DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 25 de maio de 2026 Páx. 29916

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 11 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR803E).

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano están orientadas a erradicar a pobreza nas súas múltiples dimensións, reducir as desigualdades, promover a realización efectiva dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.

Dentro destas, a educación para a cidadanía global comprende as actividades que promoven na sociedade a conciencia de interdependencia global e a responsabilidade compartida a través dun proceso educativo orientado á transformación social e que fomenta a sensibilización solidaria, a concienciación crítica e a mobilización activa da cidadanía na erradicación da pobreza e as desigualdades, a defensa dos dereitos humanos, a promoción da cultura da paz, o compromiso coa xustiza social e o desenvolvemento humano sustentable a nivel local e global.

Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de traballar pola consecución da Axenda 2030 e os Obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos.

Actualmente, a cooperación galega atópase desenvolvendo o seu V Plan director 2023-2026, aprobado no Parlamento de Galicia o 15 de xuño de 2023, o cal se refire a unha cooperación galega aliñada coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas e os ODS e orientada a resultados de desenvolvemento, empregando tamén novos instrumentos para aumentar o impacto e alcance no logro de resultados das intervencións financiadas.

Neste sentido, o dito plan establece que, durante a vixencia do V Plan director promoveranse programas no exterior e de educación para a cidadanía global co fin de mellorar o alcance e impacto das actuacións financiadas e aumentar a duración e promedio de financiamento das intervencións tanto en cooperación exterior como en educación para a cidadanía global.

Os programas son instrumentos que pretenden aumentar o impacto das accións que desenvolven no exterior as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento a través de accións complementarias a estas no territorio galego e cun horizonte temporal máis amplo.

Para recibir financiamento con cargo a esta convocatoria de axudas, as entidades solicitantes deberán contar coa capacidade financeira, de xestión, social e estratéxica necesaria para executar os programas, tal e como veñen exixindo outras entidades financiadoras públicas españolas que están a empregar este instrumento.

No Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, publicado no DOG núm. 101, do 27 de maio de 2024, establécese no seu artigo 47, letra 1.d), as competencias da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior nesta materia.

Con base en todas estas consideracións, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2026-2028 de acordo con estas bases reguladoras, que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo I desta orde para a concesión de subvencións a para programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (código de procedemento PR803E).

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o período 2026-2028, de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán cun importe total de setecentos vinte mil € (720.000,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 05.07.331A.481.0, 180.000,00 € no ano 2026, 270.000,00 € no ano 2027 e 270.000,00 € no ano 2028.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a orde, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 3.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento para a execución de programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social para executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, ben individualmente ou ben mediante unha agrupación de entidades (código de procedemento PR803E).

Os programas son instrumentos que pretenden aumentar o impacto das accións que desenvolven no exterior as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento a través de accións complementarias a estas no territorio galego e cun horizonte temporal máis amplo.

Este impacto esperado poderá materializarse nunha das seguintes liñas de acción:

• Programas de educación transformadora: programas que axuden á creación e consolidación dunha cidadanía obxectiva, crítica e comprometida cos valores e políticas de desenvolvemento a través da sensibilización, a formación, a mobilización e a incidencia. É necesario que as propostas incorporen a visión sur, sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento e que o seu contido estea directamente vinculado con esta área, non sendo financiables nesta convocatoria os proxectos sen esta dimensión, a cal deberá estar claramente expresada na formulación do proxecto e no seu título.

• Programas de innovación e comunicación social: programas que, a través de metodoloxías innovadoras e de comunicación social, visibilicen na sociedade as políticas de cooperación e os seu enfoques, as intervencións de cooperación ao desenvolvemento e acción humanitaria desenvolvidas con anterioridade ou das que estea prevista a súa execución tanto polo solicitante como por os seus socios/aliados ou que conecten realidades xerando redes de apoio mutuo e fortalecendo as alianzas entre o norte e o sur global.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

2.1. Poderán optar a esta subvención as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A, Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de cooperación para o desenvolvemento no exterior e que demostren contrastada experiencia neste sector.

No caso das entidades agrupadas, estas deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación en calquera dos seus puntos, agás aquelas entidades que, sendo axentes de cooperación segundo o disposto na Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, estean excluídas da dita obriga.

2.2. Non se considerará agrupación de entidades a aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación á que pertenza a devandita entidade, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do programa, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.

2.3. Poderanse incorporar como aliadas outras entidades legalmente establecidas que participen de forma activa no programa, sexan ou non axentes de cooperación. Estas non poderán ter a condición de entidade solicitante ou agrupada, aínda que poderán formar parte do acordo de agrupación como entidades aliadas. Estas aliadas poderán imputar gasto na medida da súa participación na intervención, pero non xestionar parte da subvención, agás o previsto no segundo parágrafo do artigo 9.1. 2º f).

Artigo 3. Sucesión de entidades

3.1. Con respecto ao cómputo de experiencia en relación cos artigos 4 e 10 destas bases, atenderase as seguintes regras:

a) Nos supostos de fusión ou absorción, considerarase a suma da experiencia executada por cada unha das entidades preexistentes.

b) No suposto de escisión, considerarase a entidade que conserve a personalidade xurídica preexistente. De non conservarse esta, todas serán consideradas como de nova creación.

c) No suposto de cambio de natureza xurídica, recoñecerase a executada pola entidade orixinaria.

3.2. No caso de producirse ao longo da vida do programa procesos de fusión, absorción ou escisión de entidades solicitantes de subvencións ou calquera outro cambio de natureza xurídica, deberá acreditarse:

a) A disolución das entidades preexistentes.

b) A transferencia de todos os dereitos e obrigas das entidades preexistentes á/ás nova/s entidade/s ou á que permaneza.

c) A constancia nos estatutos da/das nova/s entidade/s ou naquela en que permaneza de que se produciu a mencionada sucesión.

Artigo 4. Requisitos das entidades solicitantes e dos programas presentados

Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran os requisitos seguintes:

4.1. Requisitos das entidades solicitantes e agrupadas:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, cinco anos de antelación á data da publicación desta convocatoria. As comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas, dependente da Secretaría Xeral da Emigración, e as universidades quedan exentas de cumprir este requisito.

b) Ter realizado nos últimos sete anos un mínimo de cinco proxectos financiados con cargo á convocatoria de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (código de procedemento PR804A) ou por outras convocatorias de administracións públicas do estado español de similar natureza.

c) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de cooperación para o desenvolvemento para a anualidade 2024 e anteriores antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, agás no caso de ter concedida a oportuna ampliación do prazo de xustificación. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese unha resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

d) Non estar incursa/s en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Contar, a lo menos, cunha persoa contratada en Galicia durante os últimos 5 anos contados desde a data da publicación desta convocatoria. Entenderase por persoal contratado aquel vinculado por contrato laboral por conta allea coa entidade solicitante ou agrupada.

4.2. Requisitos dos programas:

a) Non estar iniciada a súa execución con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2026. Os programas terán unha duración mínima de 25 meses e máxima de 36 meses, debendo estar executada en todo caso a totalidade do programa antes do 31 de decembro de 2028.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo e gastos fóra de Galicia necesarios para a realización das intervencións que inclúan a participación de actores dos países do sur ou a participación en redes.

c) Nos proxectos que impliquen intervención nas aulas dos centros educativos de ensinanza obrigatoria, será necesario contar con documentación que demostre o coñecemento previo da proposta pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional ou os seus centros educativos.

d) O orzamento deberá cumprir co que establece o artigo 9, «gastos subvencionables», desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.

e) O cofinanciamento correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia non pode ser o 100 % valorizado, tendo que existir nalgún caso achega financeira ao programa.

f) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados á presente convocatoria.

4.3. Requisitos específicos para os programas da liña de acción de programas de innovación e comunicación social:

a) Incorporar significativamente en calidade de aliados e/ou destinatarios a axentes non tradicionais como centros tecnolóxicos, colexios profesionais, movementos sociais (feminista, ecoloxista, internacionalista...), organizacións culturais, deportivas, de lecer, de mocidade, de dereitos humanos, diversidade sexual, ambientais, organizacións de persoas migrantes, medios de comunicación, sector produtivo social e universidades, entre outros das mesmas características.

b) Ter intervencións de cooperación no exterior, incluíndo a acción humanitaria, en cinco programas ou proxectos.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

5.1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

5.2. As entidades poderán presentar un programa, como máximo, independentemente da súa condición de entidade solicitante ou agrupada. Polo que respecta ás universidades, esta limitación aplicarase por departamento.

Artigo 6. Documentación complementaria

6.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II), a seguinte documentación:

Carpeta 1: Información relativa á entidade solicitante. No caso de agrupación de entidades deberase achegar tamén de cada unha das entidades agrupadas.

a) Copia das contas anuais da entidade das dúas últimas liquidacións do orzamento rendidas e aprobadas polo órgano competente da entidade, con excepción das universidades.

b) Memoria da organización en que se inclúan as accións nos últimos dous anos.

c) Listaxe dos proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global (código de procedemento PR804A) e, aqueloutros financiados por entidades públicas ou privadas nos últimos sete anos da mesma natureza. No caso de que a resolución sexa doutras administracións públicas ou entidades privadas, deberán achegarse as correspondentes resolucións de concesión.

d) Planificación/estratexia de Educación para a Cidadanía Global (ECG) e/ou de cooperación para o desenvolvemento da entidade para os seguintes anos en que se enmarca o programa presentado. No caso de empresas ou agrupacións empresariais deberán incluír, de ser posible, o plan de responsabilidade social corporativa en que se insire o programa.

e) Contrato/s laboral/ais da persoa contratada en Galicia durante os últimos 5 anos, para os efectos do disposto na base 4.1.e).

f) No caso de agrupación de entidades, deberá xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que teñan a representación legal das entidades polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do programa e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que teña a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar, como mínimo, os seguintes aspectos:

Compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e as achegas propias que executará cada unha delas en cada anualidade.

Compromiso da entidade solicitante de responsabilizarse do control financeiro e contable unificado e de comunicación perante a Xunta de Galicia de todos os ingresos e gastos.

A/as entidade/s agrupada/s distinta/s da solicitante deberá/n xuntar unha declaración de que se atopa/n ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e coas obrigas de reintegro de subvencións e de que non está/n incursa/s en ningunha das restantes circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o modelo do anexo III.

A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do programa. No caso das universidades, o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado pola persoa que teña a súa representación legal.

g) En caso de establecemento de alianzas, deberá facerse constar o compromiso das entidades aliadas co desenvolvemento do programa.

h) Os axentes de cooperación que, pola súa natureza xurídica, posúan ánimo de lucro achegarán un documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o establecido no artigo 97.2 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia. O devandito documento estará asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade.

i) As universidades incluirán unha certificación, expedida pola persoa que teña a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, autorizando a presentación do programa á convocatoria e autorizando, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.

j) Documento de comunicación previa á Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, da execución do proxecto nas aulas dos centros educativos de ensinanza obrigatoria, segundo o disposto no punto 4.2.c).

Carpeta 2: Información relativa ao programa.

A información presentarase nos seguintes documentos normalizados que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega, https://cooperacion.xunta.gal/:

– Formulario de presentación do programa, en formato PDF, Word ou o correspondente en libre Office.

– Orzamento do programa, en formato Excel ou o correspondente en libre Office.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal

6.2. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1 e 2 impedirán a avaliación do programa se non se emenda dentro do prazo establecido no artigo 11 da presente orde. Quedará excluído de emenda o non envío ou envío noutro formato dos documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 2.

6.3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

6.4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6.5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.

6.6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente, tanto da entidade solicitante como da/das entidade/s agrupada/s, de ser o caso, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante.

– NIF da entidade agrupada, de ser o caso.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.

– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo II e III, de ser o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Non obstante o anterior, e en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar atoparse ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non ser debedora por resolución de procedencia de reintegro; declaración que se considerará suficiente para os efectos da concesión e pagamento da subvención, de ser o caso.

Artigo 8. Condicións de financiamento

8.1. A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do programa, se ben, a subvención concedida non superará en ningún caso os 90.000 €, no caso de programas de Educación transformadora, e 110.000 €, no caso de programas de Innovación e comunicación social.

A contía mínima que a entidade solicitante deberá achegar a través de fondos propios ou doutros nunca poderá comprender financiamento solicitado ou concedido pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, a través de calquera dos medios previstos no V Plan director da cooperación galega.

Aceptarase o financiamento solicitado ou concedido por outros organismos financiadores que sexan distintos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, sempre que en ningún caso a totalidade do programa quede financiado con fondos da Xunta de Galicia.

As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizadas.

8.2. A subvención concedida distribuirase o 25 % no ano 2026 e 37,5 % no ano 2027 e a mesma porcentaxe no ano 2028. No caso de que na solicitude de subvención a entidade solicitante non respecte esta porcentaxe, axustaraa de oficio a Administración concedente e comunicarase coa resolución de concesión, e entenderase a súa conformidade coa aceptación posterior da subvención da entidade beneficiaria. Esta distribución non será obrigada no caso da última subvención concedida, a cal poderá acadar unhas porcentaxes diferentes en función do crédito que estea dispoñible para cada anualidade.

8.3. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia, reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 9. Gastos subvencionables

9.1. Gastos subvencionables:

1º. Todos os gastos deberán cumprir as condicións establecidas no presente artigo, con independencia de quen os financie, e consideraranse subvencionables tanto os custos directos como os indirectos, agás no suposto de que as entidades posúan ánimo de lucro, en caso que se subvencionarán exclusivamente os custos directos.

2º. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do programa, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos; en particular:

a) Aqueles derivados da identificación con perspectiva de xénero da intervención, sempre que se realice nos tres meses anteriores á data de presentación de solicitudes desta convocatoria, e aqueles gastos derivados da elaboración de liñas de base, que necesariamente deberán imputarse na primeira anualidade do programa.

Para que poidan imputarse á subvención solicitada, tanto a identificación como a liña de base deberán ser realizadas por persoal externo ás organizacións beneficiarias; en caso contrario, deberán de ser financiadas coas achegas doutros financiadores.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar os 5.000 € en calquera dos gastos.

b) Gastos de alugamento de locais para realizar as actividades incluídas dentro do programa (non inclúe aqueles correspondentes á sede da propia organización con cargo á subvención da Xunta de Galicia).

c) Axudas de custo, gastos de desprazamento e seguros de viaxe das persoas e entidades participantes no programa, así como as remuneracións de profesionais vinculados ás actividades do programa.

O importe máximo para imputar á subvención solicitada á Xunta de Galicia será de 0,26 € por Km, de 35,00 € por axuda de custo completa por manutención e de 18,00 € para media dieta. No caso de que a organización teña recoñecidos importes superiores, a diferenza deberá ser asumida pola propia organización.

d) Asistencia a seminarios, xornadas e/ou talleres de formación técnica e/ou de fortalecemento de redes e alianzas, organizados por terceiros, por parte do persoal, socios/as, voluntariado, xunta directiva da/das entidade/s solicitante/s, e/ou das súas aliadas. Inclúense matrículas, gastos de viaxe e axudas de custo das persoas asistentes.

e) Gastos propios das actividades, incluíndo tanto a elaboración (materiais consumibles a adquisición de elementos que se consumen o usan en prazos inferiores a un ano) e o traslado de material vinculado á actividade, así como os gastos de publicidade e comunicación e de calquera outro servizo de diagnóstico, sistematización, edición de vídeos ou outros necesarios para a súa realización (non se inclúen os de adquisición de bens inventariables).

f) Gastos de persoal en sede que realiza a intervención: poderán incluír salarios, finiquitos proporcionais ao período imputado ao proxecto, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención. Queda excluído o persoal da entidade non vinculado á actividade de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global. O persoal vinculado ao proxecto debe ter o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de imputar como gasto as pagas extras, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto.

Gastos de persoal local, no caso de que no programa participe unha entidade orixinaria dun país do Sur e se desenvolvan accións fóra de Galicia.

A contía máxima (inclúe o financiamento solicitado á Xunta e máis o doutros financiadores e os valorizados) que se pode imputar a este concepto non superará o 70 % do orzamento total do proxecto, incluído o persoal imputado na partida de custos indirectos.

g) Comisións bancarias producidas na conta do proxecto, derivadas da realización de transferencias como pagamento dos gastos do proxecto.

h) Gastos derivados da avaliación externa da intervención, ata un máximo de 5.000 €. A avaliación externa será obrigatoria no caso dos proxectos que reciban unha subvención igual ou superior a 50.000 €, e naqueles que se desenvolven por fases, a partir da súa segunda fase. A avaliación externa poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto.

i) Auditoría contable. Será obrigatoria para subvencións por importe superior a 40.000 € e para os programas executados por entidades que posúan ánimo de lucro, e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 40.000 €. O importe máximo imputado a este concepto non excederá os 5.000 € e deberá imputarse en todas as anualidades de execución do proxecto na súa parte proporcional.

As universidades están eximidas da presentación da dita auditoría contable.

As entidades que posúan ánimo de lucro terán a obriga de encargar pola súa conta unha auditoría contable, que deberá ser efectuada por persoal profesional independente inscrito, no caso de persoal español, no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC).

j) Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante relacionados co proxecto e asociados á Administración, xestión e/ou supervisión, non podendo exceder estes do 10 % do orzamento total do proxecto. Non serán subvencionables no caso de que a entidade sexa unha empresa ou entidade con fin de lucro. O persoal imputado nesta partida computará para o cálculo do límite establecido para gastos de persoal do 70 % do orzamento total.

Estes gastos imputaranos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales importes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

O dito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE pola entidade solicitante mediante unha certificación desagregada e detallada dos gastos incluídos e asinada pola persoa que teña representación legal.

Os gastos correspondentes a teléfono e internet consideraranse incluídos nesta epígrafe.

En ningún caso se subvencionarán gastos de capital, como adquisición de equipamentos ou materiais non funxibles, nin gastos en atencións protocolarias (agasallos, xantares, festas, recepcións...), nin gastos derivados de procedementos xudiciais, nin as indemnizacións por despedimento do persoal, nin billetes de avión en primeira clase ou en clase preferente.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 15.000 € no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

9.2. Aceptaranse, por parte da entidade solicitante, as achegas en especie ou as valorizacións nos seguintes conceptos:

a) Aqueles derivados da realización da identificación, liña de base do programa, sempre que se respecten os prazos e importes establecidos para a súa realización no artigo 9.1 letra a) destas bases.

b) Locais para a realización de actividades xustificadas dentro do programa (poderanse incluír aqueles correspondentes á propia sede da organización, na proporción que razoablemente corresponda ao desenvolvemento da actividade).

c) Materiais funxibles: poderán valorizarse aqueles directamente adscritos á consecución dos resultados esperados (material funxible que sexa destinado ao exercicio da actividade). Deberase presentar a valorización do achegado, acreditada de forma suficiente a través de facturas, xustificantes de compra ou valorización externa á da entidade solicitante. A valorización do material non poderá exceder do 2% do orzamento do programa.

Os elementos valorizados poderán ter sido adquiridos por motivos diferentes ao programa, polo que as facturas e xustificantes de compra poderán ser anteriores a este. Nestes casos deberase establecer un sistema de depreciación (exclúense materiais inventariables, non subvencionables nesta convocatoria).

d) Poderán valorizarse tamén a elaboración de diagnósticos, planificacións e sistematizacións. A valorización de traballos de diagnóstico, planificación e sistematización incorporaranse na partida de gastos propios da actividade, tendo en conta o custo do servizo total e non as horas de traballo do persoal voluntario encargado.

e) Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan e o custo suposto, que non deberá exceder de 20 € por hora. Todo traballo voluntario realizarase baixo a forma de contrato privado, en que se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/da voluntario/a no programa. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria. A valorización do traballo das persoas voluntarias da organización imputarase na partida de persoal.

9.3. Permítese a subcontratación nunha porcentaxe non superior ao 60 % da actividade subvencionada. Enténdese por subcontratación a concertación con terceiros da execución total ou parcial desta, quedando fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para realizar por si mesmo a actividade subvencionada.

Artigo 10. Criterios e valoración dos programas

10.1. Liña Programas de educación transformadora.

Entidade solicitante: 30 puntos.

1. Experiencia, traxectoria e capacidade de difusión e impacto da entidade en accións de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global en Galicia, suficientemente descrita nas carpetas 1 e 2, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución, seguimento e xustificación do proxecto pola entidade (xestión, recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a entidade) para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 5 puntos.

3. Experiencia e antecedentes de traballo coas entidades, axentes, centros educativos, institucións, público obxectivo e co problema estrutural ou reto global sobre o que verse a proposta. Máximo 5 puntos.

4. Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global da entidade en Galicia para os vindeiros anos axeitadamente deseñada, en que se insire o programa proposto e que inclúa a complementariedade coas prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 3 puntos.

5. Contribución da entidade solicitante e establecemento de accións específicas para o fomento e visibilización do sector galego de cooperación (valorándose a base social, o traballo e a presenza en Galicia, a participación activa en redes galegas e a adecuación do seu traballo aos retos globais). Máximo: 4 puntos.

6. Proposta presentada en agrupación de entidades. Analizarase a claridade e complementariedade nas funcións, roles e tarefas das entidades que conforman a agrupación para desenvolver o programa. Valorarase tamén a presenza de elementos novos ao interior da agrupación, como a existencia de alianzas significativas con outros axentes/redes para fortalecer o desenvolvemento do programa. Máximo: 4 puntos.

7. Achega financeira da entidade solicitante ao proxecto, tanto no referido a fondos propios como obtidos doutros financiadores. Esta deberá ser dun mínimo do 5 % para ser puntuada e non se valorarán as achegas en especie ou valorizadas. Máximo: 2 puntos.

8. Outros méritos que a entidade solicitante queira alegar relacionados coa súa integración en campañas ou movementos globais, a súa experiencia de traballo en rede, a súa coordinación con outras institucións, entidades, organizacións da sociedade civil e colectivos sociais a nivel local dos territorios nos que traballa. Máximo: 2 puntos.

Contido do Programa: 70 puntos.

1. Pertinencia do proxecto, con especial atención ao contexto social, económico, político e cultural, en función do lugar/es de realización, do público obxectivo participante e dos resultados que se van conseguir. Valorarase especificamente a existencia dun proceso de identificación, ou diagnóstico participativo, DAFO, e tamén dun proceso de avaliación anterior, que apoien a continuidade da proposta. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados formulados no proxecto, así como a calidade do deseño dos indicadores e das fontes de verificación para o seu seguimento e medición. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal, tendo en conta o/os colectivo/s ao/aos que vai dirixido e os resultado e produtos que se queren obter. Máximo: 5 puntos.

4. Construción de cidadanía global: enfoques, metodoloxías e fins: Máximo 10 puntos.

– Valorarase que favorezan a integración e confluencia de diferentes enfoques: enfoque baseado en dereitos, enfoques feministas, enfoque local-global, enfoque intercultural, de cultura de paz, enfoque ambiental, enfoque de xustiza económica, de xestión das diversidades e de interseccionalidade. Máximo: 2 puntos.

– Analizaranse os enfoques e procesos pedagóxicos que guiarán o proceso de acompañamento á poboación suxeito para o fortalecemento das súas capacidades, valorando a existencia de liñas de acción para combinar a toma de conciencia crítica e a vontade de transformación. Máximo: 2 puntos.

– Valorarase o uso de metodoloxías activas e participativas, desde a experiencia e a vivencia, a través da creatividade, a expresión e a imaxinación, que sitúen a vida no centro, e prioricen os coidados, que traballen as emocións e os afectos, mobilicen e incidan desde o local con mirada global. Máximo: 2 puntos.

– Valorarase que as propostas permitan comprender a complexidade e multidimensionalidade das crises, as causas estruturais das desigualdades, a vulnerabilidade da vida e a interdependencia global. Máximo: 2 puntos.

– Que busquen construír alternativas de cidadanía global sustentable e equitativa, mediante un proceso de toma de conciencia e análise crítica que poda xerar accións concretas co fin de lograr a implicación cidadá na construción e posta en práctica das ditas alternativas. Máximo: 2 puntos.

5. Incidencia e impacto previsto das actividades: descrición precisa da poboación destinataria, cuantificación e desagregación, por sexo e idade, das persoas participantes, especificación da forma en que participa no proxecto e da súa pertenza a colectivos con posibilidade de multiplicación e réplica e/ou a colectivos tradicionalmente esquecidos neste tipo de intervencións (ANPAS, alumnado de formación profesional e/o de adultos, colexios profesionais, outros colectivos sociais…). Valorarase o establecemento de mecanismos de réplica. Máximo: 5 puntos.

6. Ámbito de incidencia e/ou execución en concellos de menos de 50.000 habitantes e/ou concellos de zonas de montaña ou situados en zonas desfavorecidas (de acordo co establecido no Regulamento (CE) 1257/1999 do Consello sobre a axuda ao desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e de Garantía Agrícola). Máximo: 2 puntos.

7. Financiamento: coherencia dos gastos orzados cos obxectivos do proxecto. División dos custos por actividade. Máximo: 4 puntos.

8. Recursos humanos (asalariado e voluntario) técnicos e materiais adecuados ás necesidades de execución e seguimento dos obxectivos do proxecto e persoal específico con formación en xénero, en dereitos humanos, en educación para o desenvolvemento e noutras prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 5 puntos.

9. No caso de contratación de servizos externos, valorarase a xustificación da necesidade destes, a definición e concreción dos criterios que se empregarán para a súa selección, así como a achega de propostas de servizo concretas. Máximo: 4 puntos.

10. Seguimento e avaliación: máximo: 5 puntos.

– Establecemento dunha liña de base, e/ou o seguimento e medición de impactos vinculados a unha liña de base elaborada nunha fase anterior, que permita coñecer o punto de partida inicial e os avances producidos co programa, así como o contexto en que se desenvolve a acción. Máximo: 3 puntos.

– Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 2 puntos.

11. Integración no proxecto do traballo en rede e a complementariedade con outros axentes e actores, para unha actuación coordinada e complementaria en educación para o desenvolvemento. Máximo: 5 puntos.

12. Intervencións que dan continuidade ou complementan outras anteriormente financiadas no marco das convocatorias de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global. Valorarase a análise de resultados conseguidos ata o de agora, a necesidade de continuidade, así como a achega ou valor engadido que supón a súa conversión en programa. Máximo: 5 puntos.

13. Proxectos que formen o profesorado en educación para o desenvolvemento sustentable e a cidadanía global para a súa transversalización na educación xeral, tal e como establece a LOMLOE. Máximo: 5 puntos.

14. Que inclúan accións que dean visibilidade e fortalezan o traballo da cooperación galega a través da difusión de proxectos en execución ou executados polos axentes coa axuda da Xunta de Galicia, ou a realización de investigacións e sistematizacións aplicadas a estes. Máximo: 5 puntos.

10.2. Liña Programas de innovación e comunicación social.

Entidade solicitante: 30 puntos.

1. Experiencia, traxectoria e capacidade de difusión e impacto da entidade en accións de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global en Galicia, suficientemente descrita nas carpetas 1 e 2, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución, seguimento e xustificación pola entidade (xestión, recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a entidade) para o desenvolvemento do programa. Máximo: 5 puntos.

3. Experiencia e capacidade no exterior relacionando co problema estrutural ou reto global sobre o que verse a proposta, coas alianzas e redes das cales se forma parte nos distintos territorios, especialmente coas entidades do sur, e/ou outras que incorporen como colaboradoras, aliadas na execución deste programa. Máximo 5 puntos.

4. Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global da entidade en Galicia para os vindeiros anos axeitadamente deseñada, na cal se insire o programa proposto e que inclúa a complementariedade coas prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 3 puntos.

5. Contribución da entidade solicitante e establecemento de accións específicas para o fomento e visibilización do sector galego de cooperación (valorándose a base social, o traballo e a presenza en Galicia, a participación activa en redes galegas a adecuación do seu traballo aos retos globais). Máximo: 4 puntos.

6. Proposta presentada en agrupación de entidades. Analizarase a claridade e complementariedade nas funcións, roles e tarefas das entidades que conforman a agrupación para desenvolver o programa. Valorarase tamén a presenza de elementos novos ao interior da agrupación, como a existencia de alianzas significativas con outros axentes/redes para fortalecer o desenvolvemento do programa nos territorios e/o nos diferentes niveis, se é o caso. Máximo: 4 puntos.

7. Achega financeira da entidade solicitante ao proxecto, tanto no referido a fondos propios como obtidos doutros financiadores. Esta deberá ser dun mínimo do 5 % para ser puntuada e non se valorarán as achegas en especie ou valorizadas. Máximo: 2 puntos.

8. Outros méritos que a entidade solicitante queira alegar relacionados coa súa integración en campañas ou movementos globais, a súa experiencia de traballo en rede, a súa coordinación con outras institucións, entidades, organizacións da sociedade civil e colectivos sociais a nivel local dos territorios en que traballa. Máximo: 2 puntos.

Contido do programa: 70 puntos.

1. Pertinencia: máximo: 10 puntos.

– Valorarase o carácter innovador do programa proposto (que podería darse pola estratexia metodolóxica empregada, o público obxectivo destinatario, os medios de implementación empregados, as alianzas establecidas, así como pola creatividade que incorpora). Máximo: 4 puntos.

– Valorarase a identificación clara do problema estrutural ou reto global ao cal o programa quere dar resposta, así como a caracterización da súa incidencia nos territorios de intervención e sobre a poboación suxeito. Máximo: 3 puntos.

– Valorarase tamén o grao de oportunidade que implica respecto ao contexto en que se desenvolve, e o valor engadido que supón respecto aos procesos financiados previamente pola Cooperación Galega. Máximo: 2 puntos.

– E, o grao de aliñamento coas prioridades establecidas nos instrumentos de planificación en vigor da Cooperación Galega, en especial no que a cooperación feminista se refire. Máximo: 1 punto.

2. Coherencia: máximo: 10 puntos.

– Valorarase a coherencia existente entre o obxectivo xeral, obxectivo específico, os resultados, os indicadores e as actividades establecidas, así como a complementariedade entre actividades e resultados para alcanzar os obxectivos e metas propostas. Máximo: 2 puntos.

– Valorarase a coherencia entre o reto global ou problema estrutural priorizado e os obxectivos e estratexias de afrontamento previstas en cada territorio. Máximo: 2 puntos.

– Valorarase a coherencia da poboación suxeito proposta en relación aos obxectivos do programa e a participación de colectivos non tradicionais e/ou invisibilizados. Máximo: 2 puntos.

– Valorarase a existencia dunha descrición suficiente do conxunto de actividades para desenvolver no marco do programa, detallando contidos e as entidades responsables destas. Máximo: 2 puntos.

– Valorarase a existencia dunha relación coherente entre actividades, medios e custos, con base no orzamento presentado. Máximo: 2 puntos.

3. Coordinación, complementariedade e alianzas: máximo: 5 puntos.

– Valorarase o establecemento de coordinacións e alianzas con outras entidades, tendo en conta o grao de complementariedade entre as entidades, a súa pertinencia con relación ao obxectivo proposto e problema estrutural ou reto global, e a presenza de elementos novidosos para desenvolver a iniciativa, ou os membros que a compoñen. Máximo: 2 puntos.

– Valorarase tamén que as alianzas se dean en diferentes territorios e niveis (local, nacional, internacional). Máximo: 0,5 puntos.

– Valorarase que no programa participe unha entidade orixinaria dun país do sur. Entendendo como países do sur aqueles que son elixibles polo Comité de Axuda ao Desenvolvemento –ou organismo internacional equivalente– para recibir axuda oficial ao desenvolvemento, aínda que non estean necesariamente situados no hemisferio sur do planeta. Máximo: 1 punto.

– Valorarase a articulación que se dará no programa entre as accións e estratexias que se van impulsar polas entidades participantes do norte e do sur, as sinerxías que se xerarán entre elas e o valor engadido da acción conxunta para alcanzar o obxectivo do programa. Máximo: 1,5 puntos.

4. Viabilidade: valorarase a pertinencia dos recursos humanos previstos para desenvolver o programa, así como os recursos metodolóxicos, técnicos e institucionais das entidades participantes. Máximo 5 puntos.

5. Construción de cidadanía global: enfoques, metodoloxías e fins: máximo: 10 puntos.

– Valorarase que favorezan a integración e confluencia de diferentes enfoques: enfoque baseado en dereitos, enfoques feministas, enfoque local-global, enfoque intercultural, de cultura de paz, enfoque ambiental, enfoque de xustiza económica, de xestión das diversidades e de interseccionalidade. Máximo: 2 puntos.

– Analizaranse os enfoques e procesos pedagóxicos que guiarán o proceso de acompañamento á poboación suxeito para o fortalecemento das súas capacidades, valorando a existencia de liñas de acción para combinar a toma de conciencia crítica e a vontade de transformación. Máximo: 2 puntos.

– Valorarase o uso de metodoloxías activas e participativas, desde a experiencia e a vivencia, a través da creatividade, a expresión e a imaxinación, que sitúen a vida no centro, e prioricen os coidados, que traballen as emocións e os afectos, mobilicen e incidan desde o local con mirada global. Máximo: 2 puntos.

– Valorarase que as propostas permitan comprender a complexidade e multidimensionalidade das crises, as causas estruturais das desigualdades, a vulnerabilidade da vida e a interdependencia global. Máximo: 2 puntos.

– Que busquen construír alternativas de cidadanía global sustentable e equitativa, mediante un proceso de toma de conciencia e análise crítica que poida xerar accións concretas co fin de lograr a implicación cidadá na construción e posta en práctica de ditas alternativas. Máximo: 2 puntos.

6. Carácter multinivel. Máximo 5 puntos.

– Valoraranse accións multinivel analizando o ámbito de acción do programa, diferenciando os niveis local, estatal e internacional. Máximo: 1 punto.

– Valorarase o grao de articulación das liñas de traballo previstas a eses niveis, analizando a súa achega á consecución do obxectivo do programa e reto global. Máximo: 1,5 puntos.

– Valorarase tamén a potencialidade do programa para conectar a poboación suxeito dos diferentes territorios e acompañar as accións de transformación que emprenda. Máximo: 1 punto.

– Valorarase realizar actividades, promover transformacións e prever impactos, tanto na Comunidade Autónoma como en, polo menos, un país do sur. Máximo: 1,5 puntos.

7. Que promovan a Comunicación para o Cambio Social e Comunicación para o Desenvolvemento, a través de accións que garantan a participación e o empoderamento cidadán ao redor dos retos de desenvolvemento sustentable e que fagan da comunicación un elemento clave, xa sexa tratando a comunicación como un dereito, como exercicio de transparencia e rendición de contas ou como vehículo para situar a cooperación e as súas temáticas no espazo da opinión pública, no espazo dos intereses da cidadanía e nos medios de comunicación masivos e redes sociais. Máximo: 5 puntos.

8. Que inclúan accións que dean visibilidade e fortalezan o traballo da cooperación galega a través da difusión de proxectos en execución ou executados polos axentes coa axuda da Xunta de Galicia e/ou que prevexan a creación de redes de apoio mutuo e acompañamento ao traballo dos seus socios locais. Máximo: 5 puntos.

9. Que creen o fomenten a participación en redes internacionais que promoven a conciencia da cidadanía global e definan pautas de participación e reacción ante dinámicas preocupantes de retroceso dos dereitos humanos. Máximo: 5 puntos.

10. Proxectos que promovan a investigación e a incorporación da diversidade de saberes. Máximo: 5 puntos

11. Seguimento e avaliación: Máximo 5 puntos.

– Establecemento dunha liña de base. Máximo: 2 puntos.

– Sistema de seguimento e medición de impactos vinculados á liña de base, de cara a permitir coñecer o punto de partida inicial e os avances producidos co programa. Máximo: 2 puntos.

– Avaliación externa. Máximo: 1 punto.

Artigo 11. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou acompañen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, desistirán da súa petición, logo dunha resolución que deberá ser ditada nos termos previstos nos artigos 21, 22 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Notificacións

12.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

12.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

12.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

12.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

12.5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Valoración das solicitudes

14.1. Para a súa valoración constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A Comisión compoñerase polas seguintes persoas:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

– Vogais: dous/dúas funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A Comisión, para unha mellor valoración dos programas e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Os devanditos informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.

As persoas que interveñan na Comisión de Valoración manifestarán de forma expresa a ausencia de conflitos de intereses, non podendo participar nas comisións persoas en que exista o devandito conflito.

14.2. Para superar a fase de valoración das solicitudes será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % en cada unha das epígrafes a que se refire o artigo 10 destas bases.

No caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

– A maior puntuación obtida na valoración do programa.

– A maior puntuación obtida na valoración da entidade solicitante.

Unha vez superada a fase de avaliación, estableceranse dúas listaxes en orde descendente coas puntuacións obtidas para cada unha das liñas de acción. Garantirase o financiamento dun mínimo de tres programas para cada unha delas, agás no caso de non se presentar o número suficiente de cada liña ou non acadase a puntuación mínima establecida no primeiro parágrafo da presente epígrafe.

14.3. Cando da prelación dos programas avaliados resulte que o último con financiamento non acade a totalidade da subvención solicitada, a Comisión de Avaliación, en virtude do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, instará a entidade beneficiaria á reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable, a cal será novamente avaliada pola dita comisión para os efectos de comprobar que se respecten o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes ou peticións.

14.4. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os devanditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no V Plan director da cooperación galega e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e as leis anuais de orzamentos.

Artigo 15. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de catro meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse unha resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 16. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente por delegación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes resolverá o procedente.

Artigo 17. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedinte a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Non obstante o anterior, as entidades beneficiarias dun programa na liña de educación transformadora da presente convocatoria só poderán presentar unha solicitude de axuda con cargo á convocatoria para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (código de procedemento PR804A), tanto na súa modalidade de individual como agrupada, e durante o tempo de duración do programa.

Pola contra, as entidades beneficiarias dun programa na liña de Innovación e comunicación social poderán presentar dúas solicitudes de axuda con cargo á convocatoria para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (código de procedemento PR804A), tanto na súa modalidade de individual como agrupada, e durante o tempo de duración do programa.

Artigo 18. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

18.1. De conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación levarase a cabo mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/, con indicación neste caso da data da convocatoria, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas e inadmitidas, con expresión dos motivos da desestimación e inadmisión.

18.2. Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará nun prazo máximo de dez días pola sede electrónica accedendo á Carpeta cidadá unha declaración por escrito da aceptación da axuda, en que conste o seu compromiso de achegar directamente, ou cubrir con outras achegas, a diferenza entre o custo total do programa e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o devandito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente, deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

18.3. Así mesmo, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou presentar unha readaptación á subvención concedida sempre que tecnicamente sexa posible e non altere a finalidade nin o orzamento total aprobado. Esta solicitude de readaptación será sometida a unha nova análise para os efectos de comprobar que non afecte a orde de prelación dos programas subvencionados. Tras as comprobacións pertinentes ditará, de novo, unha resolución o mesmo órgano que ditou a resolución inicial, a cal lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

18.4. De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros programas ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, quedasen sen financiación ou esta non acadase a totalidade da subvención solicitada.

Artigo 19. Anticipos

19.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e artigo 94.3.a) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % da anualidade de que se trate sen necesidade de exixir garantía, sendo obrigatorio presentar un informe técnico de seguimento na primeira e segunda anualidade e o informe técnico final na terceira anualidade nos termos establecidos no artigo seguinte.

19.2. Para o pagamento do primeiro anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo IV desta orde asinado dixitalmente polo/a representante legal da entidade, acompañado pola ficha de datos estatísticos do programa que poderá descargarse da páxina web da Cooperación Galega, https://cooperacion.xunta.gal/

No caso de subvencións outorgadas a entidade/s agrupada/s, aquelas distintas da solicitante deberán achegar o anexo III de declaración do artigo 10 da Lei de subvencións para entidades agrupadas distintas da solicitante actualizado ou os documentos que acrediten ditas circunstancias.

19.3. Para o pagamento da subvención concedida na segunda e terceira anualidade e unha vez executada e xustificada a subvención concedida na primeira ou segunda anualidade, de acordo coas previsións do artigo 20.4 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo VI de solicitude do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinado dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

No caso de subvencións outorgadas a entidade/s agrupada/s, aquelas distintas da solicitante deberán achegar o anexo III de declaración do artigo 10 da Lei de subvencións para entidades agrupadas distintas da solicitante actualizado ou os documentos que acrediten ditas circunstancias.

Artigo 20. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

20.1. Con base no que establece a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a lexislación vixente reguladora da cooperación para o desenvolvemento e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos puntos seguintes.

20.2. As entidades beneficiarias xustificarán cada anualidade independentemente. A primeira e a segunda anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, e a terceira anualidade, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo e nos prazos indicados nos puntos 1 e 2 do punto 5.

20.3. Para a presentación dos informes técnicos de seguimento e final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia que se poderá descargar da páxina web https://cooperacion.xunta.gal/

20.4. Para a xustificación da primeira e segunda anualidade, a entidade beneficiaria deberá presentar o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo V xunto cos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que teña a representación legal da entidade solicitante, acreditativa da execución do programa de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente polo/a representante legal da entidade.

b) Informe técnico de seguimento sobre o estado de execución, que deberá estar asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnica-económica en Galicia.

c) Certificación dos gastos do programa na primeira ou segunda anualidade, por partidas orzamentarias e na cal se indique as distintas fontes de financiamento, asinado dixitalmente pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

d) Certificado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

e) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, e co seu importe en moeda local e o seu contravalor en euros.

f) Para os proxectos cuxa subvención sexa igual ou inferior a 40.000 €, deberán presentar os xustificantes dos gastos correspondentes a esta anualidade, facturas ou documentos de valor probatorio no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, e incorporados na relación de gastos a que se fai referencia anteriormente e a documentación acreditativa do seu pagamento. No caso de que se supere o dito importe, deberán presentar a revisión parcial da auditoría.

g) Documento da liña base, de ser o caso.

20.5. Para a xustificación final e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar tanto da xustificación técnica como a económica coa documentación que se sinala a continuación:

20.5.1. Xustificación técnica final. A entidade beneficiaria da subvención deberá presentar, como máximo, ata o 30 de decembro de 2028 o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo VII acompañado dos seguintes documentos:

– Certificación da persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

– Informe técnico final de execución asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnica económica do proxecto en Galicia sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto, que indicará, co máximo detalle, os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de transferencia e a xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura. Deberá estar asinado dixitalmente pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

Esta xustificación permitirá constatar e verificar o cumprimento dos requisitos técnicos fixados da presente orde de bases, e entenderase suficiente para os efectos do establecido no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro.

20.5.2. Xustificación económica e de resultados. Comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e ao resto de financiadores, así como a de avaliación externa de resultados que se recollan no documento de formulación que acompaña a solicitude de subvención e o documento da liña base, no caso de non telo achegado na xustificación intermedia. Incorporarase tamén a táboa de medición dos indicadores de rendición de contas (IRC).

A entidade beneficiaria da subvención deberá presentar toda esta documentación ata o 31 de marzo de 2029, xunto co escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo VIII:

A xustificación económica realizarase mediante a forma de conta xustificativa, sen prexuízo do establecido nos puntos 20.5.3 e 20.5.4 en relación coas universidades e as axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas, que se rexerán polo establecido neles, e incluirá a declaración das actividades realizadas, o seu custo total e desagregado, e irá acompañada de toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida.

A conta xustificativa poderá ser:

– Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 40.000 €. Exceptúanse desta modalidade de xustificación os programas executados por entidades que posúan ánimo de lucro.

– Conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, obrigatoria para subvencións por importe superior a 40.000 € e para os programas executados por entidades que posúan ánimo de lucro, e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 40.000 €.

1. A conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Facturas ou documentos xustificativos dos gastos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, e a documentación acreditativa do pagamento.

2. A conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, para subvencións por importe superior a 40.000 € e para os programas executados por entidades que posúan ánimo de lucro, e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 40.000 €, incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Informe do/da auditor/a de contas, que deberá estar inscrito/a como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) no caso de ser realizada por persoal sometido á lexislación española, asinada dixitalmente.

A revisión da conta xustificativa polo/a auditor/a de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.

A auditoría realizarase de acordo co establecido na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado mediante Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. A memoria económica deberá abranguer a totalidade dos gastos e pagamentos incorridos na realización das actividades subvencionadas, independentemente de quen os financie.

A presentación da auditoría coma forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantemento do soporte documental de acordo cos prazos estipulados pola lei. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou os organismos competentes da Administración da Comunidade Autónoma poderán solicitar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.

Finalizada a revisión da conta xustificativa o/a auditor/a deberá emitir un informe en que detallará os procedementos de revisión levados a cabo, o seu alcance, a porcentaxe de deficiencias advertido e a contía dos gastos afectados.

O informe deberá incluír a listaxe dos xustificantes de gastos da totalidade do programa, selada e asinada polo/a auditor/a.

O informe mencionará se a entidade beneficiaria facilitou canta información lle solicitou o/a auditor/a para realizar o traballo de revisión. No caso de que a entidade beneficiaria non facilitase a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia con indicación da información omitida.

O informe referirase ao resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supor un incumprimento por parte da entidade beneficiaria da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención, debendo proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano xestor poida concluír respecto diso.

20.5.3. No caso dos programas executados por unha agrupación de entidades en que participen as universidades, e conforme o establecido no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación económica, da parte executada directamente pola universidade, consistirá nunha certificación de gastos da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

20.5.4. Ás axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas exixiránselles como xustificación económica os documentos acreditativos das transferencias realizadas, así como o control contable que lles é específico e sempre conforme o funcionamento establecido polos Estados parte para as distintas Nacións Unidas.

20.5.5. Cando no programa concorran diversas subvencións e axudas procedentes doutras administracións, a entidade beneficiaria ten que xustificar ante a Xunta de Galicia o importe do gasto subvencionado, ademais das achegas propias e de terceiros financiadores que no sexan Administración pública.

Con respecto ao resto de achegas doutras administracións públicas, unicamente ten que acreditarse a aplicación dos fondos ás actividades previstas, para o cal é suficiente a acreditación mediante certificados que emitan o resto de administracións públicas que financiaron o programa ou actividade. As previsións que contén este apartado non alteran as funcións que a lexislación vixente outorga á Intervención Xeral da Administración autonómica.

No caso de non xustificar a totalidade do programa, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria consonte o establecido no artigo 23 destas bases.

20.5.6. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 15.000 €, no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá presentar as tres ofertas solicitadas conforme o disposto no artigo 9.1.6º destas bases.

20.6. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de 4 anos, desde a presentación da xustificación final do programa. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa acompañada dunha declaración responsable garantindo que a documentación é fiel ao orixinal.

Os pagamentos acreditaranse coa presentación do comprobante bancario de acordo co previsto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en efectivo por importes inferiores a 1.000 €, conforme establece o artigo 42.3 do dito Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Non se aceptarán pagamentos en efectivo en gastos iguais ou superiores a 1.000 €.

Todos os comprobantes de gasto e pagamento deberán referirse expresamente a actividades comprendidas no período de execución, é dicir, a actividades realizadas entre a data de inicio e a de remate do prazo de execución dos proxectos, coa excepción dos gastos de identificación que poderán realizarse no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude a esta convocatoria e os gastos da avaliación externa que poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto.

No caso de non xustificar a totalidade do proxecto, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria consonte o establecido no artigo 23 destas bases.

Artigo 21. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos programas

21.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a que se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación e na solicitude ou, de ser o caso, da reformulación, de terse efectuado.

21.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do programa subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

21.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitarlle ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos programas subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

21.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do programa subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán de figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/

Os documentos o material divulgativo publicados, tanto en papel como en soporte audiovisual e/ou electrónico, que sexan resultado de actuacións financiadas pola Xunta de Galicia, ademais de conter o logotipo e o nome da Xunta de Galicia como financiador, deberan incluír o seguinte parágrafo, traducido ás linguas en que se publiquen os documentos ou materiais divulgativos: «Esta publicación realizouse co apoio financeiro da Xunta de Galicia. O contido da dita publicación é responsabilidade exclusiva de <NOME ENTIDADE> e non reflicte necesariamente a opinión da Xunta de Galicia».

21.5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo Comité de Axuda ao Desenvolvemento (CAD) e a propia Unión Europea.

21.6. A xestión dos programas poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do programa.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 22. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, resultados, persoas beneficiarias, lugar e prazo de execución e xustificación. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172 de titularidade Xunta de Galicia, pertencente á entidade Abanca, en concepto de devolución voluntaria da subvención, de conformidade co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na disposición adicional terceira da Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe, o motivo da devolución e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 24. Reintegro por incumprimento

24.1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

24.2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que haberá que reintegrar por posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:

a) O incumprimento total das obrigas e os fins para os que se outorgou a subvención e o incumprimento total das obrigas de xustificación dará lugar ao reintegro da totalidade da cantidade concedida.

b) A cantidade para reintegrar no caso de incumprimento parcial na execución das accións ou gastos e no caso de incumprimento parcial na xustificación será determinada, de acordo co criterio de proporcionalidade, polo volume e grao de incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención.

c) No caso de demora na presentación da documentación xustificativa da subvención, e sempre que o cumprimento pola entidade beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite por estes unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, solicitarase a devolución do 10 % da subvención concedida.

Artigo 25. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

26.1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

26.2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de que o acto for expreso. Se este non o for (acto presunto), a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñelo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Directamente, un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 28. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia; o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento; a Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 29. Información ás persoas interesadas

29.1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

29.2. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberáselle transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file