa, e semisoto, sempre que non sexan os usos industriais incompatibles, determinados na listaxe do artigo seguinte.

– Dotacional.

– Garaxe-aparcadoiro.

Permítese no interior da parcela o conxunto de redes, instalacións e espazos asociados, destinados á prestación de servizos urbanísticos, como son os de captación, almacenamento, tratamento e distribución de auga, saneamento, depuración e reutilización de augas residuais, recollida, depósito e tratamento de residuos, subministración de gas, enerxía eléctrica, telecomunicacións e demais servizos necesarios para a parcela ou o parque. As parcelas que se definan para albergar estas instalacións non cumprirán as condicións de parcela mínima, recuamento…, ocupando o espazo necesario para tal fin.

b) Usos prohibidos: todos os demais.

Artigo 40. Actividades industriais incompatibles co uso terciario

1. Sector da construción:

Plantas clasificadoras de conglomerados.

Plantas de fabricación de formigón.

Fabricación de aglomerados asfálticos.

Instalacións destinadas a extracción de amianto, así como ao tratamento e transformación do amianto e dos produtos que conteñen amianto.

2. Industrias agroalimentarias:

Fábricas de féculas industriais.

Fábricas de pensos compostos.

Lavado, desengraxado e branqueo de la.

Obtención de fibras artificiais.

Tinguidura de fibras.

Tratamento de celulosa e industrias da reciclaxe do papel.

Industrias de fabricación de pasta de celulosa.

3. Instalacións siderúrxicas:

Fundición.

Estirado.

Laminación.

Trituración e calcinación de minerais metálicos.

Embutido e corte de metais.

Revestimento e tratamentos superficiais.

Construción de estruturas metálicas.

4. Industria química:

Fabricación e tratamento de pesticidas, produtos farmacéuticos, pinturas, vernices, elastómeros e peróxidos.

Fabricación e tratamento doutros produtos químicos.

Fabricación e tratamento de produtos a base de elastómeros.

Fabricación de fibras minerais artificiais.

Instalacións de fabricación de explosivos.

Fabricación de biocombustibles.

Produción de plásticos por extrusión, laminación ou operacións.

5. Instalacións de xestión dos residuos en xeral, de residuos sólidos urbanos e asimilables a urbanos.

Artigo 41. Uso dotacional

Defínese como dotacional o uso localizado nos sistemas de infraestruturas de comunicacións, de espazos libres e zonas verdes, de equipamentos e de infraestruturas de redes de servizos, que comprende as instalacións e servizos destinados a satisfacer as necesidades da cidadanía, entre os cales se inclúe a vivenda destinada exclusivamente ao persoal encargado da vixilancia e conservación dos usos desenvolvidos en todo o ámbito.

Permítese nestes espazos dispoñer do conxunto de redes, instalacións e espazos asociados, destinados á prestación de servizos urbanísticos, como son os de captación, almacenamento, tratamento e distribución de auga, saneamento, depuración e reutilización de augas residuais, recollida, depósito e tratamento de residuos, subministración de gas, enerxía eléctrica, telecomunicacións e demais servizos necesarios para a parcela ou o parque. As parcelas que se definan para albergar estas instalacións non cumprirán as condicións de parcela mínima, recuamento…, ocupando o espazo necesario para tal fin.

Distínguense, entre outros, os seguintes usos dotacionais pormenorizados:

a) Infraestruturas de comunicación viaria: o uso que inclúe o solo necesario para asegurar un nivel adecuado de mobilidade terrestre. Comprende as infraestruturas de transporte terrestre para calquera modalidade de tránsito, como son as estradas, os camiños, as rúas e os aparcadoiros.

b) Servizos urbanos: o uso que inclúe o conxunto de redes, instalacións e espazos asociados, destinados á prestación de servizos urbanísticos, como son os de captación, almacenamento, tratamento e distribución de auga, saneamento, depuración e reutilización de augas residuais, recollida, depósito e tratamento de residuos, subministración de gas, enerxía eléctrica, telecomunicacións e demais servizos esenciais ou de interese xeral.

c) Espazos libres e zonas verdes: o uso que comprende os espazos libres como prazas e áreas peonís, e as zonas verdes como áreas de xogo, xardíns, paseos peonís e parques.

– Prazas e áreas peonís: espazos libres urbanos, caracterizados por estar preferentemente ao aire libre, ter carácter peonil, estar maioritariamente pavimentados e destinarse á estancia e convivencia social e cidadá.

– Paseos peonís: zonas verdes de desenvolvemento lineal e preferentemente arborizadas, destinados ao paseo e á estancia das persoas.

– Áreas de xogo: zonas verdes localizadas ao aire libre e dotadas do mobiliario e características adecuadas para seren destinadas a xogos infantís ou ao deporte ao aire libre.

– Parques e xardíns: zonas verdes caracterizadas por estar ao aire libre, ter carácter peonil, estar maioritariamente axardinadas e destinarse á estancia e convivencia social e cidadá.

d) Equipamentos: o uso que comprende as diferentes actividades destinadas a satisfacer as necesidades dos cidadáns, distinguindo:

– Sanitario-asistencial: o que comprende as instalacións e servizos sanitarios, de asistencia ou benestar social.

– Educativo: o que comprende as actividades destinadas á formación intelectual: centros docentes e de ensino en todos os seus niveis e para todas as materias obxecto de ensino.

– Cultural: o que comprende as actividades de índole cultural, como bibliotecas, museos, teatros, auditorios, aulas da natureza e outros servizos de análoga finalidade.

– Deportivo: é o uso que comprende as actividades destinadas á práctica de deportes en recintos pechados, tanto ao aire libre como no interior.

– Administrativo-institucional: o uso que comprende os edificios institucionais e dependencias administrativas, xudiciais, diplomáticas e de análoga finalidade.

– Servizos públicos: o que comprende instalacións relacionadas con servizos públicos como protección civil, seguridade cidadá, cemiterios, prazas de abastos e outros análogos.

– Dotacional múltiple: cualificación xenérica para reservas de solo con destino a equipamentos ás cales non se lles asigne un uso específico no momento da xestión do instrumento de planeamento, deixando a súa definición para un momento posterior.

– Residencial: destinado exclusivamente ao persoal encargado da vixilancia e conservación de industria, coas determinacións establecidas na lexislación vixente e cunha única vivenda de 150 m2 como máximo, por cada parcela edificable de superficie maior ou igual a 5.000 m2. A superficie destinada a este uso computará na edificabilidade.

Ordenanzas de urbanización

Artigo 42. Contidos dos proxectos de urbanización

Os proxectos de desenvolvemento e urbanización que desenvolvan as determinacións deste PEOSE estarán constituídos polos seguintes documentos:

– Memoria e anexos.

– Planos.

– Prego de prescricións técnicas particulares.

– Medicións e orzamento.

– Estudo de seguridade e saúde.

Artigo 43. Xeneralidades

Para garantir en todo momento a non afectación ao medio fluvial, teranse en conta as seguintes consideracións técnicas:

– Nas fases de proxecto, especialmente tendo en conta o posible carácter inundable de certas zonas da contorna do plan, seguindo os criterios dos artigos 49.4.b) e 67.1 da normativa do Plan hidrolóxico Galicia-Costa, deberanse implantar, na medida en que sexa posible, TDU (técnicas de drenaxe urbana sustentable) que reduzan ao mínimo posible a selaxe do solo mediante a utilización, por exemplo, de pavimentos filtrantes e a interposición de espazos verdes ou sen pavimentar, para garantir cualitativa e cuantitativamente o retorno da auga pluvial ao medio receptor e que o eventual aumento de escoamento respecto do valor correspondente á situación preexistente, por causa da impermeabilización das explanadas, poida ser compensado ou sexa irrelevante.

Artigo 44. Rede viaria

O deseño e a execución da rede viaria realizaranse de conformidade coas determinacións establecidas no PXOM de Coristanco.

A continuación, inclúense a modo indicativo características da rede viaria que o proxecto de urbanización poderá adaptar segundo as necesidades de deseño.

Para calcular a pavimentación, teranse en conta tanto o espesor das capas de firme como o material que se vai empregar na capa de rodaxe, atendendo ao tráfico previsto.

As calzadas realizaranse con pavimentos flexibles, mediante o emprego de firmes asfálticos, a base de mesturas bituminosas en quente, ou con pavimentos ríxidos de formigón.

O pavimento das beirarrúas será antiescorregadizo e pódese utilizar o lousado con baldosas hidráulicas ou cerámicas, ou pavimentos continuos de formigón.

Deberase prever a drenaxe profunda da vía en casos onde o nivel freático do terreo estea próximo á superficie.

O deseño e dimensionado das beirarrúas, bordos, accesos a edificios, etc. axustaranse ás disposicións contidas na Orde TMA/851/2021, do 23 de xullo, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos espazos públicos urbanizados, e demais normas vixentes en materia de accesibilidade e supresión de barreiras.

Os proxectos de desenvolvemento e urbanización sinalizarán as prazas de aparcadoiro previstas na rede viaria, reservando as prazas que regulamentariamente correspondan para persoas con mobilidade reducida, que contarán coa correspondente sinalización.

Artigo 45. Infraestruturas de servizos e elementos de urbanización

Enténdese por infraestruturas de servizos as construcións, instalacións e espazos asociados destinados aos servizos de abastecemento de auga, evacuación e depuración de augas residuais, subministración de enerxía eléctrica, gas e telecomunicacións.

Para os efectos de aplicación do Regulamento sobre accesibilidade e supresión de barreiras, considéranse elementos de urbanización calquera compoñente das obras de urbanización, entendendo por estas as referentes a pavimentación, xardinaría, saneamento, rede de sumidoiros, iluminación, redes de telecomunicación e redes de subministración de auga, electricidade, gases e as que materializan as indicacións contidas nesta modificación do plan.

Os elementos de urbanización integrados en espazos de uso público posuirán, con carácter xeral, unhas características de deseño e execución tales que non constitúan un obstáculo á liberdade de movementos das persoas con limitacións e mobilidade reducida.

En caso de existencia de tapas, rexistros... na calzada, orientaranse tendo en conta as xuntas dos elementos do pavimento e nivelaranse de forma que non resalten sobre el. Estes elementos deberán reforzarse mediante cerco de formigón.

A continuación, inclúense a modo indicativo as características tipo das redes de servizos, mais será o proxecto de urbanización das obras o que definirá en última instancia as características das redes de servizos.

Artigo 46. Rede de abastecemento de auga

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, o abastecemento de auga cumprirá as seguintes condicións:

– A dotación de auga será de 0,25 l/s/ha segundo o especificado nas instrucións técnicas de obras hidráulicas de Galicia (ITOHG).

– Canalizacións: o diámetro mínimo da rede xeral será de 90 mm e empregaranse tubos de fundición dúctil ou polietileno de alta densidade. Poderanse deseñar ramais secundarios e acometidas con diámetros menores.

– A presión normalizada de proba en fábrica de todos os elementos da rede non será inferior a 16 atm.

– A presión mínima de traballo das tubaxes será de 1 atm.

– A protección contra incendios resolverase mediante hidrantes.

– A rede interior conectarase a unha rede existente, segundo se reflicte en planos de ordenación. Tanto o deseño da rede interior que se definirá en detalle no proxecto de urbanización como a conexión exterior contarán coa aprobación por parte do Concello de Coristanco.

Artigo 47. Redes de saneamento

As condicións mínimas exixibles á rede de saneamento de augas fecais e pluviais serán as seguintes:

– Sistema: separativo.

– Velocidade de circulación da auga: entre 0,5 e 3 metros/segundo.

– Pozos: executaranse os pozos de tal maneira que se poidan conectar como mínimo dúas parcelas. A distancia máxima entre pozos de rexistro será de 50 metros.

– Profundidade da rede: a profundidade mínima da rede será de 1,00 metro á xeratriz superior da canalización.

– Caudais: os valores dos caudais de augas fecais que cómpre ter en conta para o cálculo do saneamento serán os mesmos que os obtidos para a rede de distribución de auga potable.

– A rede interior conectarase a unha rede existente, segundo se reflicte en planos de ordenación. Tanto o deseño das redes interiores que se definirán en detalle no proxecto de urbanización como as conexións exteriores contarán coa aprobación por parte do Concello de Coristanco. Se é necesario algún dispositivo de drenaxe sustentable previo á vertedura, este dispoñerase na zona verde.

Artigo 48. Redes de enerxía eléctrica

As condicións exixibles ás redes de enerxía eléctrica serán as seguintes:

– Consumo medio mínimo para considerar no cálculo da instalación: 25 W/m2 de superficie neta.

– Todas as parcelas deberán ter posibilidade de subministración en BT, independentemente da previsión da potencia que teña adscrita.

– As parcelas con demanda previsible superior a 50 kW dispoñerán de subministración de MT. Cando a subministración posible sexa inferior a 50 kW, esta realizarase unicamente en BT.

– Os centros de transformación irán sobre superficie, con casetas prefabricadas ou de obra de fábrica. A súa localización será en parcelas de servizos urbanos definidas expresamente para albergar a instalación ou en parcela de uso lucrativo.

– Deberase acordar o deseño da rede coa compañía distribuidora.

Artigo 49. Iluminación pública

– A rede de iluminación pública será enterrada e executarase, preferentemente, baixo a beirarrúa.

– A instalación de iluminación cumprirá o Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

– Os valores lumínicos serán establecidos, segundo o tipo de vía, polos correspondentes proxectos técnicos, cumprindo os niveis do Regulamento de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior.

– Establécese un nivel de iluminación medio de 20 lux en vías.

Artigo 50. Telecomunicacións

– A rede de telecomunicacións será enterrada e executarase, preferentemente, baixo a beirarrúa.

– Realizarase unha rede común con capacidade suficiente para que poida dar servizo a máis dun operador.

– Para a elaboración do proxecto da rede, teranse en conta, sempre que sexa posible e economicamente viable, as normativas das compañías subministradoras.

Artigo 51. Publicidade

Enténdese por publicidade toda acción encamiñada a difundir entre o público marcas, símbolos ou calquera tipo de información de produtos e servizos coa finalidade de promover directa ou indirectamente o consumo ou a contratación de bens ou servizos.

Permítese a instalación de elementos publicitarios na vía pública como soporte dun directorio onde figure a relación das empresas da contorna e a súa localización dentro do parque, ou información de interese público de carácter dotacional (exposicións, eventos, etc.).

Nos espazos libres e zonas verdes, será posible instalar un cartel corporativo que permita identificar o parque empresarial de Coristanco e facelo visible respectando as zonas de servidume ou afectacións que se recollan na lexislación sectorial vixente.

Procurarase a normalización destes elementos mediante a definición de materiais e sistemas construtivos que contribúan a ofrecer unha imaxe homoxénea e identificable da paisaxe urbana. Teranse en conta as recomendacións da guía de boas prácticas nos carteis publicitarios.

Todas as instalacións publicitarias, paneis e sinalética cumprirán as condicións establecidas pola lexislación sectorial de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas en canto a sinalización e información accesibles, e non deberán:

– Producir cegamentos visuais.

– Inducir á confusión con sinais de tráfico.

– Impedir a perfecta visibilidade en zonas de tránsito peonil e rodado.

Artigo 52. Conexións exteriores

O proxecto de desenvolvemento e urbanización deberá definir as conexións exteriores necesarias para dotar de servizo as redes do parque.

Normativa reguladora da estrada AC-552

Ordenación de sistemas

Artigo 53. Clasificación das estradas autonómicas

As estradas autonómicas clasifícanse, en atención ás súas características técnicas, segundo se dispón no artigo 4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ou no precepto correspondente da norma de rango legal que a veña substituír.

En atención ás súas características funcionais, as estradas autonómicas clasifícanse segundo se dispón no artigo 32 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, ou no precepto correspondente da norma que o veña substituír.

Artigo 54. Condicións da rede de estradas autonómicas (AC-552)

• Zona de dominio público (definida en planos de información e ordenación).

– A zona de dominio público das estradas está integrada polos terreos ocupados por todos os elementos do dominio público viario adquiridos por título lexítimo pola Administración autonómica, e defínese segundo o previsto no artigo 37, en relación co 2, da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ou nos preceptos correspondentes da norma de rango legal que a veña substituír.

– A execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público das estradas autonómicas está suxeita ao deber de obter a correspondente autorización, previamente ao outorgamento da licenza municipal, se é o caso.

– A competencia para autorizar a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público das estradas autonómicas correspóndelle á Axencia Galega de Infraestruturas ou ao órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

– As limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos para a zona de dominio público serán efectivas tamén para os terreos afectados polas actuacións previstas, despois de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción correspondentes.

• Zonas de protección da estrada e liña límite de edificación.

– Para a protección do dominio público viario e a debida prestación do servizo público viario, ademais da zona de dominio público, establécense as zonas de protección da estrada denominadas de servidume e de afectación, así como a liña límite de edificación (definida en planos de información e ordenación).

– Para o seu establecemento e delimitación, observarase o previsto nos artigos 38 (zonas de protección da estrada e liña límite de edificación), 39 (delimitación da zona de servidume), 40 (delimitación da zona de afectación) e 41 (delimitación da liña límite de edificación) da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ou nos preceptos correspondentes da norma de rango legal que a veña substituír.

– A execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade nas zonas de protección das estradas autonómicas está suxeita ao deber de obter a correspondente autorización, previamente ao outorgamento da licenza municipal, se é o caso.

– A competencia para autorizar a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade nas zonas de protección das estradas autonómicas correspóndelle á Axencia Galega de Infraestruturas, ou ao órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

– As limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos para as zonas de protección e pola liña límite de edificación serán efectivas tamén para os terreos afectados por actuacións previstas, despois de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción correspondentes.

• Limitacións de uso derivadas do ruído.

Para a execución de obras e instalacións na contorna das estradas autonómicas, establécese como requisito previo ao outorgamento da licenza municipal a realización dos estudos necesarios para a determinación dos niveis sonoros esperables, así como para o establecemento das limitacións á edificabilidade ou da obrigatoriedade de dispoñer dos medios de protección acústica necesarios, en caso de superárense os limiares recomendados, segundo o establecido na normativa básica estatal en materia de ruído ou na correspondente normativa autonómica de desenvolvemento.

Fóra das áreas urbanizadas existentes antes da data de entrada en vigor do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, nos sectores do territorio gravados polas servidumes acústicas das estradas autonómicas aprobadas e reflectidas nos planos de información do documento, conforme a normativa en materia de ruído, as inmisións producidas polas estradas autonómicas poderán superar os obxectivos de calidade acústica aplicables ás correspondentes áreas acústicas. Os niveis de ruído esperables vinculados ás estradas autonómicas serán os reflectidos nos mapas estratéxicos de ruído das estradas autonómicas, que se inclúen como parte dos planos de información do documento.

Artigo 55. Ordenanzas reguladoras de solo urbanizable (AC-552)

• Condicións de parcelamento e segregación:

Os parcelamentos e as segregacións de parcelas lindeiras coas estradas autonómicas están suxeitos ao deber de obter a correspondente autorización da Axencia Galega de Infraestruturas, ou do órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

O outorgamento da citada autorización será requisito previo para obter a correspondente licenza municipal de parcelamento ou segregación, se é o caso.

• Condicións de posición:

– Posición da edificación:

1. Entre as estradas de titularidade autonómica e a liña límite de edificación, segundo establece a lexislación sectorial en materia de estradas autonómicas, prohíbese calquera tipo de construción de nova planta, por encima ou por baixo da rasante do terreo.

Nas edificacións e instalacións preexistentes na zona comprendida entre a liña exterior de delimitación da calzada das estradas e a liña límite de edificación só se poderán autorizar excepcionalmente as actuacións permitidas na lexislación sectorial en materia de estradas autonómicas.

Non se admitirán voos sobre as liñas límite de edificación que dan fronte ás estradas autonómicas.

2. Será requisito para o outorgamento da correspondente licenza municipal para a execución de todo tipo edificacións e outras construcións nas zonas de servidume e afectación das estradas autonómicas a obtención previa da autorización da Axencia Galega de Infraestruturas, ou do órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

– Posición do peche:

1. A posición dos peches de parcelas nas marxes das estradas de titularidade autonómica rexerase pola lexislación e normativa sectorial aplicable en materia de estradas.

Nos peches preexistentes na zona comprendida entre a liña exterior de delimitación da calzada das estradas e a liña límite de edificación só se poderán autorizar excepcionalmente as actuacións permitidas na lexislación sectorial en materia de estradas autonómicas.

Será requisito para o outorgamento da correspondente licenza municipal para a execución de peches nas zonas de servidume e afectación das estradas de titularidade autonómica a obtención previa da autorización da Axencia Galega de Infraestruturas, ou do órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

• Condicións de acceso:

Será requisito, para o establecemento de accesos ás estradas autonómicas a obtención previa da autorización da Axencia Galega de Infraestruturas, ou do órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

O outorgamento da dita autorización de acceso será requisito previo para obter a correspondente licenza municipal para realizar calquera tipo de edificación na parcela, excepto no caso de que se dispoña dun acceso alternativo que non se realice a través da estrada autonómica.

Patrimonio

Artigo 56. Patrimonio

Durante as obras de urbanización do PEOSE, realizarase un control arqueolóxico. Este control farase inmediatamente despois de efectuar a roza da vexetación, nunha primeira fase e durante os movementos de terra da obra de urbanización, nunha fase seguinte.

Prestarase especial vixilancia na zona onde supostamente existe unha fonte e lavadoiro, actualmente soterrados, e procederase á súa escavación dirixida por técnico/a arqueólogo/a en coordinación coa dirección facultativa da obra de urbanización, co obxecto da súa valoración e decisión sobre o elemento.

As parcelas situadas dentro do espazo destinado ao parque empresarial non presentan xacementos arqueolóxicos inventariados nin se aprecian elementos non catalogados de porte destacado. O único topónimo de interese arqueolóxico localizado na planimetría consultada é o xa coñecido de Fonte de Malperes, fonte e lavadoiro citado no PXOM e en informes previos.

No espazo destinado á construción do parque empresarial existen zonas onde a vexetación impide unha correcta análise do terreo e é posible que se oculte algún ben de porte escaso. Para completar ese labor, unha vez concluída a corta e a retirada de vexetación, realizarase unha revisión do terreo xa despexado por se nel se pode localizar algún elemento arqueolóxico de porte baixo.

Continuarase co control e seguimento da roza da superficie. Prestarase unha atención especial ao espazo onde o PXOM sitúa un lavadoiro e unha fonte enterradas. Na zona, e na contorna desta, onde se indica a posible situación deste elemento, deberase realizar unha roza controlada da superficie co arqueólogo/a a pé de maquinaria (…).

Se se localizan o lavadoiro e a fonte enterrados, comunicaráselle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural co fin de adoptar as medidas correctoras necesarias. Inicialmente, considérase a posibilidade da súa recuperación e/ou o seu traslado e integración na zona verde. A zona sinalada no PXOM deberá estar situada na cartografía de obra e informaranse os responsables da súa localización exacta e, previamente á roza, debe estar sinalizada sobre o terreo con material imperecedoiro.

Peche tradicional. Está situado no lado contrario da pista de terra que delimita o futuro parque polo leste. Deberá estar situado na cartografía de obra e informaranse os responsables da súa localización exacta e, previamente ao comezo das obras, debe estar sinalizado sobre o terreo con material imperecedoiro.

Ponte Lubiáns, elemento catalogado, sitúase a 237 m da zona de obras. Deberá informarse os responsables da obra da súa localización exacta, sinalizarase a súa situación na cartografía de obra e consideraranse tanto a ponte como a súa área de cautela zonas de exclusión para a realización de calquera tipo de actividade relacionada coa construción do parque (zona de préstamos, entulleiras, localización de instalacións auxiliares, etc.).

Zona de policía río Grande

Artigo 57. Zona de policía

Segundo o indicado no artigo 9.4 do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, a execución de calquera obra ou traballo na zona de policía de leitos precisará de autorización administrativa previa do organismo de bacía, sen prexuízo dos supostos especiais regulados neste regulamento. Esta autorización será independente de calquera outra que deba ser outorgada polos distintos órganos das administracións públicas.

Ordenanzas da edificación

Artigo 58. Condicións de estética e integración ambiental

a) Edificacións.

A composición das edificacións será libre.

As construcións auxiliares e instalacións complementarias das industrias deberán tratarse con similares niveis de acabado que a edificación principal.

b) Fachadas.

As fachadas dos edificios e as súas paredes medianeiras, así como as fachadas que resulten visibles desde os espazos públicos (incluídas as traseiras), deberán ter tratamento de fachada e conservárense nas debidas condicións de seguridade, hixiene e estética.

c) Cubertas.

Nas edificacións industriais prohíbese o uso de fibrocemento na súa cor natural, cando poida quedar visto.

d) Materiais.

Prohíbese o emprego de materiais de deficiente conservación, así como a utilización nos paramentos exteriores de pinturas facilmente alterables polos axentes atmosféricos ou de combinacións agresivas de cor.

Teranse en conta as recomendacións da guía de cor e materiais para a grande área paisaxística Chairas e Fosas Occidentais respecto a fondos, elementos compositivos de fachada, carpintarías e cerrallarías.

e) Peches.

É obrigatorio cerrar os lindeiros laterais e de fondo. A parte do cerramento que dea fronte á vía pública ou espazo libre público situarase na aliñación oficial, e o resto, nos lindeiros.

Non poderán ser macizos na súa totalidade. Admítese unha parte maciza de 0,80 m de altura máxima. A altura total do peche non pode superar os 2 m, contados desde a rasante do terreo, no punto medio da fronte ou do lindeiro concreto.

Cando, pola topografía do terreo, se acuse unha diferenza superior a 1 m entre os puntos extremos, o peche deberá graduarse nos tramos necesarios para non superar este límite.

Os peches deberán estar correctamente revestidos e acabados, e non se poderán empregar como materiais de acabado os que fosen fabricados para seren revestidos.

Exceptúanse de cumprir as condicións anteriores os edificios que, por razón do seu destino, requiran especiais medidas de seguridade, que deberán ser motivadas. Nestes casos, o cerramento axustarase ás súas necesidades particulares.

f) Espazo libre de parcela.

Nos espazos libres de parcelas serán usos admisibles os de aparcadoiro, almacenamento en superficie, instalacións de infraestruturas, casetas de servizos e zona axardinada.

Prohíbese utilizar estes espazos como depósitos de residuos.

Artigo 59. Condicións de accesibilidade

Son as condicións ás cales teñen que someterse as edificacións para garantiren a idónea accesibilidade aos distintos locais e pezas, instalacións ou servizos propios que as compoñen. Son de obrigado cumprimento as disposicións contidas na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade na Comunidade Autónoma de Galicia, e noutras normas existentes nesta materia.

Artigo 60. Condicións de seguridade

Axustaranse ao disposto no Real decreto 2267/2004, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de seguridade contra incendios en establecementos industriais, no Documento básico de seguridade contra incendios do Código técnico da edificación, Ordenanza xeral de seguridade e hixiene no traballo e demais disposicións legais vixentes que lles sexan de aplicación.

Artigo 61. Condicións de hixiene

As edificacións axustaranse ás disposicións establecidas na lexislación laboral, sanitaria e sectorial vixente, así como ás disposicións da lexislación vixente sobre emisións á atmosfera, augas residuais, ruídos e vibracións. Así mesmo, teranse en conta as condicións establecidas nas Normas de sustentabilidade e protección do ambiente destas ordenanzas reguladoras.

Ordenanzas de sustentabilidade ambiental e protección do ambiente e da paisaxe

Artigo 62. Protección dos recursos hídricos

A protección das augas, así como a regulación das verteduras de actividades que poidan contaminar o dominio público hidráulico, realizarase conforme o disposto en:

– Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba a Lei de augas, e o Real decreto lei 4/2007, do 13 de abril, polo que se modifica o texto refundido da Lei de augas.

– Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da planificación hidrolóxica.

– Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

Garantiranse os requirimentos de calidade da auga de consumo humano conforme o disposto na lexislación sobre os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano.

a) En relación coa protección da estación depuradora.

Non se admitirán corpos que poidan producir obstrucións nas conducións e grupos de bombeo.

Non se admitirán substancias capaces de producir fenómenos de corrosión e/ou abrasión nas instalacións electromecánicas.

Non se admitirán substancias capaces de producir escumas que interfiran nas operacións das sondas de nivel e/ou afecten as instalacións eléctricas, así como os procesos de depuración.

Non se admitirán substancias que poidan producir fenómenos de flotación e interferir nos procesos de depuración.

b) En relación coa composición química e biolóxica do efluente.

Efectuarase unha predepuración das augas antes da súa vertedura aos colectores públicos.

Dotarase un paso por un separador de hidrocarburos das augas pluviais, antes da súa vertedura ou emprego para a rega das zonas verdes.

En ausencia de normativa específica, será obrigatorio en calquera caso que as verteduras admitidas na depuración conxunta non superen os límites de concentración seguintes:

Parámetro

Valores límite

Materiais en suspensión

1.000 ppm

Materiais sedimentables

10 ml/l

DBO5

750 mg/l

DQO

1.500 mg/l

Sulfuros

5 ppm

Cianuros

6,00 mg/l

Formol

20 ppm

Dióxido de xofre

10 ml/l

Cromo hexavalente

0,20 mg/l

Cromo total

0,50 mg/l

Cobre

0,2 ppm

Níquel

2 ppm

Zinc

3 ppm

Os establecementos industriais que produzan augas residuais cuxas composicións cualitativas ou cuantitativas sexan superiores aos límites establecidos nas ordenanzas municipais, ou, en ausencia destes, aos establecidos nesta normativa, estarán obrigados a depurar as súas augas previamente á súa vertedura aos colectores públicos.

Artigo 63. Protección do ambiente atmosférico

a) Emisións atmosféricas.

As emisións máximas permitidas á atmosfera regularanse polas disposicións vixentes na materia.

Prohíbese a queima de calquera tipo de residuos ou materiais que non conten coa autorización correspondente.

As industrias e instalacións que desenvolvan actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera adoptarán as medidas necesarias e as prácticas idóneas nas actividades e instalacións que permitan evitar ou reducir a contaminación atmosférica, aplicando, na medida do posible, as mellores técnicas dispoñibles e empregando os combustibles menos contaminantes.

Durante o movemento de terras, transporte de materiais e, en xeral, en todas as accións que poidan provocar a emisión de partículas á atmosfera, tomaranse as precaucións necesarias para reducir a contaminación ao mínimo posible, evitando a dispersión. Deste xeito, dispoñeranse medidas preventivas como realizar os labores en condicións atmosféricas favorables, recubrir os materiais que se transporten, regar as zonas e materiais afectados polas obras, etc.

b) Contaminación lumínica.

Preservaranse ao máximo posible as condicións naturais das horas nocturnas en beneficio da fauna, a flora e os ecosistemas en xeral, e reducirase a intrusión lumínica en zonas distintas ás que se pretende iluminar.

Teranse en conta a frecuencia, a distancia e a tipoloxía das luminarias para evitar a sobreiluminación.

Axustaranse os horarios de acendido e apagamento, e recoméndase instalar redutores de fluxo.

A iluminación pública do sector industrial responderá ás necesidades deste, pero sen xerar un punto de atracción lumínica para os posibles espectadores exteriores. Prestarase atención á intensidade, cor e dirección da iluminación, así como á utilización de tipos de luminarias acordes coa contorna.

Artigo 64. Protección contra a contaminación acústica e vibratoria

Observarase o disposto no Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia; na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, que a desenvolve.

Durante a fase de urbanización, evitarase a realización de obras ou movementos de maquinaria fóra do período diúrno (de 7.00 h a 19.00 h).

Con carácter xeral, priorizaranse as medidas de redución da fonte emisora, nas máquinas, nas infraestruturas, nos motores, nos pavimentos, nas actividades industriais, etc., empregando, na medida do posible, as mellores tecnoloxías dispoñibles e as boas prácticas ambientais que minimicen a emisión e limiten a transmisión do ruído e as vibracións.

Artigo 65. Xestión dos residuos

Para a xestión dos residuos do parque, serán de aplicación as disposicións contidas na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados; na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, así como calquera outra normativa ou instrumentos de planificación vixentes.

No proxecto de urbanización habilitaranse lugares idóneos para situar as illas de recollida selectiva de residuos durante a execución das obras de urbanización. Prohíbese a provisión de residuos en condicións nas cales non se poida garantir a prevención da contaminación do sistema de saneamento, o sistema de drenaxe superficial, o solo ou o subsolo. É obrigatorio acondicionar as zonas de provisión de forma previa, de maneira que, ademais de previr a contaminación, se impida o acceso visual a estas provisións desde a vía ou as zonas habitadas.

No referente aos residuos de construción e demolición, a súa xestión farase de conformidade co disposto no Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, e no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

Artigo 66. Protección do solo

Durante o movemento de terras, realizarase un tratamento selectivo das terras no cal, despois dos procesos de roza da cuberta vexetal, cuxos materiais serán convenientemente triturados e espallados para incorporalos de forma homoxénea ao solo, se amorearán as capas fértiles do solo e se conservarán en condicións idóneas (cordóns de 1,5 a 2 m de altura, ben drenados). A terra vexetal será reutilizada nos labores de axardinamento (conformando a primeira capa sobre a que se realizarán as plantacións), así como nos labores de restauración das áreas ocupadas temporalmente e das deterioradas polas obras.

Evitarase a degradación dos solos por materiais, residuos ou substancias potencialmente contaminantes procedentes das obras ou da maquinaria, acondicionando espazos para o seu almacenamento e xestión, conformes coa lexislación.

Deberá prestarse especial atención á definición das áreas de circulación e estacionamento e almacenamento de materiais co obxectivo de reducir as superficies de alteración, evitar a invasión de terreos adxacentes e protexer os cursos fluviais e as súas proximidades.

Empregaranse solos permeables nas prazas de aparcadoiro que favorezan a drenaxe das augas pluviais e o desenvolvemento de liques e vexetación herbácea.

Definiranse as medidas precisas para consolidar, canto antes, os noiros, desmontes e terrapléns, seleccionando as que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibras naturais, etc.).

Nas zonas verdes restauraranse e revexetaranse con prontitude as superficies espidas para evitar perdas de solo, usando as especies autóctonas do lugar e consonte as súas características edafolóxicas e climáticas.

Artigo 67. Protección do medio natural

Co fin de protexer a flora e a fauna silvestres, teranse en conta as medidas previstas na lexislación aplicable e, en especial, as establecidas nas seguintes disposicións:

a) Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

b) Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, modificada pola Lei 7/2018, do 20 de xullo.

c) Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro (Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas).

d) Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, modificado polo Decreto 167/2011, do 4 de agosto, polo que se modifica e actualiza este catálogo.

Antes de iniciar os traballos, levarase a cabo unha prospección minuciosa para constatar a presenza ou ausencia de especies do Catálogo galego de especies ameazadas (Real decreto 88/2007), e, en caso de detección, comunicarase ao Servizo de Patrimonio Natural da Coruña, xunto coas medidas que se propoñan. En caso de detectar a presenza das ditas especies, garantirase a súa conservación e cumpriranse as obrigas establecidas respecto diso no artigo 95 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

As plantacións realizaranse con especies herbáceas, arbóreas e arbustivas propias da rexión bioxeográfica e procedentes de ecotipos locais, co fin de garantir a súa viabilidade e reducir posteriores labores de mantemento.

As sementes empregadas deberán ser verificadas para garantir que non se introducen sementes foráneas e invasoras e que non se incorporan elementos que poidan afectar tanto a flora como a fauna da contorna.

A poda da vexetación non poderá realizarse na primavera, ao ser o período reprodutor das especies e afectar a nidificación das especies silvestres.

Artigo 68. Paisaxe

Inclúese un anexo de estudo da paisaxe. As condicións naturais do medio físico e, en especial, as masas arborizadas e cursos de auga existentes nas inmediacións da contorna integraranse no tratamento das zonas verdes e espazos libres coa finalidade de garantir un bo nivel ambiental e paisaxístico.

a) Someteranse os noiros e desmontes a un tratamento paisaxístico para garantir a súa conservación e mantemento.

b) Realizarase a elección do mobiliario urbano tendo sempre en conta a súa integración na paisaxe.

c) Utilizaranse pantallas vexetais para ocultar ou fragmentar elementos impactantes ou de gran tamaño co fin de reducir a súa visibilidade. Empregaranse especies arbóreas e arbustivas autóctonas de diferente porte, evitando as plantacións lineais e distribuíndo as especies de maior porte nas zonas que teñan un maior impacto visual, co fin de mitigar a súa visibilidade.

d) Salvo que por exixencias da actividade se requiran cerramentos opacos, estes serán abertos, mediante redes metálicas ou reixas, e poderá integrarse vexetación no seu deseño.

e) Utilizaranse barreiras vexetais para ocultar zonas de provisión ou depósito permanente de materiais que poidan producir un impacto visual na contorna. Para iso, empregaranse especies arbóreas e arbustivas autóctonas de diferente porte, evitando as plantacións lineais e distribuíndo as especies de maior porte nas zonas que teñan un maior impacto visual, co fin de mitigar a súa visibilidade.

Ordenanzas particulares

No documento planos da carpeta 9, Determinacións non estruturantes de eficacia diferida, inclúense as posibles variacións de execución de vías no PDU. Será o PDU o que fixe tanto as vías de ordenación diferida como as ordenanzas para a ordenación proposta de determinacións non estruturantes de eficacia diferida.

Artigo 69. Cadro de características

• Zonificación de usos.

No seguinte cadro recóllense as superficies dos distintos usos da zonificación proposta:

Proposta de ordenación (ordenación estruturante)

Uso

Quinteiros

Superficie m2

Titularidade

%

Carácter

Industrial-terciario

M1.1

4.725,00

Privada

2,73 %

Lucrativo

M1.2

4.725,00

Privada

2,73 %

Lucrativo

M2.1

4.725,00

Privada

2,73 %

Lucrativo

M2.2

4.550,00

Privada

2,63 %

Lucrativo

M3

91.150,85

Privada

52,64 %

Lucrativo

Total uso lucrativo

109.875,85

Privada

63,46 %

Lucrativo

Equipamentos

EQ

1.000,00

Pública

0,58 %

Non lucrativo

Parcela de servizos

PS-1

3.356,63

Pública

1,94 %

Non lucrativo

PS-2

35,70

Total

3.392,33

Vía estruturante

10.265,80

Pública

5,93 %

Non lucrativo

Vía perpendicular á vía estruturante

803,15

Pública

0,46 %

Non lucrativo

Vía sur

159,84

Pública

0,09 %

Non lucrativo

Camiño

498,56

Pública

0,29 %

Non lucrativo

Total superficie viaria

Total

11.727,35

Pública

6,77 %

Non lucrativo

Sistema xeral viario

156,29

Pública

0,09 %

Non lucrativo

Aparcadoiro

AP-1

2.296,20

Pública

1,33 %

Non lucrativo

Espazo libre de uso público e zonas verdes

ZV-1

1.464,88

Pública

0,85 %

Non lucrativo

ZV-2

12.969,46

Pública

7,49 %

Non lucrativo

ZV-3

5.867,80

Pública

3,39 %

Non lucrativo

ZV-4

1.341,40

Pública

0,77 %

Non lucrativo

ZV-5

11.360,75

Pública

6,56 %

Non lucrativo

ZV-6

11.701,05

Pública

6,76 %

Non lucrativo

Total zona verde

44.705,34

Pública

25,82 %

Non lucrativo

Total ámbito

173.153,36

100,00 %

Conexións exteriores

Conexión viaria

55.037,13

Conexión infraestruturas servizos

1.955,67

• Edificabilidade e aproveitamento do ámbito.

A continuación, establécese un cadro de edificabilidade por quinteiros vinculante onde se xustifica o cumprimento da edificabilidade total do ámbito do PEOSE, executando a ordenación estruturante:

Proposta de ordenación (ordenación estruturante)

Uso

Quinteiros

Superficie m2

Índice de edificabilidade
(m2/m2)

Superficie edificable (m2)

Coef. homog.

Unidades de aproveitamento

Industrial-terciario

M1.1

4.725,00

0,85

4.016,25

1

4.016,25

M1.2

4.725,00

0,85

4.016,25

1

4.016,25

M2.1

4.725,00

0,85

4.016,25

1

4.016,25

M2.2

4.550,00

0,85

3.867,50

1

3.867,50

M3

91.150,85

0,85

77.478,22

1

77.478,22

Total uso lucrativo

109.875,85

93.394,47

93.394,47

Equipamentos

EQ

1.000,00

0,50

500,00

PARCELA DE SERVIZOS

PS-1

3.356,63

PS-2

35,70

Total

3.392,33

Vía estruturante

10.265,80

Vía perpendicular á vía estruturante

803,15

Vía sur

159,84

Camiño

498,56

Total superficie viaria

Total

11.727,35

Sistema xeral viario

156,29

Aparcadoiro

AP-1

2.296,20

Espazo libre de uso público e zonas verdes

ZV-1

1.464,88

ZV-2

12.969,46

ZV-3

5.867,80

ZV-4

1.341,40

ZV-5

11.360,75

ZV-6

11.701,05

Total zona verde

44.705,34

Total ámbito

173.153,36

Artigo 70. Normas particulares

As normas particulares que regulan as determinacións de eficacia diferida e non estruturantes recollidas no artigo 34 de Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, serán establecidas polos proxectos de desenvolvemento e urbanización.

As normas particulares establecidas polos proxectos de desenvolvemento e urbanización serán inscritas no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia e obxecto de publicación no DOG, para a súa eficacia e efectos, conforme o artigo 60 da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.