DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 26 de maio de 2026 Páx. 30428

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 12 de maio de 2026 pola que se modifica parcialmente a Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se efectúa a súa segunda convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR353A).

BDNS (Identif.): 907705.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/907705

Primeiro. Obxecto e finalidade

O obxecto desta orde é a modificación parcial da Orde 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG núm. 228, do 25 de novembro) (código de procedemento TR353A), concibidos como programas de formación, práctica profesional e para incentivos á contratación en empresas, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, e, así mesmo, proceder á segunda convocatoria de subvencións para o ano 2026.

Os obradoiros duais de emprego configúranse como programas experienciais de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que lle posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

A programación dos obradoiros duais de emprego integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

As entidades promotoras, no caso de solicitaren incentivos á contratación, deberán publicar unha convocatoria de axudas que promovan a inserción laboral por conta allea das persoas participantes que rematen o obradoiro con resultado de superado, durante un mínimo de tres (3) meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia. Poñerase á disposición na sede electrónica un anexo V como modelo orientativo de convocatoria.

Segundo. Entidades beneficiarias

Os proxectos de obradoiros duais de emprego poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello.

Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior, aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2025 superior a 300 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles na data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2025 deberá ser superior a 100 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos na cal ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous, no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que, ben como promotoras ou ben como asociadas, resultasen beneficiarias das axudas convocadas ao abeiro da convocatoria realizada pola Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR353A), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 228, do 25 de novembro.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG núm. 228, do 25 de novembro) (código de procedemento TR353A), modificada parcialmente pola Orde do 12 de maio de 2026. As solicitudes presentadas e admitidas a trámite ao abeiro desta convocatoria non esgotaron o crédito, polo que, co obxecto de garantir o máximo impacto posible das políticas activas de emprego, se considera de interese realizar unha segunda convocatoria.

Cuarto. Financiamento da segunda convocatoria

Destínase a esta segunda convocatoria un crédito por importe total de 8.222.487,82 euros, distribuído en dúas anualidades, que se imputará con cargo ás aplicacións orzamentarias que a seguir se relacionan, ou a aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2014 00543. Esta aplicación está financiada con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2026 (€)

Anualidade 2027 (€)

Importe total (€)

14.03.322.A.460.2

4.933.325,16

2.466.662,66

7.399.987,82

14.03.322.A.460.1

822.500,00

822.500,00

Total

4.933.325,16

3.289.162,66

8.222.487,82

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración