En cumprimento do disposto no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, publícase como anexo a esta resolución o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 16 de marzo de 2026, polo que se outorga a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Parque Eólico Vacaloura, S.L.U. (expediente IN408A 2017/028).
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2026
Paula Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
ANEXO
Acordo polo que se outorga a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Parque Eólico Vacaloura, S.L.U. (expediente IN408A 2017/028)
Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital Power, S.L., en relación coa declaración de utilidade pública do parque eólico Vacaloura, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 26.10.2017, Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, así como a aprobación do proxecto sectorial, (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo).
Segundo. O 26.1.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actual Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009). O 7.2.2018, a promotora achegou o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.
Terceiro. O 22.1.2020, a promotora desistiu da declaración de utilidade pública e solicitou que se continúe co expediente.
Cuarto. O 4.3.2021, a promotora solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico. O 1.6.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.
Quinto. Pola Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, outorgouse a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2017/28).
Sexto. O 25.4.2023, Green Capital Power, S.L. solicitou que se tramite a declaración de utilidade pública do parque eólico Vacaloura, nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo).
Sétimo. Pola Resolución do 13.12.2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2017/028) a favor de Parque Eólico Vacaloura, S.L.U.
Oitavo. Polo Acordo do 18.3.2024, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación, do parque eólico Vacaloura, nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo) (expediente IN408A 2017/28).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 17.4.2024 (DOG núm. 76) e no xornal El Progreso. Así mesmo, remitiuse para a exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Monterroso e Portomarín), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía e Industria de Lugo.
Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía e Industria.
Noveno. O 22.5.2024, a promotora achega os acordos coas CMVMC de Novelúa, Vacaloura de San Miguel de Penas, Narón e Vacaloura e Fido.
Décimo. O 16.10.2024, a promotora presenta un escrito en que indica: «Que se detectou que o proxecto do parque eólico afecta unha parcela onde se atopa o cárcere de Monterroso, xestionada pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias. Que, en vista do anterior, se achega a este escrito unha separata técnica, co obxecto de que o organismo titular do cárcere de Monterroso emita o informe correspondente».
O Departamento Territorial de Lugo remite a dita separata, o 18.10.2024, a Institucións Penitenciarias solicitando o correspondente condicionado técnico.
Décimo primeiro. O 24.10.2024, a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias emite un informe en que di: «A este respecto, cabe sinalar que os terreos onde se sitúa o Centro Penitenciario de Monterroso son bens demaniais afectados á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias para o cumprimento dos fins penitenciarios que lle son propios e, por tanto, suxeitos ás prerrogativas especiais que determina a Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, sobre inalienabilidade, inembargabilidade e imprescritibilidade, e corresponde á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias exercer as funcións relativas á vixilancia, protección xurídica, defensa, inventario, administración, conservación e demais actuacións que requira o correcto uso dos bens e dereitos do patrimonio do Estado que teñan afectados ou cuxa administración e xestión lles corresponda.
...
En consecuencia, non se pode defender a afectación dos terreos do Centro Penitenciario de Monterroso para implantar un parque eólico que suporía o desenvolvemento dunha actividade molesta, insalubre, nociva e perigosa nas inmediacións deste centro, onde residen internos e traballan funcionarios as vinte e catro horas do día. Para maior abastanza, o artigo 3 da Lei orgánica penitenciaria dispón que a actividade penitenciaria se exercerá respectando, en todo caso, a personalidade humana dos recluídos e os dereitos e intereses xurídicos destes non afectados pola condena, sen se establecer diferenza ningunha por razón de raza, opinións políticas, crenzas relixiosas, condición social ou calquera outra circunstancia de análoga natureza. En consecuencia, os internos poderán exercer os dereitos civís, políticos, sociais, económicos e culturais, sen exclusión do dereito de sufraxio, salvo que fosen incompatibles co obxecto da súa detención ou o cumprimento da condena.
Segundo o disposto, nada hai máis incompatible co ingreso en prisión que os riscos sobrevidos que poñan en perigo a integridade, a saúde e a vida dos internos.
Todos eles dereitos inalienables daqueles que se atopan recluídos, neste caso, no Centro Penitenciario de Monterroso. Doutra banda, corresponde á Administración penitenciaria garantir a seguridade dos establecementos penitenciarios. Para a consecución desta finalidade, é necesario que a localización destes centros estea afastada das áreas con influencia de actividade industrial, comercial e residencial que poida interferir nos controis e a seguridade destes centros (dominancias visuais, sistemas de seguridade, sistemas electrónicos…). Neste sentido, un parque eólico implantado xunto ao Centro Penitenciario de Monterroso supoñería a existencia de diversos elementos que desestabilizarían a seguridade e boa orde deste, co risco engadido para as persoas e as instalacións que poidan derivar do desprendemento das pas dos aeroxeradores».
Décimo segundo. O 29.11.2024, Green Capital Power, S.L. responde ao informe indicado no antecedente de feito anterior: «Neste sentido, en primeiro lugar cómpre indicar que no expediente do parque eólico Vacaloura xa constan os informes favorables, entre outros, da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, organismos con competencias en materia de saúde pública e de seguridade pública, respectivamente.
Tamén consta o informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en que se indica que as posicións dos aeroxeradores do PE Vacaloura cumpren coa distancia mínima de 500 m regulada no PSEG respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. Sen prexuízo do anterior, adaptaranse as manobras dos transportes especiais para non afectar a parcela titularidade da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias».
Décimo terceiro. O 20.3.2025, o Servizo de Enerxía e Minas de Lugo emitiu informe en que di: «...a área delimitada polas coordenadas perimetrais da poligonal do P.E. Vacaloura está afectada polo seguinte dereito mineiro:
Permiso de exploración núm. LU/C/05830 Alduara da sección C), o cal caducou pola Resolución do 18.5.1999.
Tendo en conta todo o que antecede, pódese considerar que, ao estar ante un dereito mineiro que caducou, a súa promotora non conta co dereito mineiro do artigo 44 da dita Lei 22/1973 nin procedería, en termos da vixente normativa en materia de minas, trámite de compatibilidade ningún nin analizar os prexuízos que se lles ocasionarían».
Décimo cuarto. O 1.4.2025, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal remitiu o certificado de aproveitamentos de masas forestais emitido polo Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural de Lugo o 31.3.2025.
Neste certificado indican: «de acordo coa superposición gráfica (intersección) da poligonal do proxecto coa cartografía catastral e coa cartografía dixital de montes veciñais en man común dispoñible deste servizo, e coas premisas anteriormente expostas, infórmolle das parcelas resultantes desta operación con respecto ao monte veciñal en man común: CMVMC Narón, CMVMC Penas, CMVMC Novelúa, CMVMC Pol, CMVMC Vacaloura e Fido, CMVMC Salgueiros, CMVMC Rió».
Décimo quinto. No marco do procedemento PO-7100/2024, interposto pola Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, contra a Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Green Capital Power, S.L. (DOG núm. 111, do 13 de xuño), o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou o Auto núm. 00173/2024, do 21 de xuño de 2024, en que acorda a suspensión cautelar da resolución impugnada.
En concreto, o Auto do TSXG núm. 00173/2024, do 21 de xuño de 2024,
RESOLVE:
«A Sala acorda: estimar, sen imposición de caución, a medida cautelar solicitada pola representación procesual de Asociación Petón do Lobo e, en consecuencia, suspéndese a executividade da actuación administrativa descrita no FD primeiro».
Décimo sexto. O 9.5.2025, a promotora presentou un escrito en que mostra a súa conformidade cos informes de Minas e Montes de datas 20.3.2025 e 31.3.2025, respectivamente.
Décimo sétimo. O 16.5.2025, a promotora achegou unha relación de bens e dereitos afectados (RBDA) actualizada para os efectos de continuar coa tramitación da declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Vacaloura. Nesta RBDA desafectan a parcela número 15, indicada no informe de Institucións Penitenciarias, titularidade do Centro Penitenciario Monterroso.
Décimo oitavo. O 5.6.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático efectuou o trámite de audiencia previsto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, cos titulares dos montes veciñais en man común afectados (CMVMC Narón, CMVMC Penas, CMVMC Novelúa, CMVMC Pol, CMVMC Vacaloura e Fido, CMVMC Salgueiros, CMVMC Rió), concedéndolles un prazo de quince días para presentar as alegacións que coidasen oportunas. O prazo do trámite de audiencia rematou sen que se presentase ningunha alegación.
Décimo noveno. O 3.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático solicitou á Dirección Xeral de Ordenación Forestal un informe en relación coa compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos forestais afectados polo parque eólico Vacaloura na provincia de Lugo. Para os efectos do informe, remitiu os contratos da promotora coas comunidades veciñais de montes en man común.
Vixésimo. O 21.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático recibiu do Servizo da Propiedade Forestal un informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Lugo do 18.7.2025 en relación co artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que emite informe favorable sobre a compatibilidade dos aproveitamentos forestais do proxecto do parque eólico Vacaloura, condicionada á elevación a escritura pública dos ditos acordos, dos actos de disposición, coas CMVMC afectadas, sen prexuízo doutros informes preceptivos e sempre que se xustifique o cumprimento establecido no Decreto 260/1992, do 4 de setembro, que regula a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, sobre expropiación forzosa ou a formalización do correspondente acto de disposición, e da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios de Galicia, sobre as distancias de protección previstas para manter as faixas exixidas.
Vixésimo primeiro. O 19.2.2025, a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre a posibilidade de tramitar a declaración de utilidade pública dos proxectos de parque eólico (e/ou, de ser o caso, das súas infraestruturas de evacuación) que, aínda que contan coa autorización administrativa previa e de construción, estean afectados pola suspensión cautelar acordada polo TSXG no marco dun recurso contencioso-administrativo.
Vixésimo segundo. O 5.9.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático recibiu do Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial de Lugo un informe do 4.9.2025 en relación co artigo 161.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no cal conclúe indicando: «non se apreciou, dentro do que a orografía permite, limitación para a expropiación dos terreos e imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica nas parcelas que se describen na R.B.D.A. Todo iso conforme o disposto nos artigos 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica».
Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; no que proceda, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. O informe do 19.2.2025, da Asesoría Xurídica, sobre a posibilidade de tramitar a declaración de utilidade pública dos proxectos de parque eólico (e/ou, de ser o caso, das súas infraestruturas de evacuación) que, aínda que contan coa autorización administrativa previa e de construción, estean afectados pola suspensión cautelar acordada polo TSXG no marco dun recurso contencioso-administrativo, conclúe:
«5. O feito de que a solicitude de declaración de utilidade pública se poida presentar e tramitar simultaneamente coa solicitude de autorización administrativa previa e/ou de construción (artigos 143.2 Real decreto 1955/2000 e 44.2 da Lei 8/2009), pon de manifesto que non é necesario que as ditas autorizacións estean aprobadas para poder tramitar a solicitude e, en consecuencia, que a medida cautelar de suspensión acordada respecto das autorizacións administrativa previa e de construción non é un obstáculo para tramitar as solicitudes de declaración de utilidade pública correspondentes aos parques eólicos coas autorizacións suspendidas cautelarmente. Isto é, na medida en que non é necesario que a autorización administrativa previa e a de construción estean aprobadas para solicitar e tramitar a declaración de utilidade pública, a suspensión cautelar destas autorizacións non impide tramitar as solicitudes de utilidade pública a que se refire a petición de informe e, en particular, realizar os seguintes trámites destacados na consulta formulada:
• Realización da información pública.
• Notificación aos afectados por cambios nos proxectos logo da información pública da relación de bens e dereitos.
• Petición de certificados de aproveitamentos forestais e mineiros afectados.
• Apertura do trámite de audiencia, de ser o caso.
• Emisión de informes de compatibilidade cos dereitos afectados (minas e montes).
• Emisión de informes de servidumes.
6. En todos os casos a que se refire a consulta o proxecto executivo está aprobado, o que permite dispoñer da relación de bens e dereitos afectados pola expropiación (a diferenza do que sucedeu, por exemplo, no suposto analizado na STS 22.03.2010, Sala Terceira do Contencioso-Administrativo, Sección 3ª, Rec. 513/2007, RJ\2010\4447, FX 4º: «Se por calquera destas circunstancias non se aproba o proxecto de execución, ou a localización da instalación se modifica para evitar os óbices urbanísticos, a declaración de utilidade pública e as actuacións expropiatorias derivadas dela resultarían carentes de base firme e poderían ter ocasionado prexuízos innecesarios a algúns titulares de bens ou dereitos, como a empresa recorrente»). Os efectos suspensivos da medida cautelar que afecta a autorización administrativa de construción non inhabilitan o alcance do proxecto executivo nin o privan do seu valor para identificar os bens e dereitos concretamente afectados pola instalación de enerxía eléctrica, motivo polo que é perfectamente posible declarar a utilidade pública solicitada polo órgano competente (ben a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, ben o Consello da Xunta nos supostos previstos no artigo 44.5 da Lei 8/2009 – supostos de compatibilidade ou prevalencia cando as autorizacións ou títulos habilitantes para os aproveitamentos sexan competencia de máis dunha consellería) e proceder á súa notificación e publicación, de acordo co legalmente exixido.
7. Ben que a suspensión cautelar da autorización administrativa previa e de construción non impide tramitar e declarar a utilidade pública en concreto (ao tratarse de procedementos autónomos e tendo en conta o concreto alcance da medida cautelar de suspensión acordada), o certo é que non resulta razoable continuar a tramitación do procedemento expropiatorio (privando os propietarios da súa posesión coa ocupación do ben ou dereito expropiado) cando a promotora non pode executar o proxecto por razón da medida cautelar. A esta imposibilidade material de executar o proxecto pola promotora súmase a incerteza propia da pendencia do procedemento administrativo que pesa sobre as autorizacións administrativas previa e de construción, indispensables para a posta en funcionamento da instalación de enerxía eléctrica. Atendendo a estas circunstancias e co obxectivo de non ocasionar prexuízos innecesarios aos titulares de bens e dereitos afectados pola declaración de utilidade pública (STS 25.02.2016 e STS 22.03.2010, antes citadas), procede (como xa se propón na petición de informe) suspender o prazo para resolver o procedemento e notificar a resolución do procedemento expropiatorio ata o levantamento da medida cautelar de suspensión (ao respecto véxase o artigo 132 da LXCA), aplicando o previsto no artigo 22, número 1, letra g), da Lei 39/2015, do 15 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».
En consecuencia, tal e como se xustifica no informe da Asesoría Xurídica do 19.2.2025, a suspensión cautelar da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Green Capital Power, S.L., acordada polo Auto do TSXG núm. 00173/2024, do 21 de xuño de 2024, non impide tramitar a solicitude de declaración de utilidade pública para o parque eólico Vacaloura presentada pola promotora, Parque Eólico Vacaloura, S.L.U, xunto coa correspondente relación concreta e individualizada dos bens e dereitos afectados, de acordo co exixido no artigo 44.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Cuarto. De acordo co artigo 55.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, a solicitude da declaración de utilidade pública en concreto deberá incluír unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación. No mesmo sentido, o artigo 44.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, exixe que a solicitude de declaración de utilidade pública en concreto inclúa unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos «sobre os cales non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que se considera necesaria a expropiación».
Quinto. De acordo co artigo 56.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e co artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a declaración de utilidade pública leva implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
Agora ben, o levantamento da medida cautelar de suspensión acordada polo Auto do TSXG núm. 00173/2024, do 20 de xuño de 2024 (ben mediante unha decisión expresa referida á dita medida cautelar de suspensión ou ben mediante unha sentenza firme que poña fin aos procedementos ordinarios que se seguen contra a Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Vacaloura, sito nos concellos de Monterroso e Portomarín (Lugo) e promovido por Green Capital Power, S.L.), resulta indispensable para poder continuar coa tramitación do procedemento expropiatorio con todas as garantías para os afectados, de xeito que non se lles ocasionen prexuízos innecesarios, tendo en conta que a situación de incerteza que pesa sobre as autorizacións administrativas previa e de construción pola pendencia do procedemento contencioso-administrativo PO-7295/2023 se ve agravada singularmente pola medida cautelar que impide á promotora executar o proxecto neste momento.
En consecuencia, atendendo a estas circunstancias e, singularmente, á suspensión cautelar acordada polo Auto do TSXG núm. 00173/2024, do 20 de xuño de 2024, procede suspender o prazo para resolver e para notificar a resolución deste procedemento expropiatorio, de acordo co artigo 22, número 1, letra g), da Lei 39/2015, do 15 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
En canto á duración desta suspensión, de acordo co artigo 22.1., letra g), da Lei 39/2015, en relación co artigo 132 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, non procede dirixir ningunha solicitude ao órgano xurisdicional, de acordo co artigo 132 en relación co artigo 130 da Lei 29/1998, iniciándose a presente suspensión desde o momento en que así se declare. Polo demais, a suspensión debe estenderse, atendendo a cal é o pronunciamento xurisdicional que resulta indispensable para a continuación do procedemento, ata que, de acordo co artigo 22.1, letra g), da Lei 39/2015 en relación co artigo 132 Lei 29/1998, esta Administración teña constancia da emisión do pronunciamento polo que se acorde o levantamento da medida cautelar de suspensión (suposto en que a actuación impugnada recuperará a súa executividade) ou ben, na súa falta, cando esta Administración teña constancia da emisión da sentenza firme pola que se resolva o procedemento PO-7295/2023.
Sexto. Indícase que non se presentaron alegacións durante a tramitación do expediente de declaración de utilidade pública.
Sétimo. No que respecta á compatibilidade do parque eólico cos montes afectados, e de acordo co establecido no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, coas CMVMC Narón, CMVMC Penas, CMVMC Novelúa, CMVMC Pol, CMVMC Vacaloura e Fido, CMVMC Salgueiros, CMVMC Rió, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal remitiulle á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, o 21.7.2025, o informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Lugo, do 18.7.2025, que se transcribe a continuación.
No informe do Departamento Territorial de Lugo indícase:
«...emito informe favorable sobre a compatibilidade da actuación proposta co aproveitamento forestal afectado, condicionado á elevación a escritura pública dos ditos acordos, dos actos de disposición, coas CMVMC afectadas, sen prexuízo doutros informes preceptivos e sempre que se xustifique o cumprimento establecido no Decreto 260/1992, do 4 de setembro, que regula a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, sobre expropiación forzosa ou a formalización do correspondente acto de disposición, e da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios de Galicia, sobre as distancias de protección previstas para manter as faixas exixidas».
De acordo co exposto, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte
ACORDO:
Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico Vacaloura (expediente IN408A 2017/028), segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro), en relación coas parcelas recollidas no anexo I desta resolución.
Segundo. Suspender, de acordo co artigo 22.1, letra g), da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o prazo para resolver e notificar a resolución do procedemento expropiatorio previsto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co artigo 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e o artigo 44.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Esta suspensión, de acordo co artigo 22 da Lei 39/2015, estenderase, atendendo a cal é o pronunciamento xurisdicional que resulta indispensable para a continuación do procedemento, ata que, de acordo co artigo 22.1, letra g), da Lei 39/2015 en relación co artigo 132 da Lei 29/1998, esta Administración teña constancia da emisión do pronunciamento polo que se acorde o levantamento da medida cautelar de suspensión acordada polo Auto do TSXG núm. 00173/2024, do 21 de xuño de 2024 (suposto en que a actuación impugnada recuperará a súa executividade) ou ben, na súa falta, cando esta Administración teña constancia da emisión da sentenza firme pola que se resolvan o procedemento PO-7100/2024.
Terceiro. Declarar a compatibilidade do parque eólico cos montes veciñais en man común afectados:
• CMVMC Narón.
• CMVMC Penas.
• CMVMC Novelúa.
• CMVMC Pol.
• CMVMC Vacaloura e Fido.
• CMVMC Salgueiros.
• CMVMC Rió.
Será necesario construír as faixas de biomasa descritas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ao redor das instalacións que almacenen ou transporten enerxía eléctrica de forma aérea e das edificacións e camiños que se constrúan.
A ocupación pola infraestrutura eólica supón a imposibilidade do aproveitamento forestal no pleno dominio ocupado polas instalacións e limita o uso nas servidumes nos elementos do parque eólico.
Cuarto. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación deste acordo, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
ANEXO I
Relación de bens e dereitos afectados parque eólico Vacaloura
|
Núm. predio |
Titulares |
Datos catastrais |
Lugar |
Uso |
Núm. aero |
Afeccións (m²) |
Ocupación |
|||||||||
|
Pleno dominio |
Serv. paso |
Servidume |
Servidume voo transporte |
|||||||||||||
|
Ref. catastral |
Pol. |
Par. |
Cim. |
Plat. |
Sub. |
T. Met. |
Vieiro |
Gabia |
||||||||
|
Concello de Monterroso |
||||||||||||||||
|
1 |
Monte veciñal en man común de Novelúa |
27032A04200117 |
42 |
117 |
Arriba da Serra |
Prados |
VC-01, VC-03 |
867 |
8.638 |
6.238 |
1.438 |
17.842 |
704 |
4.220 |
||
|
2 |
Monte veciñal en man común de Novelúa |
27032A04200144 |
42 |
144 |
Vacaloura |
Prados |
VC-03 |
1.524 |
1.471 |
3.252 |
3.230 |
1.181 |
||||
|
3 |
Monte veciñal en man común de Novelúa |
27032A04200167 |
42 |
167 |
Arriba da Serra |
Prados |
449 |
512 |
||||||||
|
4 |
Monte veciñal en man común Vacaloura de San Miguel de Penas |
27032A04200252 |
42 |
252 |
Carbán |
Prados |
657 |
545 |
271 |
|||||||
|
5 |
Monte veciñal en man común de Novelúa |
27032A06600021 |
66 |
21 |
Novelúa |
Prados |
363 |
366 |
214 |
|||||||
|
6 |
Monte veciñal en man común de Novelúa |
27032A06600024 |
66 |
24 |
Novelúa Penas |
Forestal |
155 |
273 |
130 |
|||||||
|
14 |
Monte veciñal en man común Vacaloura de San Miguel de Penas |
27032A04300098 |
43 |
98 |
San Miguel de Penas |
Prados |
33 |
2.842 |
355 |
|||||||
|
17 |
Monte veciñal en man común Vacaloura de San Miguel de Penas |
27032A04300081 |
43 |
81 |
San Miguel de Penas |
Matogueira |
VC-04 |
1.952 |
1.576 |
3.272 |
4.791 |
115 |
2.451 |
|||
|
18 |
Monte veciñal en man común Vacaloura de San Miguel de Penas |
27032A04300003 |
43 |
3 |
San Miguel de Penas |
Matogueira |
1.275 |
432 |
519 |
|||||||
|
19 |
Monte veciñal en man común Vacaloura de San Miguel de Penas |
27032A04300005 |
43 |
5 |
San Miguel de Penas |
Prados |
VC-02, VC-04 |
852 |
8.460 |
9.924 |
4.910 |
16.934 |
147 |
5.314 |
||
|
23 |
Monte veciñal en man común de Novelúa |
27032A06700027 |
67 |
27 |
San Miguel de Penas |
Matogueira |
248 |
415 |
||||||||
|
25 |
Monte veciñal en man común de Novelúa |
27032A06700032 |
67 |
32 |
Novelúa |
Forestal |
1.930 |
1.727 |
800 |
|||||||
|
26 |
Monte veciñal en man común de Novelúa |
27032A06700033 |
67 |
33 |
Novelúa |
Forestal |
749 |
2.150 |
241 |
|||||||
|
Concello de Portomarín |
||||||||||||||||
|
28 |
Monte veciñal en man común de Narón |
27049A05600050 |
56 |
50 |
Leira da Aira |
Prados |
3.568 |
5.092 |
6.181 |
278 |
4.487 |
|||||
|
30 |
Monte veciñal en man común de Narón |
27049A05600005 |
56 |
5 |
Serra de Narón |
Prados |
VC-05-VC-06 |
867 |
12.580 |
13.927 |
5.013 |
20.272 |
1.592 |
8.974 |
||
|
31 |
Monte veciñal en man común de Vacaloura e Fido |
27049A06100294 |
61 |
294 |
Castro |
Prados |
VC-07 |
3.968 |
1.821 |
1.350 |
428 |
|||||
|
33 |
Monte veciñal en man común de Vacaloura e Fido |
27049A06100293 |
61 |
293 |
Carrasqueiro |
Matogueira |
VC-07 |
43 |
735 |
186 |
3.354 |
44 |
249 |
|||
|
35,01 |
Monte veciñal parroquia de San Martín de Castro |
27049A06100302 |
61 |
302 |
Castro |
Prados |
552 |
39 |
1.151 |
|||||||
|
35,02 |
Monte veciñal parroquia de San Martín de Castro |
27049A06100302 |
61 |
302 |
Castro |
Prados |
289 |
894 |
390 |
760 |
||||||
|
35,03 |
Monte veciñal parroquia de San Martín de Castro |
27049A06100302 |
61 |
302 |
Castro |
Prados |
371 |
402 |
||||||||
|
35,04 |
Monte veciñal parroquia de San Martín de Castro |
27049A06100302 |
61 |
302 |
Castro |
Prados |
732 |
65 |
204 |
|||||||
|
36 |
Monte veciñal parroquia de San Martín de Castro |
27049A06100002 |
61 |
2 |
Castro |
Forestal |
135 |
135 |
||||||||
|
37 |
López López, Xosé Antón |
27049A06100035 |
61 |
35 |
Lamestros de Baixo |
Prados |
VC-07 |
434 |
1.678 |
78 |
15 |
2.349 |
209 |
|||
|
38 |
Núñez Mejuto, Claudio |
27049A06100034 |
61 |
34 |
Lamestros de Baixo |
Forestal |
VC-07 |
3.467 |
1.214 |
699 |
||||||
|
39 |
Pacín López, Serafín |
27049A06100033 |
61 |
33 |
Lamestros |
Prados |
VC-07 |
720 |
87 |
2.023 |
||||||
|
40 |
Sílva Soengas, José |
27049A06100014 |
61 |
14 |
Lamestros |
Matogueira |
775 |
|||||||||
|
41 |
Taboada López, José Ángel |
27049A06100030 |
61 |
30 |
Fonte Grande |
Matogueira |
80 |
|||||||||
|
42 |
Rodríguez Gay, Sara |
27049A06100022 |
61 |
22 |
Ferrado Fonte Grande |
Forestal |
33 |
|||||||||
Afeccións en metros cadrados (m2):
– Superficie de pleno dominio:
• Cimentación (Cim.): cimentación do aeroxerador.
Plataforma (Plat.): plataforma de montaxe do aeroxerador.
Subestación (Sub.): subestación eléctrica.
Torre meteorolóxica (T. met.): plataforma da torre meteorolóxica.
– Servidume de paso:
• Vieiro: dereito de paso polos vieiros en que circularán os transportes para a construción, vixilancia, conservación e reparación das instalacións do parque eólico.
• Gabia: servidume de paso da liña eléctrica soterrada.
– Servidume de voo das pas dos aeroxeradores (servidume voo aero).
– Servidume de voo de transporte (servidume voo transporte).
– Outras afeccións:
• Ocupación temporal (Ocup.temp.): ocupación de terreos durante o período de duración das obras. Serve temporalmente como aprovisionamento de materiais, montaxe de guindastres, provisión de pas e outros compoñentes dos aeroxeradores, etc.
