Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado, relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación, e, a través do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, esta consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.
Con base no exposto, correspóndelle a esta consellería a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas á mellora da empregabilidade e á redución do desemprego, mellorando as condicións do mercado de traballo, prestando especial atención aos colectivos con especiais dificultades de inserción, no marco da Estratexia europea de emprego, do Programa nacional de reformas, do Sistema nacional de garantía xuvenil, do respectivo Plan anual para o fomento do emprego digno (PAFED) e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.
As recomendacións da UE en materia de emprego diríxense a que os Estados membros deben descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local, co fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia da creación de postos de traballo a nivel local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo, e que no ámbito local é onde se encontran as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, vén desenvolvendo programas experienciais de emprego e formación regulados no artigo 30 e seguintes do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema nacional de emprego (BOE núm. 233, do 29 de setembro) que a Xunta de Galicia incluirá no eixe 2 do PAFED. Trátase dun programa autonómico, adaptado ao noso mercado laboral, flexible e sen limitacións específicas en canto á idade das persoas participantes, no cal tamén se promove a inserción laboral a través de incentivos á contratación das persoas participantes nos obradoiros duais de emprego. O programa cumpre cos principios de adecuación ás características do territorio, tendo en conta a realidade do mercado de traballo e as particularidades locais e temporais, e dálles protagonismo e concreción á dimensión local do emprego, de acordo cos artigos 7, 31 e 32 da Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, e co Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego.
Así mesmo, e coa finalidade de conseguir a máxima optimización dos fondos destinados ás políticas activas de emprego, establécese unha vinculación efectiva entre os programas experienciais de emprego e formación, concibidos como medidas de mellora da empregabilidade, e a consecución dun emprego con posterioridade ao seu desenvolvemento, procurando unha maior implicación e compromiso dos concellos na inserción laboral das persoas desempregadas que se contraten con cargo a estes programas.
Estes obradoiros duais de emprego concíbense como programas experienciais de formación e emprego que, promovidos por concellos, mancomunidades de concellos, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social. Ademais, promóvese a inserción laboral das persoas participantes nos obradoiros a través de contratos laborais durante un mínimo de tres (3) meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.
No Diario Oficial de Galicia núm. 228, do 25 de novembro de 2025, publicouse a Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR353A).
As solicitudes presentadas e admitidas a trámite ao abeiro desta convocatoria non esgotaron o crédito. Polo tanto, considérase de interese realizar unha nova convocatoria coa finalidade de garantir o máximo impacto posible das políticas activas de emprego. Contribúese, ademais, a incrementar a cobertura territorial das políticas activas de emprego e a reforzar a cohesión social e territorial.
Noutra orde de cousas, esta orde dá continuidade á senda iniciada na regulación en 2012, onde se establecía como requisito para poder acceder ás axudas para aqueles concellos pequenos que non cheguen a unha media de paro rexistrado no ano anterior superior aos niveis mínimos que se indican na orde que, necesariamente, deberán «asociarse ou coordinarse» con outros concellos limítrofes ou pertencentes á mesma comarca, sexan ou non limítrofes, para poderen acceder ás axudas para a posta en funcionamento dun obradoiro de emprego. Tendo en conta que esta orde establece como requisito para aqueles concellos pequenos a necesidade de asociarse ou mancomunarse para poderen optar á concesión das axudas, cabe entender como cumprida a finalidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.
Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.
Nesta segunda convocatoria para 2026, a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas paradas e a evolución do paro rexistrado no período 2021-2025, evolución da poboación no citado período, e terase en conta, ademais, o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.
O financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación 14.03.322A.460.2 (proxecto 2014 00543) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, polo importe de 4.933.325,16 euros na anualidade 2026, e para 2027 as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación e código de proxecto ou equivalentes polo importe de 2.466.662,66 euros. Os incentivos á contratación laboral serán financiados con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do exercicio 2027, a través da aplicación 14.03.322A.460.1 (proxecto 2014 00543) ou equivalente por un importe de 822.500,00 euros. As aplicacións mencionadas están financiadas por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
Do importe total máximo convocado para os obradoiros duais de emprego, destinaranse 3.300.000,00 euros para o financiamento de obradoiros duais de emprego dirixidos á formación en certificados profesionais da familia profesional agraria relacionados con algún dos seguintes ámbitos: aproveitamentos forestais, xestións de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, xestión de aproveitamentos forestais, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en gandaría e calquera outro ámbito dentro desa familia que poida estar relacionado, e tamén certificados profesionais da familia profesional de seguridade e ambiente relacionados coa vixilancia e extinción de incendios forestais ou coa construción, instalación e mantemento de infraestruturas de prevención e extinción dos ditos incendios. Nesta reserva incluiranse os programas que teñan como obxectivo a restauración, recuperación e posta en valor dos soutos de castiñeiros e os de xestión de masas consolidadas de frondosas autóctonas.
En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, e obtidos os informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do 27 de abril de 2026, o seu carácter plurianual, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Modificación da Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen
as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG núm. 228, do 25 de novembro)
Artigo 1. Modificación da Orde do 14 de novembro de 2025
Un. Modificación do número 2 do artigo 3.
O artigo 3.2 queda coa seguinte redacción:
«2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. Ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2025 superior a 300 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles na data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2025 deberá ser superior a 100 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos na cal ambos reúnan esa característica.
Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos da mesma provincia, ou dous, no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos».
Dous. Incorporación do número 6 do artigo 3.
O artigo 3.6 queda coa seguinte redacción:
«6. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que, ben como promotoras ou ben como asociadas, resultasen beneficiarias das axudas convocadas ao abeiro da convocatoria realizada pola Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR353A), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 228, do 25 de novembro».
Tres. Modificación do artigo 4.3.
O artigo 4.3 queda coa seguinte redacción:
«3. A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 1 de xullo de 2026. As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión. Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro do exercicio de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente».
Catro. Modificación do artigo 5.
O artigo 5 queda coa seguinte redacción:
«Artigo 5. Formación e etapa en alternancia nos obradoiros duais de emprego
1. Durante o desenvolvemento do proxecto incluído no obradoiro dual de emprego financiado ao abeiro desta convocatoria, o alumnado-traballador recibirá formación profesional para o emprego, segundo o plan formativo incluído na solicitude (anexo I), alternándoa coa práctica profesional. Preferentemente, a actividade laboral práctica deberá supoñer o 65 % da xornada laboral, sen prexuízo da normativa aplicable ás especialidades de formación impartidas.
2. A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados profesionais das correspondentes ocupacións, de acordo co establecido no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, e normativa concordante no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.
O plan formativo de cada proxecto debe conter, como mínimo, os contidos completos dun grao C, e ofrecer a posibilidade de que todo o alumnado-traballador poida obter, como mínimo, un certificado profesional, sempre que supere os contidos e cumpra cos requisitos exixidos pola normativa aplicable.
A actividade formativa poderá complementarse con contidos incluídos nun grao B, nun grao A ou nalgunha especialidade incluída no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal.
Nos supostos en que non exista certificado profesional do sistema de formación profesional ou especialidade do Catálogo de especialidades formativas relacionados co traballo efectivo que se vaia realizar, a formación poderá estar constituída polos contidos formativos que para o efecto sexan aprobados polo Servizo Público de Emprego de Galicia.
3. Desde o inicio da súa participación no proxecto, o alumnado-traballador será contratado pola entidade promotora na modalidade de contrato de formación en alternancia, polo que deberá reunir, para formalizar o dito contrato, os requisitos a que alude o artigo 11.2 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, modificado polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, e de conformidade co disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 1065/2025, do 26 de novembro, polo que se desenvolve o réxime do contrato formativo, previsto no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
4. Durante esta etapa, o alumnado-traballador percibirá as retribucións salariais que lle correspondan de conformidade co previsto na normativa aplicable e nesta orde.
5. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder a data de remate do proxecto».
Cinco. Modificación do artigo 6.
O artigo 6 queda coa seguinte redacción:
«Artigo 6. Formación complementaria
1. Nos proxectos financiados ao abeiro desta convocatoria impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática e sensibilización ambiental.
Para estes efectos, en materia de alfabetización informática, os proxectos deberán impartir algún dos seguintes módulos transversais: Alfabetización informática: internet (FCOI01), de 10 horas de duración, ou Alfabetización informática: informática e internet (FCOI02), de 25 horas de duración, segundo as necesidades e características do proxecto.
En materia de sensibilización ambiental, os proxectos deberán impartir obrigatoriamente o seguinte módulo transversal: Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero (FCOO03).
2. En cumprimento do disposto no artigo 124 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, tamén se impartirá un módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a vulnerabilidade que as mulleres teñen no ámbito laboral e a importancia das medidas dirixidas a combater os estereotipos de xénero e a segregación na educación e na formación, que teñen unha grande incidencia na empregabilidade das mulleres mozas.
Para estes efectos, todos os proxectos deberán impartir algún dos seguintes módulos transversais: Formación para a igualdade (FCOXXX22), de 10 horas de duración, ou Formación para a igualdade (FCOXXX24), de 8 horas de duración.
3. En todos os proxectos impartirase a formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación que se vai desempeñar e teranse en conta, se é o caso, os contidos recollidos no correspondente certificado profesional.
Para estes efectos, os proxectos deberán impartir o módulo transversal Básico de prevención de riscos laborais (FCOXXX26), de 60 horas de duración, ou a especialidade formativa denominada Básico de prevención de riscos laborais (FCOS02), de 30 horas de duración, segundo as necesidades e características do proxecto.
4. O contido dos ditos módulos incluirase dentro do plan formativo desenvolvido no formulario de solicitude (anexo I) desta orde, de acordo cos contidos e tempo de impartición que, se é o caso, estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, respectando o disposto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia».
Seis. Modificación do artigo 15.1.
Engádese o número 1.c), que queda coa seguinte redacción:
«c) Certificación expedida pola persoa titular da Intervención ou cargo equivalente da entidade promotora das achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración».
En consecuencia, as letras c), d), e), f) e g) pasan a denominarse d), e), f), g) e h), respectivamente.
Sete. Modificación do artigo 15.2.d).
O artigo 15.2.d) queda coa seguinte redacción:
«d) Unha única memoria do proxecto para o cal se solicita a subvención segundo o modelo que se xunta como anexo III, e que constará, como regra xeral, dun máximo de 15 páxinas. Esta memoria, que será única mesmo no caso de que a solicitude sexa presentada por varios concellos asociados, recollerá os seguintes aspectos:
• Data prevista de comezo da actividade do proxecto.
• Información básica sobre o tecido empresarial da contorna e compromisos de inserción laboral asumidos no proxecto.
• Descrición das obras ou servizos que se van realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior e a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.
• Xustificación da relación entre as obras e servizos que se van realizar e o plan formativo definido no anexo I de solicitude.
• Importe do proxecto, no cal se detallan as achegas que diminúen o importe da subvención e outras achegas que cubran os gastos non subvencionables e que aumentan o importe total do proxecto.
• De ser o caso, compromisos de solicitude de incentivos á contratación por parte de empresas para ocupacións do ámbito da formación do obradoiro dual de emprego, seguindo o modelo de anexo IV».
Oito. Modificación do artigo 34.7.
O 34.7 queda coa seguinte redacción:
«7. A xustificación final de gastos presentarase dentro dos dous meses seguintes ao remate do obradoiro, cuxo prazo non poderá exceder a data límite do 31 de maio de 2027. No referente á xustificación dos incentivos á contratación, o prazo de xustificación non poderá exceder a data límite do 30 de outubro de 2027».
CAPÍTULO II
Segunda convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026
Artigo 2. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto realizar a segunda convocatoria para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR353A), concibidos como programas de formación, práctica profesional e para incentivos á contratación en empresas, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade.
2. As bases reguladoras desta convocatoria están recollidas na Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (Diario Oficial de Galicia núm. 228 do 25 de novembro) (código de procedemento TR353A).
Artigo 3. Procedemento de concesión das subvencións
A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva.
Artigo 4. Financiamento
1. Destínase a esta segunda convocatoria un crédito por importe total de 8.222.487,82 euros, distribuído en dúas anualidades, que se imputará con cargo ás aplicacións orzamentarias que a seguir se relacionan, ou a aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2014 00543. Esta aplicación está financiada con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
|
Aplicación orzamentaria |
Anualidade 2026 (€) |
Anualidade 2027 (€) |
Importe total (€) |
|
14.03.322A.460.2 |
4.933.325,16 |
2.466.662,66 |
7.399.987,82 |
|
14.03.322A.460.1 |
822.500,00 |
822.500,00 |
|
|
Total |
4.933.325,16 |
3.289.162,66 |
8.222.487,82 |
Este importe poderá ser incrementado ou aminorado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que se poidan establecer na Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
2. Distribuirase, en primeiro lugar, o crédito destinado á formación e práctica profesional, por orde de puntuación de acordo coa aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 21 da Orde do 14 de novembro de 2025. A continuación, distribuirase entre as entidades locais beneficiarias da fase anterior o crédito destinado aos incentivos á contratación, por orde de puntuación, ata o seu esgotamento. A suma dos importes distribuídos para cada entidade constituirá un programa único de formación, práctica profesional e, se é o caso, incentivos á contratación en empresas.
3. Do importe total máximo convocado para os obradoiros duais de emprego destinaranse 3.300.000,00 euros para o financiamento de obradoiros duais de emprego dirixidos á formación en certificados profesionais da familia profesional agraria relacionados con algún dos seguintes ámbitos: aproveitamentos forestais, xestións de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, xestión de aproveitamentos forestais, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en gandaría e calquera outro ámbito dentro desa familia que poida estar relacionado, e tamén certificados profesionais da familia profesional de seguridade e ambiente relacionados coa vixilancia e extinción de incendios forestais ou coa construción, instalación e mantemento de infraestruturas de prevención e extinción dos ditos incendios. Nesta reserva incluiranse os programas que teñan como obxectivo a restauración, recuperación e posta en valor dos soutos de castiñeiros e os de xestión de masas consolidadas de frondosas autóctonas.
4. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será, con carácter xeral, directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2021-2025, e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período, e terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.
Artigo 5. Solicitudes e prazo de presentación da segunda convocatoria
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das bases reguladoras.
4. Forma parte da solicitude (anexo I) a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:
• Que a entidade promotora solicitou ou non e/ou se lle concederon ou non outras axudas para este mesmo proxecto ou conceptos para os cales se solicita esta subvención. En caso afirmativo, débense relacionar as axudas concedidas.
Así mesmo, comprométese a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
• Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos achegados xunto a ela son certos.
• Que a entidade solicitante cumpre os requisitos establecidos para obter a condición de beneficiario segundo o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; especificamente, estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente ningún pagamento ou outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
• Que acepta as actuacións de comprobación previstas nesta orde.
• Que a entidade solicitante dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa necesarias para cumprir as condicións da axuda.
• Que asume a parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, especificando o correspondente importe neste anexo e no punto 4.2 do anexo III.
• Que a entidade local solicitante cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais do último exercicio a que está obrigada ao Consello de Contas con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitude.
• Que non participa noutros programas desta orde de convocatoria como entidade promotora nin como concello asociado.
• Que asume a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados de xeito electrónico accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Documentación complementaria
1. De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo I) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:
a) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos concellos asociados. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicado no correspondente diario oficial, ou mediante certificación expedida para o efecto.
b) Os concellos, as mancomunidades ou calquera outro tipo de asociacións dos concellos galegos, así como o resto de entidades a que alude o artigo 3 da Orde do 14 de novembro de 2025, deberán presentar certificación expedida pola persoa titular da Secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora, na cal se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, adoptado polo órgano competente, e, no caso das agrupacións de concellos, as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e o convenio de colaboración asinado entre eles para estes efectos.
O convenio de colaboración deberá reunir o contido recollido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e incluír a mención expresa á realización conxunta do proxecto, con indicación das achegas económicas e doutra índole dos concellos agrupados, así como o nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación, a repartición do alumnado-traballador entre as distintas entidades e as actuacións que se realizarán en cada concello. Cada un dos concellos asociados deberán contar, polo menos, cunha persoa alumna-traballadora.
c) Certificación expedida pola persoa titular da Intervención ou cargo equivalente da entidade promotora, das achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras. cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
d) No caso dunha asociación de concellos, cada unha das persoas representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración na cal se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se xunta como anexo II.
e) Declaración asinada polas persoas representantes de cada unha das entidades asociadas, no caso dunha asociación de concellos, de que se dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa necesarias para cumprir as condicións da axuda, que se recolle no anexo VI.
f) Declaración responsable, que se recolle no anexo VI, pola cal cada un dos concellos asociados, de ser o caso, asume a parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, especificando o importe que asume no número 4.2 do anexo III.
g) Declaración responsable individual de cada un dos concellos asociados implicados, no caso de agrupación de concellos, na cal conste que con cargo á orde de convocatoria vixente só participa nun proxecto concreto, sexa como entidade asociada ou como promotora (anexo VI).
h) No caso dunha agrupación de concellos, cada unha das entidades asociadas presentará unha declaración responsable na cal faga constar que cumpre con todos os requisitos para ser beneficiaria desta axuda, así como as circunstancias indicadas nas letras e), f) e g) deste punto (anexo VI).
2. De carácter específico. Ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras de obradoiros duais de emprego deberán achegar a seguinte documentación:
a) Certificado expedido pola persoa titular da Secretaría ou cargo equivalente da entidade promotora, que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos contados desde o ano de inicio do programa, excepto no caso de montes veciñais en man común onde se vaian desenvolver obradoiros duais forestais, no cal abondará co permiso outorgado polo órgano competente das comunidades propietarias de veciños e veciñas para realizar as correspondentes actividades. Tampouco será necesario o documento de cesión por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos no caso de obradoiros duais forestais nos cales non se vaian realizar obras ou servizos que impliquen un aumento significativo de valor para a propiedade, no cal abondaría cunha simple autorización ou permiso para a realización das actividades cando estas teñan vinculación ou afecten especificamente un predio ou predios determinados.
b) Certificado expedido pola persoa titular da Secretaría ou cargo equivalente da entidade promotora, que conteña a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto ou, se é o caso, que faga constar que non son necesarias.
c) Autorizacións administrativas relacionadas no certificado descrito no punto anterior. A falta dalgunha autorización non impide que o expediente sexa valorado e aprobado sempre que se acredite que se presentou a solicitude ante o organismo competente antes da fin do prazo de presentación da solicitude de subvención. Neste caso, a adxudicación da subvención quedará condicionada á efectiva obtención das ditas autorizacións, con carácter xeral, antes do inicio do obradoiro, e sempre antes do inicio das actuacións, con obriga do envío aos departamentos territoriais correspondentes da dita documentación.
d) Unha única memoria do proxecto para o cal se solicita a subvención, segundo o modelo que se xunta como anexo III, e que constará, como regra xeral, dun máximo de 15 páxinas. Esta memoria, que será única mesmo no caso de que a solicitude sexa presentada por varios concellos asociados, recollerá os seguintes aspectos:
• Data prevista de comezo da actividade do proxecto.
• Información básica sobre o tecido empresarial da contorna e compromisos de inserción laboral asumidos no proxecto.
• Descrición das obras ou servizos que se van realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior e a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.
• Xustificación da relación entre as obras e servizos que se van realizar e o plan formativo definido no anexo I de solicitude.
• Importe do proxecto, no cal se detallan as achegas que diminúen o importe da subvención e outras achegas que cubran os gastos non subvencionables e que aumentan o importe total do proxecto.
• De ser o caso, compromisos de solicitude de incentivos á contratación por parte de empresas para ocupacións do ámbito da formación do obradoiro dual de emprego, seguindo o modelo do anexo IV.
e) De ser o caso, resolución da consellería competente en materia de economía pola que se declare a condición de concello emprendedor tanto do concello promotor como dos concellos que formen parte da agrupación, ou documentación acreditativa equivalente. Para obter puntos por esta condición, regulada no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, deberá estar adquirida con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.
f) De ser o caso, declaración responsable da entidade solicitante ou dalgunha das entidades asociadas ao respecto de ter sido afectada por incendios forestais no ano 2025, para efectos do indicado no artigo 21.1.e).ii da Orde do 14 de novembro de 2025.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achege.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Instrución e emenda
1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Formación e Cualificación para o Emprego do departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración competente por razón do territorio.
2. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos exixidos pola lexislación específica aplicable, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se, así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, lodo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de conformidade co establecido no artigo 68 da mesma lei.
Artigo 9. Criterios de valoración dos proxectos
1. Na valoración dos proxectos de obradoiros duais de emprego teranse en consideración os seguintes criterios:
Criterios relacionados coa calidade do proxecto e adecuación do plan formativo ás necesidades do mercado de traballo:
a) Obras ou servizos de interese xeral e social asociados ao proxecto, ata 4 puntos:
– En función da súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional do alumnado-traballador: ata 2 puntos, corresponderán 2 puntos a un axuste idóneo entre as obras e servizos e a formación que se vai impartir e 1 punto para situacións intermedias.
– En función dos beneficios sociais que se prevexa xerar: ata 2 puntos, correspondendo 2 puntos se o beneficio social é alto e 1 punto para situacións intermedias.
b) Accións formativas dirixidas á obtención de certificados profesionais, ata 6 puntos, de acordo cos seguintes criterios:
• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados profesionais nivel 1: 2 puntos.
• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados profesionais nivel 2: 4 puntos.
• Impartición de todos os módulos conducentes á obtención de certificados profesionais nivel 3: 6 puntos.
No caso de que sexa un proxecto no cal se impartan certificados profesionais de distinto nivel, a puntuación non é acumulable e só se outorgará puntuación polo de nivel máis alto.
c) No caso de que a entidade promotora obtivese en convocatorias anteriores a concesión de incentivos de inserción laboral, valorarase cun máximo de 8 puntos o número de contratacións laborais finalmente acreditadas en relación co número de compromisos achegados. Para estes efectos, sumaranse as contratacións xustificadas nas últimas cinco (5) convocatorias finalizadas, tanto polo concello promotor como, se for o caso, polos concellos asociados que desenvolvesen obradoiros en calidade de promotores nas ditas cinco (5) convocatorias, e calcularase o seu peso porcentual respecto do número total de incentivos que lles fosen concedidos. Os puntos deste criterio distribuiranse de acordo coa seguinte escala:
• O número de contratos acreditados correspóndese cunha porcentaxe superior ao 80 % dos compromisos achegados coa solicitude: 8 puntos.
• O número de contratos acreditados correspóndese cunha porcentaxe superior ao 65 % e ata o 80 % dos compromisos achegados coa solicitude: 7 puntos.
• O número de contratos acreditados correspóndese cunha porcentaxe superior ao 50 % e ata o 65 % dos compromisos achegados coa solicitude: 6 puntos.
• O número de contratos acreditados correspóndese cunha porcentaxe superior ao 35 % ata o 50 % dos compromisos achegados coa solicitude: 4 puntos.
• O número de contratos acreditados correspóndese cunha porcentaxe igual ou superior ao 20 % ata o 35 % dos compromisos achegados coa solicitude: 2 puntos.
• O número de contratos acreditados correspóndese cunha porcentaxe superior ao 10 % ata o 20 % dos compromisos achegados coa solicitude: 1 punto.
• O número de contratos acreditados correspóndese cunha porcentaxe igual ou inferior ao 10 % dos compromisos achegados coa solicitude: 0 puntos.
d) Formación relacionada coa familia agraria relacionada con algún dos seguintes ámbitos: aproveitamentos forestais, xestións de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, xestión de aproveitamentos forestais, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en ganadería e calquera outro ámbito dentro desa familia que poida estar relacionado, e tamén certificados profesionais da familia de seguridade e ambiente relacionados coa vixilancia e extinción de incendios forestais ou coa construción, instalación e mantemento de infraestruturas de prevención e extinción dos ditos incendios, 20 puntos. O total dos puntos dividirase entre o número de especialidades impartidas. Os puntos que corresponden a cada especialidade outorgaranse cando o seu obxecto principal estea comprendido nos ámbito mencionados nesta epígrafe. Se esta dedicación só afecta parte da formación da especialidade, distribuiranse en función das horas que correspondan ás ditas materias.
e) Realización de obras ou servizos de interese xeral vinculados ao ámbito da prevención de lumes e restauración dos territorios afectados por incendios forestais do ano 2025, ata 8 puntos, segundo a seguinte desagregación:
i) Concellos afectados por grandes incendios forestais no ano 2025: 8 puntos. Estes concellos son os seguintes: A Caniza, Agolada, A Gudiña, A Mezquita, A Rúa, A Teixeira, A Veiga, As Neves, Arbo, Avión, Baltar, Beade, Camariñas, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, O Castro de Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Dozón, Folgoso do Courel, Larouco, Laza, Leiro, Manzaneda, Melón, Montederramo, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Oímbra, Os Blancos, Pantón, Parada de Sil, Petín, Ponteceso, Quiroga, Ribas de Sil, O Riós, Ribadavia, Rubiá, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, San Xoán de Río, Sober, Trasmiras, Toques, Verín, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia. Esta relación poderá ser obxecto de actualización na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
ii) Resto de concellos en que se producisen incendios forestais: 4 puntos. Para estes efectos, deberá achegarse declaración responsable da entidade solicitante na cal se indiquen as datas en que se produciron os ditos incendios.
A puntuación das dúas epígrafes anteriores non é acumulable.
No caso de tratarse dunha solicitude de concellos asociados, recibirá a puntuación da epígrafe i) ou ii) sempre que, polo menos, un dos concellos estea nesa situación.
f) Entidades solicitantes que non promovesen proxectos de obradoiros de emprego durante os catro anos inmediatamente anteriores, 2 puntos.
g) Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, que deberán estar certificadas pola persoa titular da Intervención ou cargo equivalente da entidade promotora, cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ata 2 puntos. Para ese efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso, de acordo coa seguinte escala:
• Proxectos nos cales a achega económica das promotoras estea comprendida entre 5.000 e 20.000 euros: 1 punto.
• Proxectos nos cales a achega económica das promotoras sexa superior a 20.000 euros: 2 puntos.
Criterios relacionados coas características das entidades solicitantes:
h) Proxectos promovidos por un concello resultante da fusión de dous ou máis nos dez (10) anos anteriores á data de publicación da orde: 30 puntos.
i) Proxectos promovidos por dous ou máis concellos agrupados: 10 puntos. A puntuación deste criterio é incompatible coa indicada no punto anterior.
j) Para concellos que concorran agrupados, valórase cun máximo de 10 puntos a media do paro rexistrado no ano natural inmediatamente anterior ao da convocatoria no conxunto do ámbito territorial dos concellos agrupados, de acordo coa seguinte escala:
• Media de paro entre 301 e 1.000 persoas: 2,5 puntos.
• Media de paro entre 1.001 e 2.000 persoas: 5 puntos.
• Media de paro entre 2.001 e 4.000 persoas: 7,5 puntos.
• Media de paro de mais de 4.000 persoas: 10 puntos.
A puntuación deste criterio é incompatible coa indicada na letra h).
k) Concellos que teñan a condición de «Concello emprendedor», acreditado segundo o disposto no artigo 15.2.f) (20 puntos). No caso de que a solicitude estea presentada conxuntamente por agrupación de concellos baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade...), outorgarase a puntuación en función da porcentaxe de concellos que reúnan tal condición.
2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas, terán preferencia aquelas solicitudes nas cales se utilice a lingua galega na elaboración dos proxectos. No caso de que se manteña o empate, concederase a axuda atendendo á orde de presentación da solicitude.
3. O número máximo de alumnado para a formación e prácticas profesionais dos obradoiros duais de emprego que se financien con cargo a esta orde de convocatoria será de 20 e non se concederá a axuda para proxectos de menos de 10. Así mesmo, o número máximo de incentivos á contratación laboral por obradoiro dual de emprego que se vaia financiar con cargo á Orde do 14 de novembro de 2025 estará limitado polo número máximo de alumnado-traballador participante no obradoiro.
Artigo 10. Resolución
1. Dentro dos catro meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes, cumpridos os trámites previstos no artigo 20 da Orde do 14 de novembro de 2025, emitida a proposta de resolución polo órgano instrutor e fiscalizada esta pola respectiva Intervención, a persoa responsable do departamento territorial, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ditará e notificaralle á entidade solicitante a resolución que proceda.
2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:
a) Finalidade e obxectivos básicos do proxecto, número e características das persoas beneficiarias, especialidades que se impartirán e, se for o caso, número de incentivos á contratación laboral.
b) Subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o financiamento dos custos sinalados no artigo 27 da Orde do 14 de novembro de 2025, facendo constar que o seu importe ten o carácter de estimado.
c) Duración do proxecto e datas previstas para o seu comezo.
d) Calquera outra especificación que se considere oportuna en cada caso concreto.
3. Transcorrido o prazo de catro meses sen que se notificase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Sen prexuízo do previsto no artigo 38 da Orde do 14 de novembro de 2025, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
5. En calquera caso, cando o ritmo de execución non se adecúe á distribución aprobada por anualidades da contía da subvención, poderá modificarse a resolución de concesión, de conformidade co disposto nos artigos 26 e 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.
De forma potestativa, con anterioridade á interposición do dito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, poderá interpoñerse recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, se o dito acto for expreso; se non o for, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo o anterior sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outras posibles persoas interesadas.
7. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través do Portal de emprego de Galicia (emprego.xunta.gal).
8. A medida que se vaia xerando dispoñibilidade de crédito como consecuencia de posibles minoracións, renuncias ou modificacións nas subvencións concedidas, o órgano instrutor poderá realizar novas propostas de concesión de proxectos continuando coa orde de prelación fixada pola Comisión Central de Valoración ata esgotar o novo crédito.
Artigo 11. Modificacións do proxecto
1. Calquera modificación que implique un cambio dos obxectivos e actuacións básicas do proxecto que sexan considerados como substanciais tramitarase por medio dunha solicitude realizada por medios electrónicos xunto cunha memoria segundo o previsto no artigo 15.2.d) da Orde do 14 de novembro de 2025. Para estes efectos, terán a consideración de substanciais aquelas modificacións que supoñan un cambio no obxecto de actuación que afecte máis do 50 % da programación dos traballos programados nos correspondentes itinerarios formativos ou que impliquen a necesidade de cambiar as especialidades formativas.
2. De teren as modificacións o dito carácter de substanciais, os departamentos territoriais remitiranlle as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para que esta informe sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa resolución correspóndelles ás persoas responsables dos departamentos territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o exixan.
3. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do informe da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para seren resoltas polo departamento territorial. Da resolución que se dite enviarase copia á dita dirección xeral para a súa constancia.
4. A execución das actuacións ou cambios de especialidades formativas obxecto da solicitude de modificación dun proxecto non se poderán iniciar antes da resolución deste procedemento.
Artigo 12. Forma de xustificación
1. A xustificación realizarase de conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A entidade promotora remitiralle ao correspondente departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración os xustificantes dos gastos e dos pagamentos efectuados. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, e non se poderán efectuar compensacións entre os distintos conceptos. Así mesmo, achegarase relación dos pagamentos realizados, con identificación das persoas perceptoras, detalle das cantidades aboadas e data do seu pagamento.
2. A xustificación por horas realizadas nos obradoiros duais de emprego deberá efectuarse mediante unha relación do alumnado-traballador participante con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo e partes de baixa na Seguridade Social. Para a xustificación dos custos salariais do alumnado participante, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración do período que se xustifica, será necesario achegar a documentación indicada no parágrafo anterior, xunto coas nóminas, seguros sociais e xustificantes do seu pagamento.
3. Para a xustificación dos custos salariais e de seguridade social, tanto do alumnado-traballador como do persoal formador, directivo e de apoio, as entidades beneficiarias presentarán os documentos xustificativos individualizados dos gastos efectuados, xunto cos documentos bancarios correspondentes (extracto ou cargo bancario), así como unha certificación expedida pola persoa titular da Secretaría ou cargo equivalente, na cal se relacionen todos os xustificantes, individualizados, dos gastos realizados, así como a data do seu pagamento.
Malia o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.
4. A xustificación dos gastos comprendidos no módulo B realizarase mediante a presentación, por parte das entidades promotoras, dunha certificación expedida pola intervención ou polo órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade, na cal conste expresamente que os gastos imputados ao programa foron realizados e pagados dentro do período de xustificación. A certificación incluirá unha relación de gastos totalizada e co seguinte detalle: nome e NIF do acredor/a; número e, de ser o caso, serie da factura; concepto; importe; data de emisión da factura e data de pagamento.
5. Respecto da xustificación dos incentivos á contratación, as entidades promotoras deberán presentar as resolucións de concesión das axudas e as copias dos contratos de traballo acreditativos das contratacións realizadas, que deberán reunir as condicións establecidas na Orde do 14 de novembro de 2025 en canto a ocupación, duración mínima de tres (3) meses e xornada completa. No que atinxe á xustificación da elaboración dunha diagnose xustificativa ao respecto das especialidades formativas que se van impartir no obradoiro, vinculadas ás necesidades de cobertura de postos de traballo que por parte do tecido produtivo do ámbito territorial do obradoiro xustifiquen esa necesidade, achegarse copia da dita diagnose co contido mínimo indicado no artigo 32 da Orde do 14 de novembro de 2025.
6. A documentación deberá xuntarse á solicitude de transferencia de fondos, segundo o modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
7. A xustificación final de gastos presentarase dentro dos dous meses seguintes ao remate do obradoiro, cuxo prazo non poderá exceder a data límite do 31 de maio de 2027. No referente á xustificación dos incentivos á contratación, o prazo de xustificación non poderá exceder a data límite do 30 de outubro de 2027.
Artigo 13. Réxime das notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no anexo I, e achegar os ditos documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 15. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Disposición adicional única. Ámbito da modificación
Esta modificación das bases reguladoras establecidas pola Orde do 14 de novembro de 2025 só será de aplicación á segunda convocatoria prevista nesta orde.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
