DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 6 de abril de 2026 Páx. 20960

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Porriño para o cambio da ordenanza de uso comercial.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Porriño para o cambio da ordenanza de uso comercial, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 17 de marzo de 2026, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental da referida modificación poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2032&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2032

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan
xeral de ordenación municipal do Concello do Porriño para o cambio
da ordenanza de uso comercial

O 3.3.2026 tivo entrada no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia, núm. 2026/617788, un oficio do Concello do Porriño en que solicitaba a aprobación definitiva da modificación puntual (MP) de referencia, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RLSG).

Analizada a documentación redactada por Visier Arquitectos, S.L.P., datada en xaneiro de 2026, e con dilixencia de ter sido aprobada provisionalmente polo Pleno con data 23.2.2026, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

Antecedentes:

1. O Concello do Porriño conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente polo Pleno do Concello o 26.6.2003 (DOG núm. 204, do 21 de outubro e BOP núm. 203, do 21 de outubro).

2. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou, mediante a Resolución do 12.3.2018, o informe ambiental estratéxico (IAE) da MP (expediente 2018AAE2142), no cal resolve non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 2 de abril). No proceso de avaliación ambiental recibíronse informes de consultas:

Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 26.2.2018.

Instituto de Estudos do Territorio, do 2.3.2018.

Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, 23.2.2018.

3. Constan informes municipais: técnico do 20.8.2018, e do secretario do 5.11.2018.

4. Consta un informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático en materia de solos contaminados, do 24.8.2018 (favorable).

5. A MP foi aprobada inicialmente polo Acordo do Pleno do día 12.11.2018, e someteuse a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncios publicados no DOG núm. 247, do 28 de decembro e no xornal Faro de Vigo do 23 de novembro. Non se achegaron reclamacións ou suxestións, segundo consta no certificado do secretario municipal do 19.11.2025.

6. Tras o requirimento de integridade documental do 13.5.2021, do Servizo de Urbanismo de Pontevedra, o Concello achegou nova documentación o 26.5.2021. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo solicitou os informes sectoriais autonómicos preceptivos, consonte o establecido no artigo 60.7 da LSG. Constan recibidos os seguintes:

• Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 4.6.2021 (non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil).

• Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Área de Recursos Mineiros, do 11.6.2021 (non é necesario emitir informe).

• Deputación Provincial, en materia de estradas, do 22.7.2021 (non existen afeccións).

• Axencia Galega de Infraestruturas, do 26.8.2021 (favorable).

• Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 1.9.2021 (favorable).

• Instituto de Estudos do Territorio, do 6.9.2021 (favorable).

• Augas de Galicia, do 23.9.2021 (sen observacións).

7. Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Mos, Salceda de Caselas, Vigo, Ponteareas, Tui e Gondomar, e recibiuse resposta do Concello de Ponteareas do 14.6.2021 (favorable) e da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo de 24.6.2021 (sen obxeccións).

8. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente a MP na sesión do día 9.12.2021.

9. Con datas 22.4.2022 e 25.4.2022 o Concello remitiu a documentación para a súa aprobación definitiva, consonte os artigos 60.13 e 60.16 da LSG e os artigos 144.13 e 144.16 do RLSG.

10. Consta un requirimento de integridade documental, do 3.6.2022, do Servizo de Urbanismo.

11. Consta o Acordo do 31.10.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, de prorrogar o informe ambiental estratéxico desta MP por un prazo máximo de dous anos contado desde o 2.4.2024.

12. O Concello achegou documentación o 14.2.2025; consta un novo requirimento de integridade documental do 13.3.2025, da Subdirección Xeral de Urbanismo. O día 25.11.2025 o Concello achegou a documentación. Advertido un erro no envío, o 30.1.2026 o Concello solicitou a desistencia da solicitude de aprobación definitiva.

13. Constan informes municipais técnico e do secretario do 16.2.2026.

14. O 23.2.2026 o Pleno do Concello acordou unha nova aprobación provisional da MP.

Obxecto e descrición da modificación:

A MP ten por obxecto a modificación do punto 11.3.5 da normativa do PXOM, que regula as condicións do uso comercial para permitir o dito uso nos edificios cun ano de construción anterior ao 2003 que non conten con accesos independentes do das vivendas, e rebaixa as alturas mínimas nos edificios existentes.

Análise e consideracións:

1. As razóns de interese público que xustifican esta modificación puntual, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG, fundaméntanse na necesidade de dar solución a actividades e desenvolvementos empresariais que pretendan instalarse en locais situados en edificacións xa existentes.

2. Polo que respecta ao indicado no informe emitido na fase de consultas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 26.2.2018, no documento corrixiuse a altura mínima dos locais comerciais, establecéndose en 2,50 m para os edificios construídos con anterioridade ao ano 2003.

Porén, o documento exime do cumprimento desa altura mínima de 2,50 m nun 30 % da superficie dos locais. No Real decreto 486/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, indícase que nos lugares de traballo utilizados por primeira vez a partir da data de entrada en vigor do citado real decreto, así como nas modificacións, ampliacións ou transformacións dos lugares de traballo xa utilizados antes da dita data que se realicen con posterioridade a ela, os espazos de traballo deberán ter unha altura mínima de 2,50 m, polo que as zonas onde non se alcance esa altura non se poderán dedicar a tal fin.

Polo que respecta á exención, para os edificios construídos antes do ano 2003, da condición dos locais comerciais de contaren con accesos, escaleiras e ascensores independentes das vivendas, no caso de existir o dito uso residencial deberá cumprirse, en todo caso, a normativa de habitabilidade de vivendas de Galicia.

3. No tocante á adaptación ás normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (NNTTPP), a MP conta con aprobación inicial do 12.11.2018, e o PXOM foi aprobado definitivamente o 26.6.2003, polo que, ao abeiro da disposición transitoria primeira.2 das NNTTPP, á MP resúltalle de aplicación o título III destas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

De acordo co anterior, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

DISPOÑO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño para o cambio da ordenanza de uso comercial, condicionada ao cumprimento das consideracións contidas no punto III.2 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.

Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.