Examinada a solicitude de deslindamento formulada pola CMVMC de Paradela de Abeleda coas CMVMC da Retorta e Reboreda, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 14.7.2025, a CMVMC de Paradela de Abeleda presentou un escrito no rexistro electrónico da Xunta de Galicia, dirixido ao Departamento Territorial da CMR de Ourense (REXEL 2025/1999981), en que solicita a aprobación dun deslindamento coas CMVMC da Retorta e Reboreda, todas no concello de Porqueira.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Certificados do Xulgado de Paz de Porqueira dos acordos acadados.
– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.
– Acta de deslindamento.
– Informe de deslindamento
Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 19 de setembro de 2025 fai constar que a solicitude cumpre cos requisitos legais exixidos para a resolución do procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común.
Quedan perfectamente definidas as liñas estremeiras descritas nas actas dos levantamentos topográficos dos dous deslindamentos conciliados no Xulgado de Paz de Porqueira, tanto polas coordenadas UTM coma pola descrición topográfica.
Así mesmo, a planimetría reflicte sen equívoco a representación gráfica dos deslindamentos solicitados.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditara unha resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 19 de setembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 23 de febreiro de 2026:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Fraga e Arnela, pertencente á CMVMC de Paradela de Abeleda, co MVMC da Retorta, pertencente á CMVMC da Retorta, e mais o MVMC Penouzos, Valdegrande e Touza, pertencente á CMVMC de Paradela de Abeleda, co MVMC Moa, pertencente á CMVMC de Reboreda, no concello de Porqueira.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 5 de marzo de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
