DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 21 de abril de 2026 Páx. 24069

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 13 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia e se realiza a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MT401A).

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos parágrafos 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.

O Decreto 49/2024, do 22 de abril, fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. No seu artigo 2 establece os órganos de dirección da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e adscribe á dita consellería o organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio. Segundo a referida normativa e de conformidade co disposto no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, a conservación do patrimonio natural, a ordenación do litoral e a promoción da paisaxe, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

A persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático é a autoridade superior da Consellería e a presidenta do Instituto de Estudos do Territorio, e, con tal carácter, está investida das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

II

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, de conformidade co Convenio europeo da paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante o Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, e o artigo 7, ao tratar a cooperación en materia de paisaxe, establece que a Xunta de Galicia impulsará a cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins recollidos na lei.

Pola súa banda, o artigo 14 da Lei 7/2008 recolle que a Xunta de Galicia, conforme o establecido nesta lei e na consideración da importancia ambiental, cultural, social e económica que posúen as nosas paisaxes como sinal de calidade de vida, promoverá accións de formación, sensibilización e educación dirixidas á sociedade galega en xeral, e aos xestores e usuarios do territorio en particular, que teñan como finalidade a promoción do entendemento, respecto e salvagarda dos elementos que configuran as nosas paisaxes.

III

Con base no exposto, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, buscou recoñecer o esforzo dos concellos en materia de ambiente e paisaxe. Nesta finalidade inspirouse no ano 2020 coa creación do distintivo Bandeira Verde de Galicia, co que se pretendeu resaltar o labor daqueles concellos que destaquen polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe, e polo seu compromiso coa cidadanía.

Mantendo esta aposta e, tras as anteriores convocatorias, apróbanse as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia e á súa convocatoria para o ano 2026.

O distintivo Bandeira Verde de Galicia é unha iniciativa que busca distinguir os concellos máis dinámicos neste eido, que desenvolvan boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, a posta en valor de monumentos naturais, educación e sensibilidade ambiental, a redución do consumo enerxético e moitas outras, cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes.

Esta distinción pretende ser unha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía no coidado e na protección do contorna natural e paisaxístico, amosando que tanto concellos como cidadanía están comprometidos no coidado dun dos elementos máis representativos da nosa comunidade: a paisaxe e o patrimonio natural.

Promóvese, deste xeito, unha cultura de dignificación do territorio galego en que a participación social resulta estratéxica e os beneficios redundan na integridade e a sostibilidade dos recursos naturais galegos en sintonía cos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible e os obxectivos da Unión Europea para o ano 2050 de redución de emisións.

En consecuencia, no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia, con que premiar aqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que destaquen polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe, así como realizar a convocatoria para o ano 2026.

2. O distintivo Bandeira Verde de Galicia busca distinguir os concellos máis dinámicos neste eido cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

3. O código de procedemento administrativo é MT401A.

Artigo 2. Destinatarios

Poderán optar á concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Co fin de aplicar un criterio de proporcionalidade, atendendo ao seu encadramento no sistema de asentamentos que establecen as Directrices de ordenación do territorio, ao seu grao de urbanización segundo a última clasificación elaborada polo IGE e á súa poboación no último padrón vixente na data de publicación desta orde, distínguense tres categorías de concellos, que se detallan no anexo I.

Artigo 3. Criterios para o outorgamento do distintivo Bandeira Verde de Galicia

O distintivo Bandeira Verde de Galicia outorgarase, logo da oportuna solicitude, a todos aqueles concellos que acrediten cumprir os requisitos recollidos no anexo III, de conformidade cos criterios establecidos no anexo I desta orde.

Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT401A).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo para a presentación das solicitudes comezará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e durará ata o 29 de maio de 2026.

4. A presentación da solicitude comporta a aceptación, por parte de quen a formule, dos termos desta convocatoria.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar, xunto co formulario de solicitude do anexo II, a seguinte documentación:

a) Memoria asinada pola persoa titular da Alcaldía en que se poñan de manifesto, dun xeito resumido, os aspectos máis relevantes da candidatura. A memoria será unicamente texto e terá unha extensión máxima de 500 palabras.

b) Táboa do anexo III, asinada polo/a alcalde/alcaldesa ou polo/a secretario/a do concello, en que se marcarán, entre todos os requisitos detallados, aqueles que o concello declara cumprir.

c) Fichas xustificativas do cumprimento de requisitos previstas no anexo IV asinadas polo/a alcalde/alcaldesa ou polo/a secretario/a do concello.

d) Certificación do secretario do concello ou persoa con análogas funcións, de conformidade co modelo previsto no anexo V, en que se recolla o seguinte:

1º. O acordo do órgano municipal competente para solicitar a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia.

2º. Os méritos detallados nas fichas xustificativas son certos e acreditan o cumprimento dos requisitos declarados.

3º. O concello non foi sancionado, con carácter firme, en vía administrativa ou xudicial nos últimos 2 anos en relación cos ámbitos obxecto de valoración para o outorgamento do distintivo (infraccións ambientais, en materia urbanística, contra o patrimonio, contra a protección de costas ou do dominio público hidráulico).

4º. En materia de xestión de residuos sólidos urbanos, o concello conta cun sistema propio ou conveniado que dá servizo aos seus cidadáns.

5º. O municipio conta cunha infraestrutura pública de saneamento e depuración de augas residuais, así como de abastecemento de auga, que dan servizo polo menos ao asentamento de maior poboación.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, do modo en que se expresa no artigo 4.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio.

2. Cada unha das candidaturas presentadas será analizada por persoal técnico do Departamento Técnico de Estudos do Instituto de Estudos do Territorio, que realizará unha valoración previa para facilitar a deliberación do xurado. Para tal efecto, poderá solicitarse a colaboración de calquera departamento autonómico, de conformidade cos mecanismos previstos no artigo 10 e seguintes da Lei 14/2013, do 26 de decembro.

3. Unha vez analizadas tecnicamente as candidaturas, o órgano instrutor remitirá os expedientes ao xurado regulado no artigo 9 desta orde para a súa valoración.

Artigo 8. Emenda das solicitudes e notificacións

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, o órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá o concello interesado para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

O órgano instrutor do procedemento poderá solicitar documentación complementaria se o considera necesario.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración pública deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Xurado

1. Constituirase un xurado que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta orde.

O xurado estará composto polas seguintes persoas:

a) A presidencia correspóndelle á persoa titular da Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

– Dúas persoas nomeadas pola persoa titular da Dirección do Instituto de Estudos do Territorio.

– Unha persoa nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.

– Unha persoa nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– Unha persoa nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

– Unha persoa nomeada pola persoa que exerza a Presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

c) Actuará como secretario/a deste xurado unha persoa funcionaria da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, con voz e sen voto, nomeada por resolución da persoa titular da Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio.

2. O xurado, como órgano colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. Na composición do xurado procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

4. Os seus acordos adoptaranse por maioría simple e dirimirá o voto da persoa titular da Presidencia no caso de empate. As deliberacións do xurado serán confidenciais.

5. O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non previstos nestas bases, así como sobre todas as cuestións que poidan suscitarse con motivo da concesión dos premios.

Artigo 10. Valoración das solicitudes admitidas

O xurado, á vista da valoración previa do persoal técnico do Departamento Técnico de Estudos, examinará as solicitudes presentadas en función dos criterios establecidos no anexo I desta orde, en que se establecen os limiares mínimos necesarios para poder optar a este recoñecemento.

O xurado emitirá un informe proposta de recoñecemento dos distintivos que presentará ao órgano instrutor.

Artigo 11. Resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe proposta do xurado, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución de concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia.

2. O órgano competente para resolver será a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses contados a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o antedito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Réxime de recursos

1. A resolución deste procedemento esgota a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra ela poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Entrega dos distintivos Bandeira Verde de Galicia

1. Os concellos premiados recibirán o distintivo Bandeira Verde de Galicia nun acto público para o cal serán convocados coa oportuna antelación.

2. A relación de concellos recoñecidos será publicada, así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, https://www.xunta.gal/cmatv

3. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático autoriza a cada un dos concellos recoñecidos a poder utilizar o logotipo específico da bandeira durante un ano. O outorgamento deste distintivo constituirá mérito para as entidades locais de Galicia tanto para os efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural como de axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.

4. Os concellos beneficiarios do distintivo poderán integrarse voluntariamente nunha Rede de concellos Bandeira Verde de Galicia que se constituirá co obxectivo de facilitar o intercambio de experiencias e boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe.

Disposición adicional única. Normativa reguladora

As solicitudes, a tramitación e a concesión deste distintivo axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como, supletoriamente, nas disposicións da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no disposto nesta orde de bases.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANEXO I

Criterios para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia

1. Para os efectos previstos no artigo 3 da orde de convocatoria, establécense un conxunto de requisitos, recollidos na táboa que figura como anexo III, agrupados nas seguintes materias:

• Urbanismo e planificación inclusiva, patrimonio e mobilidade.

• Protección, xestión e ordenación da paisaxe.

• Cambio climático e sostibilidade ambiental.

• Patrimonio natural e infraestrutura verde.

• Xestión hídrica e de residuos.

• Educación ambiental, participación cidadá e gobernanza.

2. Caracterización dos concellos de Galicia:

a) Categoría 1: concellos do primeiro nivel do sistema de asentamentos das Directrices de ordenación do territorio: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

b) Categoría 2: concellos do sistema urbano intermedio das Directrices de ordenación do territorio, así como os clasificados como ZIP segundo a última clasificación elaborada polo IGE relativa ao grao de urbanización, e os restantes concellos con poboación superior aos 10.000 habitantes segundo os últimos datos do Padrón municipal de habitantes non incluídos na primeira categoría: A Estrada, A Guarda, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, A Rúa, Ames, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Baiona, Barbadás, Betanzos, Boiro, Bueu, Burela, Cabanas, Caldas de Reis, Cambados, Cambre, Cangas de Morrazo, Carballo, Cedeira, Cee, Chantada, Corcubión, Culleredo, Fene, Foz, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Melide, Moaña, Monforte de Lemos, Mos, Mugardos, Muros, Narón, Neda, Nigrán, Noia, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, O Grove, O Porriño, O Porto do Son, Oleiros, Ordes, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Pontedeume, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Ribadumia, Ribeira, Sada, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Sarria, Silleda, Soutomaior, Teo, Tomiño, Tui, Valga, Verín, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Vilanova de Arousa, Viveiro e Xinzo de Limia.

Categoría 3: os restantes concellos de Galicia.

3. Concederase o distintivo a aqueles concellos que acrediten o seguinte número de requisitos:

• Concellos de categoría 1: un mínimo de seis requisitos, un por cada unha das materias en que se agrupan.

• Concellos de categoría 2: un mínimo de catro requisitos, de catro materias diferentes.

•Concellos de categoría 3: un mínimo de tres requisitos, de tres materias diferentes.

4. Para acreditar o cumprimento dos requisitos, tal como dispón o artigo 5.1.c) da orde de convocatoria, presentarase, debidamente cuberta, unha ficha por cada unha das condicións, accións, iniciativas ou servizos que se declare dispor ou ter desenvolvido, empregando para tal fin o formulario que figura como anexo IV.

5. En cada unha das ditas fichas, ademais da descrición da condición, acción, iniciativa ou servizo, indicarase o código numérico do/s requisito/s a que o concello considera que aquelas dan cumprimento. En cada ficha poderán indicarse un máximo de dous requisitos.

6. Non se valorarán as fichas cuxo contido sexa considerado polo órgano instrutor como coincidente ou duplicado doutra.

7. Presentarase un máximo de 16 fichas.

8. Na táboa do anexo III, que debe presentarse consonte co artigo 5.1.b) da orde de convocatoria, quedarán marcados todos os requisitos que o concello solicitante considera que cumpre, en correspondencia coas fichas presentadas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file