Unha vez aprobado polo Consello Reitor o Programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) para o ano 2026, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,
RESOLVO:
Convocar o Curso monográfico de planificación estratéxica dirixido ao persoal da Administración local, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:
Primeira. Obxectivos
Os obxectivos do curso son dotar as persoas destinatarias dos coñecementos e ferramentas necesarios para comprender, participar e contribuír ao deseño, desenvolvemento e seguimento de procesos de planificación estratéxica, orientados a mellorar a acción pública e a capacidade das organizacións para responder os retos da contorna.
O curso busca reforzar a capacidade técnica das administracións locais para analizar o seu contexto, definir prioridades e traducir as estratexias institucionais en actuacións concretas, planificadas e avaliables.
Ao finalizar o curso as persoas participantes serán capaces de:
• Comprender os fundamentos da planificación estratéxica e a súa utilidade para orientar a acción pública.
• Identificar os principais actores e grupos de interese relevantes para a acción pública local e considerar as súas necesidades e expectativas.
• Realizar un diagnóstico estratéxico da organización mediante a análise da contorna e das capacidades internas.
• Comprender as fases e os elementos que estruturan un proceso de planificación estratéxica nas administracións públicas.
• Formular misión, visión e obxectivos estratéxicos coherentes coas prioridades institucionais.
• Definir liñas estratéxicas, actuacións e proxectos que permitan concretar a estratexia.
• Deseñar plans de acción con indicadores e mecanismos de seguimento que faciliten a implementación e a avaliación do plan estratéxico.
• Coñecer instrumentos de dirección e seguimento do plan, así como ferramentas para a identificación e a xestión de riscos.
Unha vez completada a formación, as persoas participantes disporán dunha visión clara e práctica de como estruturar e xerarquizar un plan estratéxico, así como das competencias necesarias para realizar análises estratéxicas, concretar actuacións e contribuír ao desenvolvemento e ao seguimento dos plans estratéxicos no ámbito da Administración local.
Segunda. Contidos
Este curso monográfico abordará os seguintes contidos:
– Módulo 1. Fundamentos da planificación estratéxica.
• A planificación na xestión pública: sentido e utilidade.
• Planificación tradicional e planificación estratéxica.
• Estratexia e planificación: relación e complementariedade.
• Tipoloxías de plans na Administración pública: estratéxicos, directores, sectoriais e transversais.
• O ciclo das funcións directivas e a planificación.
– Módulo 2. O proceso de planificación estratéxica e a definición da estratexia.
• Fases do proceso de elaboración dun plan estratéxico.
• Actores implicados e organización do proceso.
• Estrutura e xerarquía dos elementos do plan.
• Misión, visión e valores como marco da estratexia.
• Relación entre planificación estratéxica e xestión operativa.
– Módulo 3. A análise estratéxica.
• Análise da contorna: dimensións política, social, económica e tecnolóxica.
• Análise interna da organización: recursos, capacidades e procesos.
• Análise da demanda cidadá: necesidades e expectativas.
• Identificación de actores e grupos de interese.
• Ferramentas para o diagnóstico estratéxico: matrices de análises, mapas de actores.
– Módulo 4. Deseño, desenvolvemento e seguimento do plan estratéxico.
• Definición e priorización de liñas estratéxicas.
• Formulación de obxectivos estratéxicos.
• Tradución dos obxectivos en programas, actuacións e proxectos.
• Planificación temporal e asignación de recursos.
• Integración de obxectivos, actuacións e indicadores.
– Módulo 5. Seguimento e avaliación do plan estratéxico.
• Sistemas de seguimento do plan.
• Definición e uso de indicadores.
• Avaliación de resultados e impactos.
• Instrumentos de apoio ao seguimento: cadros de mando e sistemas de información.
• Revisión e actualización do plan estratéxico.
Terceira. Número de prazas
Vinte (20).
Cuarta. Persoas destinatarias
Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local de Galicia que se encadre nalgunha das seguintes categorías:
a) Grupo A (subgrupos A1 ou A2) do persoal funcionario.
b) Grupos I ou II do persoal laboral.
Quinta. Desenvolvemento
1. Modalidade de impartición: presencial.
2. Datas de desenvolvemento: 16 e 17 de abril de 2026.
3. Horarios: de mañá e tarde o día 16 e só de mañá o día 17.
4. Lugar de desenvolvemento: Escola Galega de Administración Pública; rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
5. Horas lectivas: terá unha carga lectiva de trinta (30) horas (12 horas lectivas presenciais e 18 horas non presenciais de traballo autónomo do alumnado).
Sexta. Inscrición
1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>
As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación, que finalizará coa achega en prazo da documentación requirida e indicada no punto 6 desta base.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e, logo, seleccionar en «nome do curso»: Curso monográfico de planificación estratéxica dirixido ao persoal da Administración local.
5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 13 de abril de 2026.
6. Antes de que finalice o prazo de inscrición, as persoas solicitantes deberán achegar ao correo electrónico novas.egap@xunta.gal a seguinte documentación:
– Cabeceira de nómina, toma de posesión ou certificado asinado por quen corresponda en que se acredite grupo e categoría (algún dos indicados na base cuarta).
Serán excluídas as solicitudes das persoas solicitantes que non teñan achegado en prazo a documentación requirida.
Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.
Sétima. Comprobación de datos
1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.
2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico: novas.egap@xunta.gal
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.
Oitava. Criterios de admisión e selección
A admisión levarase a cabo de acordo co indicado para as persoas destinatarias na base cuarta desta convocatoria. A orde de selección virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.
Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas
1. A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes for superior ao número de prazas, e de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O prazo de presentación de alegacións será de dez (10) días, contados desde a súa publicación de acordo co artigo 82.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes, desde a dita publicación, de acordo co disposto nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. Renuncia:
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, antes das 11.00 horas do día 15 de abril de 2026, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.
• Por razóns de conciliación familiar.
• Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. A asistencia e a puntualidade:
a) Serán obrigatorias a asistencia a todas as sesións presenciais do curso e a puntualidade.
b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.
c) As faltas de asistencia:
1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días, contados a partir do día da falta de asistencia. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado final desta actividade formativa.
2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Undécima. Certificado electrónico de aproveitamento
Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que cumprisen a asistencia mínima requirida do 90 % das horas lectivas presenciais e unha vez completado e superado o traballo autónomo do alumnado nos prazos establecidos pola dirección do curso. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.
Duodécima. Facultades da EGAP
1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
