A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, establece no seu artigo 19 que os documentos de titularidade pública serán avaliados e seleccionados para determinar a súa conservación ou eliminación, de acordo co interese que presenten desde o punto de vista administrativo, xurídico, legal e histórico e os seus prazos de vixencia, acceso e conservación.
Os documentos de titularidade pública son patrimonio documental de Galicia desde a súa creación ou a súa acumulación, tal como establece a citada Lei de arquivos e documentos de Galicia, e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A xestión, a custodia e o acceso aos documentos de titularidade pública réxense polos principios desta normativa e son responsabilidade directa dos seus titulares.
A Lei de arquivos e documentos establece que non se poderá eliminar ningún documento público se antes non foi avaliado e seleccionado de acordo co procedemento que se estableza para tal fin. Con este obxectivo, o Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, que regula a composición do Consello de Avaliación Documental de Galicia, establece o procedemento que se seguirá na avaliación para a selección de documentos.
No procedemento de avaliación, regulado no título II do Decreto 15/2016, establécese que as propostas de avaliación serán sometidas a ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia, que elaborará as táboas de avaliación documental. Unha vez aprobadas as táboas de avaliación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental, disporá a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, mediante un extracto, sen prexuízo de facelas públicas na páxina web da consellería.
De acordo con esta normativa e este procedemento, as series documentais que se mencionan nesta orde foron presentadas ao Consello de Avaliación Documental de Galicia, que, na súa sesión do 26 de marzo de 2026, emitiu o seu ditame a través das táboas de avaliación documental que se elevan para a súa aprobación ao titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental.
Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,
RESOLVO:
Primeiro.
Aprobar as táboas de avaliación documental cuxos extractos se recollen no anexo a esta orde e que corresponden ás seguintes series documentais procedentes da Administración autonómica e da Administración local, ditaminadas polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na súa sesión do 26 de marzo de 2026:
Administración autonómica
• T0150: expedientes de probas homologadas para a acreditación e a validación oficial de competencias en lingua galega, destinadas á poboación adulta non escolarizada (AA3435).
• T0151: expedientes de concursos de traslados do persoal da Administración xeral (AA0254).
• T0152: expedientes de elaboración e xestión de listas de contratación de persoal funcionario/laboral da Administración xeral (AA0248).
• T0153: expedientes de autorización de obras ou traballos no dominio público hidráulico ou en zona de policía de leitos (AA1595).
• Revisión da táboa T0070: expedientes de inscrición/modificación/baixa no Rexistro xeral de contratistas. (AA5516). Serie documental aprobada polo Consello de Avaliación Documental de Galicia, na sesión do 13 de xullo de 2021, e publicada no DOG núm. 269, do 2 de setembro de 2021.
Administración local:
• T0154: padrón municipal de habitantes (AL0460).
• T0155: altas, baixas e modificacións do padrón municipal de habitantes (AL0948).
• T0156: certificacións de empadroamento, de residencia e de convivencia (AL0451).
Segundo.
Ordenar a publicación das táboas de avaliación documental das mencionadas series, mediante un extracto, no Diario Oficial de Galicia.
Esta orde terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro.
Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnalo ante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026
José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO
Extractos das táboas de avaliación de series documentais:
– Táboa T0150.
Código da serie: AA3435.
Denominación: expedientes de probas homologadas para a acreditación e a validación oficial de competencias en lingua galega, destinadas á poboación adulta non escolarizada.
Procedencia: política lingüística.
Datas extremas da serie: 1983-(serie aberta).
Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1983-2025.
Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 26 de marzo de 2026.
Acceso restrinxido: 30 anos.
Transferencias:
• Arquivo central aos 2 anos desde a finalización do procedemento.
• Arquivo intermedio aos 4 anos desde a finalización do procedemento.
• Arquivo histórico aos 15 anos desde a finalización do procedemento.
Selección: eliminación parcial.
• Poderase eliminar a documentación de formalización da inscrición das persoas aspirantes e de realización das probas aos 4 anos desde a finalización do procedemento.
• Conservación da orde de convocatoria, das actas das comisións de avaliación, das resolucións, dos pagamentos e dos certificados de acreditación.
– Táboa T0151.
Código da serie: AA0254.
Denominación: expedientes de concursos de traslados do persoal da Administración xeral.
Procedencia: función pública.
Datas extremas da serie: 1982-(serie aberta).
Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1982-2026.
Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 26 de marzo de 2026.
Acceso restrinxido. 30 anos.
Transferencias:
• Arquivo central ao ano desde a finalización do procedemento.
• Arquivo intermedio aos 5 anos desde a finalización do procedemento.
• Arquivo histórico aos 10 anos desde a finalización do procedemento.
Selección: eliminación parcial.
• Poderanse eliminar as instancias, os documentos probatorios dos méritos alegados, as reclamacións e as renuncias, así como as notificacións aos 5 anos da finalización do procedemento. Conservarase unha mostra de 5 expedientes por convocatoria.
• Conservación das resolucións coas baremacións definitivas e as resolucións de adxudicación de postos.
– Táboa T0152.
Código da serie: AA0248.
Denominación: expedientes de elaboración e de xestión de listas de contratación de persoal funcionario/laboral da Administración xeral.
Procedencia: función pública.
Datas extremas da serie: 1992-(serie aberta).
Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1992-2026.
Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 26 de marzo de 2026.
Acceso restrinxido: 30 anos.
Transferencias:
• Arquivo central ao ano desde a finalización do expediente.
• Arquivo intermedio aos 5 anos desde a finalización do expediente.
• Arquivo histórico aos 15 anos desde a finalización do expediente.
Selección: eliminación parcial.
• Poderanse eliminar os expedientes de inscrición nas listas de contratación do persoal interino que superen os setenta anos de idade e os expedientes daquelas persoas inscritas que solicitasen a súa baixa aos 5 anos da resolución da baixa.
• Conservación dos expedientes en situación de alta.
– Táboa T0153.
Código da serie: AA1595.
Denominación: expedientes de autorización de obras ou traballos no dominio público hidráulico ou en zona de policía de leitos.
Procedencia: augas.
Datas extremas da serie: 1987-(serie aberta).
Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1987-2026.
Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 26 de marzo de 2026.
Acceso restrinxido: 30 anos.
Transferencias:
• Arquivo central aos 5 anos desde a finalización do expediente.
• Arquivo intermedio aos 10 anos desde a finalización do expediente.
• Arquivo histórico aos 15 anos desde a finalización do expediente.
Selección: conservación permanente.
– Táboa T0070. Revisión da táboa aprobada polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 13 de xullo de 2021 e publicada no DOG núm. 269, do 2 de setembro de 2021.
Código da serie: AA5516.
Denominación: expedientes de inscrición/modificación/baixa no Rexistro xeral de contratistas.
Procedencia: Administración xeral. Servizos comúns.
Datas extremas da serie: 1995-(serie aberta).
Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1995-2025.
Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 26 de marzo de 2026.
Acceso restrinxido: 30 anos.
Transferencias:
• Arquivo central ao ano desde a notificación da baixa/denegación da inscrición.
• Arquivo intermedio aos 5 anos desde a notificación da baixa/denegación da inscrición.
• Arquivo histórico aos 10 anos desde a notificación da baixa/denegación da inscrición.
Selección: eliminación parcial.
• Poderanse eliminar expedientes de solicitudes de inscrición denegadas e dadas de baixa aos 5 anos da data da notificación da respectiva resolución. Conservarase unha mostra de 5 expedientes por ano.
• Conservación da documentación das inscricións mentres estean vixentes.
Non obstante, a documentación con vixencia administrativa en soporte papel poderá ser eliminada no caso de ser substituída por un soporte electrónico que cumpra os requirimentos establecidos no Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, así como a súa normativa de desenvolvemento.
– Táboa T0154.
Código da serie: AL0460.
Denominación: padrón municipal de habitantes.
Procedencia: xestión de servizos e da poboación.
Datas extremas da serie: 1841-(serie aberta).
Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1941-2025.
Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 26 de marzo de 2026.
Acceso restrinxido: 50 anos.
Transferencias: ao Arquivo municipal os padróns anteriores ao ano 1996, data de creación do padrón electrónico.
Selección: conservación permanente.
– Táboa T0155.
Código da serie: AL0948.
Denominación: altas, baixas e modificacións do padrón municipal de habitantes.
Procedencia: xestión de servizos e da poboación.
Datas extremas da serie: 1936-(serie aberta).
Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1936-2019.
Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 26 de marzo de 2026.
Acceso restrinxido: 50 anos.
Transferencias:
• Arquivo municipal aos 4 anos desde a alta/baixa/modificación.
Selección: eliminación parcial.
• Poderán eliminarse aos 5 anos desde a alta/baixa/modificación as copias, a documentación acreditativa achegada polo cidadán, as alegacións e as resolucións.
• Conservación permanente das follas padroais ou solicitudes de alta/baixa/modificación.
– Táboa T0156.
Código da serie: AL0451.
Denominación: certificacións de empadroamento, de residencia e de convivencia.
Procedencia: xestión de servizos e da poboación.
Datas extremas da serie: 1955-(serie aberta).
Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1955-2020.
Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 26 de marzo de 2026.
Acceso restrinxido: 50 anos.
Transferencias:
• Arquivo municipal ao ano desde a finalización do procedemento.
Selección: eliminación total ao ano desde a finalización do procedemento. Conservarase unha mostra dun expediente por ano.
